BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • w25 setembro páxs. 8-13
  • Que deberiamos facer ante as inxustizas?

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Que deberiamos facer ante as inxustizas?
  • A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • XEHOVÁ E XESÚS ODIAN A INXUSTIZA
  • COMO REACCIONOU XESÚS ANTE AS INXUSTIZAS
  • IMITEMOS A XESÚS CANDO VEXAMOS INXUSTIZAS
  • QUE PODEMOS FACER AGORA
  • Como aguantar as inxustizas
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
  • Quería loitar contra a inxustiza
    A Biblia cambioulles a vida
  • Como aguantar as inxustizas
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
  • Demostra que confías en Xehová cando tomes decisións
    Vida e actividades cristiás. Caderno de estudo (2023)
A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
w25 setembro páxs. 8-13

ARTIGO DE ESTUDO 37

CANCIÓN sjj 114 Teñamos paciencia

Que deberiamos facer ante as inxustizas?

“El esperaba xustiza, pero resultou que houbo inxustiza” (IS. 5:7, TNM).

OBXECTIVO

Aprender de Xesús como reaccionar ante as inxustizas dunha maneira que lle guste a Xehová.

1, 2. Como reacciona moita xente ante as inxustizas, e que é posible que nos preguntemos?

VIVIMOS nun mundo inxusto. As persoas son tratadas de maneira inxusta por diferentes razóns, como o seu nivel económico, xénero, etnia ou raza. Tamén sofren as causas dos problemas medioambientais que son provocados ou empeorados pola avaricia dalgúns empresarios e a corrupción dalgúns gobernantes. Estas e outras inxustizas aféctannos a todos, directa ou indirectamente.

2 Non nos sorprende que moitos estean enfadados polas inxustizas que se ven hoxe en día. Todos queremos vivir nun mundo onde nos sintamos seguros e se nos trate con xustiza. Algúns intentan solucionar os problemas que ven no mundo ou no seu país. Firman peticións, únense a protestas e apoian líderes ou partidos políticos que prometen loitar contra as inxustizas. Pero ós cristiáns ensínasenos a non ser “parte do mundo” e a esperar que o Reino de Deus elimine tódalas inxustizas (Xoán 17:16). Aínda así, non podemos evitar sentirnos tristes e ás veces enfadados cando vemos que hai xente que trata mal a outros. Quizais nos preguntemos: “Que debería facer eu cando pasa iso? Hai algo que poida facer agora mesmo contra as inxustizas?”. Para responder estas preguntas primeiro veremos o que senten Xehová e Xesús sobre as inxustizas.

XEHOVÁ E XESÚS ODIAN A INXUSTIZA

3. Por que é normal que nos enfademos ó ver inxustizas? (Isaías 5:7, TNM).

3 A Biblia explica por que non nos gusta que nos traten inxustamente nin que isto lles pase a outros. Di que Xehová nos creou á súa imaxe e que el ama “o dereito e a xustiza” (Sal. 33:5; Xén. 1:26). El nunca é inxusto, e non quere que ninguén o sexa! (Deut. 32:3, 4; Miq. 6:8; Zac. 7:9) Por exemplo, durante o tempo do profeta Isaías, Xehová escoitou o “grito de angustia” de moitos israelitas que estaban sendo maltratados por outros israelitas (le Isaías 5:7, TNM). Xehová interveu no asunto castigando os que continuamente ignoraban a súa Lei e trataban a outros inxustamente (Is. 5:5, 13).

4. Como se sente Xesús cando tratan mal a alguén? (Ver tamén a imaxe).

4 Xesús tamén ama a xustiza e odia a inxustiza igual que Xehová. Nunha ocasión, durante o seu ministerio na Terra, viu un home que tiña unha man paralizada. A Xesús deulle pena o home e curouno, pero os líderes relixiosos enfadáronse cando viron o que fixera. Estaban máis preocupados en facer que se cumprise a súa interpretación tan estrita da lei do sábado que en axudar a ese home que estaba sufrindo. Como se sentiu Xesús ante a súa reacción? “Púxose moi triste porque tiñan o corazón duro” (Mar. 3:1-6).

Xesús nunha sinagoga falándolles a líderes relixiosos xudeus sobre o home cunha man paralizada que vai curar. Os líderes relixiosos están mirando a Xesús con desprezo.

Os líderes relixiosos xudeus non tiñan empatía polos necesitados, pero Xesús si (ver o parágrafo 4).


5. Que debemos recordar se nos enfadamos polas inxustizas que vemos?

5 Tanto a Xehová coma a Xesús enfádanlles as inxustizas, polo que non está mal que nós tamén nos sintamos así (Ef. 4:26; ver tamén a nota de estudo “Cuando se enojen”, nwtsty-S). De todas formas, temos que controlar ese sentimento de enfado e recordar que nós non podemos acabar coas inxustizas. É máis, se non controlamos esa ira ou deixamos que dure moito tempo podemos facernos dano tanto emocional como fisicamente (Sal. 37:1, 8; Sant. 1:20). Entón, como deberiamos reaccionar ante as inxustizas? Podemos aprender do exemplo de Xesús.

COMO REACCIONOU XESÚS ANTE AS INXUSTIZAS

6. Que inxustizas eran comúns cando Xesús estivo na Terra? (Ver tamén a imaxe).

6 Xesús viu moitas inxustizas cando estivo na Terra. El sabía que os líderes relixiosos engadiran moitas normas que facían a vida da xente moi difícil e tamén o mal que trataban os gobernantes romanos ás persoas (Mat. 23:2-4). Moitos xudeus desexaban independizarse de Roma. Incluso algúns, como os celotes, estaban dispostos a loitar por iso. Aínda así, Xesús non iniciou nin apoiou ningún movemento social. E cando soubo que estaban planeando facelo rei marchou de alí (Xoán 6:15).

Xesús camiñando só pola montaña. Hai unha multitude de persoas reunidas ó pé da montaña.

Xesús apartouse das persoas que querían que tomase partido en asuntos políticos daquel tempo (ver o parágrafo 6).


7, 8. Por que non intentou Xesús acabar coas inxustizas cando estivo na Terra? (Xoán 18:36).

7 Cando estivo na Terra, Xesús non se involucrou na política para intentar resolver os problemas que vía. Por que non? Porque sabía que os humanos non teñen nin o dereito nin a capacidade de gobernarse a si mesmos (Sal. 146:3; Xer. 10:23). Tampouco poden eliminar a orixe das inxustizas. O mundo está gobernado por Satanás o Demo, un ser espiritual asasino que usa a súa autoridade para influír nas persoas e que así cometan inxustizas (Xoán 8:44; Ef. 2:2). Ademais, a imperfección fai que incluso ás persoas coas mellores intencións lles sexa imposible actuar sempre de maneira xusta (Ecl. 7:20).

8 Xesús sabía que só o Reino de Deus podería eliminar a verdadeira orixe das inxustizas. Por iso, utilizou o seu tempo e enerxías “predicando e anunciando as boas noticias do Reino de Deus” (Luc. 8:1). El aseguroulles ós que tiñan “fame e sede de xustiza” que chegaría o momento no que a corrupción e as inxustizas se acabarían (Mat. 5:6; ver tamén nota de estudo, nwtsty-S; Luc. 18:7, 8). Non obstante, os gobernos humanos non serán capaces de facer estes cambios. Só poderá facelos o Reino de Deus, o cal “non é parte deste mundo” (le Xoán 18:36).

IMITEMOS A XESÚS CANDO VEXAMOS INXUSTIZAS

9. Que te convence de que só o Reino de Deus será capaz de eliminar tódalas inxustizas?

9 Hoxe vivimos nos “días derradeiros” ou últimos días deste mundo, polo que hai máis inxustizas que na época na que estivo Xesús na Terra. Pero, igual que daquela, quen causa isto é Satanás e os que o imitan (2 Tim. 3:1-5, 13; Apoc. 12:12). Igual que Xesús, nós sabemos que só o Reino de Deus eliminará a verdadeira orixe das inxustizas. E como apoiamos por completo o seu Reino, negámonos a participar en manifestacións, protestas e outros esforzos deste mundo por deter as inxustizas. Vexamos o exemplo dunha irmá chamada Stacy.a Antes de coñecer a verdade, tiña o costume de participar en protestas contra as inxustizas. Pero, despois dun tempo, xa non estaba segura de se o que estaba facendo axudaba de verdade ás persoas e a solucionar os problemas. Ela di: “Cando estaba nas protestas, preguntábame se estaría apoiando o bando correcto. Pero agora que apoio o Reino de Deus, sei que o estou facendo. Sei que Xehová acabará con todo o sufrimento, algo que eu non podo facer” (Sal. 72:1, 4).

10. Por que os movementos de reformas sociais non están de acordo co que dixo Xesús en Mateo 5:43-48? (Ver tamén a imaxe).

10 Na actualidade moitas persoas únense a grupos que intentan cambiar os gobernos. Aínda así, moitos enfádanse pola situación, desobedecen as leis e lles fan dano a outros. Iso non é o que nos ensinou Xesús (Ef. 4:31). Un irmán chamado Jeffrey comenta: “En cuestión de segundos, as protestas que aparentemente son pacíficas poden converterse en violentas e a xente pode empezar a destruír ou roubar cousas, e incluso a pegarse entre eles”. Xesús, pola contra, ensínanos a tratar a todo o mundo con amor, incluso ós que non están de acordo con nós ou nos perseguen (le Mateo 5:43-48). E esforzámonos ó máximo por seguir o exemplo que Xesús nos deixou.

Unha irmá mirando adiante con calma mentres pasa cerca dunha protesta por unha rúa chea de xente.

Necesitamos valor para estar decididos a ser neutrais en asuntos políticos e sociais (ver o parágrafo 10).


11. Que pode poñer a proba a nosa determinación de non apoiar movementos de reformas sociais?

11 Aínda que sabemos que o Reino de Deus vai eliminar para sempre o sufrimento, pode facérsenos difícil imitar a Xesús cando se nos trata inxustamente. Vexamos o que lle pasou a Janiya, unha irmá que sufriu discriminación pola cor da súa pel. Ela conta: “Sentíame furiosa, doída e quería que se fixese xustiza. Entón pensei en apoiar un movemento que protestaba contra o racismo e a discriminación. Cría que facendo isto sentiríame mellor”. Pero, co tempo, Janiya deuse conta de que tiña que cambiar a súa forma de pensar. Ela continúa dicindo: “Estaba deixando que outros influísen na miña forma de pensar e que me fixeran confiar nos homes e non en Xehová. Así que decidín cortar toda relación con eses grupos e non involucrarme en cousas coma esas nunca máis”. Temos que ter coidado de non deixar que os sentimentos de enfado que nos provocan as inxustizas poñan en perigo a nosa postura neutral con respecto ós asuntos políticos e sociais deste mundo (Xoán 15:19).

12. Por que debemos escoller con coidado o que lemos, vemos ou escoitamos?

12 Que pode axudarnos a manter a calma cando traten mal a outros? A moitos axudoulles escoller con coidado o que len, escoitan e ven. Algunhas redes sociais están cheas de contido sensacionalista sobre inxustizas e promoven movementos de reformas sociais. E nas noticias, os reporteiros a miúdo expresan a súa opinión e non o que sucedeu de verdade. Incluso se a información que contan é correcta, realmente nos vai axudar pensar continuamente nela? Se pasamos moito tempo lendo ou escoitando esas noticias, podemos frustrarnos ou desanimarnos innecesariamente (Prov. 24:10). Ou incluso peor, podemos chegar a perder de vista a solución permanente para tódalas inxustizas: o Reino de Deus.

13. Como pode axudarnos ter unha boa rutina de lectura da Biblia a manter a actitude correcta ante as inxustizas?

13 Ter unha boa rutina de lectura e meditación da Biblia pode axudarnos a facerlles fronte ás inxustizas. A unha irmá chamada Alia afectáballe moito o mal que se trataba á xente da súa comunidade. Enfadáballe moito que os que estaban facendo esas cousas malas non fosen castigados. Ela di: “Tiven que sentarme e preguntarme a min mesma se de verdade cría que Xehová solucionaría eses problemas. Foi entón cando lin Xob 34:22-29. Eses versículos recordáronme que ninguén pode esconderse de Xehová. Só el ten un sentido da xustiza perfecto e só el corrixirá tódolos problemas por completo”. Pero, mentres esperamos a que o Reino de Deus solucione tódolos problemas, que podemos facer nós agora?

QUE PODEMOS FACER AGORA

14. Que é o que podemos facer nós para non provocar máis inxustizas? (Colosenses 3:10, 11).

14 Nós non podemos controlar tódalas inxustizas que fan os demais, pero si podemos controlar as nosas propias accións. Como vimos antes, podemos imitar a Xesús mostrando amor. Ese amor pode impulsarnos a tratar ós demais con respecto, incluso a aqueles que fan cousas inxustas (Mat. 7:12; Rom. 12:17). Xehová alégrase cando tratamos a outros de maneira amable e xusta (le Colosenses 3:10, 11).

15. Como podemos axudarlles ás persoas ó compartir con elas as ensinanzas da Biblia?

15 A mellor maneira de responder ás inxustizas é compartindo as verdades da Biblia con outros. Por que dicimos iso? Porque o “coñecemento do Señor” pode transformar a unha persoa que antes era agresiva e violenta nunha amable e pacífica (Is. 11:6, 7, 9). Antes de coñecer a verdade, un home chamado Jemal uniuse a un grupo rebelde para loitar contra un réxime político que sentía que era opresivo. El comenta: “Non podes cambiar á xente pola forza. A min non me cambiaron pola forza, senón que cambiei grazas ás verdades bíblicas que estaba aprendendo”. O que aprendeu Jemal motivouno a deixar de loitar. Polo tanto, cando lles ensinamos a outros as verdades que contén a Biblia, podemos axudarlles a deixar de facer dano ós demais.

16. Por que queres compartir coa xente o que fará o Reino de Deus?

16 Igual que Xesús, desexamos compartir coas persoas o que fará o Reino de Deus para acabar dunha vez por todas coas inxustizas. Esta esperanza pode animar a aqueles que foron tratados mal (Xer. 29:11). Stacy, da que falamos antes, explica: “Como sei que Deus acabará co sufrimento, podo estar tranquila cando me tratan de maneira inxusta a min ou a outros. Xehová utiliza a mensaxe da Biblia para consolarnos”. Se queres compartir con outros as promesas da Biblia, necesitas estar ben preparado. Canto máis convencido esteas de que as ensinanzas bíblicas que vimos neste artigo son verdade, mellor preparado estarás para falar con tacto deste tema na escola ou no traballo.b

17. Como nos axuda Xehová a facerlle fronte ás inxustizas actuais?

17 Sabemos que temos que seguir aguantando as inxustizas mentres Satanás sexa “o gobernante deste mundo”. Pero, mentres esperamos a que sexa “botado fóra”, contamos coa esperanza e coa axuda de Xehová (Xoán 12:31). Por exemplo, el dinos na Biblia por que hai tanto sufrimento e que se preocupa polos que son tratados mal (Sal. 34:18-20 [34:17-19, TNM]). Grazas a Xesús, aprendemos como reaccionar cando nos tratan mal e que o seu Reino pronto eliminará a inxustiza dunha vez por todas (2 Ped. 3:13). Sigamos predicando con entusiasmo as boas noticias dese Reino e desexando que chegue o momento en que toda a terra estea chea “co dereito e coa xustiza” (Is. 9:6 [9:7, TNM]).

QUE RESPONDERÍAS?

  • Por que nos molestan tanto as inxustizas?

  • Por que non apoiamos os esforzos humanos por acabar coas inxustizas?

  • Que podemos facer agora cando nos traten mal a nós ou a outros?

CANCIÓN sjj 158 Non vai tardar!

a Cambiáronse algúns nomes.

b Mira tamén o apéndice A, puntos 24 a 27, do folleto O amor motívanos a facer discípulos.

    Publicacións en galego (1993-2025)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir