BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • lvs cap. 16 páxs. 213-225
  • Fagámoslle fronte ó Demo

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Fagámoslle fronte ó Demo
  • Continúa no amor de Deus
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • “BRUANDO COMA UN LEÓN”
  • “É A NOSA LOITA”
  • MANTEÑÁMONOS LONXE DOS DEMOS
  • SATÁN INTENTA ENGANARNOS
  • O ENTRETEMENTO E A SAÚDE
  • HISTORIAS DE DEMOS
  • Que di a Biblia sobre os anxos e os demos?
    Que nos ensina a Biblia?
  • Cal é a verdade sobre os anxos?
    Desfruta da vida para sempre! Curso da Biblia interactivo
Continúa no amor de Deus
lvs cap. 16 páxs. 213-225
Ó predicar, un irmán faille fronte a Satán

CAPÍTULO 16

Fagámoslle fronte ó Demo

“Facédelle fronte a Satán e arredará de vós” (SANTIAGO 4:7)

1, 2. Que precisamos coñecer sobre Satán e os demos?

A VIDA no novo mundo que Xehová nos promete vai ser marabillosa. Por fin viviremos como Deus quería. Pero por agora vivimos nun mundo controlado por Satán e os seus demos (2 Corintios 4:4). Inda que non poidamos velos, son reais e moi poderosos.

2 Neste capítulo veremos o que temos que facer para manternos preto de Xehová e protexernos do Demo. Xehová prométenos que nos vai axudar. Pero primeiro necesitamos coñecer ben os métodos que usan Satanás e mailos demos para enganarnos e atacarnos.

“BRUANDO COMA UN LEÓN”

3. Que quere facernos o Demo?

3 Satanás asegura que os humanos servimos a Xehová por razóns egoístas e que deixaremos de servilo cando as cousas nos vaian mal (le Xob 2:4, 5). El e mailos demos decátanse cando alguén demostra que quere aprender máis de Xehová, e intentan impedilo. Senten moita carraxe cando unha persoa se dedica a Xehová e se bautiza. A Biblia di que o Demo está “bruando coma un león, anda ó arredor á procura de quen engulir” (1 Pedro 5:8). Satán quere acabar coa nosa amizade con Xehová (Salmo 7:2, 3 [7:1, 2, NM]; 2 Timoteo 3:12).

Ó predicar, un irmán faille fronte a Satán

O Demo énchese de carraxe cando decidimos facer a vontade de Xehová

4, 5. a) Que non pode facer Satán? b) Como podemos facerlle fronte a Satán?

4 Pero non hai por que terlle medo a Satán nin ós demos. Xehová limita o que nos poden facer. Ademais, promete que “un mundo de xente”, e dicir, unha gran multitude de cristiáns verdadeiros, sobrevivirá á gran tribulación (Apocalipse 7:9, 14). Non hai nada que o Demo poida facer para impedilo. Xehová protexe os seus servos.

5 Se nos mantemos preto de Xehová, Satán non poderá estragar a nosa amizade con El. A Biblia asegúranos: “Se estades co Señor, El estará convosco” (2 Crónicas 15:2; le 1 Corintios 10:13). Moitos servos de Deus do pasado fixéronlle fronte ó Demo manténdose a carón de Xehová, coma Abel, Henoc, Noé, Sara e Moisés (Hebreos 11:4-40). Nós podemos facer o mesmo. A Palabra de Deus promete: “Facédelle fronte a Satán e arredará de vós” (Santiago 4:7).

“É A NOSA LOITA”

6. Que intenta conseguir Satanás, e como o fai?

6 Inda que Satanás sabe que Xehová limitou o que nos pode facer, vai intentar debilitar a nosa amizade con Xehová de tódolos xeitos posibles. O Demo atácanos de diferentes formas e utiliza estratexias que leva usando miles de anos. Imos analizar algunhas delas.

7. Por que ataca Satán os servos de Xehová?

7 O apóstolo Xoán escribiu: “O mundo enteiro está nas mans do Maligno” (1 Xoán 5:19). O Demo controla o mundo e gustaríalle controlar tamén os servos de Deus (Miqueas 4:1; Xoán 15:19; Apocalipse 12:12, 17). Satanás sabe que non lle queda moito tempo. Por iso se esforza tanto para que non sexamos leais a Deus. Ás veces usa ataques directos, pero outras veces os seus ataques son máis sutís.

8. Que debemos entender tódolos cristiáns?

8 A Biblia di que “non é a nosa loita contra homes de carne e óso senón [...] contra os espíritos do mal” (Efesios 6:12). Cada cristián ten unha loita individual contra Satanás e os demos. Debemos entender que tódolos que nos dedicamos a Xehová estamos nesa loita. Paulo díxolles tres veces ós efesios que debían resistir (Efesios 6:11, 13, 14).

9. Que intentan facernos Satán e mailos demos?

9 Satán e os demos intentan enganarnos de diferentes maneiras. O feito de que resistísemos unha proba, non quere dicir que vaiamos aguantar a seguinte. O Demo intenta atopar as nosas debilidades e poñernos a trampa axeitada para atraparnos. Pero non temos por que caer, a Biblia advírtenos sobre as trampas que usa (2 Corintios 2:11; ver a nota 31). Unha destas trampas é o espiritismo.

MANTEÑÁMONOS LONXE DOS DEMOS

10. a) Que é o espiritismo? b) Que pensa Xehová do espiritismo?

10 O espiritismo é ter contacto cos demos, por exemplo mediante cousas como a adiviñación, a bruxería, os feitizos e intentar falar cos mortos. A Biblia di que Xehová odia o espiritismo, e que non podemos servilo a el e ó mesmo tempo ter contacto cos demos (Deuteronomio 18:10-12; Apocalipse 21:8). Os cristiáns temos que evitar por completo calquera forma de espiritismo (Romanos 12:9).

11. A que podería levarnos a curiosidade polas cousas sobrenaturais?

11 Satanás sabe que se sentimos curiosidade polas cousas sobrenaturais, vaille ser más fácil atraernos cara ó espiritismo. E calquera clase de espiritismo rompería a nosa amizade con Xehová.

SATÁN INTENTA ENGANARNOS

12. De que xeito intenta Satán influír na nosa maneira de pensar?

12 Satanás intenta confundir a xente. Vai xerando dúbidas pouco a pouco, ata que as persoas “lle chaman ó mal ben; e ó ben, mal” (Isaías 5:20). O Demo promove a idea de que os consellos da Biblia non funcionan e que seremos máis felices se pasamos por alto as normas de Deus.

13. De que maneira intentou xerar dúbidas Satán?

13 Xerar dúbidas é un dos métodos que mellor resultado lle dá a Satanás. Lévao usando dende o comezo da humanidade. No xardín de Edén, intentou xerarlle dúbidas a Eva cando lle preguntou: “¿Conque Deus vos prohibiu comer do froito das árbores do xardín?” (Xénese 3:1). Nos días de Xob, díxolle a Xehová diante de tódolos anxos: “¡Seica Xob teme a Deus de balde!” (Xob 1:9). Despois de que Xesús se bautizou, desafiouno dicindo: “Se es Fillo de Deus, manda que estas pedras se convertan en pan” (Mateo 4:3).

14. De que xeito podería Satán xerar dúbidas sobre os perigos do espiritismo?

14 Hoxe o Demo segue a xerar dúbidas. Fai que certas formas de espiritismo parezan inofensivas para que as persoas pensen que non son tan malas. Mesmo houbo algúns cristiáns que chegaron a pensar deste xeito (2 Corintios 11:3). Entón, que podemos facer para protexernos? Como podemos asegurarnos de que Satanás non nos engane? Imos ver dous campos nos que podería enganarnos: o entretemento e os tratamentos médicos.

O ENTRETEMENTO E A SAÚDE

15. Que tipo de entretemento podería poñernos en contacto cos demos?

15 A todos nos gusta divertirnos. Pero moitos vídeos, programas de televisión, películas, páxinas de Internet e videoxogos están relacionados co espiritismo, o paranormal e a maxia. Moitas persoas pensan que son cousas inofensivas e non se decatan do perigo de deixar que os demos entren nas súas vidas. Alguén podería ter contacto co ocultismo mediante cousas coma o horóscopo, as cartas do tarot, a bola de cristal ou ler a man. O Demo agocha o perigo facendo que estas cousas parezan misteriosas, emocionantes e divertidas. De feito, alguén ata podería pensar que non pasa nada por ver algo relacionado co ocultismo con tal de non practicalo. Pero, por que é perigoso pensar así? (1 Corintios 10:12).

16. Por que debemos rexeitar o entretemento relacionado co ocultismo?

16 Satán e mailos demos non poden lernos o pensamento. Pero poden coñecer os nosos gustos e a nosa forma de pensar vendo o que escollemos para nós e para a nosa familia, incluídas as diversións. Se escollemos películas, música ou libros sobre médiums espiritistas, feitizos, posesións demoníacas, meigas, vampiros ou cousas semellantes, Satanás e mailos demos verán que sentimos curiosidade por eles. Mesmo poderían intentar envolvernos inda máis no ocultismo (le Gálatas 6:7).

17. De que xeito pode aproveitar o Demo o noso desexo de estarmos sans?

17 O Demo tamén pode intentar aproveitar o noso desexo de estarmos sans. Moitas persoas teñen moi mala saúde, e quizais ningún tratamento lles dá resultado (Marcos 5:25, 26). Mesmo poderían estar tan desesperadas por curar que estean dispostas a probar calquera cousa. Pero os cristiáns debemos ter coidado de non escoller ningún tratamento relacionado con poderes sobrenaturais (Levítico 19:31).

Un irmán ora coa súa muller, que está na cama dun hospital

Confía en Xehová cando esteas enfermo

18. Que tratamentos médicos deben evitar os cristiáns?

18 No antigo Israel, había persoas que practicaban a maxia. Pero Xehová díxolles: “Cando alongáde-las vosas palmas, tapo os ollos para non vos ver. Cando, a forza de berros, aumentáde-la vosa oración, non son eu quen vos escoita” (Isaías 1:15). Pensa nisto. Xehová nin sequera escoitaba as súas oracións! Non queremos que nada poida danar a nosa amizade con Xehová e lle impida axudarnos, sobre todo cando estamos enfermos (Salmo 41:4 [41:3, NM]). Por iso, antes de aceptar un tratamento, debemos asegurarnos de que non teña ningunha relación co ocultismo (Mateo 6:13). Se cremos que podería tela, debemos rexeitalo (ver a nota 32).

HISTORIAS DE DEMOS

19. Por que moita xente lle ten medo ó Demo?

19 Algunhas persoas pensan que Satanás e mailos demos non existen. Outras saben que son reais por algo que lles pasou na vida. Moitos viven aterrados polos malos espíritos e son escravos de costumes e supersticións. Tamén hai quen vai espallando o medo ó contar historias das cousas horribles que fan os demos. A miúdo, as persoas quedan abraiadas con estas historias e están desexando contárllelas a outros. Isto fai que a xente lle teña medo ó Demo.

20. De que maneira poderiamos espallar as mentiras de Satanás?

20 Pensa nisto. Satanás quere que a xente lle teña medo (2 Tesalonicenses 2:9, 10). É un mentireiro. Ademais sabe como influír na mente dos que senten curiosidade polo ocultismo e facerlles crer cousas que non teñen por que ser certas. Poida que despois vaian contando por aí as cousas que viron e escoitaron. E canto máis se contan esas historias, máis se van esaxerando. Non queremos axudar o Demo repetindo esas historias que lle meten medo á xente (Xoán 8:44; 2 Timoteo 2:16).

21. En vez de andarmos contando historias sobre os demos, de que deberiamos falar?

21 Se un servo de Xehová tivo algún contacto cos demos, non debería ir contando o que lle pasou para entreter a outros. Os servos de Xehová non temos por que ter medo do que Satanás e mailos demos nos poidan facer. Máis ben, debemos pensar en Xesús e no poder que Xehová lle deu (Hebreos 12:2). Xesús non lles foi contando historias sobre os demos ós seus discípulos. Centrouse na mensaxe do Reino e faloulles “das grandezas de Deus” (Feitos 2:11; Lucas 8:1; Romanos 1:11, 12).

22. Que estás decidido a facer?

22 Nunca esquezamos que o obxectivo de Satán é romper a nosa amizade con Xehová. Vai facer todo o posible por conseguilo. Pero sabemos cales son os seus métodos e estamos decididos a evitar calquera forma de ocultismo. Non queremos darlle “entrada ó demo” para que non debilite a nosa determinación (le Efesios 4:27). Se lle facemos fronte ó Demo, estaremos a salvo das súas estrataxemas e teremos a protección de Xehová (Efesios 6:11).

PRINCIPIOS BÍBLICOS

1 O DEMO CONTROLA O MUNDO

“O mundo enteiro está nas mans do Maligno” (1 Xoán 5:19)

Cal é o obxectivo de Satanás?

  • 1 Pedro 5:8

    Satán quere danar e incluso romper a nosa relación con Xehová.

  • Xob 2:4, 5

    Satanás acusa os humanos de serviren a Xehová por motivos egoístas. Enfádase moito cando alguén chega a coñecer e amar a Xehová.

2 NON LLE TEÑAMOS MEDO A SATANÁS

“Sédelle, logo, ben mandados a Deus; facédelle fronte a Satán e arredará de vós” (Santiago 4:7)

Por que sabemos que podemos facerlle fronte ó Demo?

  • Apocalipse 7:9, 14

    Xehová limita o que o Demo pode facernos. Deus prometeu que unha gran multitude pasará con vida ó novo mundo.

  • 2 Crónicas 15:2

    Se nos mantemos a carón de Xehová, Satanás non poderá romper a nosa relación con El.

  • 1 Corintios 10:13; Hebreos 11:4-40

    Xehová axudou a servos do pasado a manterse fieis e promete que fará o mesmo por nós.

3 TEÑAMOS COIDADO COAS TRAMPAS DE SATANÁS

“Non descoñecémo-las súas intencións” (2 Corintios 2:11)

Por que ataca o Demo ó pobo de Xehová? Que trampas utiliza?

  • Xoán 15:19; Apocalipse 12:12, 17

    O Demo controla o mundo, pero non controla o pobo de Xehová. Por iso nos ataca.

  • Xénese 3:1; Gálatas 5:19-21; Efesios 6:12

    O Demo busca as nosas debilidades para usalas contra nós.

  • Levítico 19:26, 31; Isaías 1:15; Marcos 5:25, 26

    Debemos ter coidado ó escoller tratamentos médicos. Unha persoa podería estar tan desesperada por curar que chegue a aceptar tratamentos relacionados con poderes sobrenaturais.

  • Deuteronomio 18:10-12; Feitos 19:19; Gálatas 6:7; Apocalipse 21:8

    Se os demos ven que nos atrae o sobrenatural, poden aproveitarse da nosa curiosidade. Se tivésemos contacto co espiritismo, non estariamos sendo leais a Xehová.

4 NON ESPALLEMOS AS MENTIRAS DO DEMO

Satán “é mentireiro e pai da mentira” (Xoán 8:44)

De que xeito poderiamos espallar as mentiras do Demo?

  • Romanos 1:11, 12; 2 Timoteo 2:16

    Nas historias que conta a xente, Satán e os seus demos parecen máis poderosos do que en realidade son. No canto de andar contando esas historias para espallar o medo, falemos de cousas que nos animen.

  • Efesios 6:11

    Cando coñecemos as trampas do Demo, podemos facerlle fronte e manternos a carón de Xehová.

    Publicacións en galego (1993-2025)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir