Fontes de información para o Caderno de Estudo Vida e Actividades
1-7 DE MARZO
TESOUROS DA BIBLIA | NÚMEROS 7-8
“Leccións que aprendemos do campamento de Israel”
it-1 páx. 523 par. 7
Congregación
En Israel, os “xefes” adoitaban actuar en representación de todo o pobo (Esd. 10:14). Por exemplo, os xefes das tribos fixeron ofrendas cando se instalou o tabernáculo (Núm. 7:1-11). Os sacerdotes, os levitas e “os xefes do pobo” tamén actuaron como representantes da nación cando se autenticou cun selo un “pacto firme” nos días de Nehemías (Neh. 10:1-28 [9:38–10:27, NM]). Durante a viaxe dos israelitas polo deserto, douscentos cincuenta dos “príncipes da comunidade, membros do consello, persoas que eran das máis significadas e sinaladas polo seu nome”, uníronse a Coré, Datán, Abiram e On en contra de Moisés e Aharón (Núm. 16:1-3). De acordo coa dirección divina, Moisés escolleu a setenta anciáns de Israel para que lle axudasen a levar “o peso do pobo”, pois era demasiado para el só (Núm. 11:16, 17, 24, 25). En Levítico 4:15 fálase dos “petrucios da comunidade”. Ó parecer, os anciáns da nación, os seus cabezas, os seus xuíces e os seus oficiais eran os representantes do pobo (Núm. 1:4, 16; Xos. 23:2; 24:1).
it-2 páx. 874 par. 1
Rubén
No campamento de Israel, os rubenitas acampaban no lado sur do tabernáculo, flanqueados polos descendentes de Simeón e de Gad. Cando a nación se poñía en marcha, esta división de tres tribos encabezada por Rubén seguía a división de tres tribos formada por Xudá, Isacar e Zebulón (Núm. 2:10-16; 10:14-20). Esta tamén foi orde na que as tribos fixeron as súas ofrendas o día no que se inaugurou o tabernáculo (Núm. 7:1, 2, 10-47).
w04 1/8 páx. 25 par. 1
Ideas interesantes do libro de Números
8:25, 26. Para cubrir de forma adecuada os postos dos levitas, e tendo en consideración a súa idade, retirábase do servizo obrigatorio a quen xa fose maior. Non obstante, podíanse ofrecer como voluntarios para axudar a outros levitas. Aínda que hoxe en día non se retira a ninguén da súa labor de predicar acerca do Reino, o principio que atopamos nesta lei ensínanos unha valiosa lección. Se por causa da idade avanzada un cristián no pode cumprir con certas obrigas, pode servir a Xehová doutros xeitos que estean ó seu alcance.
Xoias espirituais
it-2 páx. 717 par. 3
Primoxénito
Xa que os fillos primoxénitos dos israelitas serían os cabezas das distintas casas, representaban a toda a nación. De feito, Xehová referiuse a todo o pobo como o seu “primoxénito”, por ser a súa nación primoxénita debido ó pacto con Abraham (Éx. 4:22). Xehová conservara a vida dos primoxénitos, e por iso lles mandou: “Conságrame todo primoxénito. Todo primeiro nacido que bote o ventre, tanto se é dos homes coma dos animais” (Éx. 13:2). Polo tanto, tódolos fillos primoxénitos foron dedicados a Deus.
