Como son as vodas das testemuñas de Xehová?
As vodas das testemuñas de Xehová consisten a miúdo nunha cerimonia sinxela e digna na que se presenta unha breve conferencia baseada na Biblia. Despois da cerimonia pode haber un banquete.a Cando comezou o seu labor de predicar, Xesús asistiu a un casamento na cidade de Caná (Xoán 2:1-11).
Como é a cerimonia?
O aspecto primordial da cerimonia é a conferencia de voda. Dura uns trinta minutos e impártea un ministro relixioso das testemuñas de Xehová. Esta conferencia instrutiva e agarimosa subliña principios bíblicos que poden axudarlle á parella a ter un matrimonio duradeiro, cheo de amor e felicidade (Efesios 5:33).
En moitos países, a lei permite que os ministros relixiosos das testemuñas de Xehová poidan oficiar vodas. Neste caso, cara ó final da conferencia, os noivos diranse os votos matrimoniais un ó outro. Tamén poden intercambiarse os aneis. Entón o ministro relixioso decláraos marido e muller.
Noutros países, a lei esixe que unha parella case nun organismo gobernamental. A parella fai isto algún tempo antes da conferencia de voda. Se os noivos non intercambiaron os votos na voda civil, poderán facelo cara ó final da conferencia bíblica. Se xa os intercambiaron na cerimonia civil, poden optar por repetilos pero falando en tempo pasado. A conferencia bíblica remata cunha oración na que se pide que Deus bendiga o novo matrimonio.
Onde se celebran?
Moitas testemuñas de Xehová optan por faceren a súa cerimonia de voda nun Salón do Reino que estea dispoñible.b Se a parella vai facer un convite, este celebrarase noutro sitio.
Quen pode asistir?
Se a voda se celebra nun Salón do Reino, o normal é que poida asistir calquera persoa, sexa testemuña de Xehová ou non. Se os noivos organizan un convite, son eles os que deciden a quen invitar.
Como hai que ir vestido?
As vodas nun Salón do Reino non teñen ningún protocolo de vestir específico. As testemuñas de Xehová tratan de seguir os principios bíblicos e visten dun xeito que amose modestia e respecto por un evento tan importante; e agradecen que os demais fagan o mesmo (1 Timoteo 2:9). Por suposto, se vai haber banquete aplican estes mesmos principios.
Hai agasallos de voda?
A Biblia fomenta a xenerosidade (Salmo 37:21). Ás testemuñas de Xehová encántalles dar e recibir agasallos de voda (Lucas 6:38). Porén, as testemuñas de Xehová evitan pedir regalos ou anunciar publicamente o nome de quen fixo certo agasallo (Mateo 6:3, 4; 2 Corintios 9:7; 1 Pedro 3:8). Facelo vai en contra do que di a Biblia e, ademais, pode facer que algún invitado se sinta incómodo.
Hai brindes?
A Biblia non prohibe os brindes ou chocar as copas. Agora ben, pode que algunhas parellas lles pidan ós seus invitados que non fagan brindes para evitar que outros tropecen (Romanos 14:21).
Tiran arroz ou confeti?
Non. Nalgúns lugares, a xente tíralles arroz, confeti ou algunha outra cousa ós noivos que veñen de casar. Coidan que iso lle traerá boa sorte, felicidade e unha longa vida ó matrimonio. Pero as testemuñas de Xehová evitan os costumes supersticiosos relacionados cos deuses da “Fortuna” e do “Destino”, xa que están en contra do que a Biblia ensina (Isaías 65:11, SBG).
Hai comida e bebida?
A cerimonia do casamento nun Salón do Reino non inclúe comida ou bebida. Algunhas parellas elixen ter un banquete despois da cerimonia (Eclesiastés 9:7). Se deciden servir alcohol, asegúranse de que sexa en cantidade moderada e só para maiores de idade (Lucas 21:34; Romanos 13:1, 13).
Hai música e baile?
Os noivos son quen deciden se haberá música e baile no convite (Eclesiastés 3:4). A música que escollan reflectirá bo gusto, e variará segundo as súas preferencias e cultura. A cerimonia nun Salón do Reino adoita incluír música con cancións baseadas nas Escrituras.
Celebran as testemuñas de Xehová os aniversarios de voda?
Xa que a Biblia non fala nin en contra nin a favor dos aniversarios de voda, cada matrimonio de testemuñas de Xehová escollerá se celebralos ou non. De decidiren facelo, poida que os celebren en privado ou con amigos e familiares.
a Os costumes, prácticas e requisitos legais poden variar segundo o lugar onde se celebre o casamento.
b O ministro relixioso que dá a conferencia non cobra nada, nin tampouco non se cobra por usar o Salón do Reino.