Fontes de información para o Caderno de Estudo Vida e Actividades
1-7 DE NOVEMBRO
TESOUROS DA BIBLIA | XOSUÉ 18-19
“Xehová dividiu a terra de forma sabia”
it-2 páx. 238 par. 1
Límite
Polo tanto, parece que a distribución da terra entre as tribos se efectuou en base a dous factores: o sorteo e o tamaño da tribo. É posible que mediante o sorteo se determinase o lugar aproximado da herdanza que lle correspondería a cada tribo, sexa que estivese ó norte, ó sur, ó leste ou ó oeste da Terra Prometida, ou que estivese ó longo da chaira costeira ou da rexión montañosa. Como a decisión viña de Xehová, evitáronse as envexas e as pelexas entre as tribos (Pr. 16:33). Desta maneira, Deus tamén podía controlar o resultado do sorteo coa fin de que a herdanza de cada tribo correspondese coa profecía que o patriarca Xacob pronunciara pouco antes de morrer e que se recolle en Xénese 49:1-33.
it-1 páx. 1120 par. 2
Herdanza
Terras hereditarias. Xehová deulles ós fillos de Israel a súa herdanza e especificoulle a Moisés os límites da terra (Núm. 34:1-12; Xos. 1:4). Os fillos de Gad e de Rubén e a media tribo de Menaxés recibiron as súas terras de Moisés (Núm. 32:33; Xos. 14:3). O resto das tribos recibiron a súa herdanza por sorteo baixo a dirección de Xosué e Elazar (Xos. 14:1, 2). En harmonía coa profecía de Xacob rexistrada en Xénese 49:5, 7 a Simeón e a Leví non se lles deu como herdanza unha sección separada do territorio. A herdanza de Simeón consistía en terras e cidades que se atopaban dentro do territorio de Xudá, e a Leví déronselle 48 cidades por todo Israel (Xos. 19:1-9). No caso dos levitas, díxose que Xehová era a súa herdanza, debido a que foran escollidos para un servizo especial no santuario. A cambio do seu servizo, recibían o décimo como a súa porción ou herdanza (Núm. 18:20, 21; 35:6, 7). Dentro de cada tribo, as familias recibiron o seu territorio asignado. A medida que as familias medraban e os fillos recibían a súa herdanza, a terra íase dividindo en parcelas cada vez máis pequenas.
it-2 páx. 238 par. 2
Límite
Despois de determinar por sorteo a localización xeográfica de cada tribo, había que delimitar a súa extensión tendo en conta o segundo factor: o tamaño da tribo. A Biblia di: “Repartiréde-lo país por sorte, segundo as vosas familias: ó máis numeroso darédeslle herdade maior, e ó máis pequeno darédeslle unha herdanza máis pequena. Aquilo que lle toque en sorte a cada un, seu será” (Núm. 33:54). Polo tanto, aínda que non se podía cambiar o resultado do sorteo respecto á localización xeográfica, si que se podía axustar a extensión da herdanza tendo en conta o tamaño da tribo. Por iso se reduciu o territorio de Xudá ó ver que era demasiado grande e se lle deu unha parte á tribo de Simeón (Xos. 19:9).
Xoias espirituais
it-2 páx. 238 par. 5
Límite
O relato sobre a división do territorio que estaba ó oeste do Xordán mostra que primeiro se sortearon as zonas que lles correspondían a Xudá (Xos. 15:1-63), a Xosé (Efraím) (Xos. 16:1-10) e á media tribo de Menaxés (Xos. 17:1-13). Tamén fixaron os seus límites e enumeraron as súas cidades. Parece que despois se interrompeu o traballo de dividir a terra, xa que se indica que o campamento de Israel se trasladou de Guilgal a Xiloh (Xos. 14:6; 18:1). Non se di canto tempo durou esta interrupción, pero si se menciona que Xosué reprendeu as sete tribos restantes pola súa tardanza en ocupar o resto da terra (Xos. 18:2, 3). Déronse diferentes razóns para explicar a actitude destas sete tribos. Por exemplo, algúns comentaristas din que o botín que conseguiran durante a conquista e a relativa tranquilidade que tiñan por non existir un perigo inminente de ataque dos cananeos, fixo que non tivesen présa por ocupar o resto do territorio. Tamén pode ser que estivesen pouco dispostos a enfrontarse ós grupos de inimigos que aínda quedaban (Xos. 13:1-7). Por outro lado, é posible que coñecesen menos esa parte da Terra Prometida cás zonas que xa se distribuíran.
8-14 DE NOVEMBRO
TESOUROS DA BIBLIA | XOSUÉ 20-22
“Que aprendemos dun malentendido?”
w06 15/4 páx. 5 par. 3
Claves da comunicación no matrimonio
A comunicación sincera pode evitar malentendidos e confusións. Vexamos un exemplo. Nos comezos da historia de Israel, as tribos de Rubén, Gad e a media tribo de Menaxés, que poboaron o lado oriental do Xordán, edificaron “un altar grande” xunto ó río. As tribos do lado occidental interpretaron mal esta acción e, pensando que os seus irmáns da outra beira do río cometeran un acto de apostasía, preparáronse para guerrear contra os “rebeldes”. Pero antes de entrar en guerra, enviaron algúns homes para dialogar coas tribos orientais. Que decisión máis prudente! Déronse conta de que non levantaran o altar para ofrecer sacrificios ilexítimos, senón porque temían que no futuro as demais tribos lles dixesen: “Non tedes parte co Señor”. O altar daría testemuño de que eles tamén adoraban a Xehová (Xos. 22:10-29). Chamáronlle Testemuña, seguramente porque daba testemuño de que Xehová era o Deus verdadeiro (Xos. 22:34, TNM nota).
w08 15/11 páx. 18 par. 5
“Procuremos, logo, aquilo que leva á paz”
Ó parecer, algúns israelitas creron que tiñan probas suficientes para atacar e que debían facelo por sorpresa para ter menos baixas. Pero en vez de precipitarse, as tribos que estaban ó outro lado do Xordán enviaron unha delegación para falar cos seus irmáns. A delegación preguntou: “¿Que deslealdade é esa que cometestes contra o Deus de Israel, arredándovos hoxe do seguimento do Señor [...]?”. Esta acusación non tiña base, pois en realidade, as tribos non edificaran o altar con motivos idolátricos. Como reaccionarían eles ante semellante acusación? Responderían con agresividade? Negaríanse a dar explicacións? Non, en vez diso, reaccionaron de forma pacífica e aclararon que as súas accións estiveran motivadas polo desexo de servir a Xehová. Aquela resposta, ademais de protexer a súa relación con Deus, salvou moitas vidas. Falando con calma conseguiron aclarar as cousas e restablecer a paz (Xos. 22:13-34).
Xoias espirituais
it-1 páx. 408 par. 4
Canaán
Aínda que moitos cananeos sobreviviron á conquista e os israelitas non os someteron, podemos dicir que Xehová lle deu “a Israel toda a terra que xurara ós seus devanceiros” e “deulles acougo á redonda”. “Non fallou unha de tódalas boas promesas que fixera o Señor á casa de Israel: todiñas se cumpriron” (Xos. 21:43-45). Os inimigos dos israelitas tíñanlles medo, polo que non eran unha verdadeira ameaza para a súa seguridade. Deus dixo dos cananeos: “Non os botarei todos á vez, para que non quede a terra deserta e que non se multipliquen as feras salvaxes contra ti” (Éx. 23:29, 30; Dt. 7:22). Os cananeos tiñan mellor armamento, como carros de guerra con fouciños de ferro. Pero o feito de que os israelitas fosen derrotados nalgunhas ocasións, non foi porque Xehová fallase na súa promesa (Xos. 17:16-18; Xuí. 4:13). Máis ben, o rexistro bíblico mostra que as poucas derrotas que sufriron os israelitas foron por ser infieis (Núm. 14:44, 45; Xos. 7:1-12).
15-21 DE NOVEMBRO
TESOUROS DA BIBLIA | XOSUÉ 23-24
“Os últimos consellos que Xosué lle dá á nación”
it-1 páx. 89
Alianza
A situación foi distinta cando a nación de Israel entrou en Canaán, a Terra Prometida. O Deus Soberano concedéralles o dereito total sobre esa terra, en cumprimento da promesa que lles fixera ós seus antepasados. Polo tanto, non entrarían nela como residentes forasteiros. Xehová prohibíralles facer alianzas coas nacións pagás desa terra (Éx. 23:31-33; 34:11-16). Só terían que obedecer as leis de Deus e non as daquelas nacións que ían desaparecer (Lev. 18:3, 4; 20:22-24). En especial advertiunos de que non formasen alianzas matrimoniais con aquelas nacións, xa que isto non só os levaría a ter mulleres e parentes pagáns, senón que tamén os vincularía cos seus costumes e prácticas relixiosas falsas. Todo isto resultaría en apostasía e nunha trampa (Dt. 7:2-4; Éx. 34:16; Xos. 23:12, 13).
w07 1/11 páx. 26 pars. 19, 20
A Palabra de Xehová nunca falla
19 Pola nosa propia experiencia, podemos dicir o mesmo ca Xosué: “Non fallou unha soa das promesas que vos fixo o Señor, o voso Deus: todiñas se cumpriron, sen faltar unha” (Xos. 23:14). Non hai dúbida de que Xehová libera, protexe e coida os seus servos. Sabes dalgunha promesa Súa que non se cumprise ó seu debido tempo? Seguro que non. A Palabra de Deus é fidedigna, por iso confiamos plenamente nela.
20 Que podemos dicir do futuro? Xehová dános, á maioría de nós, a esperanza de vivir na Terra transformada nun fermoso paraíso. E a uns poucos dálles a esperanza de gobernar con Cristo no ceo. Sexa cal sexa o noso caso, temos moitos motivos para manternos fieis a Deus tal como fixo Xosué. Podemos estar seguros de que a nosa esperanza se fará realidade. Entón, ó mirar cara atrás e lembrar tódalas promesas de Xehová, tamén poderemos dicir: “Todiñas se cumpriron”.
Xoias espirituais
w04 1/12 páx. 12 par. 1
Ideas interesantes do libro de Xosué
24:2. Adoraba ídolos Térah, o pai de Abraham? Ó principio, Térah non era servo de Xehová. É probable que adorase o deus lúa Sin, moi popular en Ur. Segundo a tradición xudía poida que Térah ata fabricase ídolos. Non obstante, cando Abraham saíu de Ur por orde de Deus, o seu pai acompañouno a Harán (Xén. 11:31).
22-28 DE NOVEMBRO
TESOUROS DA BIBLIA | XUÍCES 1-3
“O plan secreto dun home valente”
w04 15/3 páx. 31 par. 3
Ehud rompe o xugo opresor
Se o plan de Ehud tivo éxito non foi pola súa astucia nin pola incompetencia do inimigo. O cumprimento dos propósitos de Deus non depende de factores humanos. O principal motivo do éxito de Ehud foi que contaba co apoio de Deus para actuar conforme a Súa vontade e liberar o Seu pobo. Deus escollera a Ehud e cando Xehová “fixo xurdir xuíces para eles, o Señor estaba co xuíz” (Xuí. 2:18; 3:15).
w04 15/3 páx. 30 pars. 1-3
Ehud rompe o xugo opresor
O primeiro que fixo Ehud foi forxar unha espada de dobre fío fácil de esconder debaixo da roupa, xa que seguramente o ían rexistrar. As espadas adoitaban levarse no costado esquerdo, pois así os destros podían sacalas rapidamente. Pero, ó ser zurdo, Ehud escondeu a súa espada “debaixo do seu vestido, sobre o lado dereito” onde era pouco probable que buscasen os gardas do rei. Así que sen obstáculos, “levoulle o agasallo a Eglón, rei de Moab” (Xuí. 3:16, 17).
A Biblia non dá detalles sobra a cerimonia inicial que tivo lugar na corte de Eglón. Só di sobre Ehud: “Cando xa rematara de entregarlle o obsequio, deixou ir á xente que llo levara” (Xuí. 3:18). Ehud entregou o regalo, acompañou á comitiva ata que estivesen a unha distancia segura da residencia do rei e, despois de despedirse deles, regresou. Por que fixo iso? Serían aqueles homes a súa escolta, parte do protocolo ou simplemente viñeran para axudarlle a transportar o regalo? Despediunos por seguridade antes de levar a cabo o seu plan? Sexa como sexa, Ehud volveu á casa do rei, el só, demostrando moito valor.
“Volveuse desde as estelas de pedra que están a carón de Guilgal, e exclamou: ‘Teño un segredo para ti, ouh rei’”. A Biblia non explica como conseguiu Ehud presentarse de novo ante o rei Eglón. Por que non sospeitaron del os gardas? Pensarían que un só israelita non supoñía unha ameaza para o seu señor? Crerían que o feito de que regresase el só significaba que estaba traizoando o seu pobo? Sen importar como fose, Ehud conseguiu ter unha audiencia privada co rei (Xuí. 3:19).
Xoias espirituais
w05 15/1 páx. 24 par. 7
Ideas interesantes do libro de Xuíces
2:10-12. Debemos ter un programa de estudo bíblico regular para non esquecer as obras de Xehová (Sal. 103:2). Os pais teñen que gravar a verdade da Palabra de Deus no corazón dos seus fillos (Dt. 6:6-9).
29 DE NOVEMBRO–5 DE DECEMBRO
TESOUROS DA BIBLIA | XUÍCES 4-5
“Xehová usa dúas mulleres para liberar o seu pobo”
“Xurdiu unha nai en Israel”
Os israelitas tremían con só oír o nome de Sísera. A relixión e a cultura de Canaán caracterizábanse pola súa terrible crueldade. De feito, o sacrificio de nenos e a prostitución nos templos eran prácticas habituais. Imaxinas como debía ser estar baixo o dominio dun xeneral cananeo e do seu exército? Segundo a canción que cantou Déborah, viaxar pola nación era case imposible e as aldeas estaban deshabitadas (Xuí. 5:6, 7). Seguramente a xente vivía aterrorizada e tiña que esconderse nos bosques e nos montes, sen poder cultivar os seus campos nin andar polos camiños por medo a ser atacados, a que secuestrasen os seus fillos ou a que violasen as súas mulleres.
“Xurdiu unha nai en Israel”
Os israelitas estiveron vinte anos baixo esta cruel dominación, ata que Xehová viu que o seu teimudo pobo cambiara de actitude. Ou como di a canción inspirada de Déborah e Barac: “Ata que se ergueu Déborah: xurdiu unha nai en Israel”. Non se sabe se Déborah, que estaba casada cun home chamado Lapidot, foi nai en sentido literal. Pero si que foi “nai en Israel” en sentido figurado. Xehová escolleuna para que coidase da nación coma unha nai. Encargoulle que mandase chamar a Barac, un home fiel e valente, para que se enfrontase a Sísera (Xuí. 4:3, 6, 7; 5:7).
“Xurdiu unha nai en Israel”
Iael non tiña tempo que perder, así que invitou a Sísera a descansar na súa tenda. El mandoulle que o ocultase de calquera que o estivese a buscar e deitouse a descansar. Iael tapouno cun cobertor e, cando el lle pediu auga, ela deulle leite. Deseguida Sísera quedou profundamente durmido. Entón Iael colleu unha estaca e un martelo, dous obxectos que unha muller que vivía en tendas sabía usar moi ben. Sen facer ruído, achegouse a Sísera para facer algo que requiría moito valor: acabar con este inimigo de Xehová. Se tan só dubidaba un momento, podía fracasar. Actuou Iael pensando no pobo de Xehová, que por tantos anos sufrira a crueldade deste home? Ou fíxoo polo privilexio de poñerse de parte de Xehová? A Biblia non o di. Tan só sabemos que matou a Sísera (Xuí. 4:18-21; 5:24-27).
Xoias espirituais
w05 15/1 páx. 25 par. 5
Ideas interesantes do libro de Xuíces
5:20. Como loitaron as estrelas dende o ceo a favor de Barac? A Biblia non di se houbo axuda anxelical, meteoritos que os sabios de Sísera interpretaron como malos augurios ou predicións astrolóxicas que resultaron falsas. Sen importar como fose, o que está claro é que houbo algún tipo de intervención divina.
A NOSA VIDA CRISTIÁ
“Como poden as irmás facer máis por Xehová?”
(Salmo 68:11, TNM) Xehová dá a orde; as mulleres que proclaman as boas noticias son un exército grande.
