ARTIGO DE ESTUDO 36
CANCIÓN sjj 89 As bendicións de escoitar a Xehová
“Sede cumpridores da Palabra”
“Sede cumpridores da Palabra e non vos contentedes con escoitala” (SANT. 1:22).
OBXECTIVO
Axudarnos a aumentar o noso desexo, non só de ler a Biblia tódolos días, senón tamén de pensar no que lemos e de aplicar o que aprendemos.
1, 2. Que nos fai felices ós servos de Xehová? (Santiago 1:22-25).
XEHOVÁ e o seu Fillo queren que sexamos felices. O escritor do Salmo 119:2 dixo: “Ditosos os que observan os seus mandatos e o buscan de todo corazón”. Xesús tamén dixo: “Felices os que escoitan a palabra de Deus e a obedecen!” (Luc. 11:28).
2 Os servos de Xehová somos xente feliz. Por que? Por moitas razóns, pero unha moi importante é que lemos a Biblia tódolos días e nos esforzamos por aplicar o que aprendemos (le Santiago 1:22-25).
3. Como nos beneficia aplicar o que lemos na Palabra de Deus?
3 Ser “cumpridores da Palabra” benefícianos de moitas maneiras. Por un lado, cando aplicamos o que aprendemos da Biblia agradamos a Xehová, e isto fainos felices (Ecl. 12:13). Por outro lado, cando seguimos os seus consellos mellora a nosa vida de familia e facémonos bos amigos dos que tamén adoran a Deus. É probable que isto xa o comprobases por ti mesmo. Tamén evitamos moitos dos problemas que teñen as persoas que non seguen os consellos de Xehová. Estamos de acordo co que dixo o rei David despois de cantar sobre a lei, os mandatos e os xuízos de Deus: “Para quen as obedece hai unha gran recompensa” (Sal. 19:7-11, TNM).
4. Por que non sempre é fácil aplicar o que lemos na Biblia?
4 Sendo sinceros, non sempre é fácil ler a Biblia e aplicar o que aprendemos. Temos que dedicar tempo nas nosas vidas tan ocupadas a lela e estudala para así poder entender o que Xehová quere que fagamos. Por iso, imos analizar algunhas ideas que poden axudarnos a lela diariamente. Tamén imos ver como podemos meditar sobre o que lemos e algunhas maneiras de poñer en práctica na nosa vida o que aprendemos.
APARTA TEMPO PARA LER A BIBLIA
5. Que cousas fan que esteamos ocupados?
5 A maioría dos servos de Xehová estamos moi ocupados. Dedicamos gran parte do noso tempo ás cousas que a Biblia di que son importantes. Por exemplo, moitos de nós temos un traballo segrar para coidar de nós mesmos e da nosa familia (1 Tim. 5:8). Tamén hai un gran número de irmáns que atenden os seus familiares enfermos ou maiores. E todos necesitamos coidar da nosa saúde, para o que tamén fai falta tempo. Á parte destas responsabilidades, temos que facer cousas importantes na congregación. Unha delas é participar con entusiasmo na predicación. Con todo o que hai que facer, como podes encontrar tempo para ler a Biblia tódolos días, meditar no que les e aplicar o que aprendes?
6. Que podes facer para que ler a Biblia sexa unha prioridade? (Ver tamén a imaxe).
6 A lectura da Biblia é unha das “cousas [...] máis importantes” para os cristiáns, por iso temos que convertela nunha prioridade para nós (Filip. 1:10). Falando do home feliz, o primeiro Salmo di: “Ten o seu contento na vontade do Señor e nela remoe día e noite” (Sal. 1:1, 2). Claro, isto significa que hai que apartar tempo para ler a Biblia. E cando é o mellor momento para facelo? Depende das túas circunstancias. Pero, en poucas palabras, debería ser nun momento no que o poidas facer tódolos días. Un irmán que se chama Victor conta: “Gústame ler a Biblia pola mañá. Aínda que non son moito de madrugar, hai menos distraccións nas primeiras horas do día. Así consigo estar máis atento e concentrarme mellor”. Poderías facer ti o mesmo? Pregúntate: “Cando é para min o mellor momento para ler a Biblia?”.
Cando é para ti o mellor momento para ler a Biblia? Cando podes facelo a diario? (Ver o parágrafo 6).
MEDITA NO QUE LES
7, 8. Que podería impedirnos aproveitar ben o que lemos? Pon un exemplo.
7 A realidade é que poderiamos estar lendo moita información pero sen asimilala. Por exemplo, liches algunha vez algo que ó pouco tempo xa non recordabas? A todos nos ten pasado e, tristemente, tamén nos podería suceder ó ler a Biblia. Quizais nos propuxemos ler un certo número de capítulos cada día. Iso está moi ben porque debemos poñernos metas e esforzarnos por cumprilas (1 Cor. 9:26). Pero, se realmente queremos sacarlle o máximo proveito, hai que facer algo máis que simplemente ler a Biblia.
8 Pensa na seguinte comparación. As plantas necesitan chuvia para sobrevivir. Pero se cae demasiada auga en pouco tempo, a terra podería encharcarse. Cando iso pasa, non sería bo que seguise chovendo. Por que? Porque para que as plantas poidan medrar, a terra necesita tempo para absorber a auga que caeu. Da mesma forma, temos que evitar ler a Biblia tan rápido que non poidamos absorber nin recordar o que lemos (Sant. 1:24).
Igual que a terra necesita tempo para absorber e aproveitar a auga da chuvia, nós necesitamos tempo para meditar e aplicar o que lemos na Palabra de Deus (ver o parágrafo 8).
9. Que deberiamos facer se temos o costume de darlle unha lectura rápida á Biblia?
9 Décheste conta algunha vez de que só lle estás dando unha lectura rápida á Biblia? Nese caso, que deberías facer? Baixar o ritmo. Esfórzate por pensar no que estás lendo ou no que acabas de ler. Isto non ten por que ser difícil. Quizais poderías alongar o teu estudo e incluír nel un tempo para meditar. Ou poderías ler menos versículos e usar o resto do tempo para pensar no que liches. Victor, do que xa falamos antes, di: “A miña lectura da Biblia é breve, quizais dun capítulo. [...] Como leo cedo pola mañá, podo seguir pensando no que lin durante todo o día”. Sen importar o método que utilices, é moi importante ler a un ritmo que che permita sacarlle o máximo proveito á túa lectura (Sal. 119:97; mira o recadro “Preguntas que te poderías facer”).
10. Pon un exemplo de como poderías poñer en práctica o que estás aprendendo (1 Tesalonicenses 5:17, 18).
10 Sen importar cando leas a Biblia nin durante canto tempo o fagas, asegúrate de pensar en como podes poñer en práctica o que aprendes. Ó ler unha parte da Biblia pregúntate: “Como podo aplicar esta información agora ou nun futuro próximo?”. Por exemplo, supoñamos que liches 1 Tesalonicenses 5:17, 18 (leo). Despois poderías facer unha pausa para pensar en cantas oracións fas e en se son profundas. Tamén poderías meditar en cousas específicas polas que estás agradecido. Quizais decidas darlle grazas a Xehová por tres delas. Con tan só uns poucos minutos de concentración poderás entender mellor a Palabra de Deus e poñer en práctica o que di. Imaxina o moito que te beneficiaría repetir isto tódolos días con outras partes da Biblia! Co tempo chegarás a ser un cumpridor da Palabra, é dicir, un mellor servo de Xehová. Pero, e se tes que mellorar en moitas cousas?
PONTE METAS RAZOABLES
11. Por que é posible que ás veces te sintas frustrado? Pon un exemplo.
11 Mentres les a Biblia, quizais te desanimes ó darte conta de que necesitas mellorar en moitas cousas. Pensa na seguinte situación. O luns, durante a túa lectura, les un consello sobre non mostrar favoritismo (Sant. 2:1-8). Cres que poderías mellorar neste asunto, así que decides facer algúns cambios. Isto é moi bo! O martes les unha pasaxe na que se destaca a importancia de controlar o que dis (Sant. 3:1-12). Notas que ás veces falas de maneira negativa así que te propós ser máis positivo e animador. O mércores les na Biblia unha advertencia sobre o perigoso que é ser amigo do mundo (Sant. 4:4-12). De novo, dáste conta de que debes escoller mellor o teu entretemento. Como te sentirás o xoves? Seguramente frustrado porque tes que mellorar en moitas cousas.
12. Por que non deberías desanimarte se, ó ler a Biblia, ves que tes cousas que cambiar? (Ver tamén a nota).
12 Se ves que necesitas facer cambios, non te desanimes, porque isto demostra que tes un bo corazón. A persoa que é humilde e honesta consigo mesma le a Biblia tratando de ver en que necesita mellorar.a Recorda que vestir “do home novo”, ou poñer a nova personalidade, é un proceso continuo (Col. 3:10). Entón, que che axudará a seguir sendo un cumpridor da Palabra de Deus?
13. Como podes poñerte un número razoable de metas? (Ver tamén a imaxe).
13 En vez de querer aplicar todo á vez, ponte un número razoable de metas (Prov. 11:2). Por exemplo, intenta o seguinte: fai unha lista coas cousas nas que tes que mellorar, escolle unha ou dúas para empezar e deixa o resto para máis adiante. Pero, por onde deberías empezar?
Cando les a Biblia, en vez de intentar aplicar todo á vez, por que non te pos metas razoables? Igual podes centrarte nunha ou dúas ideas (ver os parágrafos 13 e 14).
14. Con que metas poderías empezar?
14 Quizais decidas empezar cunha meta que che resulte fácil de alcanzar. Ou pode ser que escollas traballar en algo que necesitas mellorar especialmente. Unha vez que xa teñas claro cal será a túa próxima meta, investiga nas nosas publicacións usando, por exemplo, o Índice de las publicaciones Watch Tower ou a Guía de estudo para as testemuñas de Xehová. Ora sobre o teu obxectivo pedíndolle a Xehová que che dea “tanto o querer coma o facer” (Filip. 2:13). Despois pon en práctica o que aprendiches. Cando consigas alcanzar a primeira meta, estarás máis motivado para seguir traballando na seguinte. De feito, cando melloras nunha cualidade ou nun aspecto da vida cristiá é probable que te sintas máis animado e que che resulte máis fácil facer outros cambios.
DEIXA QUE A PALABRA DE DEUS ACTÚE EN TI
15. Cal é a diferenza entre o pobo de Xehová e moitas outras persoas que len a Biblia? (1 Tesalonicenses 2:13).
15 Algúns afirman que leron a Biblia moitas veces. Pero, cren realmente nela? Intentaron vivir de acordo co que ensina e cambiar a súa vida? Tristemente, a maioría destas persoas non o fixeron. Pero os servos de Xehová vemos a Biblia de maneira distinta. Igual ca os primeiros cristiáns, aceptámola “coma o que verdadeiramente é: coma palabra de Deus”. Ademais, esforzámonos por aplicar os seus consellos (le 1 Tesalonicenses 2:13).
16. Que pode axudarnos a ser cumpridores da Palabra?
16 Non sempre é fácil ler e aplicar o que di a Biblia. Ás veces pode custarnos encontrar tempo para facelo. Ou é posible que leamos a un ritmo moi rápido que non nos permita pensar no que estamos lendo. Tamén pode ser que nos sintamos frustrados ó ver todo o que temos que mellorar. Sen importar cales sexan os desafíos, é posible superalos coa axuda de Xehová. Así que non te contentes con escoitar e esquecer, máis ben faite cumpridor da Palabra. Podemos estar seguros de que, canto máis leamos a Biblia e a poñamos en práctica na nosa vida, máis felices seremos (Sant. 1:25).
CANCIÓN sjj 94 Grazas pola túa Palabra
a En jw.org, mira o vídeo O que opinan outros mozos. Ler a Biblia.