ARTIGO DE ESTUDO 31
CANCIÓN sjj 111 Os motivos da miña ledicia
Cal é o segredo para estar satisfeitos co que temos?
“Aprendín a estar contento sexan cales sexan as miñas circunstancias” (FILIP. 4:11, TNM).
OBXECTIVO
Aprender a estar satisfeitos co que temos sendo máis agradecidos, mostrando humildade e centrándonos na esperanza que temos para o futuro.
1. Que significa estar satisfeitos co que temos, e que non significa?
ESTÁS satisfeito co que tes? Unha persoa que está satisfeita co que ten séntese feliz e en paz porque valora moito todo o que Xehová lle deu. Non se pon triste nin se enfada por non ter certas cousas. Pero isto non significa que sexa alguén conformista. Por exemplo, non está mal que un cristián queira facer máis no seu servizo a Xehová (Rom. 12:1; 1 Tim. 3:1). Pero tampouco perderá a alegría se non recibe certas responsabilidades tan rápido como esperaba.
2. Por que é tan perigoso non estar satisfeitos co que temos?
2 Non estar satisfeitos co que temos pode levarnos a tomar malas decisións. Alguén así pode ser que traballe moitísimas horas para conseguir cousas materiais que en realidade non necesita. Tristemente, algúns cristiáns incluso roubaron cartos e outras cousas que desexaban. Pode ser que se dixesen a si mesmos: “Eu merézoo”, “Esperei moito tempo para telo” ou “Xa devolverei os cartos máis adiante”. Pero calquera clase de roubo desagrada e deshonra a Xehová (Prov. 30:9). Outros decepcionáronse tanto por non recibir unha responsabilidade que deixaron de servir a Xehová (Gál. 6:9). Como pode un servo de Xehová tan sequera pensar en facer isto? O problema pode ser que deixou de esforzarse por estar satisfeito co que tiña.
3. Que idea animadora nos ensina Filipenses 4:11, 12 (TNM)?
3 Todos podemos aprender a estar satisfeitos co que temos. O apóstolo Paulo dixo: “Aprendín a estar contento sexan cales sexan as miñas circunstancias” (le Filipenses 4:11, 12, TNM). Aínda que estaba no cárcere cando escribiu estas palabras, non perdera a alegría porque aprendera “o segredo de estar satisfeito”. Se isto é algo que nos custa, as palabras de Paulo e a súa experiencia asegúrannos que podemos estar satisfeitos sen importar as nosas circunstancias. Non podemos esperar que isto sexa algo que nos saia de maneira natural, senón que debemos aprender a facelo. Como? Neste artigo veremos o que nos pode axudar.
SEXAMOS AGRADECIDOS
4. Por que ser agradecidos nos axuda a estar satisfeitos? (1 Tesalonicenses 5:18).
4 É máis fácil que unha persoa estea satisfeita co que ten se é agradecida (le 1 Tesalonicenses 5:18). Por exemplo, se estamos agradecidos de verdade por ter o que necesitamos, será menos probable que nos preocupemos polas cousas que queremos pero non temos. Cando pensamos e agradecemos as diferentes maneiras que temos agora de servir a Xehová, centrámonos en dar o mellor en vez de obsesionarnos con recibir novas responsabilidades. Por iso non nos sorprende que a Biblia nos anime a darlle as grazas a Xehová nas nosas oracións! Ser agradecidos axúdanos a sentir “a paz de Deus, que supera toda intelixencia” (Filip. 4:6, 7)
5. Por que debían estar agradecidos os israelitas? (Ver tamén a imaxe).
5 Pensa no que lles pasou ós israelitas. Eles queixáronse a Xehová moitas veces porque botaban de menos a comida da que desfrutaran en Exipto (Núm. 11:4-6). É certo que a vida no deserto non era fácil, pero que lles podería ter axudado a estar satisfeitos co que tiñan? Deberon recordar e agradecer todo o que Xehová xa fixera por eles. En Exipto, cando os maltrataban como escravos, Xehová mandoulles as dez pragas ós exipcios e rescatou o seu pobo. Despois de ser liberados, “despoxaron ós exipcios” de prata, ouro e roupa (Éx. 12:35, 36). Cando foron perseguidos pola beira do Mar Vermello, Xehová dividiu as augas milagrosamente para que puidesen escapar. E mentres viaxaban polo deserto, alimentounos tódolos días con maná. Entón, cal era o problema? Non era que lles faltase a comida que necesitaban, senón que non agradecían o que tiñan.
Por que os israelitas deixaron de estar satisfeitos co que tiñan? (Ver o parágrafo 5).
6. Que pode axudarnos a ser máis agradecidos?
6 Entón, que podemos facer para ser agradecidos? Primeiro, dedica tempo cada día a pensar nas cousas boas que che fan feliz. Incluso poderías facer unha lista con dúas ou tres cousas polas que estás agradecido (Lam. 3:22, 23). Segundo, expresa a túa gratitude. Toma a iniciativa de darlles as grazas ós demais polo que fan por ti, pero sobre todo dálle as grazas a Xehová cada día (Sal. 75:2 [75:1, TNM]). Terceiro, escolle bos amigos que sexan agradecidos. Ser agradecido é contaxioso, pero tamén o é ser desagradecido ou queixarse a miúdo (Deut. 1:26-28; 2 Tim. 3:1, 2, 5). Se buscamos oportunidades para expresar o agradecidos que estamos, sentirémonos menos tristes polos problemas e polas cousas que non temos.
7. Que lle axudou a Aci a ser máis agradecida?
7 Fíxate no que lle pasou a unha irmá de Indonesia chamada Aci. Ela conta: “Durante a pandemia da COVID-19, empecei a comparar a miña vida coa doutros irmáns e por culpa disto deixei de estar satisfeita co que tiña” (Gál. 6:4). Que lle axudou a cambiar a súa maneira de pensar? “Empecei a pensar nas bendicións de cada día e a meditar en tódalas cousas boas que conseguira ó formar parte da organización de Deus. Despois dáballe as grazas a Xehová. Isto axudoume a volver a estar feliz nas miñas circunstancias”. Se a tristeza te supera, poderías facer o mesmo que Aci para volver a estar agradecido?
SEXAMOS HUMILDES
8. Que lle pasou a Baruc?
8 Baruc, o secretario do profeta Xeremías, deixou de estar satisfeito co que tiña por un tempo. A súa asignación era difícil xa que tiña que axudar a Xeremías a dicirlles ós israelitas o que lles ía pasar por ser desagradecidos e desobedecer a Xehová. Pero, en vez de centrarse no que Xehová quería que fixera, centrouse no que a el lle apetecía. Entón, mediante Xeremías, Xehová díxolle a Baruc: “¿Seica ti buscas grandes cousas para ti? —Non as busques” (Xer. 45:3-5). Noutras palabras, estáballe dicindo: “Aprende a estar satisfeito co que tes agora”. Baruc aceptou a corrección e seguiu desfrutando da aprobación de Xehová.
9. Como nos axuda 1 Corintios 4:6, 7 a ter o punto de vista correcto sobre as responsabilidades? (Ver tamén as imaxes).
9 Ás veces un cristián pode sentir que debería ter certa responsabilidade. Quizais ten moitas habilidades, é traballador ou leva anos servindo a Xehová. Pero pode ser que outros reciban esa responsabilidade que quería ter en vez del. Que lle podería axudar se isto lle senta mal? Podería pensar no que escribiu o apóstolo Paulo en 1 Corintios 4:6, 7 (leo). Tódalas responsabilidades que recibimos e tódalas habilidades que temos veñen de Xehová. Non nolas gañamos nin as merecemos. Máis ben son demostracións da bondade inmerecida de Xehová (Rom. 12:3, 6; Ef. 2:8, 9).
Calquera habilidade ou responsabilidade que teñamos é unha mostra da bondade inmerecida de Xehová (ver o parágrafo 9).b
10. Como podemos ser máis humildes?
10 Meditar no exemplo de Xesús pode axudarnos a ser máis humildes. Pensa no que pasou a noite que lles lavou os pés ós apóstolos. O apóstolo Xoán escribiu: “Xesús sabía que [1] o Pai puxera tódalas cousas nas súas mans, [2] que Deus o enviara e [3] que ía volver con Deus [...] e empezou a lavarlles os pés ós discípulos” (Xoán 13:3-5). Xesús puido sentirse con dereito a que os apóstolos lle lavasen os pés. Pero mentres estivo na Terra nunca sentiu que merecese unha vida máis próspera e cómoda (Luc. 9:58). El era humilde e estaba satisfeito co que tiña. Por iso nos deixou un exemplo perfecto (Xoán 13:15).
11. Que lle axudou a Dennis a estar satisfeito?
11 Dennis, dos Países Baixos, intenta seguir o exemplo de humildade de Xesús, pero non lle é fácil. El di: “Se alguén consegue unha responsabilidade que eu quero, ás veces síntome molesto porque penso que debín recibila eu. Cando iso pasa estudo sobre a humildade. Na aplicación JW Library® teño unha etiqueta en varios textos da Biblia que falan sobre a humildade para poder encontralos rápido e volver a lelos. Tamén descarguei no meu teléfono algúns discursos sobre a humildade, e escóitoos a miúdo.a Aprendín que todo o que facemos é para darlle gloria a Xehová e non a nós mesmos. Xehová permítenos colaborar, pero é el quen consegue que o traballo teña éxito”. Se sentes que empezas a estar triste por non ter certa responsabilidade que queres, esfórzate por ser máis humilde. Isto fortalecerá a túa amizade con Xehová e el axudarache a estar satisfeito (Sant. 4:6, 8).
MEDITEMOS NA NOSA ESPERANZA
12. Que esperanza para o futuro nos axuda a estar satisfeitos co que temos? (Isaías 65:21-25).
12 Sentímonos máis satisfeitos co que temos cando meditamos na marabillosa esperanza que Xehová nos promete. No libro de Isaías, Xehová dinos que sabe que temos moitos problemas pero tamén nos promete que os eliminará (le Isaías 65:21-25). Teremos casas moi bonitas, moita comida saudable e deliciosa e desfrutaremos do noso traballo. Ademais, nunca teremos que preocuparnos de se nos pasará algo malo a nós ou ós nosos fillos (Is. 32:17, 18; Ezeq. 34:25). Podemos estar totalmente seguros de que se cumprirán cada unha destas promesas.
13. En que circunstancias é especialmente necesario que nos centremos na nosa esperanza?
13 Necesitamos centrarnos na nosa esperanza máis ca nunca antes. Por que? Porque vivimos nos “días derradeiros” e todos pasamos por problemas difíciles de soportar (2 Tim. 3:1). Cada día Xehová axúdanos a aguantar dándonos a guía, as forzas e o apoio que necesitamos (Sal. 145:14). Ademais a esperanza que temos axúdanos cando pasamos por problemas. Quizais traballas moitísimo só para poder pagar a comida, a roupa e un lugar onde vivir. Significa isto que sempre vas ter que loitar para sobrevivir? Pois claro que non! Xehová promete que no Paraíso che dará, non só o que necesitas, senón moitísimo máis (Sal. 9:19 [9:18, TNM]; 72:12-14). Quizais sofres unha dor crónica, depresión ou algunha outra enfermidade grave. Terás que sufrir isto para sempre sen esperanza de poder mellorar? Para nada. As enfermidades e a morte desaparecerán no novo mundo de Deus (Apoc. 21:3, 4). Esta esperanza axúdanos a non estar enfadados ou amargados polo que nos estea pasando agora. Aínda se nos tratan inxustamente, perdemos un ser querido na morte, enfermamos ou pasamos por algún outro problema, podemos seguir desfrutando de paz e felicidade. Por que? Porque sabemos que sen importar o difíciles que se poñan as cousas, “as dificultades son momentáneas” e no novo mundo non teremos que sufrir máis (2 Cor. 4:17, 18).
14. Como podemos fortalecer a nosa esperanza?
14 Se a nosa esperanza é vital para estar satisfeitos co que temos, como podemos fortalecela? Igual que hai persoas que necesitan usar lentes para ver os obxectos que están lonxe de maneira máis nítida, quizais necesitamos dar certos pasos para fortalecer a nosa esperanza e ver o Paraíso máis nitidamente tamén. Cando esteamos moi preocupados por se teremos o suficiente para vivir, podemos imaxinar como será a nosa vida cando non existan os cartos, as débedas nin a desigualdade económica. Se nos sentimos decepcionados por non ter certa responsabilidade, podemos pensar en como isto non parece tan importante ó comparalo coa marabillosa vida que teremos cando sexamos perfectos e levemos miles de anos servindo a Xehová (1 Tim. 6:19). Pode ser que ó principio nos custe meditar no futuro en vez de preocuparnos polo presente. Pero co tempo centrarnos no futuro que Xehová nos promete será algo natural para nós.
15. Que aprendes do que di Christa?
15 Fíxate en como a esperanza axudou a Christa, a muller de Dennis, de quen falamos antes. Ela conta: “Teño unha enfermidade muscular que me fai estar en cadeira de rodas e pasar gran parte do día na cama. Teño dor tódolos días. O meu doutor díxome hai pouco que non ía mellorar. Pero en canto o dixo eu pensei: ‘El ve o futuro dunha maneira diferente a min’. Eu estou centrada na miña esperanza e iso dáme paz mental. Hoxe teño que aguantar moitos problemas, pero terei unha vida marabillosa no novo mundo!”.
“NADA LLES FALTA ÓS QUE O TEMEN”
16. Por que puido dicir David que “nada lles falta” ós que temen a Xehová?
16 Incluso se estamos satisfeitos co que temos, pasaremos por dificultades. O rei David sufriu a morte de polo menos tres fillos. Foi acusado inxustamente, traizoado e perseguido como fuxitivo durante anos. Aínda así dixo de Xehová: “Nada lles falta ós que o temen” (Sal. 34:10, 11 [34:9, 10, TNM]). Por que dixo isto? Porque sabía que, pese a que Xehová non evita que teñamos problemas na vida, sempre nos dará o que realmente necesitamos (Sal. 145:16). Igual ca David, podemos estar seguros de que Xehová nos axudará a manternos fieis durante as dificultades. Podemos estar en paz e ser felices sen importar as nosas circunstancias.
17. Por que estás decidido a aprender a estar satisfeito co que tes?
17 Xehová quere que esteas satisfeito co que tes (Sal. 131:1, 2). Así que fai todo o posible por aprender como conseguilo. Se te esforzas por ser máis agradecido, por manterte humilde e por fortalecer a túa esperanza, poderás dicir: “De feito, estou satisfeito” (Sal. 16:5, 6, TNM).
CANCIÓN sjj 118 Auméntanos a fe
a Por exemplo, mira en jw.org as adoracións matinais Jehová cuida a los humildes e El orgullo conduce al desastre (dispoñibles en español).
b DESCRICIÓN DA IMAXE: Un irmán participando no mantemento dun edificio da organización, unha irmá que aprendeu linguaxe de signos sendo entrevistada nun congreso de circuíto e un irmán dando un discurso público.