8-14 DE MARZO
TESOUROS DA BIBLIA | NÚMEROS 9-10
“Como dirixe Xehová o seu pobo”
it-1 páx. 403 par. 6
Campamento
O traslado deste enorme campamento dun lugar a outro (Moisés menciona corenta destes campamentos en Números 33) tamén foi unha marabillosa demostración de organización. Mentres a nube estaba sobre o tabernáculo, o campamento quedaba no mesmo lugar. Pero cando a nube se movía, o campamento trasladábase. A Biblia di: “Por orde do Señor acampaban e por orde do Señor partían” (Núm. 9:15-23). Dúas trompetas de prata “batidas a martelo” comunicaban estas ordes de Xehová a todo o campamento (Núm. 10:2, 5, 6). Repetidos toques curtos de trompeta indicaban que debía levantarse o campamento. A primeira vez que isto ocorreu foi no “ano segundo [1512 a. n. e.], o segundo mes, o vinte do mes”. Coa arca do pacto á cabeza, partiu a primeira división de tres tribos, encabezada por Xudá e seguida por Isacar e Zebulón. A continuación ían os guerxonitas e os meraritas, que transportaban as partes do tabernáculo que se lles asignaran. Despois estaba a división de tres tribos encabezada por Rubén e seguida por Simeón e Gad. Logo ían os quehatitas co santuario, e tras deles a terceira división de tres tribos, Efraím seguida de Menaxés e Benxamín. Por último, na retagarda, estaba a división encabezada por Dan, acompañada de Axer e Naftalí. Desta maneira, as divisións máis fortes e numerosas estaban na vangarda e na retagarda (Núm. 10:11-28).
Recoñecemos o medio que Deus usa para guiarnos?
Como podemos amosar que agradecemos a guía que nos dá Deus? O apóstolo Paulo dixo: “Facédelles caso e sometédevos ós vosos dirixentes” (Heb. 13:17). O certo é que facer isto non sempre vai ser fácil. Para entendelo, imaxina que es un israelita da época de Moisés. Levas días camiñando detrás da columna, pero de súpeto detense. Entón pensas: “Por canto tempo vai quedar aquí? Un día? Unha semana? Varios meses? Pagará a pena desafacer a equipaxe?”. Decides sacar só o necesario, pero segundo pasan os días acabas cansado de buscar cousas na equipaxe e decides desfacela todo. E xusto cando estás acabando, a columna móvese e tes que volver gardalo todo! Seguro que isto non era fácil para ninguén. Inda así, os israelitas “púñanse en marcha” rapidamente (Núm. 9:17-22).
Como reaccionamos cando recibimos guía de parte de Xehová? Esforzámonos por obedecer, ou seguimos facendo as cousas como adoitamos facelas nós? Quizais deberiamos preguntarnos se estamos ó día coas últimas instrucións, como por exemplo as relacionadas cos cursos da Biblia, coa predicación ás persoas que falan outro idioma, coa adoración en familia, coa cooperación cos Comités de Relacións con Centros Hospitalarios e coa nosa conduta durante os congresos. Tamén amosamos o noso agradecemento pola guía que Xehová nos dá cando aceptamos que os demais nos aconsellen. Ademais, cando temos que tomar decisións importantes na nosa vida, non confiamos na nosa propia sabedoría senón que acudimos a Xehová e á súa organización. Do mesmo xeito que un neno pequeno busca a protección dos seus pais cando hai tormenta, nós tamén buscamos a protección dentro da organización de Xehová cando pasamos por problemas neste mundo.
Xoias espirituais
it-1 páx. 226 par. 4
Asemblea
A importancia das reunións. É moi importante que nos aproveitemos ó máximo das reunións que Xehová pon á nosa disposición para alimentarnos en sentido espiritual. Esta idea destacábase na celebración anual da Pascua. A non ser que estivese de viaxe, todo home limpo en sentido cerimonial que non celebrase a Pascua a propósito debía morrer (Núm. 9:9-14). Cando o rei Ezequías convocou os habitantes de Xudá e Israel en Xerusalén para celebrar a Pascua, díxolles en parte: “Israelitas, volvede ó Señor [...]. Non sexades tercos coma vosos pais. Entregádevos ó Señor, acudide ó santuario que foi consagrado para sempre. Servide ó Señor, voso Deus, e El apartará de vós o ardor da súa cólera [...]. Porque o Señor, voso Deus, é clemente e misericordioso, e non vos volverá a espalda se volvedes a El” (2 Cró. 30:6-9). Non presentarse deliberadamente a esta convocatoria sería o mesmo que darlle as costas a Deus. E, inda que os cristiáns non celebran festas coma a da Pascua, Paulo anímaos a asistir regularmente ás reunións do pobo de Deus, dicíndolles: “Considerémonos uns ós outros de xeito que nos sirvamos de estímulo para o amor e para as boas obras. E non faltedes endexamais á nosa reunión, como fan algúns, senón que nos animemos uns ós outros e tanto máis canto que ollades que está a chegar aquel día” (Heb. 10:24, 25; ver CONGREGACIÓN).
