COMO SE USAN AS TÚAS DOAZÓNS
Instalacións que honran o noso Gran Instrutor
1 DE XULLO DE 2023
A Xehová encántalle educar o seu pobo. Como resultado, a súa organización creou diferentes cursos para capacitar os estudantes para cumprir coas súas asignacións. Un deses cursos é o Curso para Evanxelizadores do Reino (CER). Durante os últimos anos, a organización de Deus estivo pendente non só dos temarios dos cursos, senón tamén das instalacións onde se imparten. É por iso que un dos obxectivos principais é mellorar o lugar de ensino tanto para os estudantes como para os instrutores.
Máis estudantes en lugares máis cómodos
Por moitos anos, os cursos teocráticos celebráronse en Salóns do Reino e Salóns de Congresos. Entón, por que construímos ou renovamos varios edificios recentemente que agora só se usan para cursos teocráticos? Por tres razóns:
Necesítase máis axuda. Christopher Mavor, un dos axudantes do Comité de Servizo do Consello Reitor, explica: “As sucursais informaron que necesitan a axuda de máis irmáns e irmás. Por exemplo, en 2019 a sucursal do Brasil calculou que se necesitaban uns 7.600 irmáns e irmás graduados máis do Curso para Evanxelizadores do Reino para coidar das necesidades do territorio que atende a sucursal”. A sucursal dos Estados Unidos informa que existe unha gran necesidade de pioneiros capacitados que poidan preparar a outros na predicación pública especial en áreas metropolitanas, así como en portos e en centros penitenciarios. Ademais, necesítanse irmáns no Departamento Local de Deseño e Construción e nos Comités de Enlace cos Hospitais. Os graduados do Curso para Evanxelizadores do Reino poden axudar a cubrir calquera destas necesidades.
Aumentou o número de solicitudes. Moitas sucursais recibiron máis solicitudes de estudantes das que poden aceptar na actualidade. Por exemplo, a sucursal do Brasil recibiu unhas 2.500 solicitudes para o Curso de Evanxelizadores do Reino nun só ano, pero por falta de espazo soamente puideron asistir 950 alumnos ó curso.
Necesítase aloxamento axeitado. Cando os estudantes asisten ó curso nun Salón do Reino ou nun Salón de Congresos, normalmente quedan aloxados en casas de irmáns e irmás da zona. Isto é moi práctico en lugares onde non hai moitos cursos ó ano, pero onde hai máis quizais non sexa posible que os publicadores locais poidan aloxar os estudantes tantos meses ó ano. Por esa razón, póñense á disposición dos estudantes lugares especialmente deseñados para eles onde poidan aloxarse cerca da clase.
Unhas instalacións cunha aula para as clases, con aloxamento para os instrutores e para arredor de 30 estudantes, e con áreas para outros servizos, poden custar varios millóns de dólares, dependendo de onde estean e outros factores.
Características das instalacións para un curso
Normalmente, as clases teñen lugar en sitios tranquilos nas aforas dunha cidade, pero cerca de lugares onde chegue o transporte público. Dáse preferencia a zonas onde haxa suficientes publicadores que poidan botar unha man co que se necesite durante o curso, así como co mantemento dos edificios e doutro equipamento.
As instalacións están equipadas con bibliotecas, zonas para estudar, ordenadores, impresoras e outros accesorios. A miúdo hai un comedor onde os estudantes e os instrutores poden comer xuntos. Tamén hai espazo suficiente para facer exercicio e relaxarse.
Ademais, preparamos as aulas con moito coidado. Troy, que traballa co Departamento Global de Deseño e Construción en Warwick (Nova York), explica: “Pedímoslle ó Departamento de Cursos Teocráticos que nos axudase a deseñar as aulas para que ós estudantes lles fose máis fácil aprender. Os irmáns déronnos pautas sobre o tamaño e a distribución das aulas, así como a iluminación e o equipo necesario para o audio e o vídeo”. Falando do equipo de audio, Zoltán, un instrutor do Curso para Evanxelizadores do Reino en Hungría, comenta: “Ó principio non tiñamos micrófonos, así que a miúdo tiñamos que recordarlles ós estudantes que falasen máis alto. Pero agora hai un micrófono en cada mesa, así que problema resolto!”.
“Invitados especiais de Xehová”
Que efecto tivo a mellora das instalacións nos instrutores e nos estudantes? Ángela, unha estudante do Curso para Evanxelizadores do Reino en Palm Coast (Florida, EEUU), di: “É un lugar moi tranquilo. Todo está moi ben pensado para que poidamos centrarnos en estudar e aprender, incluída a aula e os nosos cuartos”. Csaba, un instrutor de Hungría, valora moito poder comer cos estudantes. Falando deses momentos, el explica: “Os estudantes a miúdo nos contan máis cousas sobre eles e das súas vivencias. Como resultado, podemos aplicar mellor o temario ás súas necesidades”.
Os estudantes e os instrutores ven tódalas melloras que se fixeron ás instalacións onde se celebra o curso como unha bendición do noso “Grande Instrutor”, Xehová (Isaías 30:20, 21, TNM). Unha irmá de Filipinas que asistiu ó Curso para Evanxelizadores do Reino nunhas instalacións que foron remodeladas, dixo: “Estas instalacións recórdannos que non somos só estudantes, senón invitados especiais de Xehová. El quere que desfrutemos ó mesmo tempo que estudamos a fondo a súa Palabra”.
As instalacións para as clases poden construírse, renovarse e manterse grazas ás túas doazóns, moitas delas feitas a través de donate.jw.org. Moitísimas grazas pola túa xenerosidade.