Cando o teu cónxuxe ve pornografía
“Sentíame coma se meu home estivese cometendo adulterio unha e outra vez”
“Sentíame humillada, pouco atractiva e que non valía para nada”
“Non podía falar disto con ninguén. Sufríao en soidade”
“Sentía que Xehová non se preocupaba por min”
Estas palabras expresan canto sufre unha muller cando o seu marido ve pornografía. E se o seu home estivo facendo isto en segredo, quizais durante meses ou anos, poida que ela sinta que xa non vai ser capaz de confiar máis nel. Unha muller casada dixo: “Teño a sensación de que non coñezo o meu marido. Pregúntome se me estará ocultando máis cousas.”
Este artigo está dirixido ás mulleres que están casadas cun home que caeu na trampa de ver pornografía.a Analizará principios bíblicos que poden darlles consolo, asegurarlles que contan co apoio de Xehová e axudarlles a recuperarse en sentido emocional e espiritual.b
QUE PODE FACER O CÓNXUXE INOCENTE?
Claro, non é posible controlar todo o que fai o teu marido. Pero si que podes tomar algunhas medidas prácticas que che axuden a estar menos angustiada e che dean paz, como por exemplo:
Non te culpes. Algunhas mulleres pensan que se o seu home ve pornografía é, dalgunha maneira, culpa delas. Alicec pensaba que non era suficientemente atractiva para o seu home. Ela preguntábase: “Por que prefire o meu marido mirar outras mulleres en vez de a min?”. Outras cúlpanse a si mesmas por sentirse mal e pensan que están empeorando a situación. Danielle di: “Víame a min mesma como unha muller resentida que estaba destruíndo o seu matrimonio por culpa dos sentimentos de amargura”.
Ti tamén te sentes así? Pois podes estar segura de que Xehová non te fai responsable dos actos do teu home. Santiago 1:14 di: “A cadaquén téntao a súa cobiza” (Rm. 14:12; Flp. 2:12). Xehová non pensa que ti teñas a culpa. Todo o contrario, valora a túa lealdade a el (2 Cró. 16:9).
Algo que tamén che pode axudar é entender que o feito de que un home vexa pornografía non significa que a súa muller sexa pouco guapa ou atractiva. Varios expertos na materia explican que a pornografía fai que unha persoa teña desexos sexuais imposibles de satisfacer por ningunha muller.
Evita preocuparte en exceso. Catherine dixo que o feito de que o seu home vise pornografía converteuse nunha obsesión que non a deixaba vivir. Frances dixo: “Angustiábame cada vez que non sabía onde estaba o meu marido. Pasaba o día moi nerviosa”. Algunhas mulleres recoñeceron que senten moita vergonza en presenza dalgúns irmáns que poderían estar ó tanto do problema do seu marido. Outras admitiron que se senten moi soas porque pensan que ninguén entende polo que están pasando.
Sentirse así é natural. Pero, se pasas moito tempo pensando nisto, pode que o único que consigas sexa estar máis angustiada. En vez diso, intenta concentrarte na túa relación con Xehová. Así terás as forzas que necesitas para aguantar (Sal. 62:3 [62:2, TNM]; Ef. 6:10).
Outra cousa que tamén che pode ser de axuda é ler e meditar nos relatos bíblicos de mulleres que pasaron por situacións difíciles e que encontraron consolo ó achegarse a Xehová en oración. El non sempre eliminou os seus problemas, pero deulles paz. Por exemplo, a situación de Ana fixo que estivese “chea de tristura”. Pero, a Biblia di que “ela abundaba nos seus rezos, diante do Señor” e grazas a iso puido sentir paz a pesar de que aínda non sabía que ía pasar coa súa situación (1 Sam. 1:10, 12, 18; 2 Cor. 1:3, 4).
Pode que tanto o home como a muller necesiten pedirlle axuda ós anciáns
Busca a axuda dos anciáns da congregación. Eles poden ser “como un refuxio contra o vento, un pendello para o temporal” (Is. 32:2). Quizais ata che recomenden algunha irmá coa que poidas falar en confianza e que te poida animar (Pr. 17:17).
PODES AXUDARLLE?
Podes axudarlle ó teu marido a superar o hábito de ver pornografía? É posible. Cando se trata de loitar contra un inimigo poderoso, a Biblia di que “mellor son dous ca un” (Ecl. 4:9-12). Algúns estudos demostran que, con frecuencia, se obteñen bos resultados cando unha parella traballa xunta para superar a adicción dun deles á pornografía e restaurar a confianza no seu matrimonio.
Claro, moito dependerá de se a túa parella é sincera e está decidida a deixar este hábito. Pregúntante: “Suplicoulle a Xehová que lle dese forzas? Pediulle axuda ós anciáns? (2 Cor. 4:7; Sant. 5:14, 15) Tomou medidas para evitar a pornografía como, por exemplo, poñer límites ó seu uso dos dispositivos electrónicos e evitar as situacións que poidan facelo caer na tentación? (Pr. 27:12) Está disposto a aceptar a túa axuda e ser totalmente sincero contigo?”. Se é así, quizais lle poidas axudar.
Como podes facelo? Vexamos un exemplo. Felicia casou con Ethan, que se fixo adicto á pornografía na súa infancia. Cando el ten o impulso de ver pornografía, Felicia sempre está disposta a falar do asunto. Ethan explica: “Falo abertamente e con sinceridade coa miña muller. Ela axúdame con moito cariño a evitar a tentación e pregúntame regularmente como o estou levando. Tamén me axuda a ter coidado co tempo que dedico a usar Internet e o lugar no que o fago”. É evidente que a Felicia lle doe que o seu home teña este impulso. “Pero”, ela admite, “os meus sentimentos de rabia e dor non lle axudan ó meu home a liberarse deste hábito. Despois de que analicemos xuntos os seus problemas, el está máis disposto a axudarme a min a superar a miña dor”.
Estas conversas non só lle poden axudar ó marido a liberarse do hábito de ver pornografía, senón que tamén fan que a muller recupere a confianza nel. Ó fin e ó cabo, cando o home está disposto a falar abertamente coa súa muller das súas debilidades, de a onde vai e do que fai, é máis fácil que a muller confíe nel.
Cres que ti tamén poderías axudar ó teu home deste xeito? Se é así, por que non ledes e analizades xuntos este artigo? Cando o leades, el debe centrarse no que lle pode axudar a deixar de ver pornografía e en como volver a ganar a túa confianza. En vez de enfadarse porque queiras falar sobre este asunto, debería intentar entender como te fai sentir este problema. Por outro lado, o teu obxectivo debe ser apoiar os esforzos que fai por deixar este vicio e darlle a oportunidade de recuperar a túa confianza. Os dous teredes que comprender que cousas levan ás persoas a caer na pornografía e como se pode superar este problema.d
Se pensas que non poderedes manter a calma cando faledes deste asunto, pídelle a un ancián co que os dous vos sintades cómodos que estea presente as primeiras veces que tratedes o tema. Tamén ten en conta que, incluso despois de superar este hábito, pode que che leve un tempo volver a confiar na túa parella. Pero, non te rendas. Concéntrate nos pequenos progresos que ides conseguindo na vosa relación e confía en que, con tempo e paciencia, o voso matrimonio pode volver a estar forte de novo (Ecl. 7:8; 1 Cor. 13:4).
E QUE PASA SE NON O DEIXA?
Se o teu home ten unha recaída, significa iso que non está arrepentido ou que a situación xa non ten remedio? Non necesariamente. Se se trata dunha adicción, pode que teña que loitar contra este hábito toda a súa vida. Quizais recaia aínda que leve anos sen ver pornografía. Para que isto non suceda, terá que continuar esforzándose moito por estar alerta e seguir marcándose límites, incluso cando pareza que o problema xa está superado (Pr. 28:14; Mt. 5:29; 1 Cor. 10:12). Tamén terá que cultivar unha nova “actitude mental” e aprender a aborrecer o que está mal, o que inclúe a pornografía ou calquera práctica impura, como a masturbación (Ef. 4:23; Sal. 97:10; Rm. 12:9). Está el disposto a facer estes esforzos? Nese caso, pode que co tempo consiga vencer este hábito por completo.e
Céntrate na túa relación con Xehová
Pero que pasa se a túa parella non quere loitar contra este problema? É comprensible que te sintas decepcionada, enfadada e traizoada. Se ese é o teu caso, deixar o asunto nas mans de Xehová darache paz (1 Pe. 5:7). Segue achegándote a el por medio do estudo, a oración e a meditación. Se o fas, podes estar segura de que Xehová tamén se acercará a ti. De feito, Isaías 57:15 dáche a confianza de saber que Xehová reside xunto “co humillado e co de espírito abatido” para que recupere a alegría. Así que, esfórzate por dar o mellor de ti e busca o apoio dos anciáns. E nunca perdas a esperanza de que, en calquera momento, o teu home queira cambiar a súa forma de pensar (Rm. 2:4; 2 Pe. 3:9).
a Por simplificar, falaremos do marido como se fose el o que ve pornografía. Pero moitos dos principios que analizaremos tamén poden axudar no caso dun matrimonio no que é a muller a que ve pornografía.
b Que un dos cónxuxes vexa pornografía non proporciona base bíblica para o divorcio (Mt. 19:9, TNM).
c Cambiáronse algúns nomes.
d Atoparás máis información que che pode axudar en jw.org e nas nosas publicacións. Por exemplo, mira os artigos “La pornografía puede destruir su matrimonio” (dispoñible en español) en jw.org; “Usted puede vencer las tentaciones” en La Atalaya do 1 de abril de 2014, páxinas 10 a 12 (dispoñible en español) e “A pornografía. Inofensiva ou perigosa?” en A Atalaia do 1 de agosto de 2013, páxinas 3 a 7.
e Debido á grande adicción que pode causar a pornografía, ademais de recibir a axuda espiritual que dan os anciáns, algunhas parellas decidiron buscar axuda profesional neste tema.