Fontes de información para o Caderno de Estudo Vida e Actividades
6-12 DE SETEMBRO
TESOUROS DA BIBLIA | DEUTERONOMIO 33-34
“Busquemos refuxio ‘debaixo dos brazos do Eterno’”
it-2 páx. 99
Iexurún
Título honorífico que se lle deu a Israel. Na Septuaxinta grega “Iexurún” chegou a ser un termo afectivo e traduciuse “amado”. Este nome debía recordarlle a Israel o pacto que tiñan con Xehová e, polo tanto, a súa obrigación de manterse fieis (Dt. 33:5, 26; Is. 44:2). En Deuteronomio 32:15 o nome “Iexurún” úsase de xeito irónico. En vez de vivir en harmonía co que significa este nome, Israel volveuse ingobernable, abandonou o seu Creador e desprezou o seu Salvador.
rr páx. 120, recadro
Xehová axúdanos a erguernos
Lembremos que, moitos séculos antes de Ezequiel, o profeta Moisés afirmou que Xehová pode e quere usar a súa forza para axudar os seus servos. Moisés escribiu: “O Deus de sempre é refuxio, estás debaixo dos brazos do Eterno” (Dt. 33:27). Así que podemos estar completamente seguros de que, se acudimos a Xehová cando sentimos que non podemos máis, el trataranos con agarimo. Porá os seus brazos debaixo de nós, ergueranos con tenrura e axudaranos a poñernos en pé outra vez (Ez. 37:10).
“Corramos con aguante a carreira”
16 Igual que lle pasou a Abraham, Moisés non viviu para ver o cumprimento das promesas de Deus. Cando os israelitas estaban a punto de entrar na Terra Prometida, Deus díxolle a Moisés: “Verás desde enfronte o país, pero non entrarás nel, nese país que eu lles vou dar ós fillos de Israel”. Cal foi o motivo? Que tanto Moisés coma Aharón se exasperaron por culpa do pobo rebelde e foron infieis a Xehová “ante os fillos de Israel, nas augas de Meribah” (Dt. 32:51, 52). Amargouse Moisés deixándose levar polo resentimento? Non. Máis ben, díxolle unha bendición ó pobo e rematouna coas palabras: “Feliz ti, Israel, ¿quen coma ti?, pobo salvado polo Señor, escudo da túa axuda, espada da túa grandeza” (Dt. 33:29).
Xoias espirituais
it-2 páx. 418 par. 1
Moisés
Moisés morreu cando tiña 120 anos. Con respecto á súa fortaleza física, a Biblia di: “O seu ollo non enfraqueceu nin desapareceu a súa vitalidade”. Xehová enterrouno nun lugar que nunca foi descuberto (Dt. 34:5-7). Isto probablemente foi así para impedir que os israelitas caesen na adoración falsa convertendo a súa tumba nun santuario. Parece que o Demo quería valerse do corpo de Moisés para este propósito, pois Xudas, o discípulo cristián e medio irmán de Xesucristo escribiu: “O mesmo arcanxo Miguel, cando andaba ás retesías co demo, discutindo sobre o corpo de Moisés, non tivo o atrevemento de lle botar unha sentencia aldraxante senón que dixo: ‘Que o Señor te reprenda’” (Xds. 9). Antes de cruzar cara a Canaán dirixido por Xosué, Israel gardou trinta días de loito en memoria de Moisés (Dt. 34:8).
13-19 DE SETEMBRO
TESOUROS DA BIBLIA | XOSUÉ 1-2
“Que facer para que nos vaia ben na vida”
Sé valente, Xehová está contigo
7 Para ter o valor necesario para facer a vontade de Deus, debemos estudar e obedecer a súa Palabra. Ese foi o consello que Xehová lle deu a Xosué despois da morte de Moisés, díxolle: “Has de ser rexo e coraxudo, para cumprir toda a Lei que dispuxo o meu servo Moisés. [...] Endexamais non arredarás da túa boca o libro desta Lei: meditaralo de día e mais de noite, de xeito que cumpras tódalas súas prescricións, pois daquela daráseche ben o teu camiño e terás boandanza” (Xos. 1:7, 8). Xosué seguiu este consello e foille ben. Se nós facemos o mesmo, seremos valentes e iranos ben no noso servizo a Xehová.
