CAPÍTULO 26
“Ningún de vós vai morrer”
Durante un naufraxio, Paulo demostra moita fe e tamén amor polas persoas.
Baseado en Feitos 27:1–28:10
1, 2. Que tipo de viaxe lle espera a Paulo, e que cousas poderían preocuparlle?
PAULO non para de darlle voltas ás palabras de Festo: “A César irás”. Xa leva dous anos metido no cárcere e, aínda que lle espera unha longa viaxe ata Roma, polo menos poderá cambiar de aires (Feit. 25:12). Aínda así, as viaxes de Paulo en barco non sempre se caracterizaron pola brisa fresca e as boas vistas. Ademais, é posible que tamén lle preocupe ter que comparecer ante César.
2 Paulo estivo moitas veces en “perigos no mar”. Sobreviviu a tres naufraxios e incluso tivo que pasar unha noite e un día en mar aberto (2 Cor. 11:25, 26). Pero esta viaxe será moi diferente ás que facía cando era un home libre. Nesta ocasión viaxa como prisioneiro e a distancia que terá que percorrer entre Cesarea e Roma é enorme: uns tres mil quilómetros. Poderá sobrevivir a unha viaxe coma esa? E se é así, terá que morrer en Roma? Recorda que será xulgado pola máxima autoridade do mundo de Satanás daquel tempo.
3. Que estaba decidido Paulo a facer, e que veremos neste capítulo?
3 Despois de todo o que sabes sobre Paulo, cres que perdeu a esperanza pensando en todo o que lle podería pasar? Para nada! Sabía que se enfrontaría a dificultades, pero non sabía que tipo de dificultades serían. Serviríalle de algo preocuparse por cousas que non podía controlar? Se facía isto podería perder a alegría no ministerio (Mat. 6:27, 34). Paulo sabía que a vontade de Xehová para el era que aproveitase toda ocasión para predicar as boas noticias do Reino, incluso a gobernantes (Feit. 9:15). Por iso estaba decidido a cumprir coa súa comisión pasase o que pasase. Temos nós a mesma determinación? Sigamos a Paulo nesta viaxe a Roma e vexamos como podemos beneficiarnos do seu exemplo.
“Tiñamos [o vento] en contra” (Feitos 27:1-7a)
4. En que tipo de barco empezou Paulo a súa viaxe, e que dous amigos viaxaban con el?
4 Paulo e outros prisioneiros están baixo custodia dun oficial romano chamado Xulio que decide viaxar nun barco mercante que para en Cesarea. O barco vén de Adramitio, un porto na costa oeste de Asia Menor situado fronte a cidade de Mitilene, na illa de Lesbos. Este barco ten planeado ir cara ó norte e despois cara ó oeste facendo paradas para cargar e descargar mercancías. Estas embarcacións non estaban deseñadas para a comodidade dos pasaxeiros, e menos aínda para os presos (mira o recadro “As viaxes por mar e as rutas comerciais”). Afortunadamente Paulo non é o único cristián que viaxa no barco. Acompáñano polo menos dous dos seus amigos: Aristarco e Lucas. De feito, foi Lucas quen escribiu o relato. O que non sabemos é se estes dous compañeiros leais teñen que pagar a súa propia pasaxe ou se viaxan gratis como servos de Paulo (Feit. 27:1, 2).
5. A quen puido visitar Paulo en Sidón, e que podemos aprender nós disto?
5 Despois de pasar un día no mar e viaxar uns cento dez quilómetros cara ó norte, o barco fai escala en Sidón, na costa de Siria. Parece que Xulio non trata a Paulo coma un delincuente, posiblemente porque é cidadán romano e tampouco se demostrou a súa culpabilidade (Feit. 22:27, 28; 26:31, 32). Cando desembarcan, Xulio permítelle a Paulo visitar os seus queridos irmáns. Canto deberon desfrutar de coidar do apóstolo despois de que pasase tanto tempo no cárcere! Ocórreseche a ti algunha ocasión na que poidas demostrar a mesma hospitalidade? Se o fas, tamén te sentirás moi animado (Feit. 27:3).
6-8. A onde se dirixiu o barco no que ía Paulo despois de saír de Sidón, e que oportunidades de predicar é posible que tivese o apóstolo?
6 O barco sae de Sidón, segue subindo pola costa e pasa por Cilicia, cerca de Tarso, a cidade natal de Paulo. Lucas non menciona outras paradas pero si que mostra que estaban en perigo cando di que tiñan o vento en contra (Feit. 27:4, 5). Con todo, podemos imaxinar a Paulo aproveitando cada oportunidade para predicar as boas noticias. Seguramente lles dá testemuño ós outros prisioneiros e ó resto das persoas que van no barco —o que inclúe a tripulación e os soldados— ademais das persoas que están nos portos onde o barco atraca. Facemos nós igual que Paulo e aproveitamos toda oportunidade para predicar?
7 Co tempo o barco chega a Mira, un porto na costa sur de Asia Menor. Aquí Paulo e os demais collen outro barco que os vai levar a Roma, o seu destino final (Feit. 27:6). Nesta época Exipto era o principal provedor de cereais de Roma, e moitos barcos cargados de trigo atracaban en Mira. Xulio localiza un destes barcos e mándalles ós soldados e ós prisioneiros que embarquen nel. É moi probable que este barco sexa moito máis grande que o primeiro. Leva unha carga considerable de trigo ademais de 276 persoas, o que inclúe a tripulación, os soldados, os prisioneiros e outras persoas que queren ir a Roma. Con este cambio de barco o territorio de Paulo aumenta considerablemente, e seguro que aproveita esta oportunidade para predicarlles a tódalas persoas que pode.
8 A seguinte escala da viaxe é Cnido, no suroeste de Asia Menor. Tendo o vento a favor, o barco podería percorrer esta distancia en aproximadamente un día. Pero Lucas di: “Despois de navegar amodiño durante bastantes días, chegamos a Cnido con moito traballo” (Feit. 27:7a). Todo parece indicar que o vento lles dificulta a navegación (mira o recadro “Os imprevisibles ventos do Mediterráneo”). Imaxina o incómoda que debe ir a xente nun barco que loita contra as embravecidas augas do mar.
“A tormenta batía con moita forza” (Feitos 27:7b-26)
9, 10. Que dificultades tiveron cando se achegaron a Creta?
9 O capitán tiña pensado navegar cara ó oeste despois de saír de Cnido, pero Lucas —que ía no barco— escribiu que o vento non lles deixaba avanzar (Feit. 27:7b). Mentres están cerca da costa a corrente axúdalles. Pero ó irse afastando, un vento desfavorable do noroeste empúxaos cara ó sur, probablemente a gran velocidade. Cando están cerca da illa de Creta, esta sérvelles de protección contra os fortes ventos, igual que lles pasou anteriormente coa illa de Chipre. Ó pasar o cabo Salmone, no extremo leste, rodean a illa polo sur. Neste traxecto as cousas melloran un pouco e os pasaxeiros séntense aliviados, pois a illa protéxeos do vento. Pero esta tranquilidade non lles dura moito. Acércase o inverno, e a tripulación sabe o perigoso que é navegar durante esta estación. Así que seguro que están moi preocupados.
10 Lucas segue explicando: “Bordeamos a costa [de Creta] con dificultade e chegamos a un lugar chamado Bos Portos”. Incluso estando ó abrigo da costa é difícil controlar o barco. Por fin atopan refuxio nunha pequena baía que, ó parecer, está situada onde a costa vira cara ó norte. Canto tempo pasan alí? Lucas di que bastante. Pero iso non os beneficia, pois nos meses de setembro e outubro é aínda máis perigoso viaxar (Feit. 27:8, 9).
11. Que consello lles deu Paulo ós demais viaxeiros, e que decisión tomaron?
11 Como Paulo ten moita experiencia viaxando polo Mediterráneo, é posible que algúns viaxeiros lle pregunten a súa opinión. El pensa que o barco non debería seguir navegando. Se o fixese, poderían sufrir grandes perdas e incluso morrer. Pero o que leva o timón e o dono do barco prefiren continuar, posiblemente porque queren atopar un lugar máis seguro. Así que convencen a Xulio, e finalmente a maioría decide que é mellor chegar ata Fenice, un porto que está un pouco máis adiante. Quizais pensen que este é un porto mellor e máis grande para pasar o inverno. Por iso, en canto sopra un suave vento do sur que lles parece bo para navegar, o barco parte (Feit. 27:10-13).
12. A que perigos se enfrontaron despois de afastarse de Creta, e que fixo a tripulación para intentar salvar o barco?
12 Pero de repente volven os problemas: levántase “un vento moi forte” do nordés. Durante un tempo atopan refuxio detrás dunha “pequena illa chamada Cauda” situada a uns sesenta e cinco quilómetros de Bos Portos. Pero aínda existe o perigo de que o barco sexa levado cara ó sur e acabe encallando nos bancos de area da costa de África. Para evitalo, os mariñeiros suben a bordo o pequeno bote que levan a remolque. Pero cústalles moito pois é posible que estea cheo de auga. Entón, pasan cordas e cadeas por debaixo do barco para reforzar o casco. Despois recollen as velas e loitan por manter o barco cara ó vento para capear o temporal. Imaxina o aterradora que debeu ser esta experiencia! Pero nada do que fixeron serviu de moito, porque “a tormenta batía con moita forza”. Finalmente, ó terceiro día, deciden tirar tódolos aparellos pola borda para alixeirar a carga e manter o barco a flote (Feit. 27:14-19).
13. Como era a situación no barco durante a tormenta?
13 A xente do barco debe estar morta de medo. Pero Paulo e os seus compañeiros están seguros de que sobrevivirán. Tempo antes, Xesús prometeulle a Paulo que daría testemuño en Roma, e máis tarde un anxo confirmoulle esa promesa (Feit. 19:21; 23:11). Aínda así, a tormenta segue golpeando o barco día e noite durante dúas semanas. Chove tanto e está tan nubrado que é imposible ver o sol ou as estrelas. Como consecuencia, o que dirixe o barco non é capaz de saber onde están nin cara a onde van. A situación é tan difícil que incluso comer se lles fai imposible. Aínda así, quen ía pensar en comer estando morto de medo e de frío, mollado e mareado?
14, 15. a) Por que lles recordou Paulo a súa advertencia ós que ían no barco? b) Que podemos aprender da mensaxe de esperanza que lles deu Paulo?
14 Paulo ponse de pé e recórdalles a súa advertencia, pero non coa intención de botárllelo en cara senón para demostrarlles que o seu consello era bo. Entón díxolles: “Pídovos que sexades valentes, porque ningún de vós vai morrer. Só se vai perder o barco” (Feit. 27:21, 22). Canto deberon animar estas palabras a tódolos que estaban alí! E que contento se debeu sentir Paulo de que Xehová lle dese unha mensaxe tan esperanzadora para os que ían no barco. Nós tamén debemos recordar que Xehová se preocupa por cada persoa individualmente. Todas son importantes para el. O apóstolo Pedro escribiu que Xehová “non quere que ninguén pereza senón que a todos lles dea tempo a se converteren” (2 Ped. 3:9). Por iso é tan urxente que fagamos todo o que poidamos por levarlles a mensaxe de esperanza de Xehová ó máximo número de persoas posible. Hai vidas moi valiosas en xogo!
15 É probable que Paulo xa lles falase a moitos dos que ían no barco da súa esperanza na promesa que Deus fixera (Feit. 26:6; Col. 1:5). Pero agora que o naufraxio parece inevitable, dálles boas razóns para ter esperanza de que sobrevivirán. El dilles: “Esta noite aparecéuseme un anxo do Deus ó que adoro [...] e díxome: ‘Paulo, non teñas medo. Tes que presentarte diante de César. Ademais, Deus salvará a túa vida e a de tódolos que van contigo no barco’. Así que ánimo, compañeiros! Porque confío en Deus e sei que fará exactamente o que me dixo. Pero imos acabar naufragando cerca dalgunha illa” (Feit. 27:23-26).
“Chegaron todos a terra sans e salvos” (Feitos 27:27-44)
“Despois [...] deulle grazas a Deus diante de todos.” (Feitos 27:35)
16, 17. a) Que ocasión aproveitou Paulo para orar, e que efecto tivo? b) Como se cumpriu o que predixera Paulo?
16 Despois de dúas semanas aterradoras nas que o barco viaxou uns 870 quilómetros á deriva, os mariñeiros notan un cambio, quizais porque escoitan as ondas romper contra a costa. Entón deciden botar as áncoras dende a popa para evitar que os arrastre a corrente e para poñer a proa mirando cara a terra firme. Desta forma quizais sexan capaces de dirixir a embarcación cara á praia para facela encaiar alí. Neste momento os mariñeiros intentan abandonar o barco pero os soldados impídenllelo. Paulo dilles ó oficial do exército e ós soldados: “Se estes homes non quedan no barco, non vos ides poder salvar”. Agora que o barco está un pouco máis estable, o apóstolo anímaos a comer algo e asegúralles outra vez que todos van sobrevivir. Entón “deulle grazas a Deus diante de todos” (Feit. 27:31, 35). Ó darlle grazas a Deus, Paulo púxolles un bo exemplo a Lucas e a Aristarco, e tamén ós cristiáns da actualidade. Son as túas oracións públicas unha fonte de ánimo e consolo para outros?
17 Despois da oración de Paulo “todos se animaron e tamén empezaron a comer” (Feit. 27:36). Máis tarde alixeiran o barco tirando pola borda o cargamento de trigo. Desa forma poden acercarse máis á costa sen perigo de encaiar. Cando se fai de día, a tripulación corta as cordas das áncoras e libera os remos da popa que fan de timón. Despois despregan a vela do trinquete para dirixir a embarcación con máis facilidade mentres se achegan á costa. Pero a parte dianteira do barco queda atascada, quizais nun banco de area ou de lodo, e a popa empeza a romper en pedazos por culpa das ondas. Algúns soldados queren matar os prisioneiros para que non escape ningún, pero Xulio non lles deixa. Máis ben, mándalles a todos que vaian nadando ata a costa ou flotando agarrados a algún resto do barco. Ó final, as 276 persoas que ían no barco sobreviviron e “chegaron todos a terra sans e salvos”, tal e como predixera Paulo. Pero, onde están? (Feit. 27:44).
“Tratáronnos cunha amabilidade extraordinaria” (Feitos 28:1-10)
18-20. Como demostrou a xente de Malta unha “amabilidade extraordinaria”, e que milagre fixo Deus?
18 Os náufragos están na illa de Malta, no sur de Sicilia (mira o recadro “En que illa naufragou Paulo?”). Aínda que a xente da illa fala outro idioma, trátanos “cunha amabilidade extraordinaria” (Feit. 28:2). Prenden un lume para os náufragos, que están empapados e mortos de frío. Grazas a iso poden entrar en calor a pesar do frío e da chuvia. Ademais, esa situación dá pé a un milagre.
19 Como Paulo quere axudar, colle unhas ramiñas e bótaas no lume. Entón sae de alí unha víbora velenosa que o morde na man e lle queda enganchada. Ó velo, os habitantes da illa pensan que é algún tipo de castigo dos deuses.a
20 A xente de alí cre que Paulo vai empezar a inchar por culpa da mordedura. Segundo unha obra de consulta a palabra orixinal para “inchar” era un termo médico. Pero sendo Lucas o escritor non nos sorprende, pois el era médico (Feit. 28:6; Col. 4:14). Aínda así, despois de sacudir a serpe da man, Paulo non ten ningún dano.
21. a) Que detalles incluíu Lucas neste relato que demostran que é exacto? b) Que milagres fixo Paulo, e como reaccionaron os habitantes de Malta?
21 Cerca daquel sitio vive Publio, un home rico que posúe moitas terras. É posible que este home fose o funcionario romano con máis autoridade en Malta. De feito, Lucas dixo que era “o home máis importante da illa”, utilizando o termo exacto que apareceu en dúas inscricións na illa de Malta. Este home invita a Paulo e os seus compañeiros á súa casa e móstralles hospitalidade durante tres días, aínda que o seu pai está enfermo. De novo, Lucas describiu con exactitude a súa enfermidade. Escribiu que o home estaba na cama “porque tiña febre e disentería”, describindo os síntomas específicos desta enfermidade con termos médicos. Paulo fai unha oración, pon as súas mans sobre o home e cúrao. As persoas da illa quedan moi impresionadas por este milagre e tráenlle outros enfermos para que tamén os cure. Ademais, lévanlles a Paulo e ós seus compañeiros regalos e todo o que necesitan para o resto da viaxe (Feit. 28:7-10).
22. a) Que destacou un erudito sobre este relato de Lucas? b) Que veremos no seguinte capítulo?
22 O libro de Feitos describe con moita exactitude todo o que lle pasou a Paulo ata agora nesta viaxe. Un erudito dixo: “O relato de Lucas destaca por ser un dos exemplos de narrativa descritiva máis vívidos de toda a Biblia. Os seus detalles de como era a navegación no primeiro século son tan precisos e a súa descrición das condicións meteorolóxicas do Mediterráneo oriental tan exacta” que debían estar baseadas nun diario de viaxe.b É posible que Lucas fixese estas anotacións mentres viaxaba co apóstolo. Se é así, a seguinte parte da viaxe tamén lle vai dar moito sobre o que escribir. Que vai ser de Paulo cando chegue a Roma? Ímolo ver.
a O feito de que aquela xente coñecese este tipo de serpes indica que naquel tempo había víboras na illa. Na actualidade non hai víboras en Malta. Esta diferenza pode deberse a cambios que se produciron no seu hábitat ó longo dos séculos. Tamén podería ser que o aumento da poboación humana acabase erradicando as víboras da illa.
b The Expositor’s Bible Commentary, editado por Frank Gaebelein.