Obrigan as testemuñas de Xehová ós seus fillos a facerse da súa mesma relixión?
Non, porque a adoración a Deus é un asunto persoal (Romanos 14:12). As testemuñas de Xehová ensinámoslles os principios da Biblia ós nosos fillos, mais son eles os que, ó medraren, deberán decidir se serán ou non testemuñas de Xehová (Romanos 12:2; Gálatas 6:5).
Igual cá maioría dos pais, as testemuñas de Xehová queremos o mellor para os nosos fillos. Por iso lles ensinamos o que pensamos que lles será de proveito: aptitudes que lles serán de moito valor, principios morais e crenzas relixiosas. Pensamos que a Biblia promove a mellor forma de vivir, así que tratamos de inculcarlles eses valores ós nosos fillos. Para conseguilo estudamos a Biblia con eles e levámolos connosco ás nosas reunións (Deuteronomio 6:6, 7). Grazas a ese coñecemento, ó medrar, cada neno poderá decidir se adoptará ou non as crenzas dos seus pais.
Rexeitan as testemuñas de Xehová a un fillo se non quere bautizarse?
Por que levan as testemuñas de Xehová os seus fillos a predicar con eles?
Participan as testemuñas de Xehová en festas ou noutras celebracións?
Como se senten os que foron criados como testemuñas de Xehová?
Bautizan meniños as testemuñas de Xehová?
Non. A Biblia non aproba o bautismo de meniños. Por exemplo, a Biblia mostra que os cristiáns do primeiro século escoitaron a mensaxe da Biblia, aceptárona de bo grado, arrepentíronse e, despois, bautizáronse (Feitos 2:14, 22, 38, 41). Así pois, para bautizarse hai que ter suficiente idade para comprender e crer os ensinos da Biblia, e decidir vivir de acordo con eles. Un meniño non pode facer iso.
Conforme os nenos van medrando poden decidir bautizarse. Pero, para facelo, deben entender o compromiso que asumen.
Rexeitan as testemuñas de Xehová a un fillo se non quere bautizarse?
Non. Os pais seguen querendo ó seu fillo e, inda que se sintan tristes, non van cortar a súa relación con el só porque decida non bautizarse.
Sen importar a idade que teña, cada persoa debe decidir por si mesma se vai bautizarse ou non
Por que levan as testemuñas de Xehová os seus fillos a predicar con eles?
Facémolo por varias razóns. Algunhas delas son:a
A Biblia mándalles ós pais ensinarlles acerca de Deus ós seus fillos e educalos para que o sirvan (Efesios 6:4). Xa que servir a Deus inclúe falarlles a outros das crenzas que un ten, a predicación é unha parte importante desa educación (Romanos 10:9, 10; Hebreos 13:15).
A Biblia anima especificamente os mozos a que “louven o nome do Señor” (Salmo 148:12, 13). Unha das mellores maneiras de louvar a Deus é falándolles del a outras persoas.b
Hai moitos beneficios de que os cativos vaian predicar cos seus pais. Por exemplo, aprenden a falar con todo tipo de persoas e iso ensínalles calidades como a compaixón, a bondade, o respecto e a abnegación. Ó mesmo tempo tamén entenden mellor o fundamento bíblico das súas crenzas.
Participan as testemuñas de Xehová en festas ou noutras celebracións?
As testemuñas de Xehová non participamos en festas e outras celebracións que non lle agradan a Deus (2 Corintios 6:14-17; Efesios 5:10)c. Por exemplo, non celebramos os aniversarios de nacemento ou o Nadal, tal como tampouco non o facían os primeiros cristiáns.
Porén, si que nos gusta pasar tempo coa familia e facémoslles agasallos ós nosos fillos. No canto de permitirmos que o almanaque nos marque cando temos que estar coa familia ou cando temos que dar agasallos, decidimos facelo durante todo o ano.
Os pais cristiáns desfrutan dándolles agasallos ós seus fillos
a Polo xeral os fillos das testemuñas de Xehová só van predicar cos seus pais ou con outro adulto responsable.
b A Biblia menciona moitos nenos que compraceron a Deus ó falarlles a outros sobre as súas crenzas (2 Reis 5:1-3; Mateo 21:15, 16; Lucas 2:42, 46, 47).
c Ver o artigo “Por que as testemuñas de Xehová non celebran certas festividades?”.
d Cambiáronse algúns nomes.