15-21 DE MARZO
TESOUROS DA BIBLIA | NÚMEROS 11-12
“Por que debemos evitar o espírito de queixa?”
w01 15/6 páx. 17 par. 20
Non esquezamos o que oímos
20 A gran maioría dos cristiáns non cae nunca na inmoralidade sexual. Inda así, temos que ter moito coidado para non facer nada que nos leve a murmurar, xa que perderiamos a aprobación divina. Paulo aconséllanos: “Nin tentémo-lo Señor, coma algúns deles o tentaron e pereceron mordidos polas serpentes. Nin murmuredes, coma algúns deles e pereceron víctimas do Exterminador” (1 Cor. 10:9, 10). Os israelitas murmuraron contra Moisés e Aharón, e incluso contra Deus mesmo, queixándose do maná que Xehová lles daba de xeito milagroso (Núm. 17:6 [16:41, NM]; 21:5). Ofendeu menos a Xehová a súa murmuración que a súa fornicación? O relato bíblico mostra que moitos murmuradores morreron picados por serpes (Núm. 21:6). Nunha ocasión anterior, máis de 14.700 murmuradores rebeldes tamén foran destruídos (Núm. 17:14 [16:49, NM]). Así que non poñamos a proba a paciencia de Xehová tratando as cousas que nos dá con falta de respecto.
w06 15/7 páx. 15 par. 7
Fagamos tódalas cousas sen murmurar
7 Como cambiara a actitude dos israelitas! A gratitude que sentiron ó principio, despois de ser liberados de Exipto e pasar polo Mar Rubio, motivounos a louvar a Xehová con cancións (Éx. 15:1-21). Non obstante, debido ás incomodidades do deserto e ó medo ós cananeos, a gratitude que sentían tornou en descontento. En vez de estarlle agradecidos a Deus pola súa liberdade, culpárono do que equivocadamente pensaban que era unha privación. Polo tanto, as súas murmuracións foron a demostración da falta de aprecio que sentían polo que Xehová lles daba. Non sorprende que el dixese: “¿Canto tempo vou ter que seguir aguantando esta teimosa turba, que murmura contra min?” (Núm. 14:27; 21:5).
it-2 páx. 855 par. 2
Rifa
Murmuración. A murmuración desanima e é destrutiva. Ó pouco de saír de Exipto, os israelitas murmuraron en contra de Xehová criticando a guía que lles daba por medio dos seus servos, Moisés e Aharón (Éx. 16:2, 7). Máis tarde, as súas queixas desanimaron tanto a Moisés que pediu morrer (Núm. 11:13-15). Murmurar pode ser un perigo mortal para quen o fai. Xehová considerou aquela murmuración contra Moisés como unha queixa e unha mostra de rebeldía contra a dirección que El mesmo lles daba (Núm. 14:26-30). Moitos perderon a vida como resultado destas críticas.
Xoias espirituais
it-2 páx. 288
Maná
Descrición. O maná era “branco, coma semente de coriandro”e “da cor do bedelio”, que era unha substancia transparente e parecida á cera, cunha forma similar á dunha perla. O sabor do maná era comparable ó do “pan con mel” ou ó do “pan amasado con aceite”. Despois de moelo cun muíño de man ou de machucalo nun morteiro, fervíase ou facíanse tortas con el no forno (Éx. 16:23, 31; Núm. 11:7, 8).
22-28 DE MARZO
TESOUROS DA BIBLIA | NÚMEROS 13-14
“A fe fainos valentes”
w06 1/10 páx. 17 pars. 5, 6
A fe e o temor de Deus dannos valor
5 Non obstante, dous dos espías, Xosué e Caleb, tiñan moitas ganas de entrar na Terra Prometida. Referíndose ó país dos cananeos, dixeron: “Podemos devoralo coma pan; a súa protección apartouse deles, e o Señor está connosco. ¡Non lles teñades medo!” (Núm. 14:9). Estaba o seu optimismo impedíndolles ver a realidade? En absoluto! O mesmo que o resto da nación, eles puideran ver como Xehová humillara a poderosa nación de Exipto e os seus deuses por medio das dez pragas. Tamén presenciaran como Deus afogara o Faraón e o seu exército no Mar Rubio (Sal. 136:15). Está claro que o medo que amosaron os dez espías e a xente que lles fixo caso non estaba xustificado. Isto a Xehová doeulle moito e por iso lles dixo: “¿Por canto tempo se negará a crer en min, con tódolos prodixios que teño feito diante deles?” (Núm. 14:11).
6 Xehová sinalou claramente a orixe do problema: a covardía do pobo debíase á súa falta de fe. Non hai dúbida de que a fe e a valentía están moi relacionadas. Tanto é así que o apóstolo Xoán escribiu o seguinte respecto á congregación cristiá e a súa loita espiritual: “Esta é a victoria que derrota o mundo: a nosa fe” (1 Xn. 5:4). Hoxe en día, unha fe coma a de Xosué e Caleb fixo posible que máis de seis millóns de Testemuñas de Xehová predicásemos as boas novas do Reino por todo o mundo, tanto novos coma vellos, fortes e débiles. Ningunha clase de inimigo foi capaz de silenciar a este exército tan poderoso e valente (Rm. 8:31).
Xoias espirituais
it-1 páx. 740
A terra que Deus lle deu a Israel
A terra que Deus lle deu ó pobo de Israel realmente era moi boa. Cando Moisés enviou espías a explorar a Terra Prometida antes de que chegase o resto da nación, díxolles que collesen unha mostra dos produtos da terra. Ó volver trouxeron figos, granadas e un acio de uvas tan grande que o tiveron que transportar cunha barra entre dous homes. Inda que tiñan moito medo debido á súa falta de fe, dixeron da terra: “Verdadeiramente é un país que deita leite e mel” (Núm. 13:23, 27).
SEXAMOS MELLORES MESTRES
“Sintamos máis alegría na predicación. Usemos ben as preguntas”
(1 Timoteo 1:11, NM) que está de acordo coas gloriosas boas novas do Deus feliz que se me confiaron.
29 DE MARZO–4 DE ABRIL
TESOUROS DA BIBLIA | NÚMEROS 15-16
“Coidado co orgullo e o exceso de confianza”
Coñéceme Xehová?
12 Non obstante, mentres o pobo de Israel estaba de camiño á Terra Prometida, Coré pensou que había problemas no xeito en como se dirixía a organización de Deus. Xunto con outros 250 homes importantes da nación, intentou facer algúns cambios. Seguramente pensaban que contaban co favor de Xehová, pois dixéronlle a Moisés: “¡Xa é abondo! Toda a comunidade é santa, todos eles o son, e no medio deles está o Señor” (Núm. 16:1-3). Que actitude tan arrogante e orgullosa, verdade? Moisés contestoulles: “Mañá o Señor dará a coñecer quen é seu” (le Números 16:5). Para o final do día seguinte, Coré e tódolos que o apoiaron na súa rebelión morreron (Núm. 16:31-35).
Coñéceme Xehová?
11 Moisés e Coré comportáronse de xeito totalmente diferente á hora de demostrar respecto polas decisións e instrucións de Xehová. Os seus feitos influíron en como El os vía. De feito, xulgounos en base ás súas accións. Coré era un levita quehatita e desfrutaba de moitos privilexios. Por exemplo, probablemente presenciou a liberación da nación a través do Mar Rubio, apoiou o xuízo de Xehová contra os israelitas desobedientes no monte Sinaí e axudou a transportar a arca do pacto (Éx. 32:26-29; Núm. 3:30, 31). Evidentemente fora leal a Xehová durante anos, e por iso moitos israelitas o respectaban.
Xoias espirituais
w98 1/9 páx. 20 pars. 1, 2
Deámoslle prioridade ó máis importante!
Para Xehová, este asunto era moito máis serio. A Biblia di: “O Señor díxolle a Moisés: ‘Ese home debe morrer’” (Núm. 15:35). Por que lle pareceu tan grave a Xehová o que fixera aquel home?
Os israelitas tiñan seis días para recoller leña e atender outras necesidades relacionadas coa comida, a roupa e o lugar onde vivían. O sétimo día debíano dedicar a atender as súas necesidades espirituais. Inda que recoller leña non tiña nada de malo, non debía facerse no tempo reservado para adorar a Xehová. É certo que os cristiáns non estamos baixo a Lei de Moisés, pero verdade que podemos aprender algunha lección sobre como establecer ben as nosas prioridades? (Flp. 1:10).
5-11 DE ABRIL
TESOUROS DA BIBLIA | NÚMEROS 17-19
“Eu son a túa parte e a túa herdanza”
É Xehová a nosa herdanza?
9 Pensemos na tribo de Leví, que non recibiu ningunha parte da terra como herdanza. Xa que o servizo sagrado era a súa ocupación principal, os levitas tiñan que confiar en que Xehová coidaría deles. El prometéralles: “Eu son a túa parte e a túa herdanza” (Núm. 18:20). Inda que nós non servimos nun templo físico como facían os sacerdotes e os levitas, podemos imitar a súa actitude e confiar en que Xehová nos dará o que precisemos. Segundo nos achegamos máis á fin, esta confianza é máis importante ca nunca antes (Ap. 13:17).
Xehová é a miña herdanza
4 Que supuxo esta tarefa para os levitas? Xehová díxolles que El sería a súa herdanza no sentido de que, no canto de recibir unha porción de terra, terían un privilexio sen igual: ser “o sacerdocio do Señor” (Xos. 18:7). O contexto de Números 18:20 mostra que os levitas non vivían na pobreza (le Números 18:19, 21, 24). O pobo debía darlles o décimo polo seu servizo. Isto significaba que recibirían a décima parte do que producise o campo e dos animais que nacesen. Pola súa banda, os levitas dábanlles ós sacerdotes a décima parte do mellor que recibían (Núm. 18:25-29). Os sacerdotes tamén recibían “tódolos impostos das cousas santas” que os israelitas levaban ó santuario. Non hai dúbida de que estes sacerdotes tiñan boas razóns para confiar en que Xehová lles daría todo o que precisasen.
Xoias espirituais
g02 8/6 páx. 14 par. 2
O sal, un produto valioso
No pasado, o sal tamén era un símbolo de estabilidade e permanencia. É por iso que na Biblia un pacto duradeiro era coñecido como “unha alianza selada con sal”, e ambas partes ratificábano tomando unha comida con sal (Núm. 18:19). Baixo a Lei mosaica, botábase sal ós sacrificios que se ofrecían no altar, o que seguramente indicase que estaban libres de corrupción ou deterioración.
12-18 DE ABRIL
TESOUROS DA BIBLIA | NÚMEROS 20-21
“Sexamos mansos mesmo baixo presión”
w19.02 páx. 12 par. 19
Sexamos mansos e agrademos a Xehová
19 Cometeremos menos erros. Pensemos de novo en Moisés. Durante décadas foi un home manso que agradou a Xehová. Pero, cara ó final dos corenta anos da difícil viaxe polo deserto, deixou de ser manso. A súa irmá, quen probablemente o axudara a salvar a vida en Exipto, acababa de morrer e fora enterrada en Cadex. Entón, os israelitas volveron queixarse de que non tiñan as cousas necesarias. Esta vez, “o pobo levantouse contra Moisés e laiouse con berros” porque non tiñan auga. Despois de tódolos milagres que Xehová fixera por medio de Moisés e a pesar de tódolos anos que levaba Moisés sendo un bo líder, a nación seguía protestando. E non só se queixaban pola falta de auga, senón tamén de Moisés, como se el tivese a culpa dese problema (Núm. 20:1-5, 9-11).
w19.02 páx. 13 pars. 20, 21
Sexamos mansos e agrademos a Xehová
20 Naquel momento tan tenso, a ira fixo que Moisés perdese a calma. En vez de falarlle con fe ó penedo como Xehová lle mandara, Moisés faloulle con amargura ó pobo e deuse importancia a si mesmo. Entón, bateu na rocha dúas veces e saíu unha gran cantidade de auga. O orgullo e a ira fixeron que cometese un lamentable erro (Sal. 106:32, 33). Por deixar de ser manso un momento, Moisés perdeu a oportunidade de entrar na Terra Prometida (Núm. 20:12).
21 Que valiosas leccións aprendemos do que lle pasou a Moisés? Primeiro, que debemos facer un esforzo constante por seguir sendo mansos. Se nos descoidamos, inda que sexa por un momento, o orgullo pode aparecer e facer que falemos e actuemos de xeito imprudente. Segundo, que o estrés pode debilitarnos, así que debemos esforzarnos por ser mansos mesmo cando estamos baixo presión.
w09 1/9 páx. 19 par. 5
Un Xuíz que nunca pasa por alto as súas normas de xustiza
Primeiro, Deus non lle mandara a Moisés falarlle ó pobo, e moito menos que os chamase rebeldes. Segundo, Moisés e Aharón non lle deron gloria a Deus. De feito, Xehová censurounos por non santificalo (versículo 12). Ó dicirlles “poderemos sacar auga para vós”, Moisés deu a entender que el mais Aharón serían os que lles darían auga ós israelitas de xeito milagroso, e non Deus. Terceiro, o castigo divino estivo de acordo con outras sentencias que Xehová ditara no pasado. Recordemos que tamén lle negara a entrada a Canaán a unha xeración de rebeldes anterior, e iso mesmo foi o que fixo con Moisés e Aharón (Núm. 14:22, 23). Cuarto, dado que eran os líderes da nación, é normal que Deus lles esixise máis a eles (Lc. 12:48).
Xoias espirituais
w14 15/6 páx. 26 par. 12
Vemos os débiles como os ve Xehová?
12 En cada unha destas situacións, Xehová puido castigar a Aharón inmediatamente. Pero comprendeu que, a pesar das súas faltas, non era unha mala persoa. Parece que Aharón deixouse levar polas circunstancias ou pola influencia doutros. Non obstante, cando lle sinalaron os seus erros, admitiunos axiña e apoiou as decisións de Xehová (Éx. 32:26; Núm. 12:11; 20:23-27). Xehová escolleu centrarse na fe que tiña Aharón e no seu arrepentimento. Séculos máis tarde, aínda se falaba de Aharón e os seus descendentes coma persoas temerosas de Deus (Sal. 115:10-12; 135:19, 20).
19-25 DE ABRIL
TESOUROS DA BIBLIA | NÚMEROS 22-24
“Xehová converte unha maldición nunha bendición”
“Anuncioulle a Boa Nova de Xesús”
5 Coma no primeiro século, a persecución que sofre na actualidade o pobo de Deus non consegue deter a predicación. Con frecuencia, ó obrigar os cristiáns a trasladarse dun lugar a outro, ben sexa a unha prisión ou a unha zona diferente, o único que se consegue é que máis persoas coñezan a mensaxe do Reino. Por exemplo, durante a Segunda Guerra Mundial, as testemuñas de Xehová deron un extraordinario testemuño nos campos de concentración nazis. Un xudeu que coñeceu a verdade desta maneira dixo: “A fortaleza das testemuñas de Xehová convenceume de que a súa fe estaba baseada nas Escrituras, así que me fixen testemuña”.
it-2 páx. 250
Loucura
A loucura de opoñerse a Xehová. O profeta Balaam foi un insensato ó querer profetizar en contra do pobo de Israel e así recibir cartos do rei moabita Balac, pero Xehová desbaratou os seus esforzos. O apóstolo Pedro escribiu acerca de Balaam que “unha burriña sen fala falou con voz de home e parou a loucura do profeta”. Para describir a loucura de Balaam, o apóstolo usou a palabra grega parafronía, que transmite a idea de “perder o xuízo [razón]” (2 Pe. 2:15, 16; Núm. 22:26-31).
Xoias espirituais
w04 1/8 páx. 27 par. 2
Ideas interesantes do libro de Números
22:20-22. Por que se acendeu a cólera de Xehová contra Balaam? Xehová dixéralle ó profeta Balaam que non debía maldicir os israelitas (Núm. 22:12). Non obstante, o profeta foi cos homes de Balac coa intención de maldicir o pobo de Israel. Balaam quería compracer ó rei moabita para que o recompensase (2 Pe. 2:15, 16; Xds. 11). Incluso cando se lle obrigou a Balaam a bendicir a Israel máis ben que maldicilo, seguiu buscando o favor do rei de Moab ó suxerirlle que podía empregar as mulleres que adoraban a Baal para seducir os homes israelitas (Núm. 31:15, 16). Polo tanto, a razón pola que acendeu a cólera de Xehová contra Balaam foi a cobiza sen escrúpulos do profeta.
26 DE ABRIL–2 DE MAIO
TESOUROS DA BIBLIA | NÚMEROS 25-26
“Pode unha persoa marcar a diferenza?”
Fuxamos da inmoralidade sexual
IMAXINA un pescador que quere encher o cesto de peixes. Primeiro, vai a unha zona onde sabe que atopará os peixes que busca. Despois, escolle ben o cebo e lanza o anzol á auga. Entón, espera con paciencia e, cando o peixe pica, tira do anzol mentres recolle a sedela para sacalo da auga.
2 De xeito parecido, ás persoas tamén se nos pode pescar. Isto foi o que lles pasou ós israelitas. Pouco antes de entraren na Terra Prometida, acamparon nas chairas de Moab. O rei de Moab prometeulle moitos cartos a un home chamado Balaam a cambio de maldicir a nación de Israel. Como non o conseguía, Balaam buscou o xeito de que os israelitas pecasen para que Xehová os maldixese. Púxolles un cebo: mandou unhas mulleres moabitas ó campamento dos israelitas para seducilos (Núm. 22:1-7; 31:15, 16; Ap. 2:14).
Fuxamos da inmoralidade sexual
4 Por que funcionou tan ben o plan de Balaam cos israelitas? Porque só pensaron en satisfacer os seus desexos e esqueceron o que Xehová fixera por eles. Os israelitas tiñan moitas razóns para ser leais a Deus. El liberáraos de seren escravos en Exipto, déralles de comer no deserto e trouxéraos sans e salvos ata as portas da Terra Prometida (Heb. 3:12). Aínda así, caeron na inmoralidade sexual. O apóstolo Paulo escribiu: “Nin nos entreguemos á impureza, como fixeron algúns deles” (1 Cor. 10:8).
Xoias espirituais
it-2 páx. 238 pars. 1, 2
Límite
Polo tanto, parece que a distribución da terra entre as tribos efectuouse en base a dous factores: o sorteo e o tamaño da tribo. É posible que mediante o sorteo se determinase o lugar aproximado da herdanza que lle correspondería a cada tribo, sexa que estivese ó norte, ó sur, ó leste ou ó oeste da Terra Prometida, ou que estivese ó longo da chaira costeira ou da rexión montañosa. Como a decisión viña de Xehová, evitáronse as envexas e as pelexas entre as tribos (Pr. 16:33). Desta maneira, Deus tamén podía controlar o resultado do sorteo coa fin de que a herdanza de cada tribo correspondese coa profecía que o patriarca Xacob pronunciara pouco antes de morrer e que se recolle en Xénese 49:1-33.
Despois de determinar por sorteo a localización xeográfica de cada tribo, había que delimitar a súa extensión tendo en conta o segundo factor: o tamaño da tribo. A Biblia di: “Repartiréde-lo país por sorte, segundo as vosas familias: ó máis numeroso darédeslle herdade maior, e ó máis pequeno darédeslle unha herdanza máis pequena. Aquilo que lle toque en sorte a cada un, seu será” (Núm. 33:54). Polo tanto, se non se podía cambiar o resultado do sorteo respecto á localización xeográfica, a extensión da herdanza axustaríase tendo en conta o tamaño da tribo. Por iso reduciuse o territorio de Xudá ó ver que era demasiado grande, e déuselle unha parte á tribo de Simeón (Xos. 19:9).