w13 15/1 páx. 11 par. 20
Sé valente, Xehová está contigo
20 Non é fácil obedecer a Deus nun mundo cheo de maldade e problemas. Pero non estamos sós, Xehová e o seu Fillo, Cabeza da congregación, están con nós. Ademais, en toda a Terra hai máis de sete millóns de testemuñas de Xehová. Xuntos sigamos demostrando fe e predicando as boas novas, tendo moi presente o texto do ano 2013: “[Sé] rexo e valeroso [...], pois o Señor, o teu Deus, estará contigo” (Xos. 1:9).
Xoias espirituais
w04 1/12 páx. 9 par. 1
Ideas interesantes do libro de Xosué
2:4, 5. Por que enganou Rahab os homes do rei que andaban na busca dos espías? Rahab arriscou a súa vida para protexer os espías porque puxo fe en Xehová. Polo tanto, non estaba obrigada a informar os homes que andaban na busca dos espías para facerlles dano (Mt. 7:6; 21:23-27; Xn. 7:3-10). De feito, a Rahab xustificárona os feitos, entre eles o de enviar por outro camiño os mensaxeiros do rei (Sant. 2:24-26).
20-26 DE SETEMBRO
TESOUROS DA BIBLIA | XOSUÉ 3-5
“Xehová bendí a quen demostra fe”
it-2 páx. 121
Xordán
Polo xeral, o leito do Xordán que está ó sur do mar de Galilea ten unha profundidade de entre 1 e 3 metros, e unha anchura de 27 a 30 metros, pero na primavera desbórdase e, como consecuencia, é moito máis ancho e profundo (Xos. 3:15). Na tempada da enchente sería perigoso para a nación israelita, composta de homes, mulleres e nenos, cruzar o Xordán, especialmente na zona próxima a Iericó. Alí a corrente é tan rápida que, en tempos recentes, arrastrou algúns bañistas. Non obstante, Xehová detivo milagrosamente as augas e así fixo posible que os israelitas cruzasen sobre terra seca (Xos. 3:14-17). Séculos máis tarde pasou algo semellante. Unha vez estando Elías e Eliseo xuntos, e doutra vez estando Eliseo só (2 Re. 2:7, 8, 13, 14).
w13 15/9 páx. 16 par. 17
Os recordatorios de Xehová alegran o noso corazón
17 De que maneira os actos de fe fortalecen a nosa confianza en Xehová? Pensemos no que viron os israelitas cando entraron na Terra Prometida. Xehová ordenáralles ós sacerdotes que transportaban a arca do pacto que avanzasen ata entrar no río Xordán. Pero, ó chegar alí, os israelitas viron que o río se desbordara por culpa das chuvias de primavera. Que farían? Acamparían na beira do río e esperarían semanas ata que baixasen as augas? Non, máis ben puxeron toda a súa confianza en Xehová e seguiron as súas instrucións. Cal foi o resultado? O relato explica: “E, en chegando ó Xordán os que levaban a Arca e mollárense na ribeira os pés dos sacerdotes que levaban a Arca [...] detivéronse as augas do Xordán [...]. E o pobo atravesou por fronte de Iericó. E os sacerdotes que levaban a Arca da Alianza do Señor, mantivéronse ergueitos en seco, no medio do Xordán, namentres todo Israel atravesaba polo seco” (Xos. 3:12-17). Imaxina o emocionante que debeu ser para eles ver como se detiñan as axitadas augas do río. Canto debeu fortalecerse a súa fe en Xehová! E todo grazas a que confiaron nas instrucións que El lles dera.
w13 15/9 páx. 16 par. 18
Os recordatorios de Xehová alegran o noso corazón
18 O certo é que hoxe en día Xehová non fai milagres coma estes para axudarnos, pero si que bendí os nosos actos de fe. Por medio do espírito santo dános as forzas que precisamos para predicar a mensaxe do Reino por todo o mundo. Xesucristo, a principal testemuña de Xehová, prometeulles ós seus discípulos que os apoiaría nesta importante obra. Despois de resucitar, díxolles: “Ide, pois, e facede discípulos meus a tódolos pobos [...]. Asegúrovos que eu estarei sempre convosco ata a fin do mundo” (Mt. 28:19, 20). Moitas testemuñas de Xehová que loitan contra a timidez comprobaron persoalmente como o espírito santo lles deu o valor que precisaban para ser capaces de predicarlles a descoñecidos (le Salmo 119:46; 2 Corintios 4:7).
