BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • rj sección 5 páxs. 12-15
  • Volvede “ó voso pegureiro e pastor”

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Volvede “ó voso pegureiro e pastor”
  • Volve a carón de Xehová
  • Información relacionada
  • Xehová darache forzas
    Cantémoslle a Xehová con alegría
  • Xehová darache forzas
    Cantemos a Xehová
  • Continúa a carón de Xehová
    Que nos ensina a Biblia?
Volve a carón de Xehová
rj sección 5 páxs. 12-15

SECCIÓN 5

Volvede “ó voso pegureiro e pastor”

Sentícheste identificado cunha ou máis das situacións analizadas neste folleto? Nese caso, non es o único. Moitos servos leais a Deus, tanto dos tempos bíblicos como da actualidade, pasaron por situacións semellantes. Do mesmo xeito que Xehová lles axudou a superalas, ti tamén podes recibir a Súa axuda.

Xehová sempre vai estar aí cando decidas volver ó Seu carón

NON dubides que Xehová sempre vai estar aí cando decidas volver ó Seu carón. Podes contar coa súa axuda para loitar contra as preocupacións, superar os sentimentos feridos, e atopar a paz interior que dá ter unha conciencia limpa. Entón, podes chegar a sentir de novo o desexo de servir a Xehová en compañía dos teus irmáns. A túa situación será parecida á dalgúns cristiáns do século primeiro, ós que Pedro escribiu: “Erades coma ovellas extraviadas, pero agora volvéstesvos ó voso pegureiro e pastor” (1a Pedro 2:25).

Non hai mellor cousa que poidas facer que volver a carón de Xehová. Por que? Porque deste xeito alegrarás o seu corazón (Proverbios 27:11). Como sabes, Xehová ten sentimentos, e as nosas accións aféctanlle. Agora ben, El non nos obriga a querelo nin a servilo (Deuteronomio 30:19, 20). Un experto na Biblia explícao así: “Ninguén pode abrir a porta do teu corazón, só podes facelo ti”. Cando servimos a Xehová de todo corazón, estamos escollendo abrir esa porta. Deste xeito, facémolo moi feliz porque lle estamos a regalar algo que valora moito: toda a nosa devoción. Non hai nada comparable á felicidade que sentimos cando lle damos a Xehová a devoción que merece (Feitos 20:35; Apocalipse 4:11).

Unha irmá inactiva recibindo unha agarimosa benvida na congregación

Ademais, cando retomes as actividades cristiás, as túas necesidades espirituais estarán satisfeitas (Mateo 4:4). De que xeito? Xehová creou os seres humanos coa necesidade de atoparlle o sentido á vida. Por iso a xente se fai tantas preguntas ó respecto. O certo é que a verdadeira satisfacción reside en servir a Xehová; non hai felicidade maior na vida que servilo motivados polo amor que lle temos (Salmo 63:2-6 [63:1-5, NM]).

Xehová desexa que volvas onda El. Como o sabemos? Pensa nisto: este folleto foi preparado coidadosamente con moita oración. Probablemente chegou ás túas mans por medio dun ancián da congregación ou dalgún outro irmán. Entón, decidiches lelo e obrar en consecuencia. Todo isto demostra que Xehová non se esqueceu de ti. De feito, está a chamarte de volta con agarimo (Xoán 6:44).

Verdade que nos sentimos mellor cando sabemos que a Xehová non lle esquecen as súas ovelliñas perdidas? Isto é o que unha irmá chamada Donna comprendeu. Ela conta: “Pouco a pouco, afastárame da congregación; pero moitas veces víñanme á mente as palabras do Salmo 139:23, 24, que di: ‘Examíname a fondo, Deus; coñece o meu corazón; próbame, e coñece os meus sentimentos. Olla se é torto o meu camiño, guíame ti polo camiño eterno’. Eu sabía que este mundo non era sitio para min, de feito nunca dei encaixado nel; tamén sabía que o meu sitio estaba no pobo de Xehová. Entón decateime de que Xehová nunca me abandonara; só tiña que atopar o camiño de volta ata El. E que ben fixen en volver!”.

“Decateime de que Xehová nunca me abandonara; só tiña que atopar o camiño de volta ata El”

Oramos de todo corazón para que ti tamén poidas sentir a felicidade que Xehová dá ós seus servos (Nehemías 8:10). Se volves a Xehová, nunca te arrepentirás.

Poida que te preguntes...

POR ONDE EMPEZO?

Unha irmá inactiva lendo a Biblia

Cando alguén estivo enfermo, non recupera a súa vida normal dun día para outro. De xeito semellante, se queres recuperar as forzas para servir outra vez a Xehová, non o tes que facer todo de golpe; é mellor empezar pouco a pouco, intentando tomar un chisquiño de alimento espiritual cada día. Por exemplo, poderías botar uns minutos lendo ou escoitando as lecturas gravadas da Biblia, repasando algunhas das nosas publicacións, navegando pola nosa web, jw.org/gl, ou vendo un dos programas mensuais de JW Broadcasting en jw.org. Ademais, intenta asistir a unha reunión da congregación o antes posible. E o máis importante: óralle a Xehová e pídelle que te axude. Como di a súa Palabra: “Botade sobre Deus tódalas vosas ansias, que El coida de vós” (1a Pedro 5:7).

“Despois de deixar de participar nas actividades cristiás, sentíame tan avergoñada que nin me atrevía a orar. Cando por fin tiven o valor de orarlle a Xehová, recibín a visita dun ancián da congregación. Axudoume a comprender que Xehová non me dera por perdida. Tamén me suxeriu que podía comezar por ler a Biblia tódolos días. Cando o fixen, conseguín as forzas que precisaba para volver ás reunións. Co tempo, empecei a predicar outra vez. Estou moi contenta de que Xehová non me deixase por imposible” (Eeva).

COMO ME RECIBIRÁN OS IRMÁNS?

Non o dubides: os irmáns da congregación vante recibir cos brazos abertos. Nin te van criticar, nin te van xulgar; ó contrario, farán todo o posible por animarte e por que te sintas querido (Hebreos 10:24, 25).

“Dábame moita vergoña volver ás reunións. Non sabía como ían reaccionar os meus antigos amigos. Entón, unha irmá maior que xa estaba trinta anos atrás na congregación díxome: ‘Benvido a casa, filliño!’. As súas palabras chegáronme ó corazón. Efectivamente, estaba na casa” (Javier).

“Cando cheguei á reunión sentei na última fila para que ninguén se decatase de que estaba alí. Pero moitos me recoñeceron de cando ía ás reunións de neno. Déronme a benvida e enchéronme de apertas con tanto agarimo que me invadiu unha enorme sensación de paz. Foi como estar de volta na casa” (Marco).

E OS ANCIÁNS COMO ME AXUDARÁN?

Os anciáns vante tratar con agarimo. Felicitarante pola túa decisión de reavivar o “teu amor primeiro” por Xehová (Apocalipse 2:4). Prestaranche toda a axuda que precises para corrixir calquera erro que cometeses, sempre con bondade e dende a calma (Gálatas 6:1; Proverbios 28:13). Poida que escollan un irmán para que estude contigo, quizais co libro Desfruta da vida para sempre! ou Acerquémonos a Jehová. Podes estar seguro de que os anciáns estarán aí para axudarte e animarte en todo momento (Isaías 32:1, 2).

“Durante os oito anos que botei fóra da congregación, os anciáns seguiron en contacto comigo. Un día, un dos anciáns ensinoume unhas fotos nas que apareciamos os dous. Viñéronme tantas lembranzas á cabeza que empecei a botar en falta a felicidade que sentía cando servía a Xehová. Os anciáns axudáronme con moito cariño a retomar as miñas actividades cristiás” (Víctor).

“Xehová darache forzas”

Dúas irmás cantando xuntas na reunión polo mesmo libro de cánticos

No noso cancioneiro, Cantemos con ledicia a Xehová, atoparás moitas cancións que te animarán e che axudarán a sentirte mellor segundo vaias retomando as túas actividades cristiás. Embaixo tes a letra dunha delas, a número 38. Está baseada en 1a Pedro 5:10 e titúlase “Xehová darache forzas”.

  1. Foi por amor que Deus mandou chamar por ti,

    libroute deste mundo de Satán.

    Teu corazón El viu, mancado polo mal,

    en busca da xustiza mais da paz.

    Promete serlle fiel ó Creador,

    el sempre vai estar ó teu carón.

  2. Xehová seu Fillo deu, non hai maior amor,

    desexa verte sempre moi feliz.

    Se foi capaz de da-la vida de Xesús,

    a forza d’El podemos recibir.

    “De ti ben coidarei”, promete Deus;

    “xamais esquecerei os servos meus”.

    (REFRÁN)

    Co sangue do seu Fillo comproute Deus Xehová.

    El firme te fará e forzas che dará.

    No medio deste mundo sempre te coidará.

    El firme te fará, el forzas che dará!

Cantemos a Jehová. Versión coral

Se queres escoitar a versión coral desta ou doutras cancións en diferentes idiomas, visita jw.org.

    Publicacións en galego (1993-2025)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir