ARTIGO DE ESTUDO 14
CANCIÓN sn 49 Xehová, ti es o meu refuxio
“Escollede hoxe a quen ides servir”
“Eu e maila miña familia serviremos ó Señor” (XOS. 24:15).
OBXECTIVO
Recordar as razóns polas que escollemos servir a Xehová.
1. Que temos que facer para ser realmente felices, e por que? (Isaías 48:17, 18).
O NOSO Pai celestial quérenos moito e desexa que desfrutemos da vida agora e no futuro (Ecl. 3:12, 13). El creounos con algúns talentos impresionantes, pero non nos deu a habilidade de gobernarnos a nós mesmos ou de decidir o que está ben e o que está mal (Ecl. 8:9; Xer. 10:23). Sabe que, para ser realmente felices, temos que servilo e vivir de acordo coas súas normas (le Isaías 48:17, 18).
2. Que quere Satanás que creamos, pero que fixo Xehová?
2 Satanás quere facernos crer que podemos ser felices sen Xehová e que somos capaces de gobernarnos a nós mesmos con éxito (Xén. 3:4, 5). Para demostrar que Satanás é un mentireiro, Xehová permitiulles ós humanos gobernarse a si mesmos durante un tempo limitado. Non temos que fixarnos moito para ver o mal que nos vai. Por outro lado, a Biblia menciona o exemplo de moitos homes e mulleres que foron felices porque serviron a Xehová. O máis destacado é o de Xesús. Neste artigo imos ver as razóns polas que Xesús escolleu servir a Xehová. Despois analizaremos por que o noso Pai celestial merece que o adoremos. E por último repasaremos algunhas razóns polas que nós escollemos servilo.
POR QUE ESCOLLEU XESÚS SERVIR A XEHOVÁ
3. Que lle ofreceu Satanás a Xesús, e que decisión tomou el?
3 Cando estivo na Terra, Xesús sempre demostrou que escollera servir a Xehová. Por exemplo, pouco despois de bautizarse, Satanás ofreceulle tódolos reinos do mundo a cambio de que o adorase unha soa vez. Xesús contestoulle: “Vaite, Satanás! Porque está escrito: ‘Adora a Xehová, o teu Deus, e sírveo só a el’” (Mat. 4:8-10). Por que tomou esta decisión? Vexamos algunhas razóns.
4, 5. Cales son algunhas razóns polas que Xesús escolleu servir a Xehová?
4 A razón principal pola que Xesús escolleu servir a Xehová foi polo profundo amor e cariño que sente por el (Xoán 14:31). Tamén o serve porque é o correcto (Xoán 8:28, 29; Apoc. 4:11). Sabe que Xehová é a Fonte da vida e que ademais é confiable e xeneroso (Sal. 33:4; 36:10 [36:9, TNM]; Sant. 1:17). O seu Pai sempre lle dixo a verdade e deulle todo o que ten (Xoán 1:14). Pola contra, Satanás é un mentireiro motivado pola cobiza e o egoísmo que provocou que os humanos pequen e morran (Xoán 8:44). Sabendo isto, Xesús non pensou nin por un momento en imitar a Satanás rebelándose contra Deus (Filip. 2:5-8).
5 Outra razón pola que Xesús escolleu servir a Xehová foi polas cousas boas que se conseguirían grazas á súa lealdade (Heb. 12:2). Sabía que así santificaría o nome do seu Pai e que faría posible que a morte e o pecado deixen de existir.
POR QUE MERECE XEHOVÁ QUE O ADOREMOS
6, 7. a) Por que moitos hoxe en día non serven a Xehová? b) Por que merece Xehová a nosa adoración?
6 Na actualidade, moitos non serven a Xehová porque non coñecen as súas bonitas cualidades nin saben todo o que fixo por eles. Isto tamén lles pasaba ás persoas ás que Paulo lles predicou en Atenas (Feit. 17:19, 20, 30, 34).
7 Paulo explicoulles que o Deus verdadeiro é “quen lles dá a todos vida, alento e tódalas cousas”. E engadiu: “Por el temos vida, movémonos e existimos”. Como Deus é quen “creou tódalas nacións a partir dun só home”, é o único que merece que o adoremos (Feit. 17:25, 26, 28).
8. Que non fará Xehová nunca? Explica a túa resposta.
8 Como Creador e Soberano do Universo, Xehová podería obrigar as persoas a servilo. Pero el nunca fará tal cousa. Máis ben, dános probas de que existe e de que nos quere moito a cada un de nós. Desexa que o maior número de persoas posible desfruten da súa amizade para sempre (1 Tim. 2:3, 4). Co fin de conseguilo, capacitounos para ensinarlles a outros sobre o seu propósito e contarlles tódalas cousas boas que fará pola humanidade (Mat. 10:11-13; 28:19, 20). Ademais organizounos en congregacións onde podemos adoralo e recibir axuda dos cariñosos anciáns (Feit. 20:28).
9. De que maneiras demostra Xehová que ama a tódalas persoas?
9 É evidente o impresionante que é o amor de Xehová ó ver como lles dá cousas boas incluso ós que escollen ignoralo. Pensa no seguinte: por miles de anos, en vez de obedecer a Xehová, moitísimas persoas decidiron vivir segundo as súas propias normas do que está ben e do que está mal. Aínda así, Xehová deulles con bondade todo o necesario para manter a vida e desfrutar dela (Mat. 5:44, 45; Feit. 14:16, 17). Grazas a el poden ter amigos e familia que os queren, ter os seus propios fillos, traballar e desfrutar da vida (Sal. 127:3; Ecl. 2:24). Está claro que o noso Pai celestial ama a toda a humanidade (Éx. 34:6). Repasemos agora algunhas das razóns polas que escollemos servir a Xehová e como el nos bendice por iso.
POR QUE ESCOLLEMOS SERVIR A XEHOVÁ
10. a) Cal é a razón principal pola que servimos a Xehová? (Mateo 22:37) b) Como te sentes ó saber que Xehová te entende e te perdoa? (Salmo 103:13, 14).
10 Igual ca Xesús, servimos a Xehová principalmente polo profundo amor e cariño que lle temos (le Mateo 22:37). Ó aprender sobre as súas cualidades, sentímonos atraídos a el. Por exemplo, pensemos na paciencia que ten con nós. Cando os israelitas o desobedeceron, suplicoulles: “Volvédevos, por favor, cada un do seu camiño de maldade” (Xer. 18:11). E aínda que nos equivocamos moitas veces, Xehová perdóanos porque recorda que somos imperfectos (le Salmo 103:13, 14). Se pensas nas veces que el te perdoou, non sentes o desexo de servilo para sempre?
11. Por que outras razóns escollemos servir ó noso Pai celestial?
11 Tamén nos sentimos impulsados a servir a Deus porque é o correcto (Mat. 4:10). Ademais, sabemos que se nos mantemos leais a el pasarán moitas cousas boas. O noso fiel servizo santifica o nome de Xehová, alegra o seu corazón e demostra que o Demo é un mentireiro. E se escollemos servir a Xehová agora, temos a posibilidade de facelo para sempre! (Xoán 17:3).
12, 13. Que aprendemos da experiencia de Jane e Pam?
12 Aínda que sexamos noviños, podemos aprender a querer moito a Xehová, e ese amor fortalecerase a medida que nos vaiamos facendo maiores. Fíxate no exemplo de dúas irmás chamadas Jane e Pam.a Tiñan 11 e 10 anos cando empezaron a estudar a Biblia. A pesar de que seus pais non estaban interesados en estudar, déronlles permiso ás rapazas para relacionarse coas testemuñas de Xehová, sempre e cando asistisen coa familia á igrexa os fins de semana. Jane conta: “O que me ensinaron as Testemuñas coa Biblia axudoume a resistir a presión dos meus compañeiros para que consumise drogas e fixese cousas inmorais”.
13 Uns anos máis tarde, as dúas rapazas bautizáronse. Máis adiante empezaron a servir como pioneiras mentres coidaban dos seus pais maiores. Pensando en todo o que viviron, Jane di: “Aprendín de primeira man que Xehová coida fielmente dos seus amigos e que, como di 2 Timoteo 2:19, ‘coñece ós que son del’”. Está claro que Deus sempre coida dos que escollen servilo por amor!
14. Como podemos defender a Xehová co que dicimos e facemos? (Ver tamén as imaxes).
14 Queremos que as persoas saiban que as cousas malas que escoitan sobre Deus non son verdade. Imaxina a seguinte situación: tes un moi bo amigo que é amable, xeneroso e sempre está disposto a perdoar. Pero un día escoitas que alguén o acusa de ser cruel e mentireiro. Como reaccionarías? Seguro que o defenderías. De maneira parecida, cando as persoas din cousas malas sobre Xehová, defendémolo contando a verdade sobre el (Sal. 34:2 [34:1, TNM]; Is. 43:10). Co que dicimos e facemos podemos demostrar que queremos servilo de todo corazón.
Defenderás a Xehová? (Ver o parágrafo 14).b
15. Que beneficios obtivo Paulo por axustar as súas metas? (Filipenses 3:7, 8).
15 Axustamos de boa gana as nosas metas na vida para poder servir a Xehová da maneira que el quere ou máis plenamente. Por exemplo, o apóstolo Paulo escolleu deixar atrás a posición importante que tiña na súa comunidade para seguir a Cristo e servir a Deus (Gál. 1:14). Como resultado, desfrutou de experiencias moi bonitas e recibiu a oportunidade de gobernar con Cristo no ceo. El nunca se arrepentiu da decisión que tomou, e nós tampouco o faremos (le Filipenses 3:7, 8).
16. Que aprendemos do exemplo de Julia? (Ver tamén as imaxes).
16 Se facemos que o noso servizo a Xehová sexa o máis importante para nós, poderemos desfrutar de moitas recompensas agora e no futuro. Vexamos a experiencia dunha irmá chamada Julia. Cando era unha nena pequena cantaba no coro da igrexa. Facíao tan ben que alguén que cantaba ópera profesionalmente recoñeceu o seu talento e deulle clases. Ó pouco, Julia fíxose famosa e actuaba en sitios de moito prestixio. Mentres asistía a unha escola de música moi coñecida, un compañeiro comezou a falarlle sobre Deus e explicoulle que o seu nome é Xehová. Pouco despois, Julia empezou a estudar a Biblia dúas veces por semana. Co tempo decidiu centrarse en servir a Deus en vez de en buscar unha carreira no mundo da música. Esta non foi unha decisión fácil. Ela conta: “Moitas persoas dixéronme que estaba desperdiciando o meu talento, pero eu quería usar a miña vida para servir plenamente a Xehová”. Como se sente 30 anos despois de tomar esta decisión? Julia explica: “Estou feliz e confío en que Deus satisfará tódolos desexos do meu corazón no futuro” (Sal. 37:4).
Cando servir a Xehová é o máis importante para nós, desfrutamos da mellor vida posible (ver o parágrafo 16).c
SIGAMOS SERVINDO A XEHOVÁ
17. a) Que deben facer os que aínda non serven a Xehová, e por que? b) Que sabemos os que escollemos servir a Xehová?
17 Estamos moi cerca do fin deste sistema. O apóstolo Paulo escribiu: “Porque aínda un pouco, ben pouquiño, e o que está para vir chegará e non se retrasará” (Heb. 10:37). Que implica isto? Por un lado, ás persoas que de momento non escolleron servir a Deus non lles queda moito tempo para decidir se o farán ou non, así que deben actuar o antes posible (1 Cor. 7:29). E os que xa nos puxemos de parte de Deus sabemos que, aínda que teremos que pasar por probas, durarán pouquiño tempo.
18. Que queren que fagamos Xesús e Xehová?
18 Xesús non só animou os seus discípulos a empezar a seguilo, senón tamén a continuar facéndoo (Mat. 16:24). Así que se levamos anos servindo a Xehová, resolvámonos a non rendernos nunca. Quizais non sexa fácil seguir vivindo de acordo coa decisión que tomamos de servilo pero, se o facemos, poderemos ser felices e desfrutar de moitas bendicións xa agora! (Sal. 35:27).
19. Que aprendemos da experiencia de Gene?
19 Algúns pensan que se serven a Xehová non poden desfrutar da vida. Se es novo, cres que te estás perdendo algo por adorar a Deus? Un irmán xove que se chama Gene conta: “Sentía que sendo testemuña de Xehová non podería divertirme. Parecíame que moitos dos rapaces cos que me criei desfrutaban de cousas como ir de festa, saír con alguén ou xogar a videoxogos violentos, mentres que eu tiña que ir ás reunións e a predicar”. Como lle afectou a Gene pensar así? El di: “Empecei a levar unha dobre vida. Durante un tempo paseino ben, pero isto non me facía realmente feliz. Púxenme a pensar nos beneficios de obedecer o que di a Biblia e decidín servir a Xehová de todo corazón. A partir dese momento vin como Xehová respondeu tódalas miñas oracións”.
20. Que debemos estar decididos a facer?
20 Un salmista cantoulle a Xehová: “Feliz o que ti elixes e acolles para morar nos teus adros” (Sal. 65:5 [65:4, TNM]). Así que esteamos igual de decididos que Xosué, quen dixo: “Eu e maila miña familia serviremos ó Señor” (Xos. 24:15).
CANCIÓN sjj 28 Quen pode ser amigo de Xehová?
a Cambiáronse algúns nomes.
b DESCRICIÓN DA IMAXE: Despois de escoitar os nosos opositores fóra dun lugar de congresos, unha muller achégase a un carriño e escoita a verdade da Biblia.
c DESCRICIÓN DA IMAXE: Unha representación da decisión que tomou Julia de centrarse no seu servizo a Xehová.