Xoias espirituais
w04 1/12 páx. 9 par. 2
Ideas interesantes do libro de Xosué
5:14, 15. Quen é “o príncipe do exército do Señor”? O príncipe, ou o xefe, que acudiu para fortalecer a Xosué cando comezou a conquista da Terra Prometida probablemente era a Palabra, é dicir, Xesucristo na súa existencia prehumana (Xn. 1:1, TNM; Dn. 10:13). Canto nos fortalece ter a garantía de que Xesucristo glorificado apoia o pobo de Deus na súa loita espiritual!
27 DE SETEMBRO–3 DE OUTUBRO
TESOUROS DA BIBLIA | XOSUÉ 6-7
“Afástate das cousas inútiles”
Afasta a túa mirada das cousas inútiles
5 Séculos máis tarde, un israelita chamado Acán tamén se deixou seducir polo que viu. Deus mandáralles ós israelitas que cando conquistasen a cidade de Iericó destruísen todo, a excepción dalgúns obxectos que serían para o tesouro de Xehová. Dixéralles: “Mantédevos lonxe do que está reservado para a destrución, para que non desexedes algo do que está reservado para a destrución e quededes con el”. Pero Acán desobedeceu e roubou varios obxectos de luxo, o que provocou que moitos israelitas morresen ó ser derrotados na cidade de Ai. Acán non confesou ata que se descubriu o que fixera. Admitiu que cando viu aquelas cousas as cobizou e as colleu. O desexo dos ollos levou a Acán a cobizar no seu corazón cousas prohibidas por Deus e ocasionoulle a súa ruína e a de “todo o que tiña” (Xos. 6:18, TNM; 6:19; 7:1-26).
w97 15/8 páx. 28 par. 2
Por que denunciar o que é malo?
Un dos motivos polos que se debe informar dun mal é que isto serve para manter limpa a congregación. Xehová é un Deus limpo e santo. El pide que tódolos que o adoren sexan limpos en sentido moral e espiritual. A súa Palabra inspirada manda: “Coma fillos obedientes, non vos axeitedes ós desexos de antes, cando viviades na ignorancia, senón que, do mesmo xeito que o que vos chamou é santo, así tamén sede vós santos en calquera circunstancia, porque a Escritura di: Seredes santos, porque eu son santo” (1 Pe. 1:14-16). As persoas que practican a impureza ou outro tipo de maldade poden contaminar toda unha congregación e facer que esta perda a aprobación de Xehová, a menos que se faga algo para corrixilas ou botalas (comparar con Xosué 7).
Afasta a túa mirada das cousas inútiles
8 Os verdadeiros cristiáns non somos inmunes ós desexos dos ollos e da carne. Por iso, a Palabra de Deus anímanos a ter autocontrol no que ten que ver co que vemos e desexamos (1 Cor. 9:25, 27; le 1 Xoán 2:15-17). Alguén que comprendeu moi ben o relacionados que están a vista e o desexo foi Xob, quen dixo: “Cos meus ollos fixen trato de non andar fitando as mozas” (Xob 31:1). Xob non só se negou a tocar ningunha muller con intencións inmorais, senón que tampouco deixou que a súa mente se recrease nese tipo de pensamentos. Xesús tamén destacou a necesidade de manter a mente libre de pensamentos impuros cando dixo: “Todo aquel que mira a unha muller casada con desexo, xa cometeu adulterio no seu corazón” (Mt. 5:28).
Xoias espirituais
w15 15/11 páx. 13 pars. 2, 3
Preguntas dos lectores
No pasado, os exércitos adoitaban asediar as cidades amuralladas que querían conquistar. Sen importar canto durase o asedio, os vencedores quedaban cos bens que había na cidade, incluídas as reservas de alimento que aínda tivesen. Non obstante, en Iericó os arqueólogos atoparon grandes cantidades de comida. A revista Biblical Archaeology Review explica: “Ademais de restos de vasillas, o que máis se encontrou entre as ruínas foi gran”. Por que é este un detalle importante? A revista continúa: “Os arqueólogos non descubriron nada igual en Palestina. Ás veces encontraron unha ou dúas vasillas con gran, pero atopar unha cantidade tan grande de gran é un descubrimento excepcional”.
A Biblia di que os israelitas tiñan boas razóns para non quedar co gran que había en Iericó. Xehová mandáralles que non o fixesen (Xos. 6:17, 18). Tamén di que atacaron en primavera, xusto despois do tempo da colleita, cando as reservas de gran eran abundantes (Xos. 3:15-17; 5:10). O feito de que nas ruínas de Iericó encontrasen tanto alimento demostra que foi asediada durante pouco tempo, tal como di a Biblia.
4-10 DE OUTUBRO
TESOUROS DA BIBLIA | XOSUÉ 8-9
“Que aprendemos do relato dos gabaonitas?”
it-1 páx. 977
Gabaón
Relación con Xosué. No tempo de Xosué, Gabaón estaba habitada polos hivitas, unha das sete nacións cananeas que ían ser destruídas (Dt. 7:1, 2; Xos. 9:3-7). Ós gabaonitas tamén se lles coñecía como amorreos, pois parece que este nome ás veces tamén se lle aplicou de forma xenérica a tódolos cananeos (2 Sam. 21:2; comparar con Xén. 10:15-18; 15:16). A diferenza do resto dos cananeos, os gabaonitas déronse conta de que a pesar da súa forza militar e a grandeza da súa cidade, a resistencia fracasaría, porque Xehová loitaba por Israel. Polo tanto, despois da destrución de Iericó e Ai, os homes de Gabaón, que polo visto tamén representaban as outras tres cidades hivitas, Quefirah, Beerot e Quiriat-Iearim, enviaron unha delegación a Guilgal, onda Xosué, para pedirlle a paz (Xos. 9:17). Os representantes gabaonitas, coa roupa e o calzado gastados, odres de viño remendados, sacos vellos e pan esmigallado e seco, presentáronse coma se viñesen dunha nación distante que non estaba entre as que Israel ía conquistar. Polo sucedido con Exipto e os reis amorreos de Sihón e Og, os gabaonitas recoñeceron que Xehová axudaba os israelitas. Pero foron sabios e non mencionaron o que lles pasara a Iericó e a Ai, porque se viñesen “dunha terra moi remota” aínda non saberían destes sucesos. Os representantes de Israel examinaron e aceptaron as probas e fixeron un pacto con eles para deixalos vivir (Xos. 9:3-15).
“Non te apoies na propia intuición”
14 Como somos imperfectos, todos, incluídos os anciáns de experiencia, precisamos estar alerta para non deixar de buscar a dirección de Xehová antes de tomar unha decisión. Pensemos no que lles pasou a Xosué, o sucesor de Moisés, e ós anciáns de Israel cando uns asisados gabaonitas foran onda eles. Estes homes disfrazáronse e fixéronse pasar por habitantes dunha terra moi remota. Sen preguntarlle a Xehová, Xosué e os seus homes celebraron un pacto de paz con eles. Aínda que Xehová ó final aprobou aquel acordo, asegurouse de que, para o noso beneficio, quedase rexistrado nas Escrituras o feito de que non buscaron a súa dirección (Xos. 9:3-6, 14, 15).
w04 15/10 páx. 18 par. 14
“Percorre a terra”
14 Aqueles representantes dixeron: “Os teus servos veñen dunha terra moi remota, por mor do nome do Señor, o teu Deus” (Xos. 9:3-9; cursiva nosa). A súa roupa e os alimentos que levaban parecían confirmar que viñan de lonxe, pero, en realidade, Gabaón estaba a uns 30 km de Guilgal. Xosué e os xefes do pobo creron o que lles dicían e fixeron un pacto de amizade con Gabaón e as cidades veciñas relacionadas con ela. Buscaban os gabaonitas con este engano simplemente que non os matasen? Non, máis ben o que fixeron indicaba o desexo que tiñan de obter o favor do Deus de Israel. Xehová aprobou que se convertesen en “taladores de madeira e acarrexadores de auga para a asemblea, e para o altar do Señor”, de maneira que carrexaban leña para o altar dos sacrificios (Xos. 9:11-27). Os gabaonitas seguiron demostrando a súa boa disposición para atender tarefas humildes no servizo a Xehová. É probable que algúns deles estivesen entre os servos que volveron de Babilonia e traballaron no templo xa reconstruído (Esd. 2:1, 2, 43-54; 8:20). Podemos imitar a súa actitude se procuramos manter a paz con Deus e se estamos dispostos a realizar incluso as tarefas máis humildes no seu servizo.
Xoias espirituais
it-1 páx. 506
Colgar
Baixo a lei que Xehová lle deu a Israel, a algúns delincuentes se lles colgaba dun madeiro despois de executalos, como “unha maldición de Deus”. Isto facíase nun lugar público e servía de advertencia para os demais. Aínda así debían enterrar o cadáver antes de que anoitecese, porque deixalo no madeiro toda a noite volvería impura a terra que Deus lles dera ós israelitas (Dt. 21:22, 23). Israel obedecía este mandato incluso cando se executaba alguén que non era israelita (Xos. 8:29; 10:26, 27).
11-17 DE OUTUBRO
TESOUROS DA BIBLIA | XOSUÉ 10-11
“Xehová loita por Israel”
it-1 páx. 55
Adonisédec
Rei de Xerusalén cando Israel conquistou a Terra Prometida. Adonisédec formou unha alianza con outros pequenos reinos que estaban ó oeste do Xordán para intentar deter a Xosué e os seus homes (Xos. 9:1-3). Pola contra, os hivitas de Gabaón fixeron un pacto de paz con Xosué. Como vinganza e para evitar que máis cidades desertasen, Adonisédec xuntou o seu exército cos exércitos doutros catro reis amorreos, asediou Gabaón e loitou contra ela. Xosué rescatou os gabaonitas de forma espectacular e acabou con esta coalición de cinco reis, que fuxiron a Maquedah, onde finalmente Xosué os atrapou nunha cova. Despois, o mesmo Xosué matou a Adonisédec e os outros catro reis diante das súas tropas, e colgounos en madeiros. Finalmente, tiraron os seus corpos dentro da cova, que chegou a ser a súa tumba (Xos. 10:1-27).
it-1 páx. 1038
Graínzo
Utilizado por Xehová. O graínzo é unha das forzas que Xehová usou nalgunhas ocasións para cumprir a súa palabra e demostrar o seu gran poder (Sal. 148:1, 8; Is. 30:30). A primeira destas ocasións da que hai constancia é a sétima praga que El mandou sobre o antigo Exipto. Esta consistiu nunha chuvia de pedrazo que acabou coa vexetación, tronzou árbores e matou tanto homes como animais que estaban no campo, a excepción dos israelitas que estaban en Goxén (Éx. 9:18-26; Sal. 78:47, 48; 105:32, 33). Máis tarde, na Terra Prometida, Xehová usou grandes pedras de graínzo cando os israelitas baixo as ordes de Xosué acudiron en axuda dos gabaonitas, que estaban ameazados por unha alianza de cinco reis amorreos. Naquela ocasión, morreron máis amorreos por culpa do pedrazo que por loitar contra Israel (Xos. 10:3-7, 11).
w04 1/12 páx. 11 par. 1
Ideas interesantes do libro de Xosué
10:13. Como é posible este fenómeno? A Biblia di: “¿Hai cousa que non poida o Señor?” (Xén. 18:14). El é o Creador dos ceos e da terra. Se así o decide, pode alterar o movemento do noso planeta de maneira que, dende a perspectiva de alguén que estea na Terra, pareza que o Sol e a Lúa quedan quietos. Tamén pode deixar que a Terra e a Lúa prosigan o seu movemento e refractar a luz do Sol e da Lúa de forma que sigan brillando. Dunha maneira ou doutra, “non houbo nin antes nin despois un día como aquel” (Xos. 10:14).
Xoias espirituais
w09 15/3 páx. 32 par. 5
Preguntas dos lectores
O feito de que certos libros se mencionen na Biblia e de que se usasen como fonte de información non significa que fosen inspirados. Pero, podemos estar seguros de que Xehová preservou tódolos escritos que forman “a palabra do noso Deus”, e que esta se mantén “firme para sempre” (Is. 40:8). Así é, o que Xehová decidiu incluír nos 66 libros da Biblia e conservar ata os nosos días é precisamente o que necesitamos para estar completamente preparados para toda obra boa (2 Tim. 3:16, 17).
18-24 DE OUTUBRO
TESOUROS DA BIBLIA | XOSUÉ 12-14
“Sigamos a Xehová con todo o corazón”
w04 1/12 páx. 12 par. 2
Ideas interesantes do libro de Xosué
14:10-13. Aínda que tiña 85 anos, Caleb pediu encargarse do difícil labor de desocupar a rexión de Hebrón, que estaba habitada polos anaquitas, homes de extraordinaria altura. Coa axuda de Xehová, este experimentado guerreiro tivo éxito na conquista e Hebrón converteuse nunha cidade de refuxio (Xos. 15:13-19; 21:11-13). O exemplo de Caleb anímanos a non rexeitar ningunha responsabilidade na organización de Xehová, por difícil que sexa.
w06 1/10 páx. 18 par. 11
A fe e o temor de Deus dannos valor
11 A fe verdadeira non é estática, senón que medra a medida que vivimos a verdade, desfrutamos dos beneficios da conduta cristiá, vemos as respostas ás nosas oracións e percibimos doutras maneiras que Xehová dirixe os nosos pasos (Sal. 34:9 [34:8, TNM]; 1 Xn. 5:14, 15). Estamos seguros de que a fe de Xosué e Caleb se fixo máis forte ó ver por si mesmos a bondade de Deus (Xos. 23:14). Pensemos nas seguintes ideas. Tal como Xehová lles prometera, sobreviviron corenta anos no deserto (Núm. 14:27-30; 32:11, 12). Despois tiveron un papel importante na conquista de Canaán, que durou seis anos. E finalmente, desfrutaron dunha vida longa, boa saúde e incluso recibiron as súas propias terras en herdanza. Que xeneroso é Xehová ó recompensar a quen o serve con valor e lealdade! (Xos. 14:6, 9-14; 19:49, 50; 24:29).
Xoias espirituais
it-1 páx. 1054
Guebal
Xehová incluíu “a rexión guiblita” entre as terras que lle quedaban por conquistar a Israel nos días de Xosué (Xos. 13:1-5). Algúns críticos consideran que isto é unha incoherencia, xa que Guebal está moi ó norte de Israel (a uns 100 km ó norte de Dan) e parece ser que esta cidade nunca chegou a estar gobernada por Israel. Algúns eruditos afirman que o texto hebreo puido sufrir danos neste versículo e que o relato orixinalmente dicía “a terra xunto ó Líbano” ou “ata a fronteira dos guiblitas”. Non obstante, debemos lembrar que as promesas de Xehová rexistradas en Xosué 13:2-7 eran de carácter condicional. Como Israel foi desobediente, nunca chegou a conquistar Guebal (comparar con Xos. 23:12, 13).
