ARTIGO DE ESTUDO 11
CANCIÓN snnw 142 Todos podemos ser amigos de Xehová
Imita o entusiasmo de Xesús pola predicación
“O Señor [...] mandounos de dous en dous a tódolos lugares e cidades ós que despois tamén tiña pensado ir el” (LUC. 10:1).
OBXECTIVO
Recordar catro maneiras nas que podes imitar o entusiasmo de Xesús na predicación.
1. Que diferencia os servos de Xehová doutros que afirman ser cristiáns?
OS SERVOS de Xehová sentimos un forte desexo de predicar as boas noticias e esforzámonos por facelo. Isto diferéncianos doutros que tamén afirman ser cristiáns (Tito 2:14). Pero quizais nalgunhas ocasións che resulta difícil manter o entusiasmo pola predicación. Pode que te sintas coma un ancián moi traballador que dixo: “Ás veces simplemente non me apetece predicar”.
2. Por que pode facérsenos difícil seguir predicando con entusiasmo?
2 Quizais nos gusta máis participar noutras facetas do noso servizo a Xehová que predicar. Por que? Ó colaborar na construción ou no mantemento dos Salóns do Reino, ó axudar ós nosos irmáns cando hai un desastre ou ó buscar formas de animalos, é posible que vexamos os bos resultados de maneira inmediata e que iso nos faga sentir ben. Ademais, cando traballamos xunto cos nosos irmáns, desfrutamos dun ambiente pacífico e cheo de amor no que sabemos que se valora o que facemos. Por outro lado, pode ser que levemos anos predicando o mesmo territorio e que só unhas poucas persoas quixesen escoitar a mensaxe da Biblia, ou posiblemente algúns nos responderon de maneira desagradable. E tamén sabemos que, canto máis cerca estea o fin, máis oposición temos que esperar (Mat. 10:22). Que pode axudarnos a manter, ou mesmo aumentar, o noso entusiasmo pola predicación?
3. Que aprendemos sobre Xesús na comparación de Lucas 13:6-9?
3 Podemos aprender a predicar con entusiasmo analizando o exemplo de Xesús. Durante o seu ministerio, nunca deixou de esforzarse. De feito, a medida que pasaba o tempo, aumentaba a súa actividade (le Lucas 13:6-9). Igual que o home da comparación que coidou dunha figueira durante tres anos intentando cultivar figos sen ter éxito, Xesús pasou tres anos predicándolles ós xudeus aínda que a maioría deles non responderon ben. Pero, tal e como o home que coidou da figueira non perdeu a esperanza de conseguir figos, Xesús non se rendeu coa xente nin empezou a predicar menos. Ó contrario, esforzouse aínda máis por chegarlles ó corazón.
4. Que catro cousas podemos aprender do exemplo de Xesús?
4 Neste artigo analizaremos como demostrou Xesús entusiasmo, especialmente os últimos seis meses que estivo predicando (ver a nota de estudo “Después de estas cosas” en Lucas 10:1, nwtsty-S). Aprender do que ensinou e imitar o que fixo axudaranos a seguir demostrando esta cualidade. Vexamos catro cousas que podemos aprender del: 1) centrouse na vontade de Xehová, 2) prestoulles atención ás profecías da Biblia, 3) confiou en que Xehová o apoiaría e 4) mantivo a esperanza de que algúns o escoitarían.
CENTROUSE NA VONTADE DE XEHOVÁ
5. Como demostrou Xesús que estaba centrado en facer a vontade de Deus?
5 Xesús predicou con entusiasmo “as boas noticias do Reino” porque sabía que era o que Deus quería que fixese (Luc. 4:43). Para Xesús, predicar as boas noticias era o máis importante na súa vida. Incluso nos últimos meses do seu ministerio, estivo viaxando “de cidade en cidade e de aldea en aldea” para ensinarlles a outros (Luc. 13:22). Tamén capacitou a outros discípulos para que predicasen coma el (Luc. 10:1).
6. Como se relaciona a predicación con outras asignacións que poidamos ter? (Ver tamén a imaxe).
6 Hoxe en día, predicar as boas noticias tamén é a tarefa principal que Xehová e Xesús queren que fagamos (Mat. 24:14; 28:19, 20). Calquera traballo que realicemos para Xehová está directamente relacionado con esta obra. Por exemplo, construímos Salóns do Reino para que as persoas ás que lles predicamos poidan ir alí a adorar a Xehová. O labor que se fai en Betel e noutros lugares parecidos tamén serve para apoiar a predicación. E cando hai un desastre, asegurámonos de que os nosos irmáns reciban o que necesitan para que poidan recuperar a súa rutina espiritual, o que inclúe predicar. Se recoñecemos a importancia da predicación e recordamos que é o labor principal que Xehová quere que fagamos, sentirémonos motivados a participar nela tanto como poidamos. János, un ancián de Hungría, conta: “Recórdome a min mesmo que non hai ningunha outra actividade teocrática que poida substituír a predicación. Esta é a asignación máis importante que temos”.
Hoxe en día, predicar as boas noticias é a tarefa principal que Xehová e Xesús queren que fagamos (ver o parágrafo 6).
7. Por que quere Xehová que sigamos predicando? (1 Timoteo 2:3, 4).
7 Podemos aumentar o noso entusiasmo pola predicación se nos preocupamos pola xente como o fai Xehová. El quere que o maior número de persoas posible escoite as boas noticias e acepte a verdade (le 1 Timoteo 2:3, 4). Por iso nos capacita para que sexamos máis efectivos ó compartir esta mensaxe que salva vidas. Por exemplo, o folleto O amor motívanos a facer discípulos dános ideas prácticas para empezar conversacións co obxectivo de que os que nos escoiten, co tempo, empecen a estudar a Biblia e cheguen a ser discípulos de Xesús. Incluso se as persoas non responden ben agora, quizais teñan outra oportunidade de facelo antes de que acabe a gran tribulación. O que lles digamos agora, pode motivalos a querer servir a Xehová no futuro. Pero iso só pode pasar se seguimos predicando.
PRESTOULLES ATENCIÓN ÁS PROFECÍAS DA BIBLIA
8. Que profecías bíblicas lle axudaron a Xesús a usar o seu tempo da mellor maneira?
8 Xesús entendeu como se cumprirían as profecías da Biblia. Por exemplo, sabía que o seu ministerio só duraría tres anos e medio (Dan. 9:26, 27). E tiña claro o que se profetizara sobre cando e como morrería (Luc. 18:31-34). Como sabía todo isto, utilizou o seu tempo da mellor maneira posible. Así que predicou con entusiasmo para poder acabar co labor que se lle encargara.
9. Por que nos motivan as profecías da Biblia a predicar con entusiasmo?
9 Entender as profecías bíblicas pode motivarnos a predicar con entusiasmo. Sabemos que a este sistema lle queda pouco tempo. Dámonos conta de que os sucesos actuais e a actitude da xente encaixa co que a Biblia dixo que pasaría nos últimos días. As profecías da Biblia tamén din que o rei do norte e o rei do sur loitarían un contra o outro “nos tempos derradeiros” (Dan. 11:40). Ó ver os conflitos que hai entre Rusia mais os seus aliados e a potencia mundial formada polo Reino Unido e Os Estados Unidos, vemos que esta profecía se está cumprindo na actualidade. Tamén entendemos que os pés da imaxe descrita en Daniel 2:43-45 representan a potencia mundial formada polo Reino Unido e Os Estados Unidos. Estamos convencidos de que, tal e como indica esta profecía, moi pronto o Reino de Deus destruirá os gobernos humanos. Todo isto revela que vivimos moi cerca do fin, así que temos que aproveitar ben o tempo para predicar as boas noticias.