6-12 DE DECEMBRO
TESOUROS DA BIBLIA | XUÍCES 6-7
“Vai con esa forza que tes”
w02 15/2 páxs. 6-7
Os principios divinos benefíciannos
Un home que mantivo unha actitude equilibrada de si mesmo e da súa valía foi Guideón, xuíz do antigo pobo hebreo. El non tratou de ser líder de Israel. De feito, cando se lle designou para ese cargo, dixo que non o merecía. El argumentou: “O meu clan é o máis pobre de Menaxés e eu son o máis novo da casa de meu pai” (Xuí. 6:12-16).
w05 15/7 páx. 16 par. 3
“¡Espada por Iavé e por Guideón!”
Que experiencia tan aterradora sofren os madianitas! De repente, o toque de trescentos cornos, os berros de trescentos homes e o ruído de trescentos canecos ou cántaros ó escachar, rompen o silencio da noite. Os madianitas séntense confundidos, sobre todo ó oír o berro: “¡Espada por Iavé e por Guideón!” e eles mesmos aumentan o alboroto cos seus propios berros. Ademais, no medio do caos, élles imposible recoñecer quen é o inimigo. Os trescentos homes permanecen inmóbiles na súa posición mentres Deus fai que os seus adversarios usen as súas propias espadas uns contra os outros. O exército acampado escapa en retirada, pero os israelitas córtanlles o paso. Despois dunha intensa persecución, acaban definitivamente coa ameaza dos madianitas. A longa e sanguinaria ocupación por fin rematou (Xuí. 7:19-25; 8:10-12, 28).
Xoias espirituais
w05 15/1 páx. 26 par. 6
Ideas interesantes do libro de Xuíces
6:25-27. Guideón foi discreto para non enfadar os seus adversarios innecesariamente. Ó predicar as boas noticias, procuramos non ofender a outros pola nosa forma de falar.
13-19 DE DECEMBRO
TESOUROS DA BIBLIA | XUÍCES 8-9
“A humildade é mellor que o orgullo”
w00 15/8 páx. 25 par. 3
Como reaccionamos ante as diferenzas?
No medio dunha batalla contra Madián, Guideón pediu axuda á tribo de Efraím. Non obstante, despois da batalla, os efraimitas volvéronse contra Guideón e recrimináronlle que non os chamase ó principio da loita. O relato di: “Queixáronse rexamente contra el”. Guideón respondeu: “¿E que fixen eu agora, comparado co que fixestes vosoutros? ¿E logo non é mellor o rebusco de Efraím cá viña de Abiezer? Nas vosas mans puxo Deus ós príncipes de Madián -a Oreb e a Zeeb-, ¿e que podía eu facer en comparanza convosco?” (Xuí. 8:1-3). Con esas palabras tan ben escollidas e tranquilizadoras, Guideón evitou o que puido ser unha desastrosa guerra entre tribos. É posible que os membros da tribo de Efraím tivesen un problema co orgullo. Pero isto non impediu que Guideón se esforzase por facer as paces con eles. Podemos actuar nós de maneira parecida?
w17.01 páx. 20 par. 15
Por que segue sendo importante a modestia
15 Guideón é un excelente exemplo do que significa actuar con modestia. A primeira vez que se lle apareceu o anxo de Xehová, non dubidou en recoñecer que os seus antecedentes eran humildes (Xuí. 6:15). Despois de aceptar a responsabilidade que Xehová lle deu, asegurouse de entender ben o que se esperaba del e buscou a guía de Deus (Xuí. 6:36-40). Guideón foi valente pero tamén actuou con prudencia e astucia (Xuí. 6:11, 27). Non se aproveitou desa responsabilidade para destacar sobre os demais. Ó contrario, tan pronto como puido, volveu con gusto á súa casa (Xuí. 8:22, 23, 29).
w08 15/2 páx. 9 par. 9
Andemos nos camiños de Xehová
9 Para ser amigos de Xehová temos que ser humildes (1 Pe. 3:8; Sal. 138:6). O capítulo 9 do libro de Xuíces destaca a importancia da humildade. Alí atopamos unha parábola que contou Iotam, fillo de Guideón. O relato comeza así: “Puxéronse en camiño as árbores para unxir un rei para elas”. A oliveira, a figueira e a vide representaron a homes honorables que nunca buscaron reinar sobre os seus irmáns israelitas. En cambio, a silveira, que só serve para leña, representou o reinado do orgulloso Abimélec, un asasino ávido de poder. Este home “levaba xa tres anos reinando sobre Israel”, pero finalmente sufriu unha morte violenta (Xuí. 9:8-15, 22, 50-54). Verdade que é moito mellor a humildade que o orgullo?
Xoias espirituais
it-1 páx. 763 par. 6
Efod, I
A pesar das boas intencións de Guideón de conmemorar a vitoria que Xehová lle concedera a Israel e honrar a Deus, o efod foi “un lazo para Guideón e para a súa casa”, debido a que os israelitas o adoraron, facéndose así culpables de inmoralidade espiritual (Xuí. 8:27). Non obstante, a Biblia non di que o propio Guideón o adorase, ó contrario, o apóstolo Paulo mencionouno especificamente entre a “nube de testemuñas” fieis de Xehová de tempos precristiáns (Heb. 11:32; 12:1).
20-26 DE DECEMBRO
TESOUROS DA BIBLIA | XUÍCES 10-12
“Iefté, un home espiritual”
w16.04 páx. 7 par. 9
Xehová aproba a quen ten fe nel
9 É posible que o exemplo doutros homes de fe tamén axudase a Iefté. Un deles foi Xosé, que foi bo cos seus irmáns aínda que eles o odiaban (Xén. 37:4; 45:4, 5). Pensar nese e noutros exemplos quizais axudou a Iefté a comportarse dunha maneira que agradase a Deus. É certo que lle doeu moitísimo que os seus irmáns o tratasen mal, pero nada ía impedir que servise a Xehová e o seu pobo (Xuí. 11:9). Para el, defender o nome de Deus era máis importante que calquera outra cousa. Estaba decidido a ser leal a Xehová. Isto beneficiouno a el e tamén a outras persoas (Heb. 11:32, 33).
it-2 páx. 25 par. 5
Iefté
Iefté, un home de acción, comezou a liderar Israel sen perder un instante. Envioulle unha mensaxe ó rei de Amón na que lle sinalaba que, ó invadir a terra de Israel, os agresores estaban sendo os amonitas. O rei contestou que Israel lle roubara esa terra a Amón (Xuí. 11:12, 13). Nesta ocasión Iefté demostrou que non era simplemente un guerreiro inculto e rudo, senón un estudoso da historia, en especial dos tratos de Deus co seu pobo. Rebateu a acusación dos amonitas con tres argumentos. Primeiro, demostrou que Israel non molestara a Amón, a Moab nin a Edom (Xuí. 11:14-18; Dt. 2:9, 19, 37; 2 Cró. 20:10, 11). Segundo, deixou claro que, cando tivo lugar a conquista israelita, Amón non posuía a terra que agora estaban disputando. Naquel entón estaba nas mans dos amorreos cananeos, e Deus entregáralle a Israel esa terra e mais o seu rei, Sihón. E terceiro, fíxolles ver que Amón non cuestionara a ocupación israelita durante os pasados trescentos anos. Polo tanto, que base sólida tiña agora para facelo? (Xuí. 11:19-27).
it-2 páx. 25 par. 6
Iefté
Iefté chegou ó fondo do asunto cando demostrou que o punto en cuestión xiraba en torno á adoración verdadeira. Dixo que Xehová lle dera a Israel aquela terra e que por esa razón non lle entregaría nin un anaco dela ós adoradores dun deus falso. Referiuse a Kemox como o deus de Amón. Algúns pensan que isto é un erro. Pero aínda que Amón tiña o deus Malcom e Kemox era o deus de Moab, estas nacións emparentadas adoraban moitos deuses. Salomón incluso chegou a introducir a adoración a Kemox en Israel, debido ás súas mulleres estranxeiras (Xuí. 11:24; 1 Re. 11:1, 7, 8, 33; 2 Re. 23:13). Ademais, segundo algúns eruditos, “Kemox” pode significar “Dominador; Conquistador” (ver Gesenius’s Hebrew and Chaldee Lexicon, tradución ó inglés de S. Tregelles, 1901, páx. 401). Iefté quizais se referise a ese deus por ser aquel a quen os amonitas lle atribuían o mérito de dominar ou conquistar outros pobos e darlles a eles as terras.
Xoias espirituais
it-2 páx. 24
Iefté
Iefté, un fillo lexítimo. A nai de Iefté fora prostituta, pero isto non significa que Iefté nacese da prostitución ou fose un fillo ilexítimo. Igual que Rahab foi prostituta pero despois casou con Salmón, a nai de Iefté tamén foi prostituta antes de converterse na segunda muller de Galaad (Xuí. 11:1; Xos. 2:1; Mt. 1:5). Sabemos que Iefté non era un fillo ilexítimo polo feito de que os seus medios irmáns, fillos da muller principal de Galaad, o expulsaron para que non tivese parte na herdanza (Xuí. 11:2). Ademais, despois chegou a ser o líder aceptado polos homes de Galaad, entre os cales os seus medios irmáns parecían ser os máis notables (Xuí. 11:11). Por outro lado, Iefté ofreceu un sacrificio a Deus no tabernáculo (Xuí. 11:30, 31). Ningunha destas cousas sería posible se fose un fillo ilexítimo, xa que a Lei especificaba: “O bastardo non entrará na asemblea do Señor; aínda que sexa a súa décima xeración, non entrará na asemblea do Señor” (Dt. 23:3 [23:2, TNM]).
27 DE DECEMBRO–2 DE XANEIRO
TESOUROS DA BIBLIA | XUÍCES 13-14
“Pais, que podedes aprender do exemplo de Manóah e a súa muller?”
Pais, ensinade os vosos fillos dende pequenos
Analicemos o que lle ocorreu a Manóah, un home que pertencía a tribo de Dan e vivía en Sorah, cidade do antigo Israel. Certo día, un anxo de Xehová anuncioulle á súa muller que ía concibir un fillo, a pesar de ser estéril (Xuí. 13:2, 3). Aínda que aquela noticia os alegrou moito, tamén os deixou moi preocupados. Por iso o fiel Manóah lle suplicou a Deus: “Rógoche, meu Señor, que volva onda nós o home de Deus que enviaches e nos mostre o que temos que facer co neno cando naza” (Xuí. 13:8). Tanto el coma a súa muller tomaron moi en serio a crianza do neno. Sen dúbida fixeron canto puideron por ensinarlle ó seu fillo, Sansón, a Lei de Xehová. Os seus esforzos foron bendicidos. O relato indica sobre Sansón que “o espírito do Señor comezou a movelo”. Grazas ó poder de Deus, chegou a ser un dos xuíces de Israel e fixo moitas cousas extraordinarias (Xuí. 13:25; 14:5, 6; 15:14, 15).
w05 15/3 páxs. 25-26
Sansón triunfa grazas á forza de Xehová
O tempo foi pasando e Sansón “fíxose grande, e bendiciuno Iavé” (Xuí. 13:24). Certo día, Sansón díxolles ós seus pais: “Vin en Tímnah unha muller das fillas dos filisteos; pedídema para min e que sexa miña muller” (Xuí. 14:2). Imaxina a sorpresa que levaron. En vez de liberar a Israel do xugo dos opresores, o seu fillo quería formar unha alianza matrimonial con eles. Casar cunha muller dun pobo que adoraba deuses pagáns ía contra a Lei de Deus (Éx. 34:11-16). Por iso os pais de Sansón obxectaron: “¿E logo non terás entre as fillas de teus irmáns e entre todo o teu pobo unha muller para que vaias escoller esposa entre os incircuncisos filisteos?”. Pero el insistiu: “Pedídeme esa para min, pois é ela a que me gusta” (Xuí. 14:3).
Xoias espirituais
w05 15/3 páx. 26 par. 1
Sansón triunfa grazas á forza de Xehová
No idioma orixinal, a frase que se traduciu “é ela a que me gusta” significa “ela é a adecuada para min”. Por que esta muller filistea en particular era a adecuada para Sansón? Non era porque fose “fermosa, cativadora e atractiva”, apunta a Cyclopedia de McClintock e Strong, “senón porque era adecuada para a consecución dun fin, propósito ou obxectivo”. Cal? Xuíces 14:4 explica que Sansón “buscaba un motivo contra os filisteos”. Así que esa era a razón pola que se interesou naquela muller. Ó ir facéndose adulto, “o espírito do Señor comezou a movelo”, é dicir, impulsouno a actuar (Xuí. 13:25). De modo que o espírito de Xehová foi a forza que o impulsou a facer esta petición, como tamén impulsou toda a súa vida como xuíz de Israel. Conseguiría Sansón a oportunidade que estaba buscando? Vexamos primeiro como Xehová lle garantiu o seu apoio.