ARTIGO DE ESTUDO 39
CANCIÓN sjj 54 Este é o camiño
Axudemos ós que xa estean listos para aprender sobre Deus
“Tódolos que tiñan a actitude correcta para obter vida eterna fixéronse crentes” (FEIT. 13:48).
OBXECTIVO
Ver a importancia de ofrecer cursos da Biblia e invitar as persoas ás reunións.
1. De que maneiras é posible que reaccione a xente cando lles predicamos? (Feitos 13:47, 48; 16:14, 15).
NO PRIMEIRO século, moitas persoas aceptaron a verdade en canto a escoitaron (le Feitos 13:47, 48; 16:14, 15). Da mesma maneira, hoxe moitos alégranse cando escoitan por primeira vez as boas noticias. Incluso ós que ó principio parece que non lles interesa a mensaxe do Reino, pode ser que máis adiante queiran saber máis sobre Deus e adoralo. Que debemos facer cando encontremos persoas coa “actitude correcta” na predicación?
2. En que sentido é a predicación coma o que fai un xardineiro?
2 A predicación pode compararse ó que fai un xardineiro. Se ve que unha planta ten un froito que xa está maduro, o máis probable é que o colla pero que aínda así siga preparando o resto do terreo ou sementando outras zonas do xardín. Do mesmo xeito, cando encontramos a alguén que está listo para aceptar a nosa mensaxe, queremos axudarlle a facerse discípulo de Cristo o antes posible. Pero tamén seguimos cultivando o interese dos que necesitan máis tempo para ver o valor da mensaxe (Xoán 4:35, 36). Comprender se están preparados ou non axudaranos a saber que enfoque utilizar cos que nos escoiten. Vexamos o que podemos facer durante a nosa primeira conversación para axudar ós que están listos para aceptar a mensaxe. Tamén veremos como podemos axudarlles a seguir progresando.
COMO AXUDAR ÁS PERSOAS QUE ESTÁN INTERESADAS NAS BOAS NOTICIAS
3. Que debemos facer cando encontramos alguén interesado mentres predicamos? (1 Corintios 9:26).
3 Cando na predicación encontramos a alguén que está interesado, queremos axudarlle a aprender de Xehová e a acercarse a el o antes posible. Neses casos, non debemos dubidar en ofrecerlles un curso da Biblia e invitalos ás nosas reunións na primeira conversación (le 1 Corintios 9:26).
4. Comenta a experiencia de alguén que estaba listo para empezar un curso da Biblia de inmediato.
4 Ofrécelles un curso. Algúns cos que falamos están dispostos a aceptar un curso da Biblia nese mesmo momento. Vexamos un exemplo. Un xoves, unha rapaza no Canadá achegouse a un carriño e colleu un folleto Desfruta da vida para sempre! A irmá que estaba alí explicoulle que xunto co folleto tamén podía recibir un curso da Biblia gratuíto. A rapaza estaba interesada e compartiu a súa información de contacto. Máis tarde nese mesmo día, escribiulle á irmá para falar sobre o curso. Cando a irmá lle comentou de ir visitala a fin de semana, ela díxolle: “E que tal mañá? Eu estou libre”. Así que empezaron o curso o venres, asistiu por primeira vez á reunión esa mesma fin de semana e seguiu progresando rapidamente.
5. Que temos que ter en conta para ofrecer un curso da Biblia da mellor maneira? (Ver tamén as imaxes).
5 Por suposto, non esperamos que tódolos que escoitan a nosa mensaxe queiran estudar a Biblia tan rápido coma esta rapaza. Algúns quizais necesiten máis tempo. Pode ser que ó principio teñamos que empezar a conversación cun tema que lle interese á persoa. Aínda así, se temos unha actitude positiva e mostramos interese persoal, en pouco tempo é posible que poidamos empezar un curso da Biblia. Que podemos dicir para ofrecelo? Vexamos o que comentaron algúns irmáns que son moi bos empezando cursos da Biblia cando se lles fixo esta pregunta.
Que cres que lles poderías dicir ás persoas das imaxes para axudarlles a querer empezar un curso da Biblia? (ver o parágrafo 5).a
6. Como podemos ofrecerlle á persoa interesada seguir coa conversación outro día?
6 Os irmáns ós que se lles preguntou sobre como empezar cursos da Biblia explicaron que nalgúns países é mellor evitar termos e expresións como “estudar”, “curso da Biblia” ou “ensinarche” ó describir como é o curso. Fixáronse en que funciona mellor usar “conversar”, “chegar a coñecer a Biblia” e “analizar”. Para que a persoa queira seguir falando contigo outro día poderías dicirlle: “É incrible como a Biblia responde as preguntas importantes que nos facemos sobre a vida” ou “A Biblia é máis que un libro relixioso, axúdanos de maneiras prácticas”. E poderías engadir: “Non levará moito tempo. En 10 ou 15 minutos poderás aprender algo que che axudará na túa vida”. Isto pode dicirse sen usar expresións como “cada semana” para evitar que se sinta comprometida.
7. Cando recoñeceron algúns a verdade por primeira vez? (1 Corintios 14:23-25).
7 Invítaos a unha reunión. Parece ser que no tempo de Paulo, algúns recoñeceron que o que estaban escoitando era a verdade cando foron por primeira vez a unha reunión cristiá (le 1 Corintios 14:23-25). Hoxe en día pasa o mesmo moitas veces. A maioría dos estudantes progresan máis rápido cando empezan a ir ás nosas reunións. Cando deberías invitalos? Na lección 10 do libro Desfruta da vida para sempre! xa se lles invita, pero non tes que esperar ata chegar a esta parte do libro para facelo. Na primeira conversación podes invitalos a asistir á reunión da fin de semana, quizais mencionando o título do discurso público ou unha idea do estudo de A Atalaia desa semana.
8. Que lle podemos explicar a unha persoa cando a invitamos ás nosas reunións? (Isaías 54:13, TNM).
8 Cando invites a alguén interesado, explícalle en que se diferencian as nosas reunións doutros servizos relixiosos que quizais xa coñeza. Cando unha estudante da Biblia asistiu por primeira vez ó estudo de A Atalaia, preguntoulle á súa mestra sobre o irmán que dirixía o estudo: “Sábese o nome de todos?”. A irmá explicoulle que nos esforzamos por saber o nome de tódalas persoas da congregación, coma se fose a nosa familia. Á estudante pareceulle que iso era diferente ó que tiña visto na súa igrexa. Da mesma maneira, o propósito das nosas reunións pode ser algo novo para moitos (le Isaías 54:13, TNM). Nós reunímonos para adorar a Xehová, aprender del e animarnos uns ós outros (Heb. 2:12; 10:24, 25). Por iso, as nosas reunións están organizadas para axudarnos a aprender e non inclúen rituais (1 Cor. 14:40). O auditorio está ben iluminado porque imos ó Salón do Reino para aprender. Ademais como somos neutrais, nunca falamos de política. Tampouco nos poñemos a debater entre nós nin discutimos sobre temas persoais. Pode ser de axuda mostrarlle ó estudante o vídeo Como son as nosas reunións? para que saiba que pode esperar delas.
9, 10. Cando invitemos alguén a unha reunión, que podemos dicirlle para que non teña medo a asistir? (Ver tamén a imaxe).
9 Algúns non saben se asistir ás reunións porque teñen medo de que lles pidamos que se cambien á nosa relixión. Asegúralle á persoa que pode vir simplemente para escoitar e que non ten por que participar. As familias son benvidas, incluso as que teñen nenos pequenos. Os fillos non reciben unha educación por separado, senón que sentan cos seus pais para aprender xuntos. Desta maneira os pais saben con quen están os seus fillos e que se lles ensina (Deut. 31:12). Nas nosas reunións non pedimos cartos, senón que seguimos este mandato de Xesús: “Recibistes gratis, dade gratis” (Mat. 10:8). Tamén podes mencionarlle que non necesita roupa cara para asistir, porque Deus fíxase nos corazóns, non nas aparencias (1 Sam. 16:7).
10 Se a persoa vai á reunión, fai todo o que poidas para que se sinta benvida. Preséntalle os anciáns e outros publicadores. Se se sente coma en casa será máis probable que queira volver. Durante a reunión se non ten unha Biblia, comparte a túa con ela e móstralle como seguir as ideas do discurso e o estudo de A Atalaia.
Canto antes empece unha persoa a asistir ás reunións, antes se acercará a Xehová (ver os parágrafos 9 e 10).
QUE FACER Ó EMPEZAR UN CURSO DA BIBLIA
11. Como podes mostrar consideración co tempo e horario da persoa?
11 Que debemos recordar cando estudemos con alguén? Temos que mostrar consideración co seu tempo e horario. Por exemplo, se quedades a unha hora, chega a tempo, sen importar como se vexa a puntualidade na túa zona. Ademais, quizais pode ser bo que a primeira vez estudedes pouco tempo. Algúns publicadores experimentados suxiren acabar pronto, incluso se a persoa quere escoitar máis. E non fales moito, deixa que se exprese (Prov. 10:19).
12. Cal debería ser a nosa meta dende que empecemos un curso da Biblia?
12 Cando empezamos a estudar con alguén, queremos axudarlle dende a primeira lección a que coñeza a Xehová e Xesús e a que empece a querelos. Para conseguir isto debes mostrarlle o que di a Biblia e non só o que ti sabes ou pensas (Feit. 10:25, 26). O apóstolo Paulo púxonos un bo exemplo, porque cando ensinaba á xente centrábase en Xesús, a quen Xehová mandou para que nos axudase a coñecelo e a amalo (1 Cor. 2:1, 2). Tamén deixou claro o importante que é axudar ós estudantes a ter boas cualidades, as cales se poden comparar ó ouro, á prata e ás pedras preciosas (1 Cor. 3:11-15). Entre estas cualidades tan valiosas están a fe, a sabedoría, o discernimento e o temor de Xehová (Sal. 19:10, 11 [19:9, 10, TNM]; Prov. 3:13-15; 1 Ped. 1:7). Imitemos a maneira de ensinar de Paulo axudando ós nosos estudantes a construír unha fe forte e unha boa amizade co seu amoroso Pai celestial (2 Cor. 1:24).
13. Como podemos mostrar que somos pacientes e razoables ó axudar ás persoas interesadas? (2 Corintios 10:4, 5). (Ver tamén a imaxe).
13 Sigamos o exemplo de Xesús ó ensinar sendo pacientes e razoables. Evita facer preguntas que poidan incomodar a persoa. Se hai algo que lle custe entender, non é necesario que o sigades analizando. Podedes seguir co curso e volver a ese punto máis adiante. En vez de forzarlle a que acepte unha ensinanza antes de estar preparada, dálle un tempo para meditar nela e axustar a súa maneira de pensar (Xoán 16:12; Col. 2:6, 7). A Biblia compara as falsas ensinanzas que intentamos derribar cunha fortaleza (le 2 Corintios 10:4, 5; ver a nota de estudo en “derrumbar cosas fuertemente atrincheradas”, nwtsty-S). Quizais non lle sexa fácil ó estudante deixar de crer en algo no que leva moito tempo crendo. Así que primeiro necesitamos axudarlle a construír unha nova fortaleza, é dicir, a confiar en Xehová. Desta maneira seralle máis fácil deixar as crenzas que tanto valoraba e que tiña tan arraigadas (Sal. 91:9).
Dálle un tempo ó estudante para meditar no que está aprendendo e axustar a súa maneira de pensar (ver o parágrafo 13).
COMO AXUDAR ÓS QUE VEÑAN POR PRIMEIRA VEZ Á REUNIÓN
14. Como debemos tratar ós que veñen por primeira vez ás reunións?
14 Xehová espera que sexamos imparciais na nosa maneira de tratar os que veñen por primeira vez á reunión, sen importar de onde veñan, a súa cultura ou canto diñeiro teñan (Sant. 2:1-4, 9). Así que, como podemos mostrarlles amor ós que empecen a vir ás reunións?
15, 16. Como podemos axudarlles ós que veñen por primeira vez ás nosas reunións?
15 Algunhas persoas van as nosas reunións por curiosidade ou porque alguén doutra zona animouno a asistir. Así que cando vexas alguén novo na reunión, non dubides en falar con el. Dálle a benvida sen facelo sentir incómodo sendo demasiado entusiasta. Invítao a sentar contigo, comparte a túa Biblia e as publicacións que esteamos estudando ou dálle unhas para que el teña as súas propias. Ademais, pensa en que podes facer para que estea cómodo. Un home que visitou un Salón do Reino díxolle ó irmán que lle deu a benvida que estaba nervioso por non ir tan ben vestido coma os demais. O irmán tranquilizouno e explicoulle que as testemuñas de Xehová somos xente normal. O home, que co tempo chegou a bautizarse, nunca esquecerá a resposta do irmán. Pero ollo: cando mostres interese persoal por alguén novo na congregación, ten coidado de non facerlle preguntas que o poidan avergonzar ou sexan demasiado persoais (1 Ped. 4:15).
16 Tamén podemos conseguir que os que veñen de visita se sintan cómodos sendo respectuosos nas nosas conversacións, comentarios e nas partes da reunión ó referirnos ós que non son Testemuñas ou ás súas crenzas. Non diremos nada que poidan tomar coma un insulto ou que poida facer que non queiran volver (Tito 2:8; 3:2). Por exemplo, nunca falaremos mal das súas crenzas (2 Cor. 6:3). Os irmáns que dan discursos públicos teñen que ter moito coidado con isto. Demostrarán que teñen en conta que hai persoas non Testemuñas no auditorio ó explicar palabras ou conceptos que quizais non entendan.
17. Cal é o noso obxectivo cando encontramos os que teñen “a actitude correcta” mentres predicamos?
17 A predicación é cada vez máis urxente e seguiremos encontrando persoas coa “actitude correcta para obter vida eterna” (Feit. 13:48). Cando o fagamos, non dubidemos en ofrecerlles un curso da Biblia ou en invitalos ás nosas reunións. Desta maneira poderemos axudarlles a dar os seus primeiros pasos no “camiño que [leva] á vida” (Mat. 7:14).
CANCIÓN sn 44 Vivimos na tempada da colleita
a DESCRICIÓN DA IMAXE: Dous irmáns achegándose a un militar retirado que está descansando na súa terraza. Dúas irmás predicándolle brevemente a unha nai que está ocupada.