BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • w22 decembro páxs. 2-7
  • Podemos vivir para sempre

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Podemos vivir para sempre
  • A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2022
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • XEHOVÁ É ETERNO
  • XEHOVÁ CREOUNOS PARA VIVIR PARA SEMPRE
  • O PROPÓSITO DE XEHOVÁ NON CAMBIOU
  • UN MARABILLOSO FUTURO POR DIANTE
  • Que fixo Deus no pasado?
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (público) 2019
  • Podes vivir para sempre na Terra
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (público) 2018
A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2022
w22 decembro páxs. 2-7

ARTIGO DE ESTUDO 49

Podemos vivir para sempre

“Nisto consiste a vida eterna” (XN. 17:3).

CANCIÓN sn 12 A promesa da vida eterna

AVANCEa

1. Que pasa cando meditamos na promesa de Xehová de ter vida eterna?

XEHOVÁ prométenos que, se o obedecemos, teremos “vida eterna” (Rm. 6:23). Cando meditamos no que nos ofrece, o noso amor por el faise máis forte. Pensa nisto. O noso Pai celestial quérenos tanto que nos fai este regalo para que nunca teñamos que separarnos del.

2. Como nos axuda a promesa da vida eterna?

2 A promesa da vida eterna que nos fai Deus axúdanos a aguantar os problemas que poidamos ter agora. Incluso se os nosos inimigos ameazan con matarnos, non deixamos de servir a Xehová. Por que? Unha das razóns é porque sabemos que, se morremos fieis, Xehová devolveranos a vida e teremos a esperanza de non volver a morrer nunca máis (Xn. 5:28, 29; 1 Cor. 15:55-58; Heb. 2:15). Por que podemos estar seguros de que é posible vivir para sempre? Vexamos algunhas razóns.

XEHOVÁ É ETERNO

3. Por que podemos estar seguros de que Xehová pode facer que vivamos para sempre? (Salmo 102:13, 25, 28 [102:12, 24, 27, TNM]).

3 Sabemos que Xehová pode facer que vivamos para sempre porque el é a Fonte da vida, e ademais é eterno (Sal. 36:10 [36:9, TNM]). Hai varios versículos na Biblia que confirman que Xehová sempre existiu e que sempre existirá. Por exemplo, o Salmo 90:2 di que Xehová é “desde sempre e por sempre”. E o Salmo 102 tamén destaca unha idea parecida (le Salmo 102:13, 25, 28 [102:12, 24, 27, TNM]). Ademais, o profeta Habacuc dixo sobre o noso Pai celestial: “Oh, Xehová, non existes desde sempre? Oh, meu Deus, meu Santo, ti non morres” (Hab. 1:12, TNM).

4. Deberiamos preocuparnos se se nos fai difícil entender a idea de que Xehová sempre existiu? Explica a túa resposta.

4 Fáiseche difícil entender a idea de que Xehová é “Deus da Eternidade”, é dicir, que sempre existiu? (Is. 40:28) A moitas persoas pásalles o mesmo. Elihú dixo de Deus que “o número dos seus anos escapa á nosa comprensión” (Xob 36:26, TNM). Pero que nós non comprendamos algo non quere dicir que sexa mentira. Por exemplo, quizais non entendamos de todo como funciona a electricidade. Pero, significa iso que non existe? Claro que non. De maneira parecida, probablemente os humanos non poidamos comprender por completo como pode ser que Xehová sempre existise e que sempre vaia existir. Iso non quere dicir que Deus non sexa eterno. O Creador non está limitado polo que nós somos capaces de entender (Rm. 11:33-36). El xa existía antes de que o Universo físico fose creado, incluídos o Sol e as estrelas. Estamos seguros de que fixo a Terra co seu poder. De feito, Deus xa existía cando “estendeu o ceo coa súa intelixencia” (Xer. 51:15; Feit. 17:24). Cal é outra razón pola que estamos seguros de que poderemos vivir para sempre?

XEHOVÁ CREOUNOS PARA VIVIR PARA SEMPRE

5. Que esperanza tiña a primeira parella humana?

5 Xehová creou tódolos seres vivos da Terra para que vivisen só durante un tempo. Pero ós humanos deunos algo único: a posibilidade de non ter que morrer. Aínda así, advertiulle a Adam: “Da árbore do coñecemento do ben e do mal non comerás, pois en canto comas dela de certo morrerás” (Xén. 2:17). Se Adam e Eva obedecían a Xehová non morrerían. Por iso é lóxico pensar que nalgún momento Xehová lles permitiría comer “da árbore da vida”. Isto aseguraríalles que poderían vivir para sempre (Xén. 3:22).b

A palabra sempre na Biblia

A palabra hebrea máis común que normalmente se traduce como sempre é oh·lam. Na Biblia, esta palabra pode referirse a algo que existiu desde hai moito tempo no pasado ou que existirá durante moito tempo no futuro, sen un inicio nin un fin claros (Xos. 24:2; Sal. 24:7, 9). Ademais, tamén pode referirse a algo que xamais acaba. Este é o significado que ten esta palabra cando se di que Xehová existe para sempre (Sal. 102:13, 25, 28 [102:12, 24, 27, TNM]). Dependendo do contexto, a Traducción del Nuevo Mundo traduce esta palabra hebrea como “sempre”, “permanente”, “eterno” ou “hai moito tempo”.

6, 7. a) Que outras cousas demostran que Xehová non nos creou para morrer? b) Que cousas estás desexando facer no novo mundo? (Ver as imaxes).

6 É interesante que algúns científicos descubriron probas de que o noso cerebro pode almacenar moita máis información da que podemos aprender en toda a nosa vida. No ano 2010, a revista Scientific American Mind dixo que a capacidade do noso cerebro é de aproximadamente 2,5 millóns de xigabytes, é dicir, o equivalente a tres millóns de horas (máis de 300 anos) de programas de televisión. Pero é posible que aínda teña máis capacidade. Isto demostra que Xehová fixo que o noso cerebro poida almacenar moita máis información da que podemos aprender en tan só 70 ou 80 anos (Sal. 90:10).

7 Xehová tamén nos creou co forte desexo de seguir vivindo. Cando fala dos humanos, a Biblia di que Deus “puxo a eternidade no corazón deles” (Ecl. 3:11, TNM). Esta é unha das razóns polas que vemos a morte coma un inimigo (1 Cor. 15:26). Cando nos poñemos moi enfermos, verdade que non queremos morrer? Normalmente imos ó médico, e tamén é posible que tomemos algún medicamento para tratar a enfermidade. De feito, facemos todo o que está nas nosas mans para seguir vivindo. Ademais, cando morre alguén que queremos moito, sen importar se era unha persoa nova ou maior, verdade que nos sentimos moi tristes durante moito tempo? (Xn. 11:32, 33) Por iso, é lóxico pensar que o noso amoroso Creador non nos poñería o desexo e a capacidade de seguir vivindo se o seu propósito para os humanos non fose que vivísemos para sempre. Pero temos máis razóns para crer que podemos vivir para sempre. Vexamos algunhas cousas que fixo Xehová no pasado e que está facendo no presente que demostran que o seu propósito orixinal non cambiou.

Serie de imaxes: Un irmán maior sentado diante dunha mesa con moitos medicamentos lendo a Biblia e imaxinando as cousas que poderá facer cando volva a ter forzas no novo mundo. 1. Navegar. 2. Pintar un cadro. 3. Pasear ó lado dunha cascada.

Desfrutamos de dedicar tempo a imaxinar o que poderemos facer cando teñamos vida eterna (ver o parágrafo 7).c

O PROPÓSITO DE XEHOVÁ NON CAMBIOU

8. Que nos asegura Isaías 55:11 sobre o propósito de Xehová?

8 Aínda que o pecado de Adam e Eva provocou que os seus fillos acabasen morrendo, isto non fixo que Xehová cambiase de opinión (le Isaías 55:11). O seu propósito segue sendo que os humanos fieis vivan para sempre. Sabémolo por todo o que Xehová dixo e fixo para que se cumprise o seu propósito.

9. Que prometeu Deus? (Daniel 12:2, 13, TNM).

9 Xehová prometeu que resucitará as persoas que morreron e que lles dará a oportunidade de vivir para sempre (Feit. 24:15; Tit. 1:1, 2). Xob foi un home fiel que estaba convencido de que Xehová de verdade quería resucitar as persoas que morreron (Xob 14:14, 15, TNM). O profeta Daniel sabía que as persoas resucitarían coa posibilidade de vivir para sempre (Sal. 37:29; le Daniel 12:2, 13, TNM). Cando Xesús estivo na Terra, os xudeus tamén sabían que Xehová lles podería dar “vida eterna” ós seus servos fieis (Lc. 10:25; 18:18). Ademais, Xesús falou moitas veces desta promesa. De feito, Xehová resucitouno (Mt. 19:29; 22:31, 32; Lc. 18:30; Xn. 11:25).

A viúva de Sarepta moi feliz despois de que o profeta Elías resucitase o seu fillo.

Que nos asegura a resurrección que fixo Elías? (Ver o parágrafo 10).

10. Que demostran as resurreccións do pasado? (Ver a imaxe).

10 Xehová é a Fonte da vida e ten o poder para devolverlles a vida ás persoas. Deulle poder ó profeta Elías para que resucitase o fillo dunha viúva que vivía en Sarepta (1 Re. 17:21-23). Máis tarde, tamén lle deu poder ó profeta Eliseo para que lle devolvese a vida ó fillo dunha muller xunamita (2 Re. 4:18-20, 34-37). Estas e outras resurreccións demostran que Xehová ten o poder para devolverlles a vida ás persoas. Cando Xesús estivo na Terra, demostrou que o seu Pai lle dera este poder (Xn. 11:23-25, 43, 44). Agora Xesús está no ceo e déuselle “todo poder no ceo e mais na terra”. Por iso pode cumprir a promesa de que “tódolos que están nos sepulcros” serán resucitados e terán a oportunidade de vivir para sempre (Mt. 28:18; Xn. 5:25-29).

11. Como fai posible o rescate que poidamos vivir para sempre?

11 Por que deixou Xehová que o seu querido Fillo morrese dunha forma tan dolorosa? Xesús deu a resposta cando dixo: “De tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna” (Xn. 3:16). Ó dar o seu Fillo como rescate para tapar os nosos pecados, Deus fixo posible que poidamos ter vida eterna (Mt. 20:28). O apóstolo Paulo explicou esta parte tan importante do propósito de Deus cando escribiu: “Xa que por un home entrou a morte, tamén por un home chegou a resurrección dos mortos. Igual que todos morren por Adam, así tamén por Cristo todos revivirán” (1 Cor. 15:21, 22).

12. Como conseguirá Xehová que se cumpra o seu propósito?

12 Xesús ensinoulles ós seus seguidores a orar para que veña o Reino de Deus e para que se faga a vontade de Deus na Terra (Mt. 6:9, 10). Unha parte do propósito de Xehová para os humanos é que vivan para sempre na Terra. Para conseguilo, nomeou o seu Fillo como Rei do Reino Mesiánico. Desde o primeiro século, leva escollendo 144.000 persoas da Terra para que traballen con Xesús cumprindo a Súa vontade (Ap. 5:9, 10).

13. Que está facendo Xehová na actualidade, e que debemos facer nós?

13 Na actualidade, Xehová está xuntando unha gran multitude de persoas e preparándoas para que vivan baixo o seu Reino (Ap. 7:9, 10; Sant. 2:8). A pesar de que vivimos nun mundo dividido polo medo e pola guerra, os que forman parte deste grupo esfórzanse por superar todo tipo de odio entre eles. De maneira simbólica, xa están convertendo “as súas espadas” en “aixadas” (Miq. 4:3). En vez de participar en guerras que causan tantas mortes, ensínanlles ás persoas sobre o verdadeiro Deus e o seu propósito, e así axúdanlles a atopar a “verdadeira vida” (1 Tim. 6:19). É probable que os familiares se opoñan a eles ou que perdan cartos por apoiar o Reino de Deus, pero Xehová asegúrase de que teñan o necesario (Mt. 6:25, 30-33; Lc. 18:29, 30). Todo isto é unha garantía de que o Reino de Deus é unha realidade e de que seguirá cumprindo o propósito de Xehová.

UN MARABILLOSO FUTURO POR DIANTE

14, 15. Como se cumprirá a promesa de Xehová de acabar coa morte para sempre?

14 Agora Xesús é o Rei do Reino de Deus e cumprirá tódalas promesas que Xehová fixo (2 Cor. 1:20). Desde 1914 está dominando os seus inimigos (Sal. 110:1, 2). Moi pronto, Xesús e os que gobernarán con el, completarán a súa vitoria e acabarán con tódalas persoas malvadas (Ap. 6:2).

15 Durante o Reino de Mil Anos de Xesús, os mortos serán resucitados e as persoas que obedezan a Xehová chegarán a ser perfectas. Despois da proba final, os que Xehová xulgue como xustos “herdarán a terra e habitarán nela para sempre” (Sal. 37:10, 11, 29). Por fin se acabará coa morte, o último inimigo (1 Cor. 15:26).

16. Cal debería ser a razón máis importante pola que servimos a Xehová?

16 Como vimos, a nosa esperanza de vivir para sempre está ben baseada na Palabra de Deus. Esta esperanza axúdanos a seguir sendo leais durante estes últimos días tan difíciles. Pero para agradar a Xehová, debe motivarnos algo máis que só o desexo de seguir vivos. A razón máis importante pola que somos leais a Xehová e a Xesús é porque os queremos moito (2 Cor. 5:14, 15). Este amor motívanos a imitalos e a falarlles a outros da esperanza que temos (Rm. 10:13-15). Se aprendemos a non ser egoístas e nos volvemos xenerosos, Xehová quererá ser o noso amigo para sempre (Heb. 13:16).

17. Que responsabilidade temos cada un de nós? (Mateo 7:13, 14).

17 Estaremos entre os que consigan ter vida eterna? Xehová deunos esa oportunidade, pero somos nós os que temos que seguir no camiño que leva á vida (le Mateo 7:13, 14). Como será a vida cando vivamos para sempre? No seguinte artigo responderemos esta pregunta.

QUE RESPONDERÍAS?

  • Que probas temos de que Xehová nos creou para vivir para sempre?

  • Como sabemos que Xehová non cambiou o seu propósito de que os humanos vivan para sempre?

  • Cal debería ser a razón máis importante pola que queremos vivir para sempre?

CANCIÓN sjj 141 O milagre da vida

a Gustaríache vivir para sempre? Xehová prometeunos que chegará o día no que poderemos vivir sen ter que preocuparnos pola morte. Neste artigo imos analizar algunhas razóns polas que podemos estar totalmente convencidos de que cumprirá a súa promesa.

b Ver o recadro “A palabra sempre na Biblia”.

c DESCRICIÓN DA IMAXE: Un irmán maior imaxinando algunhas cousas que poderá facer cando teña vida eterna.

    Publicacións en galego (1993-2025)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir