BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • mwbr19 agosto páxs. 1-9
  • Fontes de información para o Caderno de Estudo Vida e Actividades

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Fontes de información para o Caderno de Estudo Vida e Actividades
  • Fontes de información para o Caderno de Estudo Vida e Actividades (2019)
  • Subtítulos
  • 5-11 DE AGOSTO
  • 12-18 DE AGOSTO
  • 19-25 DE AGOSTO
  • 26 DE AGOSTO–1 DE SETEMBRO
Fontes de información para o Caderno de Estudo Vida e Actividades (2019)
mwbr19 agosto páxs. 1-9

Fontes de información para o Caderno de Estudo Vida e Actividades

5-11 DE AGOSTO

TESOUROS DA BIBLIA | 2 TIMOTEO 1-4

“Deus non nos deu un espírito feble”

(2 Timoteo 1:7) Porque Deus non nos deu un espírito feble senón forte, de amor e de sobriedade.

w09 15/5 páx. 15 par. 9

Mozos, “que todos vexan como progresas”

9 Para axudalo, Paulo lembroulle a Timoteo: “Porque Deus non nos deu un espírito feble senón forte, de amor e de sobriedade” (2 Tim. 1:7). Ter un espírito de sobriedade implica sermos persoas sensatas. Tamén implica termos a capacidade de afrontar a realidade tal e como é, e non como nos gustaría que fose. Hai mozos que non teñen esta capacidade e cando xorden problemas intentan escapar deles. Algúns pasan moitas horas de festa, durmindo ou vendo a televisión. Outros beben moito, consomen drogas ou teñen condutas sexuais que Deus non aproba. Pero a Biblia dinos que “arreneguemos da impiedade e das cobizas mundanas e vivamos no mundo presente dun xeito asisado, xusto e respectuoso” (Tit. 2:12).

(2 Timoteo 1:8) Non teñas vergonza de noso Señor, nin de min, preso por el; ó contrario, faite partícipe dos meus sufrimentos polo Evanxeo, contando co poder de Deus.

w03 1/3 páxs. 9-10 par. 7

Sé rexo e valoroso

7 Paulo díxolle a Timoteo: “Porque Deus non nos deu un espírito feble senón forte”. E engadiu: “Non teñas vergonza de noso Señor” (2 Tim. 1:7, 8; Mc. 8:38). Así que farías ben en preguntarte: “Teño vergonza das miñas crenzas, ou amoso afouteza? Saben os meus compañeiros do traballo ou da escola que son testemuña de Xehová, ou trato de agochalo? Dáme vergonza non ser coma os demais, ou estou orgulloso de que a miña relación con Xehová me faga ser diferente?”. Se sabes de alguén que sente vergonza de ir predicar ou de ser diferente, algo que podes facer é recordarlle o consello que Xehová lle deu a Xosué cando lle dixo que fose rexo e valoroso. Lembra, o que conta non é a opinión dos teus compañeiros de traballo ou escola, senón o que pensan Xehová e Xesucristo (Gál. 1:10).

Afondemos nas Escrituras

(2 Timoteo 2:3, 4) Comparte os meus traballos coma un bo soldado de Cristo Xesús. 4 Ningún soldado en activo se deixa enguedellar nos negocios da vida, se quere compracer ó que o alistou.

w17.07 páx. 10 par. 13

Busquemos as verdadeiras riquezas

13 Timoteo tiña fe en Xehová, de feito, Paulo dixo del que era “un bo soldado de Cristo Xesús”. Ademais lembroulle: “Ningún soldado en activo se deixa enguedellar nos negocios da vida, se quere compracer ó que o alistou” (2 Tim. 2:3, 4). Hoxe en día os cristiáns, entre eles máis dun millón de pioneiros, fan canto poden por seguir este consello de Paulo. Tamén miran de non deixarse enguedellar pola publicidade ou o consumismo, pois lembran que “quen debe é escravo do que lle emprestou” (Prov. 22:7). O Demo quere que dediquemos todo o noso tempo e enerxías a adquirir bens. Pero o certo é que algunhas das decisións que tomemos na vida poden enguedellarnos por moitos anos. Por exemplo, préstamos de moitos cartos para mercar unha vivenda, un coche moi caro, ou para pagar unha carreira ou mesmo unha gran voda. Pero o máis sabio é levar unha vida sinxela e reducir as nosas débedas e gastos, deste xeito os bens non serán un lastre no noso servizo a Xehová (1 Tim. 6:10).

(2 Timoteo 2:23) Evita as discusións parvas e as controversias testalás, que xa sabes que enxendran loitas:

w14 15/7 páx. 14 par. 10

Afástate da inxustiza

10 Hoxe en día non adoita haber moitos casos de apostasía dentro das congregacións. Inda así, se nos atopamos con ideas contrarias ó que a Biblia ensina debemos rexeitalas axiña, sen importar a súa procedencia. Non debemos enlearnos en debates con apóstatas, nin en persoa nin por ningún outro medio, como páxinas de Internet. Mesmo se a nosa intención é axudar a outra persoa, estas conversas irían en contra do mandato bíblico mencionado en 2 Timoteo 2:14, 16, 23. Como servos de Xehová evitamos a apostasía, é dicir, rexeitámola por completo.

Lectura da Biblia

(2 Timoteo 1:1-18) Paulo, apóstolo de Cristo Xesús por vontade de Deus para anuncia-la promesa da vida que hai en Cristo Xesús, 2 a Timoteo, fillo querido: deséxoche a gracia, a misericordia e a paz de Deus e de Cristo Xesús noso Señor. 3 Doulle gracias a Deus, a quen sirvo desde o nacemento con conciencia limpa, porque decote me lembro de ti nas miñas oracións, noite e día. 4 Cando me acordan as túas bágoas, véñenme ganas de te ver para me encher de alegría, 5 lembrando a túa fe sincera, que xa habitou na túa avoa Loide e na túa nai Eunice, e confío que tamén en ti. 6 Por esta mesma causa recórdoche que reavíve-lo carisma de Deus, que hai en ti pola imposición das miñas mans. 7 Porque Deus non nos deu un espírito feble senón forte, de amor e de sobriedade. 8 Non teñas vergonza de noso Señor, nin de min, preso por el; ó contrario, faite partícipe dos meus sufrimentos polo Evanxeo, contando co poder de Deus. 9 El vivificounos e chamounos cunha vocación santa, non polas nosas obras, senón polo seu designio e pola gracia que nos deu en Cristo Xesús antes de tódolos tempos, 10 e que se manifestou agora pola aparición do noso Salvador, Cristo Xesús. El destruíu a morte e alumeou a vida e a inmortalidade por medio do Evanxeo. 11 Deste Evanxeo constituíronme a min pregoeiro, apóstolo e mestre. 12 Por esta causa precisamente padezo estas cousas. Pero non me importa, porque sei de quen me fiei, e estou certo que é podente para custodiar ata aquel día o depósito que me confiou. 13 Mantén coma regra as palabras saudables que me escoitaches verbo da fe e da caridade de Cristo Xesús. 14 Garda o precioso depósito por medio do Espírito Santo, que mora en nós. 15 Saberás que me plantaron tódolos de Asia, entre eles Fíxelo e Hermóxenes. 16 Concédalle o Señor misericordia á familia de Onesíforo, que me tivo animado moitas veces e non se avergoñou de que eu fora un preso. 17 Aínda máis, cando cheguei a Roma, axiña me buscou e atopoume: 18 que o Señor lle conceda acha-la súa misericordia naquel día. E cantos servicios fixo en Éfeso coñécelos ti mellor ca min.

SEXAMOS MELLORES MESTRES

Ideas para conversar

(Isaías 33:24) quen alí reside non dirá: “Estou impedido”. O pobo que resida alí quedará libre da iniquidade.

(Salmo 72:16) Abundará o trigo nos campos, nos montes ondularán coma no Líbano os froitos, florecerán as vilas coma a herba dos agros.

(Xoán 5:28, 29) Non vos pasme isto, porque chega o momento en que tódolos que están nos sepulcros escoitarán a súa voz; 29 e sairán os que fixeron o ben a unha resurrección de vida; e os que obraron o mal a unha resurrección de condena.

12-18 DE AGOSTO

TESOUROS DA BIBLIA | TITO 1–FILEMÓN

“Deixeite ‘para que nomeases responsables’”

(Tito 1:5-9) Deixeite en Creta, para que seguises endereitando o que faltaba e para que nomeases responsables en cada vila, tal como che prescribín eu: 6 teñen que ser xente honesta, homes dunha soa muller, que teñan fillos crentes, non acusados de mala conducta ou desobedientes. 7 Porque cómpre que o responsable sexa sen tacha, coma administrador de Deus: nin soberbio, nin iracundo, nin insolente, nin rifador, nin amigo dos cartos; 8 senón hospitalario, amigo do ben, asisado, xusto, santo, e dono de si, 9 que se afinque na palabra certa conforme lla ensinaron para que sexa capaz de exhortar pola doutrina verdadeira e de convence-los contradicentes.

w14 15/11 páxs. 28-29

Preguntas dos lectores

Malia que a Biblia non explica en profundidade como se facía cada nomeamento, si que nos dá algúns detalles. Por exemplo, di que cando Paulo e Bernabé volvían para a casa despois da súa xira de predicación designaron “presbíteros en cada Igrexa, oraban, xexuaban e encomendábanos ó Señor, en quen creran” (Feit. 14:23). Anos máis tarde, Paulo escribiulle a Tito, quen fora o seu compañeiro de viaxe: “Deixeite en Creta, para que seguises endereitando o que faltaba e para que nomeases responsables en cada vila, tal como che prescribín eu” (Tit. 1:5). Do mesmo xeito, parece que Timoteo, quen viaxou moito co apóstolo Paulo, tamén recibiu esta autoridade (1 Tim. 5:22). Así que semella que quen facía os nomeamentos eran os responsables de visitar as congregacións, non os apóstolos nin os anciáns de Xerusalén.

Seguindo este precedente bíblico, o Consello Reitor das Testemuñas de Xehová fixo algúns cambios no xeito de nomear os anciáns e servos ministeriais. Dende o 1 de setembro de 2014, cada responsable de circuíto avalía con coidado cada un dos candidatos propostos polos anciáns. Cando visita as congregacións, esfórzase por ir predicar cos candidatos e coñecelos mellor. Despois de analizar cos anciáns as súas propostas, o responsable de circuíto é o que nomeará os anciáns e servos ministeriais. Deste xeito, o procedemento a seguir parécese máis ó do primeiro século.

Que función cumpre cada unha das partes implicadas? Coma sempre, o “criado fiel e prudente” é o principal responsable de “dar de comer á servidume” (Mat. 24:45-47). Coa axuda do espírito santo, busca pautas nas Escrituras sobre como deben organizarse as congregacións de todo o mundo e despois explica como aplicalas. O criado fiel tamén designa os responsables de circuíto e os membros dos Comités de sucursal. Pola súa banda, cada sucursal axuda a levar á práctica as pautas recibidas. Os anciáns de cada congregación, á súa vez, teñen a importante responsabilidade de avaliar con coidado os candidatos que queren propoñer para ver se cumpren coas calidades que a Biblia especifica para eles. Por último, os responsables de circuíto teñen a importante tarefa de analizar con moito tino as propostas dos anciáns. Fano orándolle a Xehová para que os axude a tomar unha boa decisión. Despois, nomearán aqueles que teñan as calidades precisas.

Afondemos nas Escrituras

(Tito 1:12) Xa un deles (e téñeno por profeta) dixo: “Cretenses: menten sempre, malas bestas, galbáns ventres”.

w89 15/5 páx. 31 par. 5

Preguntas dos lectores

Paulo non estaba xustificando ningún prexuízo étnico ou racial cara ós cretenses. Sábese que isto é así porque Paulo estaba ó tanto de que en Creta había cristiáns que tiñan a aprobación de Deus e xa foran unxidos polo espírito santo (Feit. 2:5, 11, 33). De feito, había cristiáns abondo para formar congregacións en “cada vila”. Malia seren imperfectos, seguro que non eran nin uns mentireiros nin uns galbáns comellóns. Se o fosen non seguirían a ter a aprobación de Xehová (Flp. 3:18, 19; Ap. 21:8). En Creta, igual que pasa hoxe en día ó redor de todo o mundo, seguramente había persoas de bo corazón que estaban a sufrir por mor dos baixos valores morais comúns nos seus tempos e estaban dispostas a escoitar a mensaxe sobre Cristo (Ez. 9:4; comparar con Feit. 13:48).

(Filemón 15, 16) Igual por iso marchou de onda ti algún tempo: a fin de que agora o recuperes para sempre, 16 non xa coma escravo, senón coma algo máis ca escravo: coma un irmán benquerido. Para min é moi querido; ¡moito máis o vai ser para ti, coma home e coma cristián!

w08 15/10 páx. 31 par. 5

Ideas interesantes das cartas a Tito, a Filemón e ós Hebreos

15, 16. Por que non lle dixo Paulo a Filemón que liberase a Onésimo? Paulo quería centrarse en predicar o Reino de Deus e ensinar “o que se refire ó Señor Xesús Cristo”. Así que decidiu non entremeterse en cuestións sociais coma a escravitude (Feit. 28:31).

Lectura da Biblia

(Tito 3:1-15) Recórdalles que se sometan ás autoridades, que as obedezan, que estean dispostos para toda obra boa. 2 Que non difamen a ninguén, que sexan pacíficos, xustos, amables con todo o mundo. 3 Noutrora fomos tamén nós toleiráns, rebeldes, extraviados, escravos de moitas cobizas e praceres, vivindo na maldade, na envexa, odiados e cheos de odio uns para os outros. 4 Pero cando apareceu a bondade e a humanidade de Deus, o noso Salvador, 5 salvounos non polas obras boas que nós fixemos, senón pola súa misericordia, por medio do baño do novo nacemento e polo poder renovador do Espírito Santo. 6 Ese Espírito que verteu sobre nós con abundancia, por Xesús Cristo, noso Salvador, 7 a fin de que, xustificados pola súa gracia, nos [fixésemos] herdeiros da vida eterna, conforme á esperanza. 8 Esta é doutrina certa. E eu quero que ti te afinques nela, para que os que creron en Deus se dediquen a practica-las boas obras. Isto é bo e útil para todos. 9 Desbota, en troques, as pescudas extravagantes, as xenealoxías, as rifas, as polémicas sobre a Lei: son inútiles e sen substancia. 10 Ó causante de divisións repréndeo unha vez ou dúas. Despois prescinde del, 11 tendo ben sabido que ese tal é un perverso e peca, condenándose el mesmo. 12 Cando cheguen onda ti Artemás ou Tíquico, apura a vir onda min a Nicópolis, porque decidín pasar alí o inverno. 13 Dálle-lo preciso para a viaxe ó avogado Zenas e mais a Apolo para que non lles falte nada. 14 Aprendan os nosos a faceren o ben atendendo as necesidades urxentes e así non serán improductivos. 15 Mándanche recordos tódolos que están comigo. Dálles saúdos a tódolos amigos na fe. A gracia vos acompañe a todos.

19-25 DE AGOSTO

TESOUROS DA BIBLIA | HEBREOS 1-3

“Amáche-la xustiza e aborrecíche-la iniquidade”

(Hebreos 1:8) Do Fillo, en troques: “O teu trono, meu Deus, permanece para sempre” e tamén: “Cetro de rectitude é o teu cetro de Rei.

w14 15/2 páx. 5 par. 8

Louvemos a Cristo, o noso rei

8 En 1914, Xehová estableceu o Reino Mesiánico co seu Fillo como rei. Del di a Biblia: “Cetro de rectitude é o teu cetro de Rei”. Así que ha reinar con xustiza e imparcialidade. Ten o dereito a gobernar porque foi Deus quen lle deu esa autoridade. Ademais, o seu trono “permanece para sempre”. Verdade que para nós é un honor louvar a Xehová baixo o goberno do rei que el escolleu?

(Hebreos 1:9) Amáche-la xustiza e aborrecíche-la iniquidade; por iso Deus, o teu Deus, preferiute ós teus compañeiros, unxíndote con perfumes de festa”.

w14 15/2 páxs. 4-5 par. 7

Louvemos a Cristo, o noso rei

7 Le Salmo 45:7, 8 (45:6, 7, NM). Xesús ama a xustiza e aborrece todo o que deshonra o seu Pai. Por iso Xehová o escolleu como Rei do Reino Mesiánico. Unxiuno “con perfumes de festa”, e preferiuno ós seus compañeiros, é dicir, os reis de Xudá da liñaxe de David. Como o unxiu? En primeiro lugar, non usou intermediarios, fíxoo El directamente. Ademais, non só o nomeou Rei senón tamén Sumo Sacerdote (Sal. 2:2; Heb. 5:5, 6). Tampouco o unxiu con perfumes literais, senón con espírito santo. Ademais, o seu reino non é terrestre senón celestial.

Afondemos nas Escrituras

(Hebreos 1:3) El é reflexo da súa gloria e imaxe do seu ser, El sostén tódalas cousas coa súa poderosa palabra e, despois de realiza-la purificación dos pecados, sentouse á destra da Maxestade nas alturas,

it-1 páx. 1211 par. 3

Imaxe

Reflectiu Xesús sempre coa mesma intensidade as calidades do seu Pai?

O fillo primoxénito de Xehová, que cando veu á terra se lle coñeceu como Xesús, “é imaxe de Deus” (2 Cor. 4:4). Xehová falaba con el cando dixo: “Fagámo-lo home á nosa imaxe”. Así que, dende que foi creado, o Fillo semellouse ó Pai (Xén. 1:26; Xn. 1:1-3; Col. 1:15, 16). Cando Xesús veu á terra como home perfecto, reflectiu do mellor xeito posible a personalidade e as calidades do seu Pai, dentro das súas limitacións como humano. Por iso puido dicir: “Quen me viu a min, viu o Pai” (Xn. 14:9; 5:17, 19, 30, 36; 8:28, 38, 42). Porén, esta semellanza foi máis evidente cando Xesús resucitou como ser espiritual e Xehová lle deu “todo poder no ceo e mais na terra” (1 Pe. 3:18; Mt. 28:18). Dende que “Deus o exaltou sobre todo”, Xesús reflexa inda con máis intensidade a gloria do sei Pai que antes de vir á terra (Flp. 2:9; Heb. 2:9). Agora el é a imaxe exacta de Xehová (Heb. 1:2-4).

(Hebreos 1:10-12) E outra vez di así: “Ti, Señor, nos comezos cimentáche-la terra, feitura das túas mans é o ceo, 11 todo iso perecerá, pero ti permaneces: todo se volverá vello coma un vestido, 12 daraslle a volta, coma se fose unha capa, e cambiarase coma se fose un vestido. Pero Ti es sempre o mesmo, os teus anos non acabarán”.

it-1 páx. 478 par. 2

Ceo

As palabras de Salmo 102:26, 27 (102:25, 26, NM) falan de Xehová, pero o apóstolo Paulo citou delas para referirse a Xesucristo. Fíxoo porque Xesús foi o axudante persoal de Deus na creación do Universo. Paulo explicou que a terra e o ceo perecerían, pero o Fillo permanecería. Deus, como Creador podería darlle “a volta, coma se fose unha capa” á creación física e cambiala “coma se fose un vestido” (Heb. 1:1, 2, 8, 10-12; comparar con 1 Pe. 2:3).

Lectura da Biblia

(Hebreos 1:1-14) En moitas ocasións e de moitos xeitos veulles falando Deus en tempos pasados ós nosos devanceiros por medio dos profetas. 2 Agora, neste período definitivo, falounos por medio dun que lle é Fillo, a quen fixo herdeiro de todo, pois xa creara por medio del o mundo e as idades. 3 El é reflexo da súa gloria e imaxe do seu ser, El sostén tódalas cousas coa súa poderosa palabra e, despois de realiza-la purificación dos pecados, sentouse á destra da Maxestade nas alturas, 4 facéndose tanto máis poderoso cós anxos, canto que herdou un título máis valioso có deles. 5 Porque ¿a cal dos anxos lle dixo algunha vez: “Ti e-lo meu fillo, hoxe enxendreite eu”; ou tamén: “Eu serei para El un pai e El será para min un Fillo?”. 6 E outra vez máis, cando fala de introduci-lo Fillo primoxénito no mundo celeste, di: “Adóreno tódolos anxos de Deus”. 7 E, por outra parte, dos anxos di: “O que fai dos seus anxos ventos, e dos seus ministros, chispas”. 8 Do Fillo, en troques: “O teu trono, meu Deus, permanece para sempre” e tamén: “Cetro de rectitude é o teu cetro de Rei. 9 Amáche-la xustiza e aborrecíche-la iniquidade; por iso Deus, o teu Deus, preferiute ós teus compañeiros, unxíndote con perfumes de festa”. 10 E outra vez di así: “Ti, Señor, nos comezos cimentáche-la terra, feitura das túas mans é o ceo, 11 todo iso perecerá, pero ti permaneces: todo se volverá vello coma un vestido, 12 daraslle a volta, coma se fose unha capa, e cambiarase coma se fose un vestido. Pero Ti es sempre o mesmo, os teus anos non acabarán”. 13 E, ¿a cal dos anxos lle dixo algunha vez: “Senta á miña dereita, ata que Eu faga dos teus inimigos un estrado para os teus pés”? 14 ¿Que outra cousa son todos eles, se non espíritos que están ó servicio del, para que os mande en axuda dos que han herda-la salvación?

26 DE AGOSTO–1 DE SETEMBRO

TESOUROS DA BIBLIA | HEBREOS 4-6

“Collamos a peito o entrar neste acougo”

(Hebreos 4:1) Andemos logo, con moito tino, non sexa que, anque Deus mantén firme a promesa de entrar no seu acougo, algún de vós corra o risco de chegar tarde.

(Hebreos 4:4) pois, nalgún sitio fálase así do sétimo día: “E o sétimo día descansou Deus de todo o seu traballo”.

w11 15/7 páxs. 24-25 pars. 3-5

Que é o acougo de Deus?

3 Hai dúas razóns polas que se afirma que no primeiro século o sétimo día inda non rematara. A primeira delas está relacionada co que pasou cando criticaron a Xesús por facer curacións en sábado. Algúns pensaban que iso era traballar e Xesús díxolles: “O meu Pai ata o presente está sempre a traballar; eu tamén traballo” (Xn. 5:16, 17). Coa súa resposta Xesús estáballes a dicir: “O meu Pai mais eu traballamos no mesmo. El segue a traballar durante o seu acougo, ou sábado, que xa dura miles de anos. Do mesmo xeito, eu tamén traballo, malia ser sábado”. Así que Xesús deu a entender que, no que tiña que ver coa terra, nese momento o acougo de Deus inda non rematara.

4 A segunda razón atopámola no que dixo por inspiración o apóstolo Paulo. Cando estaba a falar do acougo de Deus, citou de Xénese 2:2. Dixo: “Nós, os que cremos, entramos no acougo” (Heb. 4:3, 4, 6, 9). Así que, para aquel tempo, o acougo de Deus, ou o sétimo día, inda non rematara. Pero, canto tempo duraría?

5 Para responder esta pregunta debemos lembrar o obxectivo do sétimo día. Xénese 2:3 explica: “Deus bendiciu o sétimo día e consagrouno”. Deus consagrou ese día, é dicir, fíxoo sagrado, reservouno coa fin de cumprir coa súa vontade para a terra. E cal era esa vontade? Encher a terra de seres humanos obedientes que coidasen do planeta e dos animais (Xén. 1:28). A fin de cumprir con este obxectivo, tanto Xehová como Xesucristo, o “Señor do sábado”, están “sempre a traballar” (Mt. 12:8). O acougo de Deus vai continuar ata que se cumpra de todo a vontade de Deus para a terra. Cando será isto? Ó final do reinado de mil anos de Cristo.

(Hebreos 4:6) De acordo con isto, se Deus deixa a algúns entrar no seu acougo e se os que primeiro recibiron a promesa non entraron por falta de fe,

w11 15/7 páx. 25 par. 6

Que é o acougo de Deus?

6 Deus explicoulles a Adam e Eva cal era a súa vontade, pero eles non quixeron colaborar con el. Ó longo da historia, millóns de persoas tampouco quixeron obedecer a Xehová. Mesmo a nación de Israel, o pobo escollido por Deus, foi desobediente. O apóstolo Paulo tamén advertiu os cristiáns do primeiro século do perigo de caer na mesma trapela. El escribiu: “Collamos a peito o entrar neste acougo, de xeito que ninguén caia nunha rebeldía coma aquela” (Heb. 4:11). Aquí Paulo relaciona a rebeldía ou a desobediencia co feito de non entrar no acougo de Deus. Que implica para nós esta advertencia? Que pasaría se dalgún xeito actuásemos en contra do propósito de Deus? Estariamos a poñer en risco o entrarmos no seu acougo? A nosa resposta é algo moi importante. Máis adiante responderanse estas preguntas. Vexamos agora que máis podemos aprender sobre entrar no acougo de Deus analizando o mal exemplo dos israelitas.

(Hebreos 4:9-11) Logo, quédalle aínda unha invitación ó acougo ó pobo de Deus, 10 porque quen entrou no acougo de Deus descansa dos seus traballos, o mesmo que Deus descansou tamén dos seus. 11 Collamos a peito o entrar neste acougo, de xeito que ninguén caia nunha rebeldía coma aquela.

w11 15/7 páx. 28 pars. 16, 17

Que é o acougo de Deus?

16 Poucos cristiáns do noso tempo insistirían en que, para nos salvar, debemos cumprir coa Lei Mosaica. De feito, Paulo na súa carta ós Efesios dixo: “Porque vos salvaron por gracia, mediante a fe; e isto non vén de vós: é don de Deus; e non vén das obras, para que ninguén se dea méritos” (Ef. 2:8, 9). Entón, que hai que facer para entrar no acougo de Deus? Lembremos que Xehová reservou o sétimo día, o seu acougo, para algo especial: cumprir coa súa vontade para a terra. Así que, para entrarmos no acougo de Xehová precisamos obedecelo e colaborar con el no cumprimento da súa vontade seguindo a guía que dá a súa organización.

17 Nunca deberiamos quitarlle importancia ós consellos bíblicos que recibimos por medio do criado fiel e prudente, nin ir por libre ou guiarnos por criterios propios. Se o fixésemos, iriamos en contra do propósito de Xehová e estaría en risco a nosa relación persoal con El. Que situacións poñen a proba a nosa obediencia? No próximo artigo veremos algunhas e como as decisións que tomemos amosarán se xa entramos no acougo de Deus.

Afondemos nas Escrituras

(Hebreos 4:12) Collámolo a peito, xa que a palabra de Deus é viva e dinámica, máis cortante do que unha espada de dobre fío e que penetra mesmo alí onde se diferencian a alma e o espírito, as xuntas e a médula. Ela xulga os proxectos e os pensamentos.

w16.09 páx. 13

Preguntas dos lectores

Que é “a palabra de Deus” que segundo Hebreos 4:12 “é viva e dinámica”?

▪ O contexto indica que o apóstolo Paulo estaba a falar da mensaxe ou o propósito de Deus tal e como se explica na Biblia.

Nas nosas publicacións adoito citamos de Hebreos 4:12 para destacar que a Biblia ten o poder de cambiar a vida das persoas. Porén, facemos ben en analizar Hebreos 4:12 no seu contexto. Paulo estaba a animar os cristiáns hebreos a colaborar con Deus e o seu propósito, que en gran parte quedou rexistrado na súa Palabra escrita. Tamén lles falou do exemplo dos israelitas, que foran liberados de Exipto. Eles tiñan a perspectiva de vivir na Terra Prometida, “terra que deita leite e mel”, onde atoparían verdadeiro acougo (Éx. 3:8; Deut. 12:9, 10).

Isto era o que Deus quería para os israelitas, pero desobedecérono e demostraron non ter fe, así que a maioría non puido vivir na Terra Prometida (Núm. 14:30; Xos. 14:6-10). Mais Paulo engadiu que “Deus mantén firme a promesa de entrar no seu acougo” (Heb. 3:16-19; 4:1). Esta promesa é parte do propósito de Xehová para a humanidade. E tal como os cristiáns hebreos, nós podemos aprender sobre ese propósito e colaborar con el. Para salientar que esta promesa está baseada nas Escrituras, Paulo citou, en parte, das palabras rexistradas en Xénese 2:2 e Salmo 95:11.

Sen dúbida, anímanos moito saber que “Deus mantén firme a promesa de entrar no seu acougo”. Estamos seguros de que é posible entrarmos nel e por iso nos esforzamos por conseguilo. Pero non o facemos cumprindo coa Lei Mosaica, nin tratando de gañar a aprobación de Deus por méritos propios. Mais ben, demostramos ter fe e cooperamos de boa gana co propósito de Deus. Miles de persoas de todo o mundo xa están a estudar a Biblia e aprender sobre o que Deus fará pola humanidade no futuro. Como consecuencia, moitas deciden facer cambios na súa vida, demostran ter fe e bautízanse. Isto é unha proba clara de que “a palabra de Deus é viva e dinámica”. A mensaxe de Deus, tal como aparece na Biblia, afecta moito a nosa vida e seguirá a facelo no futuro.

(Hebreos 6:17, 18) Por iso, xa que Deus lles quería demostrar ben ás claras ós herdeiros da promesa o inmutable que era a súa decisión, comprometeuse con xuramento. 18 Deste xeito, por dous feitos inmutables de Deus, nos que é imposible que minta, temos unha forte consolación os que buscamos agarimo en podermos apreixa-los bens prometidos que esperamos.

it-1 páx. 851 par. 1

Esperanza

A esperanza de vida eterna e incorruptibilidade para os que teñen parte na “chamada celeste” (Heb. 3:1) ten unha base sólida e fiable. Cal é? Dous feitos inmutables nos que é imposible que Deus minta: a súa promesa e o seu xuramento. Ademais, o feito de que Cristo xa sexa inmortal nos ceos reafirma esta esperanza. Así que esta esperanza é “coma unha áncora de salvación, segura e firme, que penetra ata o outro lado do veo: ata onde, para o noso ben, penetrou Xesús, coma adiantado, unha vez constituído Sumo Sacerdote para sempre á maneira de Melquisedec” (Heb. 6:17-20).

Lectura da Biblia

(Hebreos 5:1-14) Pois todo Sumo Sacerdote escóllese sempre entre os homes e se constitúe Sumo Sacerdote para o ben dos homes nas súas relacións con Deus, a fin de que ofreza oblacións e [sacrificios] polos pecados. 2 É capaz de tratar con indulxencia os ignorantes e os descamiñados, porque tamén el está rodeado de fraquezas. 3 Por mor destas fraquezas ten que ofrecer sacrificios polos pecados, tanto polos pecados do pobo coma polos seus propios pecados. 4 Ora, ninguén pode coller en por si este honor, senón que hai que ser chamado por Deus, como foi chamado Aharón. 5 Do mesmo xeito, tampouco Cristo non procurou a súa gloria facéndose Sumo Sacerdote, senón que lla procurou o que lle dixo: “Ti e-lo meu Fillo, hoxe enxendreite Eu”. 6 Entendido conforme o que di noutro sitio: “Ti es sacerdote para sempre, á maneira de Melquisedec”. 7 El, nos días da súa vida mortal, a fortes gritos e con bágoas, presentou oracións e súplicas a quen o podía salvar da morte e Deus escoitouno por mor da súa submisión. 8 Aínda que era Fillo, aprendeu sufrindo o que é obedecer; 9 e, consumada deste xeito a súa consagración sacerdotal, converteuse en causa de salvación eterna, para tódolos que lle obedecen, 10 ó mesmo tempo que Deus o proclamou Sacerdote á maneira de Melquisedec. 11 Disto aínda temos que dicirvos moito e é difícil facérvolo comprender, porque vos volvestes nugalláns para escoitardes. 12 E iso que polo tempo que levades, xa tiñades que ser mestres, pero aínda necesitades que alguén vos ensine os primeiros rudimentos dos oráculos de Deus; volvedes precisar leite e non mantenza sólida. 13 Pois todo aquel que “está a leite”, descoñece as razóns da esperanza cristiá, porque é un meniño; 14 en troques, a mantenza sólida é para xente grande, que ten o sentido xa afeito polo costume e é capaz de distingui-lo bo do malo.

    Publicacións en galego (1993-2025)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir