Fontes de información para o Caderno de Estudo Vida e Actividades
2-8 DE SETEMBRO
TESOUROS DA BIBLIA | HEBREOS 7-8
“Ti es sacerdote para sempre, na liña de Melquisedec”
(Hebreos 7:1, 2) Este Melquisedec, rei de Salén, sacerdote do Deus Supremo saíu ó encontro de Abraham, cando voltaba de derrota-los reis, e bendiciuno. 2 Abraham con el repartiu a décima parte de todo. En primeiro lugar, o seu nome quere dicir: “Rei de xustiza”; logo, o título Rei de Salén quere dicir “Rei de paz”.
it-2 páx. 359
Melquisedec
Rei da antiga Salén e “sacerdote do Deus Altísimo”, Xehová (Xén. 14:18, 22). É o primeiro sacerdote que se menciona nas Escrituras, e comezou no cargo antes do ano 1933 a. n. e. Por ser rei de Salén, palabra que significa “paz”, Paulo di que Melquisedec era “Rei de paz”. Ademais, segundo o significado do seu nome, tamén lle chama “Rei de xustiza” (Heb. 7:1, 2). A antiga Salén parece que foi o núcleo do que máis tarde chegou a ser Xerusalén. De feito, o nome Xerusalén leva no seu seo a palabra Salén (Sal. 76:2).
Despois de derrotar a Codorlaomer e ós seus aliados, Abraham chegou ó val de Xaveh, “que é o val do rei”. Alí Melquisedec “sacou pan e viño e bendiciu a Abram [Abraham] con estas palabras: ‘Bendito sexa Abram polo Deus Altísimo, que fixo ceo e terra. Bendito sexa o Deus Altísimo que puxo os teu inimigos na túa man’”. Despois, Abraham deulle ó rei e sacerdote “o décimo de toda a súa presa”, é dicir, “unha décima parte do mellor do seu saqueo” (Xén. 14:17-20; Heb. 7:4).
(Hebreos 7:3) O feito de se nos presentar sen o nome do pai, nin o da nai, sen xenealoxía, sen a data do comezo dos seus días nin a da fin da súa vida, faino semellante ó Fillo de Deus e dá a entender que permanece sacerdote para sempre.
it-2 páx. 360 par. 4
Melquisedec
Por que se di que Melquisedec se presentou “sen a data do comezo dos seus días nin a da fin da súa vida”?
Paulo destacou un detalle da vida de Melquisedec, el dixo: “O feito de se nos presentar sen o nome do pai, nin o da nai, sen xenealoxía, sen a data do comezo dos seus días nin a da fin da súa vida, faino semellante ó Fillo de Deus e dá a entender que permanece sacerdote para sempre” (Heb. 7:3). Como calquera outro humano, Melquisedec naceu e morreu. Pero non se sabe quen foron os seus pais, tampouco se lle coñecen devanceiros ou herdeiros, e a Biblia non fala do seu nacemento nin da súa morte. Ademais, non hai rexistro de antecesores nin sucesores de Melquisedec no cargo de sacerdote. Así que representou de forma moi axeitada a Xesucristo, quen é sacerdote para sempre. Xesús non tivo ningún devanceiro que fose sumo sacerdote. A Biblia tamén aclara que ninguén o sucedería nunca no cargo. Xesús chegou a ser rei e sacerdote por mor do xuramento que Xehová lle fixera, non por ser da tribo de Xudá nin descendente da liñaxe real de David.
(Hebreos 7:17) pois así o testifica Deus: “Ti es sacerdote para sempre, na liña de Melquisedec”.
it-2 páxs. 359-360
Melquisedec
Representación do sacerdocio de Cristo. Nun dos salmos, David recolleu unha importante profecía mesiánica na que Xehová lle xuraba a Xesús: “Ti es sacerdote para sempre conforme ó rito de Melquisédec” (Sal. 110:1, 4). Este salmo inspirado fixo que os hebreos esperasen que o Mesías prometido fose sacerdote e rei ó mesmo tempo. Na carta ós Hebreos, o apóstolo Paulo aclarou calquera dúbida cando falou de Xesús como aquel “constituído Sumo Sacerdote para sempre á maneira de Melquisedec” (Heb. 6:20; 5:10; ver tamén PACTO).
(Hebreos 7:22-25) por ese feito resultou ser fiador dunha alianza de moita máis valía. 23 Aqueles foron moitísimos sacerdotes, porque a morte non os deixaba ser duradeiros; 24 pero este ten un sacerdocio imperecedeiro, xa que dura para sempre. 25 Por iso pode levar á plenitude da salvación para sempre ós que por El se achegan a Deus, xa que en todo momento vive para interceder por eles.
(Hebreos 7:5, 6, 14-17) Mentres ós fillos de Leví, que reciben servicio de sacerdotes, a Lei lles manda que lle cobren unha décima parte ó pobo escollido (isto é, ós seus irmáns, aínda que son coma eles fillos de Abraham), 6 Melquisedec, que non ten unha ascendencia sacerdotal, recibe de Abraham a décima parte e bendí a aquel a quen Deus lle fixo as promesas. 14 Porque é máis que coñecido que o noso Señor vén da tribo de Xudá, tribo da que nada dixo Moisés tocante ó sacerdocio. 15 Pero aínda é máis claro se surxe outro sacerdote á semellanza de Melquisedec, 16 quen non resulta sacerdote por unha Lei que preceptúa acerca da liñaxe, senón por unha forza que vivifica para sempre, 17 pois así o testifica Deus: “Ti es sacerdote para sempre, na liña de Melquisedec”.
Afondemos nas Escrituras
(Hebreos 8:3) Xa que todo Sumo Sacerdote se constitúe para ofrecer dons e [sacrificios]; por iso cumpría que el tivese algo que poder ofrecer.
w00 15/8 páx. 14 par. 11
Sacrificios que lle agradaban a Deus
11 O apóstolo Paulo dixo que todo Sumo Sacerdote se constitúe para ofrecer dons e sacrificios (Heb. 8:3). Paulo aquí clasificou as ofrendas que facía o sumo sacerdote en dúas categorías: os dons e os sacrificios, ou sacrificios polos pecados (Heb. 5:1). Polo xeral, a xente facía dons ou regalos para amosar o seu agarimo e agradecemento, ou para conseguir a amizade, o favor ou a aceptación de alguén (Xén. 32:21 [32:20, NM]; Pr. 18:16). Do mesmo xeito, moitas das ofrendas que establecía a Lei poderían verse como “dons” que se lle daban a Deus coa intención de obter a súa aceptación e favor. A Lei esixía que houbese unha compensación polas ofensas, e por iso se ofrecían sacrificios polos pecados. No Pentateuco, especialmente nos libros de Éxodo, Levítico e Números, temos moitos detalles das distintas clases de ofrendas e sacrificios que se facían. Pode ser difícil lembralos todos, pero paga a pena fixarse nalgúns aspectos relevantes.
(Hebreos 8:13) Ó chamarlle Deus nova a esta alianza, deixou anticuada a primeira; ora, o anticuado e avellado está próximo a desaparecer.
it-2 páx. 574 par. 4
Pacto
Por que quedou “anticuado” o pacto da Lei?
En certo sentido o pacto da Lei quedou “anticuado” cando, por medio do profeta Xeremías, Deus anunciou que habería unha “alianza nova” (Xer. 31:31-34; Heb. 8:13). No ano 33 da nosa era, en base á morte de Xesús, aboliuse o pacto da Lei (Col. 2:14), e entrou en vigor a alianza nova, ou novo pacto (Heb. 7:12; 9:15; Feit. 2:1-4).
Lectura da Biblia
(Hebreos 7:1-17) Este Melquisedec, rei de Salén, sacerdote do Deus Supremo saíu ó encontro de Abraham, cando voltaba de derrota-los reis, e bendiciuno. 2 Abraham con el repartiu a décima parte de todo. En primeiro lugar, o seu nome quere dicir: “Rei de xustiza”; logo, o título Rei de Salén quere dicir “Rei de paz”. 3 O feito de se nos presentar sen o nome do pai, nin o da nai, sen xenealoxía, sen a data do comezo dos seus días nin a da fin da súa vida, faino semellante ó Fillo de Deus e dá a entender que permanece sacerdote para sempre. 4 Ollade que grande tivo que ser este a quen o patriarca Abraham lle deu unha décima parte do mellor do seu saqueo. 5 Mentres ós fillos de Leví, que reciben servicio de sacerdotes, a Lei lles manda que lle cobren unha décima parte ó pobo escollido (isto é, ós seus irmáns, aínda que son coma eles fillos de Abraham), 6 Melquisedec, que non ten unha ascendencia sacerdotal, recibe de Abraham a décima parte e bendí a aquel a quen Deus lle fixo as promesas. 7 Ora, está fóra de toda discusión que todo aquel que bendí é máis có que é bendito. 8 No caso dos fillos de Leví, os que reciben a décima parte son homes que morren; pero no caso de Melquisedec recíbea un de quen se testemuña que vive. 9 Por así dicir, o mesmo Leví, que recibe a décima parte, veuna pagar na persoa de Abraham 10 pois xa estaba presente en seu pai, cando lle foi ó encontro Melquisedec. 11 Certo que, se a perfección da salvación viñese polo sacerdocio levítico, xa que en relación con el recibiu o pobo a Lei, ¿que necesidade habería aínda de que surxise outro sacerdote na liña de Melquisedec e de que non se chamase “da liña de Aharón”? 12 Porque, ó cambia-lo sacerdocio, hai que cambiar necesariamente a Lei. 13 Pero este de quen fala o salmo é doutra tribo, na que ninguén estivera ó servicio do altar. 14 Porque é máis que coñecido que o noso Señor vén da tribo de Xudá, tribo da que nada dixo Moisés tocante ó sacerdocio. 15 Pero aínda é máis claro se surxe outro sacerdote á semellanza de Melquisedec, 16 Quen non resulta sacerdote por unha Lei que preceptúa acerca da liñaxe, senón por unha forza que vivifica para sempre, 17 pois así o testifica Deus: “Ti es sacerdote para sempre, na liña de Melquisedec”.
SEXAMOS MELLORES MESTRES
Ideas para conversar
(1 Pedro 5:6, 7) Por iso vós facédevos humildes, para estardes baixo a man poderosa de Deus, de xeito que El vos levante no intre oportuno. 7 Botade sobre Deus tódalas vosas ansias, que El coida de vós.
(Mateo 10:29-31) ¿Non se venden un par de pardais por catro patacos? E non cae o primeiro no chan sen o consentimento do voso Pai. 30 Pois vós, mesmo tedes contados os pelos todos da cabeza. 31 Así que non teñades medo, que vós valedes máis ca tódolos pardais xuntos.
(Salmo 139:1, 2, 4) Señor, ti escúlcasme a fondo e coñécesme ben, 2 ti sabes cando sento e me levanto, penetras nos meus pensamentos desde lonxe. 4 Aínda non está na miña lingua a palabra e xa ti, Señor, a coñeces enteira.
9-15 DE SETEMBRO
TESOUROS DA BIBLIA | HEBREOS 9-10
“Unha sombra dos bens futuros”
(Hebreos 9:12-14) e ofrendando o seu propio sangue, non o sangue de carneiros ou de becerros, entrou dunha vez para sempre no santuario e, deste xeito, conseguiu unha redención definitiva. 13 Se o sangue de carneiros e de touros e a cinsa dunha xuvenca asperxida polos impuros consagra estes, dándolles unha pureza corporal, 14 moito máis o sangue de Cristo (que movido polo Espírito que animou toda a súa vida, se ofreceu a si mesmo a Deus, coma víctima sen mancha) limpará a nosa conciencia das obras de morte, para así servímo-lo Deus vivo.
it-2 páx. 635 par. 4
Perdón
A lei que Deus lles deu ós israelitas explicaba que había que facer cando alguén pecaba contra Deus ou contra o próximo. Primeiro precisábase reparar o mal cometido, do xeito que se especificaba na Lei e, a miúdo, ofrecer un sacrificio dun animal (Lev. 5:5-26 [5:5–6:7, NM]). O apóstolo Paulo explicou: “Conforme á Lei case todo se purifica con sangue e sen verter sangue non hai perdón” (Heb. 9:22). Inda así, en realidade, o sangue dos animais que se ofrecían non podía quitar os pecados nin facer que a persoa tivese unha conciencia completamente limpa (Heb. 10:1-4; 9:9, 13, 14). Porén, o novo pacto fixo posible un verdadeiro perdón, baseado no sacrificio de rescate de Xesucristo (Xer. 31:33, 34; Mt. 26:28; 1 Cor. 11:25; Ef. 1:7). Mesmo cando aínda estaba na terra, ó sandar o tolleito, Xesús demostrou ter autoridade para perdoar os pecados (Mt. 9:2-7).
(Hebreos 9:24-26) Pois o Mesías non entrou nun santuario de feitío humano, copia do verdadeiro, senón que entrou no ceo, para poder presentarse agora diante do mesmo Deus a favor noso; 25 e non para repetir moitas veces o seu propio sacrificio, como fai o Sumo Sacerdote, que entra cada ano no santuario levando sangue alleo, 26 porque, se así for, debería ter sufrido moitas veces desde a creación do mundo; pero a verdade é que agora dunha vez para sempre, no derradeiro dos períodos da historia, co sacrificio de si mesmo, quedou a disposición de todos para acabar co pecado.
cf páx. 183 par. 4
“Sígueme”
4 Nas Escrituras non se dan detalles sobre como foi o momento no que Xesús volveu ó ceo, a benvida que lle deron nin o reencontro co seu Pai. Pero si que contén profecías do que pasaría no ceo á súa volta. Por uns quince séculos, os xudeus celebraron unha cerimonia sagrada, na que unha vez ó ano, o sumo sacerdote entraba no Santísimo do templo. Alí, diante da arca da alianza, asperxía o sangue dos sacrificios feitos no Día da Expiación. Ese día o sumo sacerdote representaba ó Mesías, quen cumpriu esta profecía no momento de volver ó ceo. Alí, perante Xehová, no lugar máis sagrado do Universo, presentou o valor do seu sacrificio de rescate (Heb. 9:11, 12, 24). Aceptaría Deus este sacrificio?
(Hebreos 10:1-4) Porque xa que a Lei contén soamente unha sombra dos bens futuros e non a imaxe mesma destas realidades, cos sacrificios que se ofrecen -sempre os mesmos cada ano-, endexamais non poderá a Lei volver perfectos ós que se acollen a ela. 2 Porque ¿acaso estes sacrificios non se deixarían de ofrecer, se os que os practican, purificados de vez, non tivesen xa ningunha conciencia dos seus pecados? 3 Polo contrario, nestes sacrificios conmemóranse os pecados un ano tras outro. 4 A verdade é que resulta imposible que o sangue de touros e de cabras quite os pecados.
it-2 páxs. 638-639
Perfección
Perfección da Lei Mosaica. A Lei que se lles deu ós israelitas mediante Moisés estableceu un sacerdocio e ofrendas, que consistían en sacrificios de animais. E inda que por vir de Deus a Lei era perfecta, Paulo explicou que nin os sacerdotes nin os sacrificios levaban as persoas á perfección (Heb. 7:11, 19; 10:1). A Lei non trouxo liberación do pecado e da morte, senón que fixo máis evidente o pecado (Rm. 3:20; 7:7-13). Pero cumpriu co propósito de Deus de levarnos a Cristo, sendo “soamente unha sombra dos bens futuros” (Gál. 3:19-25; Heb. 10:1). Ademais, Paulo dixo que a Lei está “incapacitada por culpa da nosa condición irredenta” (Rm. 8:3). O sumo sacerdote xudeu era, segundo a Lei, o encargado de ofrecer os sacrificios e de entrar co sangue no Santísimo o Día da Expiación. Porén, non tiña a capacidade de “levar á plenitude da salvación” a outros, tal como explica Hebreos 7:11, 18-28. Este sacerdocio permitía que as persoas tivesen unha boa relación con Deus, pero non facía posible que se librasen “á plenitude” do pecado. Paulo referíase a isto cando explicou que os sacrificios do Día de Expiación “non son capaces de facer perfecto na súa conciencia a quen practica este culto” (Heb. 10:1-4; comparar con Heb. 9:9). O sumo sacerdote non podía pagar o prezo que se precisaba para liberar as persoas do pecado. Só o sacerdocio de Cristo, que dura para sempre, e o seu sacrificio o fan posible (Heb. 9:14; 10:12-22).
Afondemos nas Escrituras
(Hebreos 9:16, 17) Porque onde hai un testamento é preciso presentar probas da morte do testador; 17 xa que o testamento é firme soamente en caso de morte, porque mentres viva o testador o testamento non é firme.
w92 1/3 páx. 31 pars. 4-6
Preguntas dos lectores
Paulo explicou que se precisaba unha morte para validar un pacto entre Deus e os humanos. O pacto da Lei é un exemplo disto. Moisés foi o mediador, quen fixo este acordo entre Deus e o antigo Israel. Así que tivo unha función moi importante, foi a persoa encargada de tratar cos israelitas. De feito, podemos dicir que el foi o testador deste pacto, inda que quen o instituíu foi Xehová. Pero, tivo que morrer Moisés para que entrase en vigor o pacto da Lei? Non. No canto do sangue de Moisés ofreceuse o sangue de animais para validalo (Heb. 9:18-22).
E no caso do novo pacto entre Xehová e o Israel espiritual? Xesucristo tivo a responsabilidade de ser o intermediario, o mediador entre Xehová e o Israel espiritual. Malia ser Xehová quen fixo o pacto, este dependía de Xesucristo. Pero Xesús non foi só o mediador. Cando viviu na terra tivo trato directo cos primeiros que formaron parte del (Lc. 22:20, 28, 29). Por outra banda, para que o pacto tivese validez precisábase unha vida humana perfecta, non o sangue de animais. Como Xesús era perfecto, cumpría con todo o que se requiría. Así, por medio do seu sacrificio puido validar o novo pacto. Cando Paulo dixo: “Entrou no ceo, para poder presentarse agora diante do mesmo Deus a favor noso”; estábase a referir a Xesús como o testador deste pacto (Heb. 9:12-14, 24).
Ó falar de Moisés e de Xesús como testadores destes pactos, Paulo non estaba dando a entender que eles os instituíran, xa que os instituira Deus. Moisés e Xesús estiveron implicados por seren mediadores. Nos dous pactos foi necesaria unha morte, a de animais para substituír a Moisés e a morte de Xesús, que morreu por todos os que forman parte do novo pacto.
(Hebreos 10:5-7) Por iso, cando Cristo entra no mundo, di: “Sacrificios e ofrendas non os quixeches, pero formáchesme un corpo; 6 holocausto e sacrificio de expiación non che gustaron; 7 entón dixen: olla que xa cheguei, meu Deus, para face-la túa vontade -como se di de min nun capítulo do libro”-.
it-1 páx. 291
Bautismo
Lucas dixo que Xesús estaba a orar namentres se bautizaba (Lc. 3:21). Ademais, na carta ós Hebreos explícase que “cando Cristo entra no mundo, di: ‘Sacrificios e ofrendas non os quixeches, pero formáchesme un corpo’”. Despois engade: “Olla que xa cheguei, meu Deus, para face-la túa vontade -como se di de min nun capítulo do libro” (Heb. 10:5-9). Aquí estábase a citar de Salmo 40:7-9 (40:6-8, NM). Ó dicir “cando Cristo entra no mundo” non se está a falar do seu nacemento, cando inda non sabía ler nin escribir, senón de cando se bautizou e comezou o seu ministerio. Xesús pertencía á nación xudía, que era unha propiedade escolleita de Deus por estar baixo o pacto da Lei (Éx. 19:5-8; Gál. 4:4). Así que cando foi onda Xoán para se bautizar, Xesús xa formaba parte dun pacto con Xehová. Pero ó bautizarse foi máis aló. Ofreceuse para facer a vontade de seu Pai e, por medio da súa morte, eliminar os sacrificios de animais que estipulaba a Lei. O apóstolo Paulo explicou: “Foi por esta vontade de Deus, como quedamos nós santificados coa ofrenda única e para sempre do corpo de Xesús Cristo” (Heb. 10:10). A vontade de Xehová implicaba anunciar o Reino, e Xesús tamén se presentou voluntario para este labor (Lc. 4:43; 17:20, 21). Xehová aceptou a ofrenda de Xesús e demostrouno ó unxilo con espírito santo e ó dicirlle: “Ti e-lo meu fillo benquerido, o meu predilecto” (Mr. 1:9-11; Lc. 3:21-23; Mt. 3:13-17).
Lectura da Biblia
(Hebreos 9:1-14) Pois tamén a primeira alianza tiña as súas normas para o culto e para o seu santuario, que soamente era terrestre. 2 De feito, construíuse unha tenda-santuario, a primeira, onde estaban o candelabro, a mesa e mailos pans ofrendados; chámase o Santo. 3 Despois da segunda cortina está a tenda chamada Santísimo, 4 co altar de ouro para o incenso e a arca da alianza cuberta de ouro por tódolos lados; nela había unha caixa de ouro co maná, a vara reverdecida de Aharón e mailas táboas da alianza. 5 Enriba da arca, os querubíns da Gloria, que cubrían coa súa sombra o lugar da expiación. Pero non hai agora por que seguir falando destas cousas con detalle. 6 Estando todo isto construído deste xeito, na primeira tenda entran a miúdo os sacerdotes, para celebraren o culto. 7 Pero na segunda, soamente o Sumo Sacerdote, unha vez cada ano, el só, levando sangue, para o ofrecer por si mesmo e polos pecados de descoido do pobo. 8 Con iso quere mostra-lo Espírito Santo que, mentres a primeira tenda estea en pé, aínda non está aberto o camiño para o santuario. 9 Todo isto é un símbolo que se ten que aplicar ó momento actual, pois ofrécense dons e sacrificios, que non son capaces de facer perfecto na súa conciencia a quen practica este culto; 10 soamente teñen poder de purificar en relación con certas comidas, bebidas e diferentes lavatorios: todas elas normas exteriores impostas ata o momento da reforma. 11 Pero ó presentarse Cristo coma Sumo Sacerdote dos auténticos bens, entrando a través dunha tenda-santuario maior e máis perfecta, non de feitío humano, isto é, non deste mundo, 12 e ofrendando o seu propio sangue, non o sangue de carneiros ou de becerros, entrou dunha vez para sempre no santuario e, deste xeito, conseguiu unha redención definitiva. 13 Se o sangue de carneiros e de touros e a cinsa dunha xuvenca asperxida polos impuros consagra estes, dándolles unha pureza corporal, 14 moito máis o sangue de Cristo (que movido polo Espírito que animou toda a súa vida, se ofreceu a si mesmo a Deus, coma víctima sen mancha) limpará a nosa conciencia das obras de morte, para así servímo-lo Deus vivo.
16-22 DE SETEMBRO
TESOUROS DA BIBLIA | HEBREOS 11
“A importancia da fe”
(Hebreos 11:1) A fe é un anticipo do que se espera, é unha proba convincente das cousas que non se ven.
Fe nas promesas de Xehová
6 En Hebreos 1:1 (ler) atopamos a definición da fe que dá a Biblia. Explica que a fe se centra en dúas cousas que non podemos ver: 1) o “que se espera”, que pode incluír promesas de cousas que inda non pasaron e pasarán no futuro, como que remate a maldade ou vivirmos nun mundo novo; e 2) “proba convincente das cousas que non se ven”, como a existencia de Deus, de Xesús ou dos anxos e o goberno do Reino celestial (Heb. 11:3). O que dicimos e o que facemos debe demostrar que a esperanza é real para nós e que cremos no que di a Palabra de Deus. Se non fose así a nosa fe estaría incompleta.
(Hebreos 11:6) Pero sen fe é imposible que un lle agrade a Deus, pois quen quere achegarse a Deus precisa crer que El existe e que recompensa os que o buscan.
Deus “recompensa os que o buscan”
Que lle agrada a Xehová? O apóstolo Paulo escribiu: “Sen fe é imposible que un lle agrade a Deus”. Non dixo que sen fe é difícil agradarlle a Deus, dixo que é imposible. Isto quere dicir que para agradármoslle a Xehová é imprescindible termos fe.
Pero, que clase de fe? A nosa fe debe implicar dúas cousas. Primeiro, temos que “crer que El existe”, pois se non o cremos, ou dubidamos da súa existencia, non podemos ter fe nel. Pero inda precisamos algo máis, xa que mesmo os demos cren que Xehová existe (Sant. 2:19). A nosa fe en Deus debe motivarnos a vivir dun xeito que lle agrade (Sant. 2:20, 26).
En segundo lugar, temos que crer que Deus “recompensa os que o buscan”. A verdadeira fe implica estarmos convencidos de que os nosos esforzos por facer a vontade de Deus pagan a pena (1 Cor. 15:58). Como poderemos agradarlle a Xehová se dubidamos da súa capacidade ou intención de recompensarnos? (Sant. 1:17; 1 Pe. 5:7). Se alguén pensa que a Deus non lle importamos, ou que non nos valora, en realidade non o coñece.
Pero, a quen recompensa Xehová? “Os que o buscan”, di Paulo. Unha obra de consulta para tradutores da Biblia explica que, nesta pasaxe, o verbo grego que se traduce “buscar” non significa saír na busca de Deus. Máis ben implica acudir a el para adoralo. Outra fonte comenta que este verbo transmite a idea de intensidade e grande esforzo. Así que podemos dicir que Xehová recompensa a quen, motivado pola fe e o amor, o adora con entusiasmo (Mt. 22:37).
(Hebreos 11:33-38) Eles coa fe gañaron reinos, fixeron xustiza, conseguiron promesas, pecháronlle-la boca a leóns, 34 apagaron a furia do lume, escaparon ó fío da espada, repuxéronse de doenzas, foron valentes na guerra e fixeron recua-las filas dos exércitos estranxeiros; 35 houbo mulleres que recobraron resucitados os seus defuntos; outros, polo contrario, morreron a golpes, sen quereren acepta-lo rescate, para conseguiren deste xeito unha resurrección de máis valer. 36 Outros tiveron que sufrir aldraxosas azoutas e cadeas e cárcere. 37 Morreron acantazados, serrados, a golpes de espada, tiveron que camiñar errantes, cubertos con peles de ovella e de cabra, pasando mil necesidades, tribulacións e malos tratos. 38 O mundo non era merecente deles, por iso andaban a rumbo, perdidos por fóra dos lugares, polos montes, polas covas e tobos da terra.
Fagamos máis forte a nosa fe
10 No capítulo 11 de Hebreos, o apóstolo Paulo fala das probas que tiveron que pasar moitos servos de Deus do pasado, dalgúns mesmo nin di o nome. Por exemplo, menciona mulleres de moita fe que “recobraron resucitados” os seus fillos. Tamén fala de outros que non quixeron aceptar o rescate “para conseguiren deste xeito unha resurrección de máis valer” (Heb. 11:35). Non sabemos seguro en quen estaba a pensar Paulo, pero sabemos dalgúns que morreron acantazados por obedecer a Deus e facer a Súa vontade, como Nabot e Azarías (1 Re. 21:3, 15; 2 Cró. 24:20, 21). Daniel e os seus compañeiros tiveron a oportunidade de “acepta-lo rescate” e salvar a súa vida se deixaban de ser fieis a Xehová, pero non o fixeron. Grazas á súa fe no poder de Deus, “pecháronlle-la boca a leóns” e “apagaron a furia do lume” (Heb. 11:33, 34; Dn. 3:16-18, 20, 28; 6:14, 17, 22-24 [6:13, 16, 21-23, NM]).
11 Por mor da súa fe, profetas como Miqueas e Xeremías “tiveron que sufrir aldraxosas azoutas e cadeas e cárcere”. Outros, coma Elías, andaron “a rumbo, perdidos por fóra dos lugares, polos montes, polas covas e tobos da terra”. Todos eles foron quen de aguantar porque tiveron “un anticipo do que se espera” (Heb. 11:1, 36-38; 1 Re. 18:13; 22:24-27; Xer. 20:1, 2; 28:10, 11; 32:2).
(Hebreos 11:8-10) Deus chamou por Abraham, e este, movido pola fe, [obedeceuno], saíndo para un lugar que había de recibir en posesión, aínda que saíu sen saber onde ía. 9 Movido pola fe, emigrou á terra prometida, como se fose terra allea, habitando en tendas de campaña con Isaac e Xacob, herdeiros da mesma promesa. 10 A verdade é que agardaba aquela cidade con bos cimentos, da que o arquitecto e constructor é Deus.
(Hebreos 11:17-19) Pola fe Abraham, posto a proba, ofrendou a Isaac, o que recibira de Deus as promesas, 18 cando se lle dixo: “por Isaac terás descendencia”: ofrendou o seu único fillo, 19 pensando que Deus é poderoso, incluso para resucitar de entre os mortos. Por esa fe súa tamén o recobrou coma un misterioso símbolo.
(Hebreos 11:23-26) Pola fe os pais de Moisés escondérono de recén nacido durante tres meses, vendo que o neno era fermoso e non lle tiveron medo ó decreto do rei. 24 Pola fe Moisés, xa grande, renegou da filla do Faraón que o profillara 25 e preferiu padecer malos tratos onda o pobo de Deus a poder disfrutar do pracer pasaxeiro do pecado; 26 deste xeito considerou meirande riqueza as aldraxes de Cristo cós tesouros de Exipto, xa que el ollaba a recompensa.
Afondemos nas Escrituras
(Hebreos 11:4) Movido pola fe, Abel ofreceu a Deus un sacrificio mellor có de Caín, e por mor dela deuse fe da súa rectitude; foi Deus quen deu fe dela por mor dos seus dons; e por mor da fe, anque xa morto, aínda segue falando.
it-1 páx. 920 par. 3
Fe
Exemplos de fe do pasado. Cada un dos que formaron a “tal nube de testemuñas” da que falou o apóstolo Paulo tiña unha fe forte cunha boa base (Heb. 12:1). Por exemplo, Abel sabía da promesa de Deus da liñaxe que esmagaría a cabeza da serpe. Ademais, viu por el mesmo o cumprimento da sentenza que Xehová emitiu contra os seus pais en Edén. Fóra daquel xardín a terra estaba maldita e producía silvas e abrollos, así que Adam e maila súa familia comeron pan coa súa suor. Abel seguramente viu como a súa nai devecía polo seu pai e este a dominaba. Ela tamén debeu contarlle a dor que supoñía parir un fillo. Ademais, querubíns con espadas flamexantes gardaban a entrada do xardín (Xén. 3:14-19, 24). Todo aquilo foi para Abel un “anticipo do que se espera” e deulle a seguridade de que grazas á descendencia prometida sería posible unha liberación. Entón, motivado pola fe, “ofreceu a Deus un sacrificio mellor có de Caín” (Heb. 11:1, 4).
(Hebreos 11:5) Pola súa fe a Henoc levárono desta vida, para non ter que sufri-la morte: Xa non se atopaba porque o levara Deus. Xa antes de falar do seu traslado déixase testemuño de que Deus estaba moi contento con el.
“Deus estaba moi contento con el”
Que significa a expresión: “a Henoc levárono desta vida, para non ter que sufri-la morte”? Parece que Xehová fixo que morrese sen dor nin agonía. Pero antes de morrer, Henoc tivo “testemuño de que Deus estaba moi contento con el”. Cal foi este testemuño? É posible que tivese unha visión na que Deus lle mostrou a terra feita un paraíso. Deste xeito, Xehová amosoulle a súa aprobación. Despois, Henoc morreu. Falando del e doutros homes e mulleres de fe, o apóstolo Paulo dixo: “Coa fe morreron todos estes” (Heb. 11:13). Após morrer Henoc, os seus inimigos miraron polo seu corpo pero non o atoparon, seguramente porque Xehová o fixo desaparecer. Deste xeito, non puideron facer burla del nin usar o seu corpo en ritos relixiosos.
Lectura da Biblia
(Hebreos 11:1-16) A fe é un anticipo do que se espera, é unha proba convincente das cousas que non se ven. 2 Pois por mor dela Deus testemuñou a favor dos nosos devanceiros. 3 Pola fe sabemos que a palabra de Deus creou o mundo e así o que se ve é resultado do que non se ve. 4 Movido pola fe, Abel ofreceu a Deus un sacrificio mellor có de Caín, e por mor dela deuse fe da súa rectitude; foi Deus quen deu fe dela por mor dos seus dons; e por mor da fe, anque xa morto, aínda segue falando. 5 Pola súa fe a Henoc levárono desta vida, para non ter que sufri-la morte: Xa non se atopaba porque o levara Deus. Xa antes de falar do seu traslado déixase testemuño de que Deus estaba moi contento con el. 6 Pero sen fe é imposible que un lle agrade a Deus, pois quen quere achegarse a Deus precisa crer que El existe e que recompensa os que o buscan. 7 Movido pola fe, Noé, en recibindo de Deus ordes sobre cousas que aínda non se ollaban, respectuoso con Deus, construíu unha arca para salva-la súa familia; co seu exemplo de fe condenou a conducta do mundo e fíxose herdeiro da xustiza que dá a fe. 8 Deus chamou por Abraham, e este, movido pola fe, [obedeceuno], saíndo para un lugar que había de recibir en posesión, aínda que saíu sen saber onde ía. 9 Movido pola fe, emigrou á terra prometida, como se fose terra allea, habitando en tendas de campaña con Isaac e Xacob, herdeiros da mesma promesa. 10 A verdade é que agardaba aquela cidade con bos cimentos, da que o arquitecto e constructor é Deus. 11 Pola fe e por considerar merecente de fe ó que lle prometera descendencia, el, aínda que estaba fóra da idade axeitada e aínda que a mesma Sara era estéril, recibiu poder para fundar descendencia. 12 Deste xeito dun só e xa caduco para estas cousas naceu un mundo de fillos, coma as estrelas do ceo e coma a area incontable da beira do mar. 13 Coa fe morreron todos estes, sen chegaren a consegui-las promesas pero albiscáronas e saudáronas desde lonxe e confesaron que eles só eran estranxeiros e peregrinos nesta terra. 14 Ó diciren estas cousas, daban a entender que degoiraban unha patria. 15 Pois se lles acordaba aquela patria de onde saíran, estaban a tempo de se voltaren. 16 Pero máis ben suspiraban por outra patria mellor: a celestial. Por iso Deus non se avergonza de que o chamen o seu Deus, xa que lles preparou unha cidade.
A NOSA VIDA CRISTIÁ
Que faremos “cando veña a seca”?
(Salmo 23:1, 4) O Señor é o meu pastor: nada me falta. 4 Se tiver de pasar por vagoadas sombrizas, ningún mal temería, pois ti vas comigo: o teu bastón e o teu caxato son o meu sosego.
(Salmo 78:22) por non teren confianza en Deus nin esperanza no seu socorro.
(Apocalipse 12:12) Por iso ¡alegrádevos, ceos, e os que vivides neles! ¡Pobre terra e pobre mar! Porque baixou Satán onda vós. Baixou adoecido porque sabe que ten pouco tempo”.
(Xeremías 17:8) Será coma unha árbore trasplantada xunto á auga, que bota as súas raíces para o regueiro; non notará cando veña a seca, e a súa follaxe estará frondosa; nos anos de seca non terá preocupacións, pois non deixará de dar froito.
23-29 DE SETEMBRO
TESOUROS DA BIBLIA | HEBREOS 12-13
“Xehová disciplínanos porque nos quere”
(Hebreos 12:5) e xa vos esqueceu aquela recomendación de Deus, que vos fala como se lles fala ós fillos: “Meu fillo, non despréce-lo castigo do Señor nin esmorezas cando El che rife;
w12 15/3 páx. 29 par. 18
Non mires cara atrás
18 Corrección. E se houbo alguén que no pasado nos corrixiu? Ficarmos resentidos con el faranos sentir mal e mesmo esmorecer (Heb. 12:5). Se cando recibimos un consello o desprezamos, ou o escoitamos pero logo decidimos ignoralo, non nos vai facer ben ningún. Sería moito mellor seguirmos o consello de Salomón cando dixo: “Aférrate á instrucción, non a deixes da man; gárdaa, pois nela vaiche a vida” (Pr. 4:13). Tal como un condutor que obedece os sinais de tráfico, debemos aceptar a corrección e seguir cara adiante (Pr. 4:26, 27; ler Hebreos 12:12, 13).
(Hebreos 12:6, 7) porque o Señor, a quen lle quere ben, castígao, e azouta a todo aquel que recoñece por fillo”. 7 Aguantade o sufrimento coma un castigo educativo: é Deus que vos trata coma fillos. Porque, ¿quen é o fillo a quen seu pai non o castiga?
“Cando recedes, dicide: ‘Pai’”
Un pai agarimoso educa os seus fillos porque lle preocupa a clase de persoas que van ser de maiores (Ef. 6:4). Poida que ás veces se poña serio e sexa firme, pero nunca será duro ou rigoroso con eles. Do mesmo xeito, poida que ás veces precisemos que o noso Pai nos corrixa, pero sempre o fará con agarimo e nunca nos vai tratar mal. Igual ca seu Pai, Xesús tampouco foi rigoroso cos seus discípulos, mesmo cando tardaron en aceptar a corrección (Mt. 20:20-28; Lc. 22:24-30).
(Hebreos 12:11) Ningún castigo resulta agradable de momento senón triste; pero co tempo ós que están exercitados nel págalles co froito pacífico da xustiza.
w18.03 páx. 32 par. 18
Atendamos á disciplina de Xehová e sexamos sabios
18 É certo que a disciplina pode non ser agradable ou mesmo dolorosa, pero se a rexeitamos o dano será moito maior (Heb. 12:11). Vexamos dous exemplos: Caín e o rei Sedecías. Cando Caín xa comezaba a odiar a morte o seu irmán Abel, Deus advertiulle: “¿Por que te alporizas e andas coa testa baixa? Se fa-lo ben, poderás levala ergueita. Se non o fas, xa o pecado ronda á túa porta, estate axexando. Pero ti pódelo dominar” (Xén. 4:6, 7). Caín non escoitou o consello de Xehová. Matou o seu irmán e pagou as consecuencias o resto da súa vida (Xén. 4:11, 12). Canta dor experimentou por non aceptar a corrección de Xehová!
Afondemos nas Escrituras
(Hebreos 12:1) Polo tanto, xa que nos vemos cercados arredor por unha tal nube de testemuñas, deixando enteiramente a un lado todo o que nos estorba e o pecado que tan facilmente se nos apega, corramos con aguante a carreira que temos por diante,
“Corramos con aguante a carreira”
11 Os servos de Deus que forman a “tal nube de testemuñas” non son coma espectadores que só van a unha carreira para ver gañar o seu equipo ou deportista favorito. No pasado participaron nesta mesma carreira, de feito, terminárona e gañaron. Agora, inda que xa morreron, a Biblia fala deles coma se estivesen vivos, animando os novos corredores. Imaxinemos como se sentiría alguén que participaba nunha carreira por primeira vez e sabía que o estaban a observar deportistas de elite que no pasado gañaran esa mesma carreira. Seguramente se esforzaría ó máximo por facelo o mellor posible. Ademais aqueles deportistas serían proba de que, malia a dificultade da carreira, é posible gañala. No caso dos cristiáns hebreos do primeiro século, o exemplo da “tal nube de testemuñas” axudoulles a correr “con aguante a carreira”. E tamén nos pode axudar a nós.
(Hebreos 13:9) Por iso, non vos deixedes levar de complicadas e alleas doutrinas, que sempre é preferible que se enfortezan as vosas conviccións coa gracia e non con normas sobre comidas, das que non sacaron proveito ningún os que as cumpriron.
w89 15/12 páx. 22 par. 10
Sacrificios que agradan a Xehová
10 Os hebreos non debían deixarse “levar de complicadas e alleas doutrinas” como as daqueles que insistían en cumprir a Lei de Moisés (Gál. 5:1-6). Paulo aclarou que era pola graza de Deus que as súas conviccións se farían máis fortes, non por estas doutrinas, nin por “normas sobre comidas, das que non sacaron proveito ningún os que as cumpriron”. Terían unha relación máis estreita con Xehová se o adoraban e amosaban respecto polo rescate, non se andaban a preocuparse de máis por cousas como a comida e o cumprimento de certas celebracións (Rm. 14:5-9). De feito, a morte de Cristo deixara sen validez os sacrificios dos levitas (Heb. 9:9-14; 10:5-10).
Lectura da Biblia
(Hebreos 12:1-17) Polo tanto, xa que nos vemos cercados arredor por unha tal nube de testemuñas, deixando enteiramente a un lado todo o que nos estorba e o pecado que tan facilmente se nos apega, corramos con aguante a carreira que temos por diante, 2 co ollo posto en Xesús, o primeiro guía que leva á perfección a nosa fe. Porque el, sen lles dar importancia ás aldraxes, soportou a cruz por mor da ledicia que o agardaba e desde entón está sentado á dereita do trono de Deus. 3 Meditade, polo tanto, naquel que veu soportando tal oposición contra si mesmo de parte dos pecadores para non esmorecerdes nin cansardes. 4 Aínda non resististes ata o sangue na vosa loita contra o pecado 5 e xa vos esqueceu aquela recomendación de Deus, que vos fala como se lles fala ós fillos: “Meu fillo, non despréce-lo castigo do Señor nin esmorezas cando El che rife; 6 porque o Señor, a quen lle quere ben, castígao, e azouta a todo aquel que recoñece por fillo”. 7 Aguantade o sufrimento coma un castigo educativo: é Deus que vos trata coma fillos. Porque, ¿quen é o fillo a quen seu pai non o castiga? 8 Se quedades sen castigo, do que todos témo-la nosa parte, será que sodes bastardos, non fillos. 9 Aínda máis, nosos pais terrestres eran os que nos castigaban e con todo respectabámolos. ¿E logo non nos habemos de someter con moita máis razón ó Pai do espírito, para podermos vivir? 10 Aqueles castigaban uns poucos días, conforme o que eles entendían: pero Deus castiga como cómpre, para que participemos da súa santidade. 11 Ningún castigo resulta agradable de momento senón triste; pero co tempo ós que están exercitados nel págalles co froito pacífico da xustiza. 12 Por iso, entesade as vosas mans sen forzas e os vosos xeonllos trementes 13 e poñede os vosos pés en vieiros dereitos para que a perna coxa non escorde, senón que máis ben cure. 14 Procurade de tódolos xeitos a paz entre todos vós e maila vosa santificación, xa que sen ela ninguén poderá ve-lo Señor. 15 Tede moito coidado de que ningún quede sen o favor de Deus, de que ningunha raíz velenosa agromada dane e contaxie a comunidade. 16 Que ninguén, polos seus pareceres, venda o máis sagrado, coma Esaú que por un simple xantar vendeu os seus dereitos de primoxénito; 17 vós sabedes que despois, por máis que quixo herda-la bendición, non se considerou que fose merecente dela e non a houbo para el, aínda que a pediu con bágoas e todo.
30 DE SETEMBRO–6 DE OUTUBRO
TESOUROS DA BIBLIA | SANTIAGO 1-2
“Non nos deixemos engaiolar polas nosas cobizas”
(Santiago 1:14) A cadaquén téntao a súa cobiza cando o arrastra e engaiola:
g17.4 páx. 14
Tentación
A tentación é un impulso que nos leva a facer algo, especialmente algo que está mal. Por exemplo, imaxina que estás de compras e ves algo que che gusta moito. De súpeto, decátaste de que sería moi fácil roubalo sen que te vise ninguén. Pero a túa conciencia diche: “Non o fagas!”. Así que lle fas caso e pensas noutra cousa. Nese momento, venciches a tentación.
O QUE DI A BIBLIA
Sentirnos tentados a facer algo non nos converte en malas persoas. A Biblia di que todos nos imos topar con tentacións (1 Cor. 10:13). O que de verdade importa é como reaccionamos ante elas. Algúns seguen a darlle voltas ó asunto e, antes ou despois, acaban caendo na tentación. Pola contra, outros lembran que iso estaría mal e rexéitana decontado.
“A cadaquén téntao a súa cobiza cando o arrastra e engaiola.” (Santiago 1:14)
(Santiago 1:15) despois a cobiza concibe e pare o pecado; e o pecado, en consumándose, enxendra morte.
g17.4 páx. 14
Tentación
A Biblia explica que nos pode levar a facer algo malo. Santiago 1:15 di: “Despois a cobiza concibe e pare o pecado; e o pecado, en consumándose, enxendra morte”. Dito de xeito sinxelo, cando seguimos a pensar nun mal desexo, chega un punto no que é inevitable cumprilo, tal como é inevitable que unha muller embarazada dea a luz. Pero se o rexeitamos, poderemos dominar esa cobiza e gañar a batalla.
(Filipenses 4:8) Do resto, meus irmáns, todo o que sexa verdadeiro, todo o que sexa serio, todo o que sexa xusto, todo o que sexa enxebre, todo o que sexa estimable, todo o que sexa honroso, calquera virtude ou mérito que haxa, iso é o que debedes estimar.
(Deuteronomio 32:29) Se fosen sabios, comprenderían isto, entenderían cal é o seu porvir:
(Mateo 26:41) Estade á espreita e orade, para que non entredes na tentación. O espírito está disposto, pero a carne é débil.
Afondemos nas Escrituras
(Santiago 1:17) Todo bo regalo e toda dádiva perfecta vén de arriba, do Pai dos luceiros, en quen nin hai cambios nin tempos de sombras.
it-2 páx. 263
Luz
Xehová é o “Pai dos luceiros” (Sant. 1:17). Non só “establece o sol para luz do día”, nin “as leis da lúa e das estrelas para luz da noite” (Xer. 31:35). Xehová tamén nos alumea noutro sentido (2 Cor. 4:6). A súa lei, as súas sentenzas e a súa palabra son coma unha luz para os que se deixan guiar por El (Sal. 43:3; 119:105; Pr. 6:23; Is. 51:4). O salmista dixo: “A túa luz fai que vexamos nós a luz” (Sal. 36:10 [36:9, NM]; comparar con Sal. 27:1; 43:3). Tal como a luz do abrente “vai medrando ata o pleno día”, os ensinos de Xehová iluminan “o vieiro dos xustos” (Pr. 4:18). Obedecer a Xehová equivale a camiñar “á luz do Señor” (Is. 2:3-5). Pola contra, ollar para cousas que non lle agradan a Xehová, e facelo con malas intencións, equivale a andar en completa escuridade. É como dixo Xesús: “Pero se o teu ollo está malo, todo o teu corpo estará na escuridade. E se a luz que hai en ti é escuridade, ¡canta escuridade!” (Mt. 6:23; comparar con Dt. 15:9; 28:54-57; Pr. 28:22; 2 Pe. 2:14).
(Santiago 2:8) Facedes moi ben se, con todo, cumprides á perfección a Lei rexia da Escritura que di: “Amara-lo teu próximo coma a ti mesmo”.
it-2 páx. 227 par. 6
Lei
“Lei rexia”. A “Lei rexia” ocupa un lugar moi importante entre as leis que regulan as relacións humanas. Para entendelo, é semellante á posición que ocupa un rei respecto ós seus súbditos (Sant. 2:8). O amor era a clave do pacto da Lei. De feito, o segundo mandamento, do cal “dependen a Lei enteira e mailos profetas”, dicía: “Amara-lo teu próximo coma a ti mesmo” (Lei rexia) (Mt. 22:37-40). O pacto da Lei xa non está en vigor, pero o novo pacto si, polo que os cristiáns debemos obedecer as leis de Xehová e do seu Fillo, o rei Xesucristo.
Lectura da Biblia
(Santiago 2:10-26) Porque quen garda toda a Lei, aínda que só quebrante un mandado, ten que responder de todos, 11 pois o que dixo: “non fagas adulterio”, tamén dixo: “non mates”. E, se non adulteras pero matas, xa non cumpres coa Lei. 12 Falade e facede as cousas como acae a quen a lei da liberdade vai xulgar, 13 pois terá un xuízo sen misericordia o que non foi misericordioso; a misericordia está por riba do xuízo. 14 Irmáns benqueridos, ¿que proveito lle trae a un dicir que ten fe, se non ten feitos? ¿Acaso o poderá salvar esa fe? 15 Se un irmán ou unha irmá andan espidos e necesitados do pan de cada día, 16 e vai un de vós e dilles: “ídevos en paz, quentádevos e fartádevos”, pero non lles dá aquilo que lle cómpre ó seu corpo, ¿que proveito levan? 17 Pois o mesmiño pasa coa fe: se non ten feitos, leva a morte no seu cerne. 18 Pode dicir alguén: “ti te-la fe, eu teño os feitos”. -Móstrame a túa fe sen feitos que eu polos feitos heiche de mostra-la miña fe. 19 ¿Ti cres que só hai un Deus? -Fas ben, pero iso tamén o cren os demos e mais tremen. 20 ¿Queres entender dunha vez, parvo, que a fe sen feitos está morta? 21 Os feitos xustificaron ó noso pai Abraham, cando ofreceu o seu fillo Isaac enriba do altar, ¿non si? 22 ¿Fíxaste como a fe colabora cos seus feitos e como polos feitos a fe chegou á súa madurez? 23 Así se cumpriu a Escritura que di: “Abraham tivo fe en Deus e iso valeulle de xustificación”, de xeito que mesmo se lle chamou amigo de Deus. 24 Xa vos decatades de como son os feitos os que xustifican o home e non só a fe. 25 O mesmo podemos dicir da prostituta Rahab: ¿seica non a xustificaron os feitos, cando recibiu os mensaxeiros e os encamiñou logo por outros carreiros? 26 O mesmo que un corpo sen alento está morto, así tamén a fe sen feitos morta está.
A NOSA VIDA CRISTIÁ
“Iso é o que debedes estimar”
(Salmo 19:15 [19:14, NM]) Dígnate acepta-la palabra da miña boca, e o sentir do meu corazón, Señor, a miña rocha e o meu redentor.
(2 Corintios 4:4) pola súa incredulidade o deus deste mundo cegóulle-lo entendemento para que non vexan o esplendor do Evanxeo da gloria de Cristo, que é imaxe de Deus.
(Gálatas 6:7, 8) Non vos levedes a engano, que de Deus non hai quen faga riso. Conforme sementes, recollerás. 8 O que semente baixos instintos dos baixos instintos recollerá podremia; e o que semente no Espírito, do Espírito recollerá Vida eterna.
(Salmo 119:37) Arreda da vaidade os meus ollos e faime vivir no teu camiño.