BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • lc páxs. 4-10
  • O planeta vivo

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • O planeta vivo
  • Como empezou a vida?
  • Subtítulos
  • O “enderezo” perfecto
  • Os escudos protectores
  • Ciclos naturais necesarios para a vida
  • Reciclaxe perfecta
Como empezou a vida?
lc páxs. 4-10
Planetas orbitando o sol

O planeta vivo

A vida na Terra non existiría de non ser por unha serie de circunstancias que algúns consideran casuais. Algunhas delas eran descoñecidas ou non chegaron a entenderse ben ata o século XX. Por exemplo:

  • A situación do noso planeta dentro da Vía Láctea e no sistema solar, así como a súa órbita, inclinación, velocidade de rotación, e unha lúa excepcional.

  • O escudo dobre formado por un campo magnético e unha atmosfera.

  • Ciclos naturais que reabastecen e purifican as reservas de auga e aire.

A medida que pensas nestas cuestións, podes preguntarte: “Será o noso planeta produto do azar, ou foi deseñado cun propósito determinado?”.

O “enderezo” perfecto

Situación da Terra e do sistema solar dentro da Vía Láctea

Podería estar o noso planeta nun lugar máis idóneo para albergar vida?

Cando indicamos o noso enderezo, normalmente incluímos o país, a cidade e a rúa na que vivimos, verdade? Pois, a modo de exemplo, digamos que a nosa galaxia é o “país” onde está a Terra; o sistema solar (o Sol e os seus planetas) é a “cidade”; e a órbita que o noso planeta describe dentro do sistema solar é a “rúa”. Grazas ós descubrimentos realizados na física e na astronomía, hoxe en día os científicos comprenden mellor o que ten de especial a nosa situación no Universo.

Para comezar, a nosa “cidade”, o sistema solar, está situada nunha zona ideal da galaxia: nin demasiado lonxe do centro, nin demasiado preto del. Os astrónomos chámanlle “zona de habitabilidade” porque ten a concentración adecuada de elementos químicos necesarios para a vida. Máis lonxe, tales elementos escasean; e máis preto, perigos tales como a radiación letal e outros factores ameazan a existencia da vida. En palabras da revista Investigación y Ciencia, “vivimos nunha zona de primeira”.1

A “rúa” ideal. Tamén é de primeira a “rúa” na que vivimos, é dicir, a órbita que describe a Terra dentro da nosa “cidade”, o sistema solar. Está a uns 150 millóns de quilómetros do Sol, dentro dos límites axeitados para que as formas de vida nin se conxelen nin se queimen. Ademais, a órbita do noso planeta é case circular, polo que nos mantemos practicamente á mesma distancia do Sol todo o ano.

Este astro, pola súa parte, é a “central eléctrica” perfecta: é estable, ten o tamaño xusto, e emite a cantidade exacta de enerxía. Con razón dise del que é “unha estrela moi especial”.2

O “veciño” perfecto. Se tivésemos que escoller o “veciño do lado” para a Terra, non habería un mellor que a Lúa. Ten algo máis da cuarta parte de diámetro que o noso planeta. En comparación con outras lúas do noso sistema solar, a nosa é excepcionalmente grande en relación co seu planeta anfitrión. Casualidade? Non o parece.

Por exemplo, a Lúa é a principal causa das mareas, que xogan un papel vital no equilibrio ecolóxico da Terra. Ademais, contribúe á estabilidade do eixo de rotación do planeta. Sen este satélite feito a medida, a Terra abanearíase descontrolada coma unha buxaina, chegando quizais a xirar coma se estivese deitada. Os efectos no clima e nas mareas, entre outros, serían catastróficos.

Inclinación do eixo terrestre

A inclinación e rotación perfectas. Os aproximadamente 23,4 graos de inclinación da Terra dan lugar ás estacións do ano, regulan as temperaturas, e permiten unha gran variedade de zonas climáticas. A este respecto, un libro que fala das condicións necesarias para a vida no Universo comenta: “Parece que a inclinación do eixo do noso planeta é ‘a ideal’” (Rare Earth—Why Complex Life Is Uncommon in the Universe).3

Grazas á velocidade de rotación da Terra, a duración do día e da noite tamén é “a idónea”. Se xirase moito máis amodo, os días serían máis longos e a cara do planeta exposta ó Sol abrasaríase, mentres que a outra se conxelaría. Pola contra, se a Terra xirase moito máis rápido os días durarían menos, quizais só unhas horas, e non deixaría de haber furacáns e outros perigosos fenómenos.

Os escudos protectores

O espazo é un lugar perigoso debido á radiación letal e a constante presenza de meteoroides. En cambio, o noso planeta azul paséase por esta especie de “campo de tiro” da galaxia sen sufrir danos importantes. Como é isto posible? Grazas ós seus abraiantes escudos: un potente campo magnético e mais unha atmosfera feita a medida.

O escudo magnético invisible da terra

O escudo magnético invisible da terra

O campo magnético. O núcleo da Terra é unha esfera xiratoria de ferro fundido que produce un potente e inmenso campo magnético que se estende no espazo. Este escudo protéxenos do impacto directo da radiación cósmica, e doutros fenómenos potencialmente letais que emanan do Sol. Algúns destes son: os ventos solares, que consisten nun fluxo constante de partículas de enerxía; as erupcións solares, que nuns minutos liberan unha cantidade de enerxía equivalente á detonación de miles de millóns de bombas de hidróxeno; e as explosións na coroa solar, que expulsan miles de millóns de toneladas de materia ó espazo. As auroras polares fannos lembrar a protección que nos dá o campo magnético do noso planeta. Estes fermosos xogos de luz e cor, visibles na atmosfera superior preto dos polos magnéticos da Terra, son provocados polas erupcións solares e as explosións na coroa, ou capa máis externa, do Sol.

A aurora boreal

Aurora boreal

A atmosfera. Esta envoltura de gases non só nos permite respirar, senón que tamén nos protexe. Unha das súas capas externas, a estratosfera, contén unha forma de osíxeno chamada ozono, que absorbe ata o 99% da radiación ultravioleta. A capa de ozono protexe da radiación prexudicial a moitas formas de vida: dende o plancto, do que dependemos para a produción de gran parte do osíxeno, ata os seres humanos. O nivel de ozono estratosférico non é sempre o mesmo, senón que varía en función da intensidade da radiación ultravioleta. Sen dúbida, a capa de ozono é un escudo eficiente e flexible.

Un meteoro

A atmosfera protéxenos dos meteoros

A atmosfera tamén nos protexe do bombardeo diario de distintos materiais procedentes do espazo, dende pequenas partículas ata xigantescos pedrolos. A inmensa maioría deste lixo espacial arde ó entrar en contacto coa atmosfera, provocando feixes luminosos chamados meteoros. Ó mesmo tempo, este escudo non bloquea a radiación necesaria para a vida, como a calor e a luz visible. Ademais, a atmosfera contribúe á distribución térmica arredor da superficie terrestre, e pola noite fainos de manta, contendo a fuga de calor cara ó espazo.

A atmosfera e mailo campo magnético son dúas marabillas do deseño que aínda non comprendemos totalmente. E o mesmo se pode dicir dos ciclos que sosteñen a vida no noso planeta.

Será casualidade que a Terra conte con dous escudos protectores?

Ciclos naturais necesarios para a vida

Se a unha cidade lle cortásemos a subministración de aire e auga limpos, e lle tapásemos as saídas dos sumidoiros, os seus habitantes logo enfermarían e morrerían. Pois o noso planeta non ten subministración externa, coma se fose un restaurante onde as mercadorías se traen de fóra e alguén saca o lixo. A auga e o aire puros necesarios para a vida non veñen do espazo exterior, e tampouco enviamos aló os residuos producidos. Entón, como se mantén a Terra limpa e habitable? Grazas ós ciclos naturais, como os da auga, o carbono, o osíxeno e o nitróxeno. Vexamos unha sinxela explicación dos mesmos.

O ciclo da auga

O ciclo da auga. A auga é esencial para a vida: sen ela morreriamos en poucos días. Este ciclo distribúe auga limpa arredor do planeta, e consta de tres fases. 1) Polo efecto da calor do Sol, a auga evapórase e sube á atmosfera. 2) Esta auga limpa condénsase formando nubes. 3) Entón, a auga das nubes cae sobre o chan en forma de chuvia, auganeve, neve ou pedrazo; e así o ciclo queda completado, listo para comezar de novo. Canta auga se recicla ó ano? Calcúlase que a suficiente como para cubrir a superficie de toda a Terra a unha altura de case un metro.4

Ciclos do osíxeno e do dióxido de carbono

O ciclo do carbono e do osíxeno. Para vivir é imprescindible respirar, é dicir, coller osíxeno e botar dióxido de carbono. Con miles de millóns de persoas e animais facendo o mesmo, como é posible que na atmosfera nin falte osíxeno nin sobre dióxido de carbono? A resposta está no ciclo do osíxeno. 1) Mediante o abraiante proceso da fotosíntese, as plantas toman o dióxido de carbono que exhalamos, e empregan enerxía da luz solar para transformalo en hidratos de carbono e osíxeno. 2) O ciclo complétase cando respiramos ese osíxeno. As plantas realizan este proceso de forma limpa, eficiente e silenciosa.

O ciclo do nitróxeno

O ciclo do nitróxeno. A vida neste planeta tamén depende da produción de moléculas orgánicas, como as proteínas. A) O nitróxeno é necesario para a formación de tales moléculas. Afortunadamente, este gas constitúe aproximadamente o 78% da atmosfera. Os raios das treboadas e mailas bacterias converten o nitróxeno en compostos que poden ser absorbidos polas plantas. B) As plantas incorporan estes compostos en forma de moléculas orgánicas; deste xeito, cando os animais comen estas plantas, inxiren o nitróxeno. C) Por último, cando as plantas e os animais morren, as bacterias descompoñen estes compostos de nitróxeno. Durante este proceso libérase nitróxeno, que volve ó solo e á atmosfera, completándose así o ciclo.

Reciclaxe perfecta

O home, con toda a súa avanzada tecnoloxía, produce cada ano innumerables toneladas de residuos tóxicos non reciclables. En cambio, o noso planeta recicla tódolos seus residuos á perfección mediante enxeñosos procesos químicos.

Como xurdiron estes sistemas de reciclaxe? A este respecto, o escritor de relixión e ciencia M. A. Corey comenta: “Se o ecosistema terrestre evolucionase por pura casualidade, non habería un equilibrio medioambiental tan perfecto”.5 Compartes o seu punto de vista?

Un pavo real

Que dirías?

  • Paréceche que as características da Terra foron deseñadas por alguén? Nese caso, cal dos feitos expostos che resulta máis convincente?

  • Que pensas da afirmación de que o noso planeta non ten nada de especial, senón que é un escenario máis onde a vida puido evolucionar?

Peixe nun arrecife de coral

Cheo de vida

Ninguén sabe con certeza cantas especies hai na Terra. As estimacións van dende dous ata cen millóns.6 Ata que punto estará cheo de vida o noso planeta?

Terra. Tan só cen gramos de terra poden conter unhas dez mil clases de bacterias, por non falar do número total de microbios.7 Téñense atopado algunhas destas bacterias a case tres quilómetros de profundidade.8

Aire. Ademais de paxaros, morcegos e insectos voadores, na atmosfera tamén atopamos sementes, pole, outras esporas e, en determinadas zonas, milleiros de clases de microbios. Segundo a revista Investigación y Ciencia, esta variedade “é parella á diversidade de microbios que hai no solo”.9

Auga. Os océanos seguen a ser un gran misterio para o ser humano, xa que para estudar ben o fondo mariño os científicos precisan de custosos medios técnicos. Por exemplo, é posible que os arrecifes de coral, relativamente accesibles e amplamente estudados, alberguen millóns de especies aínda por descubrir.

Xurdiría por casualidade toda esta abraiante variedade de vida? Moitas persoas estarían de acordo coas palabras do poeta: “¡Cantas son, Señor, as túas obras, todas feitas con saber! A terra está chea das túas creaturas” (Salmo 104:24).a

Flamencos voando

a Segundo a Biblia, o nome de Deus é Xehová, ou Iavé (Isaías 42:8).

    Publicacións en galego (1993-2025)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir