A BIBLIA CAMBIOULLES A VIDA
Non quería morrer!
ANO DE NACEMENTO: 1964
PAÍS DE ORIXE: INGLATERRA
OUTROS DATOS: ERA REBELDE E TIVEN UN FILLO SENDO ADOLESCENTE
O MEU PASADO
Nacín en Paddington, unha zona moi poboada de Londres (Inglaterra). Vivía coa miña nai e con tres irmás máis vellas ca min. Meu pai entraba e saía das nosas vidas porque tiña problemas co alcohol.
Cando era nena, miña nai ensinoume a orar tódalas noites. Eu tiña unha pequena Biblia que só traía os Salmos e inventaba a música para cantalos. Dunha vez lin nun libro unha frase que me marcou: “Algún día non haberá un mañá”. Esas palabras non me deixaban durmir pola noite. Pensaba no futuro e dicíame: “Ten que haber algo máis na vida. Que fago eu aquí?”. Eu non quería morrer!
Chamábame moito a atención o ocultismo. Intentaba falar cos mortos e ía a cemiterios cos amigos da escola. Tamén viamos películas de terror. Todo isto dábanos moito medo, pero tamén nos parecía moi emocionante.
Con só 10 anos empecei a ir por mal camiño. Comecei a fumar e axiña me volvín adicta. Co tempo, tamén fumaba marihuana. Con 11 anos empecei a beber. Aínda que non me gustaba o sabor do alcohol, si que me gustaba a sensación de estar borracha. Tamén me gustaba a música e o baile, así que sempre que podía ía a festas e a discotecas. Moitas veces escapaba da casa pola noite e volvía á mañanciña sen que me visen. Pero ó día seguinte estaba tan cansa que a maioría das veces non ía a clase. E cando ía, adoitaba beber entre clases.
No último ano de escola saquei moi malas notas. Como a miña nai case non sabía nada do meu mal comportamento, cando o viu sentiuse moi decepcionada e enfadouse comigo. Discutimos e acabei marchando da casa. Durante un tempo, vivín con Tony, o meu mozo, que era rastafari. El dedicábase a roubar, vendía drogas e tiña fama de ser moi violento. Ó pouco quedei embarazada e dei a luz con só 16 anos.
O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA
Coñecín as testemuñas de Xehová cando vivía nunha casa de acollida para nais solteiras. Conseguira vivir alí grazas ós servizos sociais. Dúas mulleres que eran testemuñas de Xehová viñan visitar outras nais novas, así que un día uninme á conversa. Quería demostrar que as testemuñas de Xehová están equivocadas. Fíxenlles moitas preguntas, pero elas respondéronmas todas con calma e de xeito sinxelo, citando sempre da Biblia. Chamoume moito a atención que fosen tan amables e agarimosas. Por iso aceptei un curso da Biblia.
Axiña aprendín algo na Biblia que cambiou a miña vida. Dende moza, tíñalle medo á morte, pero entón descubrín o que dixo Xesús sobre a resurrección dos mortos (Xoán 5:28, 29). Tamén aprendín que Deus coida de min (1 Pedro 5:7). O que di Xeremías 29:11 chegoume ó corazón: “Soamente eu coñezo os proxectos que eu planeo para vós —é o Señor quen fala—, proxectos de fartura e non de desgracia, de darvos un porvir e unha esperanza”. Comecei a crer que eu tamén podería vivir para sempre no Paraíso na Terra (Salmo 37:29).
As testemuñas de Xehová foron moi agarimosas comigo. A primeira vez que fun a unha das súas reunións notei que o ambiente era moi agradable e acolledor. Todos eran moi amigables (Xoán 13:34, 35). Era totalmente distinto a como me trataran na igrexa. As testemuñas de Xehová acolléronme moi ben a pesar do meu estilo de vida. Dedicáronme tempo e déronme cariño, atención e axuda. Sentín que formaba parte dunha gran familia chea de amor.
Ó estudar a Biblia entendín que tiña que facer cambios na miña vida se quería estar á altura das normas morais de Deus. Custoume moito deixar de fumar. Tamén me decatei de que certo estilo de música me facía ter máis ganas de fumar marihuana, así que deixei de escoitala. Ademais, deixei de ir ás festas e ás discotecas, xa que alí me vía tentada a beber. E busquei novos amigos que fosen unha boa influencia para min (Proverbios 13:20).
Tony tamén estaba a estudar a Biblia coas testemuñas de Xehová. A medida que lle respondían coa Biblia as súas preguntas, convenceuse de que o que estaba a aprender era a verdade. Fixo grandes cambios na súa vida: apartouse dos seus amigos violentos e deixou de roubar e de fumar marihuana. E como queriamos servir a Xehová como el quere, entendemos que debiamos legalizar a nosa relación e darlle ó noso pequeno un ambiente estable. Así que casamos en 1982.
“Xa non quedo esperta toda a noite pensando no futuro ou na morte”
Lembro buscar artigos nas revistas La Atalaya e ¡Despertad!a de persoas que foran capaces de facer os cambios que eu quería facer. As súas historias animábanme moito, dábanme forzas para non renderme e seguir loitando. Sempre lle pedía a Xehová que non se fartase de min. Tony e mais eu bautizámonos como testemuñas de Xehová en xullo de 1982.
OS BENEFICIOS
Facerme amiga de Xehová salvoume a vida. Cando Tony e mais eu pasamos por momentos difíciles, vimos que Xehová nos sostivo. Aprendemos a confiar nel cando pasamos por problemas, e sempre sentimos que coidou da nosa familia (Salmo 55:23 [55:22, TNM]).
Foi moi bonito axudar ó noso fillo e á nosa filla a ser amigos de Xehová. E agora sinto a mesma alegría ó ver que os meus netos tamén o van coñecendo cada vez mellor.
Xa non quedo esperta toda a noite pensando no futuro ou na morte. Tony e mais eu estamos moi ocupados visitando tódalas semanas diferentes congregacións das testemuñas de Xehová para animar os que forman parte delas. E imos con eles a ensinarlles ás persoas que, se poñen fe en Xesús, tamén poderán vivir para sempre.
a Tamén publicadas polas Testemuñas de Xehová.