Por que debería importarche o que pasou no xardín de Edén?
UNHA das acusacións máis sorprendentes contra o relato do xardín de Edén é que, segundo din algúns eruditos, o resto da Biblia non o apoia. Paul Morris, un profesor de estudos relixiosos escribiu: “Nas Escrituras non se volve facer ningunha referencia directa á historia de Edén”. Poida que moitos especialistas estean de acordo con esta opinión, pero o certo é que os feitos din xusto o contrario.
En realidade, a Biblia contén numerosas referencias a Adam, a Eva, á serpe e ó xardín de Edén.a Pero o erro deses expertos non é tan grave se o comparamos con outro moito peor e perigoso: o que cometen certos líderes relixiosos e eruditos ó afirmar que a historia do Paraíso é pura ficción. Por que dicimos iso? Porque así están atacando a propia Biblia.
Sen ter unha idea clara do que pasou en Edén, é imposible comprender a mensaxe da Palabra de Deus. A Biblia ofrece respostas a algunhas das preguntas máis profundas e importantes da vida, e esas respostas están moi relacionadas co que pasou no xardín de Edén. Imos ver algúns exemplos.
● Por que nos facemos vellos e morremos? Se Adam e Eva obedecesen a Xehová, poderían vivir para sempre. Pero o día no que se rebelaron, perderon a perfección e empezaron a morrer (Xénese 2:16, 17; 3:19). Eles transmitíronnos a imperfección e o pecado a todos nós. Por iso a Biblia di: “O pecado entrou no mundo por un home só, pero como polo pecado entrou a morte, a morte pasou a tódolos homes e, en consecuencia, todos quedaron incursos no pecado” (Romanos 5:12).
● Por que permite Deus que exista a maldade? No xardín de Edén, Satanás acusou a Xehová de ser un mentireiro e de privar as súas criaturas de cousas boas (Xénese 3:3-5). Noutras palabras, acusouno de ser un mal gobernante. Adam e Eva puxéronse de parte do Demo e tamén rechazaron a autoridade de Xehová, dando a entender así que o ser humano pode decidir por si mesmo o que está ben e o que está mal. Como respondeu Xehová? Como Deus sabio e xusto que é, sabía que só había unha forma de resolver esa cuestión de maneira definitiva: permitir que os humanos se gobernasen a si mesmos por un tempo. A maldade que hai hoxe no mundo, debida en parte á influencia de Satanás, deixou claro que o home non é capaz de gobernarse sen a axuda de Deus (Xeremías 10:23).
● Para que creou Deus a Terra? O xardín de Edén é unha proba de que Deus quería que a Terra fose moi fermosa. Por iso lles encargou a Adam e Eva que enchesen o planeta e que estendesen aquel xardín tan bonito por todo o mundo (Xénese 1:28). Polo tanto, o propósito de Deus é que a Terra sexa un paraíso e que os descendentes de Adam e Eva cheguen a ser perfectos e vivan felices e en unidade. Gran parte da mensaxe da Biblia ten que ver coa forma na que Deus cumprirá ese propósito.
● Por que veu Xesús á Terra? A rebelión no xardín de Edén condenou á morte a Adam e Eva, e tamén a tódolos seus descendentes. Pero Deus, grazas ó seu inmenso amor, enviou o seu Fillo á Terra para darnos unha esperanza por medio dun rescate (Mateo 20:28). En que consiste ese rescate? Recordemos que Xesús, a quen a Biblia lle chama “o último Adam”, sempre foi obediente a Xehová, a diferenza do primeiro home. Por iso non perdeu a perfección. Dese xeito, puido entregar a súa vida para rescatar a humanidade do pecado. Así deulles ás persoas fieis a posibilidade de obter o perdón de Deus e recibir no futuro o tipo de vida que Adam e Eva tiñan en Edén antes de pecar (1 Corintios 15:22, 45; Xoán 3:16). Ó facer iso, Xesús garantiu que o propósito de Deus de converter a Terra nun paraíso se fará realidade.b
Como vemos, o propósito de Deus non é un concepto teolóxico abstracto. É algo real. Igual que todo en Edén —o xardín, as persoas e os animais— era real, as promesas de Deus para o futuro tamén son certas e pronto se farán realidade. Gustaríache ver o cumprimento desas promesas? Pois en gran parte vai depender de ti. Deus quere que se beneficien tantas persoas como sexa posible, incluso aquelas que no pasado fixeron cousas malas (1 Timoteo 2:3, 4). Como o sabemos?
Xusto antes de morrer, Xesús falou cun home que levara unha mala vida. Aquel home fora un criminal e sabía que merecía ser executado. Pero acudiu a Xesús en busca de consolo e esperanza. E Xesús respondeulle: “Estarás comigo no paraíso” (Lucas 23:43). Se Xesús quere que un delincuente arrepentido teña a oportunidade de vivir para sempre no Paraíso na Terra, non é lóxico pensar que tamén quere darnos esa oportunidade a nós? Dende logo que si. E o mesmo quere o seu Pai. Se ti tamén queres vivir para sempre no Paraíso, non deixes de aprender todo o que poidas sobre Xehová, o Creador do xardín de Edén.
[Notas]
a Podes atopar algúns exemplos en Xénese 13:10; Deuteronomio 32:8; 1 Crónicas 1:1; Isaías 51:3; Ezequiel 28:13; 31:8, 9; Lucas 3:38; Romanos 5:12-14; 1 Corintios 15:22, 45; 2 Corintios 11:3; 1 Timoteo 2:13, 14; Xudas 14 e Apocalipse 12:9.
b Para saber máis sobre o rescate, mira o capítulo 5 do libro Que nos ensina a Biblia?, publicado polas testemuñas de Xehová.
[Recadro/Imaxes da páxina 10]
A PRIMEIRA PROFECÍA O FÍO CONDUTOR DA BIBLIA
“Poño hostilidade entre ti e a muller, entre a túa liñaxe e a dela. Ti tentarás de atanguerlle o calcañar, pero ela esmagarache a cabeza” (Xénese 3:15).
Esta é a primeira profecía da Biblia, pronunciada por Deus en Edén. Pero, quen son a serpe, a muller e as descendencias de cada unha? Que “hostilidade” existe entre elas?
A SERPE
Satanás, o Demo (Apocalipse 12:9).
A MULLER
A parte celestial da organización de Xehová, composta por criaturas espirituais (Gálatas 4:26, 27). Isaías profetizou que esta muller daría a luz unha nación espiritual (Isaías 54:1; 66:8).
A DESCENDENCIA DA SERPE
Os que deciden facer a vontade do Demo (Xoán 8:44).
A DESCENDENCIA DA MULLER
Principalmente Xesucristo, que veu da parte celestial da organización de Xehová. Tamén inclúe os irmáns espirituais de Cristo. Estes cristiáns foron escollidos para reinar con Xesús no ceo e formar unha nación espiritual, “o Israel de Deus” (Gálatas 3:16, 29; 6:16; Xénese 22:18).
A FERIDA NO CALCAÑAR
Cando o Fillo de Deus estivo na Terra, Satanás conseguiu que o matasen. Aínda que foi un golpe duro, os seus efectos foron temporais porque Xesús foi resucitado.
A FERIDA NA CABEZA
Xesús daralle un golpe mortal a Satanás cando o destrúa para sempre. Antes diso, reparará os danos que o Demo causou coa rebelión de Edén (1 Xoán 3:8; Apocalipse 20:10).
Para atopar unha breve explicación sobre o tema principal da Biblia, consulta o folleto La Biblia y su mensaje, publicado polas Testemuñas de Xehová.
[Imaxe da páxina 11]
Adam e Eva sufriron as terribles consecuencias do seu pecado