ARTIGO DE ESTUDO 35
CANCIÓN sn 52 “Garda o corazón”
Como gañarlles a batalla ós malos desexos
“Non deixedes que o pecado siga reinando nos vosos corpos mortais e vos obrigue a obedecer os seus desexos” (ROM. 6:12).
OBXECTIVO
Axudarnos a 1) loitar contra o desánimo e 2) evitar caer nas tentacións.
1. Que temos en común tódolos humanos imperfectos?
ALGUNHA vez sentiches un desexo moi forte de facer algo que a Xehová non lle gusta? Se é así, non te desanimes. A Biblia di: “Vós non tivestes ningunha tentación que non tivesen outras persoas” (1 Cor. 10:13). Así que, sen importar cal sexa o mal desexo contra o que esteas loitando, outros tamén están loitando contra el. Non estás só e coa axuda de Xehová poderás gañar a batalla.
2. Contra que malos desexos poden estar loitando algúns cristiáns e estudantes da Biblia? (Ver tamén as imaxes).
2 A Biblia tamén di: “A cadaquén téntao a súa cobiza cando o arrastra e engaiola” (Sant. 1:14). O que é unha tentación para unha persoa pode non selo para outra. Por exemplo, algúns cristiáns poden desexar facer algo inmoral con alguén do sexo oposto, e outros con alguén do mesmo sexo. Os que deixaron de ver pornografía quizais sintan un gran desexo de volver a vela. Moitos dos que deixaron de consumir drogas e de beber demasiado alcohol teñen un desafío parecido. Estes son algúns desexos contra os que poden estar loitando algúns cristiáns ou estudantes da Biblia. Nalgún momento todos nos sentimos como o apóstolo Paulo, quen escribiu: “Cando quero facer o que está ben, o que é malo está comigo” (Rom. 7:21).
Podemos ser tentados en calquera momento e en calquera lugar (ver o parágrafo 2).c
3. Que efecto pode ter nunha persoa loitar a miúdo contra a mesma tentación?
3 Se estás loitando a miúdo contra a mesma tentación, quizais te sintas sen forzas, coma se non puideses aguantar máis. Tamén pode ser que penses que non hai esperanza para ti, coma se Xehová che fose a condenar simplemente por ter ese mal desexo. Podes estar seguro de que ningunha das dúas cousas é certa! Para explicar por que, este artigo responderá dúas preguntas: 1) De onde saen os sentimentos de sentirnos sen forzas e de que non hai esperanza para nós? 2) Como podemos gañar a loita contra os malos desexos?
O QUE SATANÁS QUERE QUE PENSEMOS
4. a) Que quere Satanás que pensemos cando nos vemos tentados? b) Por que podemos estar seguros de que somos capaces de resistir os malos desexos?
4 Satanás quere que nos sintamos sen forzas suficientes para resistir os malos desexos. Xesús sabía isto e por iso ensinoulles ós seus seguidores a orar así: “Non nos deixes caer na tentación, senón líbranos do Maligno” (Mat. 6:13). Satanás cuestiona se estaremos dispostos a obedecer a Xehová cando teñamos malos desexos (Xob 2:4, 5). Que ironía! Satanás foi o primeiro en verse tentado polos seus propios desexos e non estar disposto a manterse leal a Xehová. Está claro que pensa que somos coma el e que abandonaremos a Xehová en canto apareza unha tentación. Incluso pensou que lle pasaría isto ó Fillo perfecto de Deus! (Mat. 4:8, 9) Pero pensa nisto: é verdade que non temos suficientes forzas para loitar contra os malos desexos? Para nada! Estamos de acordo coas seguintes palabras do apóstolo Paulo: “Teño forzas para todo grazas a Deus, que me dá poder” (Filip. 4:13).
5. Como sabemos que Xehová está seguro de que podemos resistir os malos desexos?
5 Pero a diferenza de Satanás, Xehová confía en que podemos resistir os malos desexos. Como sabemos isto? Porque el predixo que unha gran multitude de xente se mantería fiel a el e sobreviviría á gran tribulación. Pensa no que isto significa. Xehová, quen non pode mentir, dixo que un gran número de persoas, e non unhas poucas, entrarían no Paraíso “[vestidas] de roupa branca”, o que significa que estarán limpas ós ollos de Xehová (Apoc. 7:9, 13, 14). Claramente Xehová pensa que somos capaces de loitar contra os malos desexos.
6, 7. Por que quere Satanás que nos sintamos sen esperanza ó loitar contra as tentacións?
6 A Satanás non só lle gustaría facernos sentir sen forzas senón tamén sen esperanza, coma se Xehová nos condenase simplemente por ter malos desexos. De novo, que ironía ten isto. Satanás é quen non ten esperanza, pois Xehová xulgou que non merece a vida eterna (Xén. 3:15; Apoc. 20:10). Non nos sorprende que Satanás queira que nos sintamos coma el, sobre todo porque nós si temos a esperanza de conseguir a bendición que a el se lle negou. Pero non somos coma el. De feito, a Biblia asegúranos que Xehová quere axudarnos, non condenarnos. El “non desexa que ningún sexa destruído, senón que todos cheguen a arrepentirse” (2 Ped. 3:9, TNM).
7 Polo tanto, se pensamos que non temos forzas nin esperanza cando loitamos contra os malos desexos, entón estamos pensando como Satanás quere que pensemos. Entender ben isto pode axudarnos a estar decididos a poñernos en contra del (1 Ped. 5:8, 9).
COMO PODE FACERNOS SENTIR SER IMPERFECTOS
8. Ademais de facer cousas malas, a que se refire a Biblia cando fala de pecado? (Salmo 51:7 [51:5, TNM]). (Mira tamén a “IDEA IMPORTANTE”).
8 Ademais de Satanás, hai outro factor que pode facernos sentir sen forzas e sen esperanza cando loitemos contra os malos desexos. Cal é? O pecado que todos herdamos dos nosos primeiros pais humanos (Xob 14:4; le Salmo 51:7 [51:5, TNM]).a
9, 10. a) Como afectou o pecado a Adán e Eva? (Ver tamén a imaxe) b) Como nos afecta a nós o pecado?
9 Pensa en como afectou o pecado a Adán e Eva. Despois de desobedecer a Xehová, escondéronse e intentaron cubrir os seus corpos. Sobre isto, Perspicacia para comprender las Escrituras di: “O pecado fíxolles sentir culpa, ansiedade, inseguridade e vergonza”. É coma se Adán e Eva estivesen encerrados nunha casa na que eses sentimentos fosen os únicos cuartos. Só podían moverse dun cuarto a outro, pero non saír da casa. Non podían escapar do pecado.
10 Por suposto, non estamos exactamente nas mesmas circunstancias ca eles. O rescate, que non lle aplicou a esta primeira parella, pode perdoar os nosos pecados e darnos unha conciencia limpa (1 Cor. 6:11). Aínda así, herdamos o pecado e por iso non nos sorprende sentir culpa, ansiedade, inseguridade e vergonza. De feito, a Biblia di que o pecado inflúe moito nos humanos. E faino “incluso sobre os que non pecaran da mesma maneira que pecou Adán” (Rom. 5:14). Por moi desanimador que poida parecer isto, non ten que facernos sentir sen forzas nin esperanza. Podemos rexeitar estes sentimentos negativos. Como?
O pecado fixo que Adán e Eva sentisen culpa, ansiedade, inseguridade e vergonza (ver o parágrafo 9).
11. Como deberiamos reaccionar cando nos sintamos sen forzas, e por que? (Romanos 6:12).
11 Como somos imperfectos, ás veces podemos sentir que non seremos capaces de resistir os malos desexos. É coma se unha voz dentro da nosa cabeza nos dixese que nunca poderemos loitar contra eles, pero non debemos escoitala. Por que? Porque a Biblia ensina que non temos que deixar que o pecado “siga reinando” sobre nós (le Romanos 6:12). Isto significa que podemos escoller non levar a cabo os malos desexos (Gál. 5:16). Xehová está seguro de que podemos resistir as tentacións, senón non nolo pediría (Deut. 30:11-14; Rom. 6:6; 1 Tes. 4:3). Está claro! Temos as forzas para loitar contra os malos desexos.
12. Como deberiamos reaccionar cando nos sintamos sen esperanza, e por que?
12 Da mesma maneira, cando nos sintamos sen esperanza, coma se Xehová fose a condenarnos simplemente por ter malos desexos, debemos velo tamén como esa voz que nos fala e que non debemos escoitar. Por que? Porque a Biblia ensínanos que Xehová entende que somos pecadores (Sal. 103:13, 14). El “coñece todo” sobre nós, incluso as diferentes maneiras nas que o pecado que herdamos inflúe en nós (1 Xoán 3:19, 20). Mentres loitemos por non facer o que está mal, Xehová veranos como persoas limpas. Por que podemos estar seguros disto?
13, 14. Só por ter malos desexos xa significa que non podemos ser aceptables para Xehová? Explica a túa resposta.
13 A Biblia diferencia entre practicar o que está mal (algo que podemos controlar) e ter o desexo de facer o que está mal (algo que pode aparecer de maneira involuntaria). Por exemplo, algúns cristiáns de Corinto no primeiro século foran homosexuais. Paulo escribiu: “Iso era o que algúns de vós erades”. Significa que nunca máis volveron a ter eses desexos? Probablemente non, porque a miúdo son desexos moi arraigados. Pero Xehová aceptaba os cristiáns que demostraban autocontrol e evitaban levar a cabo os seus malos desexos. El considerounos “lavados” (1 Cor. 6:9-11). E ti tamén podes esperar o mesmo.
14 Sen importar contra que mal desexo esteas loitando, podes superalo. Incluso se non podes eliminalo, podes demostrar autocontrol e evitar facer “a vontade da carne e dos [teus] pensamentos” (Ef. 2:3). Como podes conseguilo?
COMO GAÑAR CONTRA OS MALOS DESEXOS
15. Se queremos gañar a batalla contra os malos desexos, por que temos que ser honestos con nós mesmos?
15 Para gañar a batalla contra os malos desexos necesitas ser honesto contigo mesmo sobre as túas debilidades. Tes que ter coidado de non enganarte a ti mesmo “con razóns enganosas” (Sant. 1:22). Minimizar o problema pensando cousas como: “Outros beben máis ca min”, ou botándolles a culpa a outros dicindo: “Non me sentiría tentado a ver pornografía se a miña muller fose máis cariñosa”, só fará máis fácil que caias na tentación. Así que non intentes poñer escusas para facer o que está mal, nin sequera nos teus pensamentos. Responsabilízate das túas accións (Gál. 6:7).
16. Como podes fortalecer a túa determinación de facer o que está ben?
16 Ademais de ser honesto contigo mesmo sobre as túas debilidades, debes fortalecer a túa determinación de non caer nelas (1 Cor. 9:26, 27; 1 Tes. 4:4; 1 Ped. 1:15, 16). Toma nota do que che fai máis vulnerable e cando. Quizais hai algún tipo de tentación ou momento do día que faga que te sintas máis tentado. Por exemplo, es máis vulnerable cando estás cansado ou cando é tarde na noite? Anticípate á tentación e practica mentalmente como responderás a ela. O mellor momento para facer isto é antes de que suceda (Prov. 22:3).
17. Que aprendemos do exemplo de Xosé? (Xénese 39:7-9). (Ver tamén as imaxes).
17 Pensa en como Xosé lle respondeu á muller de Potifar cando o intentou seducir. Rechazouna de inmediato e de maneira decisiva (le Xénese 39:7-9). Que aprendemos disto? Que Xosé estaba decidido a facer o correcto antes de que a muller de Potifar o intentase seducir. Ti tamén podes fortalecer a túa determinación de facer o que está ben antes de que apareza unha tentación. Desta maneira, cando te encontres ante unha, serache máis fácil cumprir co que xa decidiches previamente.
Rechaza a tentación de inmediato, igual que Xosé! (Ver o parágrafo 17).
ANALICÉMONOS CON REGULARIDADE
18. Que máis podes facer para gañar a batalla contra os malos desexos? (2 Corintios 13:5).
18 Para gañar a batalla contra os malos desexos tes que seguir analizándote a ti mesmo para ver como che vai (le 2 Corintios 13:5). De vez en cando, analiza a túa maneira de pensar e as túas accións e fai os cambios necesarios. Por exemplo, incluso se conseguiches rechazar unha tentación, pregúntate: “Canto me levou dicir que non?”. Se te das conta de que non o fixeches inmediatamente, non te martirices. Máis ben, dá pasos para mellorar as túas defensas. Pregúntate: “Podo desfacerme máis rápido dos malos pensamentos? O que escollo para entreterme faime máis difícil resistir as tentacións? Aparto a vista inmediatamente de escenas inmorais? Entendo por que os valores de Xehová son sempre o mellor incluso se teño que ter autocontrol para cumprilos?” (Sal. 101:3).
19. Como poden as malas decisións que parecen pequenas facernos máis difícil loitar contra os malos desexos?
19 Evita poñer escusas para facer o que está mal. A Biblia di: “O corazón é máis traizoeiro que calquera outra cousa e é desesperado” (Xer. 17:9, TNM). Xesús dixo que “do corazón saen razoamentos malvados” (Mat. 15:19). Por exemplo, unha persoa que deixou de ver pornografía quizais, despois dun tempo, pense que non é perigoso ver fotos que desperten desexos inmorais só porque non saia xente sen roupa. Ou quizais razoe: “Non hai nada de malo en que fantasíe con malos desexos mentres non os leve a cabo”. Se fixese iso, en certo sentido, sería coma se estivese “facendo plans para satisfacer os desexos da carne” (Rom. 13:14). Como podes ti evitar facer isto? Mantente alerta e evita tomar malas decisións pequenas que che leven a tomar malas decisións grandes, como chegar a cometer un pecado.b Rechaza tamén os pensamentos ou “razoamentos malvados” que che fagan poñer escusas para facer algo malo.
20. Que esperanza temos para o futuro, e que nos axudará agora?
20 Como aprendemos, grazas a axuda de Xehová temos o poder para resistir as tentacións. Ademais, grazas á súa misericordia, temos a esperanza de desfrutar da vida eterna no novo mundo. Que felices nos fará poder servir a Xehová cunha mente e corazón puros! Ata que chegue ese momento, podemos estar seguros de que non estamos sen forzas nin esperanza na nosa batalla contra os malos desexos. Como Xehová bendice os nosos esforzos, podemos conseguilo!
CANCIÓN sjj 122 Manteñámonos firmes e fieis
a IDEA IMPORTANTE: Na Biblia, a palabra pecado a miúdo refírese a un acto, como roubar, cometer adulterio ou asasinar (Éx. 20:13-15; 1 Cor. 6:18). Pero noutros textos da Biblia, pecado refírese á condición que herdamos ó nacer, a pesar de que aínda non fixésemos nada malo.
b Fíxate en que o rapaz do que se fala en Proverbios 7:7-23 tomou malas decisións pequenas antes de tomar a mala decisión grande de deixarse levar pola inmoralidade sexual.
c DESCRICIÓN DA IMAXE: Esquerda: Nunha cafetería, un irmán xove dáse conta de que hai dous homes mostrándose cariño. Dereita: Unha irmá ve dúas persoas fumando.