10. De que outras maneiras nos motivan as profecías bíblicas a seguir predicando con entusiasmo?
10 As profecías da Biblia tamén conteñen unha mensaxe que estamos desexando compartir cos demais. Carrie, unha irmá que serve na República Dominicana, conta: “Ó pensar nas cousas bonitas que Xehová prometeu para o futuro, sinto que teño que falarlles ós demais delas. [...] Cando vexo polo que pasan as persoas hoxe en día, doume conta de que elas tamén necesitan coñecer estas promesas”. As profecías da Biblia demóstrannos que Xehová nos está axudando con este labor, e isto anímanos a seguir predicando. Leila, que vive en Hungría, di: “Isaías 11:6-9 motívame a predicarlles as boas noticias incluso ás persoas que parece que non as van aceptar. Sei que, coa axuda de Xehová, calquera pode cambiar”. E Christopher, un irmán de Zambia, conta: “Como predixo Marcos 13:10, as boas noticias estanse espallando por todo o mundo, e sinto que é un honor poder axudar a cumprir esta profecía”. Que profecías bíblicas te motivan a ti a seguir predicando?
CONFIOU EN QUE XEHOVÁ O APOIARÍA
11. Por que necesitou Xesús confiar en que Xehová lle axudaría para seguir predicando con entusiasmo? (Lucas 12:49, 53).
11 Xesús confiaba en que Xehová lle axudaría a seguir predicando con entusiasmo. Aínda que falaba con tacto e de maneira respectuosa cando predicaba, sabía que a mensaxe do Reino faría que algúns se enfadasen e se opuxesen (le Lucas 12:49, 53). De feito, os líderes relixiosos estaban tan furiosos que intentaron matalo varias veces (Xoán 8:59; 10:31, 39). Pero Xesús seguiu predicando porque sabía que Xehová estaba con el. Dixo: “Non estou só. O Pai, que me enviou, está comigo. [...] Non me deixou só, porque eu sempre fago o que a el lle agrada” (Xoán 8:16, 29).
12. Como preparou Xesús os seus discípulos para que seguisen predicando incluso cando se enfrontasen a oposición?
12 Xesús recordoulles ós seus discípulos que podían confiar en que Xehová os apoiaría. Aseguroulles vez tras vez que Deus lles axudaría incluso cando fosen perseguidos (Mat. 10:18-20; Luc. 12:11, 12). Como sabía que moitos se opoñerían ás boas noticias, explicoulles que actuasen con prudencia (Mat. 10:16; Luc. 10:3). Ensinoulles que se a xente non quería escoitalos, non debían obrigalos a facelo (Luc. 10:10, 11). E díxolles que fuxisen cando os perseguisen (Mat. 10:23). Aínda que Xesús tiña entusiasmo e confiaba en Xehová, evitou expoñerse a perigos innecesarios (Xoán 11:53, 54).
13. Por que podes estar seguro de que Xehová che axudará?
13 Como hoxe en día moitos se opoñen á nosa predicación, necesitamos a axuda de Xehová para seguir predicando con entusiasmo (Apoc. 12:17). Por que podes estar seguro de que el che axudará? Pensa na oración de Xesús que aparece no capítulo 17 de Xoán. El pediulle a Xehová que mirase polos apóstolos, e Xehová respondeulle. O libro de Feitos mostra como lles axudou a predicar con entusiasmo a pesar da persecución. Naquela oración, Xesús tamén lle pediu que coidase dos que puxesen fe nel grazas á predicación dos apóstolos. E isto inclúete a ti. Deus non deixou de contestar á oración do seu Fillo, así que che axudará a ti igual que fixo cos seus servos fieis do pasado (Xoán 17:11, 15, 20).
14. Por que podemos estar seguros de que seremos capaces de predicar con entusiasmo incluso en tempos difíciles? (Ver tamén a imaxe).
14 A medida que se achega o fin, é posible que sexa máis difícil predicar as boas noticias con entusiasmo, pero recibiremos todo o apoio necesario (Luc. 21:12-15). Igual que Xesús e os seus discípulos, deixamos que as persoas escollan se queren escoitarnos ou non e evitamos conflitos innecesarios. Incluso onde a nosa obra está restrinxida, os irmáns están sendo capaces de compartir as boas noticias grazas a que seguen confiando en Xehová e non nas súas propias forzas. Igual que Deus lles deu poder ós seus servos no primeiro século, hoxe en día fai o mesmo con nós para que prediquemos plenamente a mensaxe ata que el diga que o labor está completado (2 Tim. 4:17). Así que podes estar seguro de que, se confías en Xehová, serás capaz de seguir predicando con entusiasmo.
Incluso onde a nosa obra está restrinxida, os irmáns buscan maneiras discretas de falarlles a outros das boas noticias (ver o parágrafo 14).a
MANTIVO A ESPERANZA DE QUE ALGÚNS O ESCOITASEN
15. Que demostra que Xesús tiña unha actitude positiva sobre a predicación?
15 Xesús mantivo unha actitude positiva con respecto á predicación, e isto axudoulle a non perder o entusiasmo. Por exemplo, a finais do ano 30 n. e., Xesús viu que había moitos que estaban dispostos a escoitar as boas noticias e comparounos cun campo que está listo para a colleita (Xoán 4:35). Arredor dun ano máis tarde, díxolles ós seus discípulos: “Queda moita colleita por apañar” (Mat. 9:37, 38). E, máis adiante, volveu a destacar: “Queda moita colleita por apañar [...]. Así que rogádelle ó Dono da colleita que mande traballadores” (Luc. 10:2). Xesús nunca deixou de confiar en que habería persoas que escoitarían as boas noticias, e alegrouse cando o fixeron (Luc. 10:21).
16. Como transmitiron as comparacións de Xesús unha actitude positiva sobre a predicación? (Lucas 13:18-21) (Ver tamén a imaxe).
16 Xesús axudoulles ós seus discípulos a manter o entusiasmo recordándolles que a mensaxe que levaban tería moi bos resultados. Vexamos dúas das comparacións que utilizou (le Lucas 13:18-21). Usou un gran de mostaza para ensinar que a mensaxe do Reino se estendería de maneira incrible e o seu crecemento sería imparable. E utilizou o fermento para explicar que a mensaxe do Reino chegaría a moitos lugares e causaría cambios na xente que quizais non se verían de inmediato. Desta maneira aseguroulles ós seus discípulos que a mensaxe que predicaban lles axudaría a moitas persoas.
Igual ca Xesús, non perdemos a esperanza de que algúns respondan á predicación (ver o parágrafo 16).
17. Que razóns temos para seguir sendo positivos sobre a predicación?
17 Pensar en como a predicación lles está axudando a moitas persoas por todo o mundo, anímanos a seguir participando neste labor. Cada ano, millóns de persoas interesadas na verdade asisten á Conmemoración e estudan a Biblia con nós. Centos de miles bautízanse e empezan a predicar. E non sabemos cantos máis responderán á mensaxe que levamos, pero o que si que temos claro é que Xehová está xuntando unha gran multitude que sobrevivirá á inminente gran tribulación (Apoc. 7:9, 14). O Dono da viña segue vendo potencial no campo, así que temos unha boa razón para continuar predicando.
18. De que queremos que se dean conta os demais cando nos ven?
18 Os verdadeiros discípulos de Xesús sempre predicaron as boas noticias con entusiasmo. Ó ver a valentía dos apóstolos, as persoas “déronse conta de que estiveran con Xesús” (Feit. 4:13). Da mesma maneira, queremos predicar con valentía e entusiasmo para que así as persoas se dean conta de que nós tamén imitamos a Xesús.
CANCIÓN snnw 141 Busquemos a quen Xehová busca
a DESCRICIÓN DA IMAXE.: Un irmán predicando de maneira discreta a un home nunha gasolineira.