25-31 DE OUTUBRO
TESOUROS DA BIBLIA | XOSUÉ 15-17
“Protexe a túa valiosa herdanza”
it-1 páx. 1112 par. 10
Hebrón
Durante a campaña que se levou a cabo no sur de Canaán, Israel destruíu por completo os habitantes de Hebrón, entre eles o seu rei (que ó parecer era sucesor de Hoham) (Xos. 10:36, 37). Pero a pesar de que os israelitas liderados por Xosué venceron os cananeos, parece ser que non deixaron tropas para manter as súas conquistas. Por iso, mentres Israel loitaba noutro lugar, os anaquitas volveron establecerse en Hebrón, polo que Caleb (ou os fillos de Xudá baixo as ordes de Caleb) tiveron que volver quitarlles a cidade algún tempo despois (Xos. 11:21-23; 14:12-15; 15:13, 14; Xuí. 1:10). Hebrón asignóuselle orixinalmente a Caleb, da tribo de Xudá, e máis tarde escolleuse como cidade sagrada ó converterse en cidade de refuxio. Tamén foi unha das cidades sacerdotais. Non obstante, “a zona verde da cidade” e as súas aldeas déronllas a Caleb como herdanza (Xos. 14:13, 14; 20:7; 21:9-13).
it-2 páx. 1148
Traballo forzado
En tempos bíblicos era habitual escravizar os pobos conquistados e impoñerlles “traballos forzados” (heb. mas) (Dt. 20:11; Xos. 16:10; 17:13; Esd. 10:1; Is. 31:8; Lam. 1:1). Cando os israelitas eran escravos dos exipcios, estes obrigábanos a facer traballos forzados, como edificar “as cidades-graneiros de Pitom e de Ramsés” (Éx. 1:11-14). Máis adiante, xa na Terra Prometida, en vez de cumprir co mandato que Xehová lles dera de botar fóra e destruír tódolos cananeos, os israelitas obrigáronos a facer traballos forzados propios dos escravos. Isto levounos a caer na trampa de adorar deuses falsos (Xos. 16:10; Xuí. 1:28; 2:3, 11, 12). O rei Salomón seguiu recrutando os descendentes destes cananeos, é dicir, os amorreos, os hititas, os perizitas, os hivitas e os iebuseos, para traballos forzados de escravos (1 Re. 9:20, 21).
it-1 páx. 408 par. 4
Canaán
Aínda que moitos cananeos sobreviviron á conquista e os israelitas non os someteron, podemos dicir que Xehová lle deu “a Israel toda a terra que xurara ós seus devanceiros” e “deulles acougo á redonda”. “Non fallou unha de tódalas boas promesas que fixera o Señor á casa de Israel: todiñas se cumpriron” (Xos. 21:43-45). Os inimigos dos israelitas tíñanlles medo, polo que non eran unha verdadeira ameaza para a súa seguridade. Deus dixo dos cananeos: “Non os botarei todos á vez, para que non quede a terra deserta e que non se multipliquen as feras salvaxes contra ti” (Éx. 23:29, 30; Dt. 7:22). Os cananeos tiñan mellor armamento, como carros de guerra con fouciños de ferro. Pero o feito de que os israelitas fosen derrotados nalgunhas ocasións, non foi porque Xehová fallase na súa promesa (Xos. 17:16-18; Xuí. 4:13). Máis ben, o rexistro bíblico mostra que as poucas derrotas que sufriron os israelitas foron por ser infieis (Núm. 14:44, 45; Xos. 7:1-12).
Xoias espirituais
Sabíalo?
Había tantas árbores como di a Biblia en Israel?
A Biblia explica que nalgunhas rexións da Terra Prometida abundaban as árbores (1 Re. 10:27; Xos. 17:15, 18). Pero hoxe en día moitas desas árbores desapareceron, polo que algúns dubidan se é certo o que di a Biblia.
O libro Life in Biblical Israel explica que “no Israel antigo, os bosques eran moito máis extensos que na actualidade”. Nas zonas montañosas medraban árbores coma o piñeiro carrasco (Pinus halepensis), o carballo de Palestina (Quercus calliprinos), e o terebinto (Pistacia palaestina). Na Xefelah, a rexión situada entre a cordilleira central e a costa mediterránea, abundaban os sicómoros (Ficus sycomorus).
O libro Plants of the Bible indica que nalgúns lugares de Israel desapareceron tódalas árbores. Cal foi o motivo? Este libro explica que foi un proceso gradual: “O home interferiu constantemente na vexetación, principalmente para ampliar a súa zona de cultivo e pasto, pero sobre todo para obter materiais de construción e combustible”.