Fontes de información para o Caderno de Estudo Vida e Actividades
3-9 DE XANEIRO
TESOUROS DA BIBLIA | XUÍCES 15-16
“A traizón é algo desprezable”
w12 15/4 páx. 8 par. 4
A traizón: terrible marca dos nosos tempos
4 Vexamos primeiro o caso de Dalilah, a muller manipuladora da que se namorou o xuíz Sansón. El estaba decidido a liderar a loita do pobo de Deus contra os filisteos, pero ela traizoouno. Co obxectivo de acabar con el, cinco gobernantes filisteos ofrecéronlle moitos cartos para que descubrise o segredo da enorme forza de Sansón. Quizais lle ofreceron este trato porque sabían que Dalilah non lle quería nin lle sería leal. Ela aceptou a oferta. Despois de intentalo tres veces sen éxito, seguiu insistindo. O relato explica que “ela se poñía pesada coas súas queixas de tódolos días e o atormentaba, ata chegar a ter anguria de morte o seu espírito”. Así que ó final Sansón lle contou o seu segredo: nunca cortara o pelo e, se o cortaba, perdería a súa forza. Sabendo isto, ela encargou que lle cortasen o pelo mentres durmía no seu colo e despois entregouno ós seus inimigos para que fixesen con el o que quixesen (Xuí. 16:4, 5, 15-21). Que mal! Por culpa da cobiza, Dalilah traizoou a alguén que a amaba.
w05 15/1 páx. 27 par. 4
Ideas interesantes do libro de Xuíces
14:16, 17; 16:16. Facer presión por medio de choros e reproches pode danar unha relación (Pr. 19:13; 21:19).
w12 15/4 páxs. 11-12 pars. 15, 16
A traizón: terrible marca dos nosos tempos
15 Como pode alguén casado seguir séndolle fiel á súa parella? A Palabra de Deus di: “Que [...] goces coa compañeira [ou compañeiro] da túa mocidade. E tamén di: ‘¡Goza da vida coa muller [ou co home] que amas’” (Pr. 5:18; Ecl. 9:9). A medida que pasa o tempo, os dous deben estar “plenamente presentes” na súa relación, tanto a nivel físico como emocional. Isto significa que estean pendentes un do outro, que pasen tempo xuntos e que a relación entre eles sexa cada vez máis estreita. Deben centrarse en protexer o seu matrimonio e a súa relación con Deus. Para iso precisan ser constantes en estudar a Biblia xuntos, predicar xuntos e pedirlle a Xehová xuntos que os bendiga.
FIEIS A XEHOVÁ
16 Hai irmáns da congregación que cometen pecados graves e teñen que ser censurados “con severidade, para que cheguen a ter unha fe sa” (Tit. 1:13). Nalgúns casos, a súa conduta implica que sexan expulsados. Os que se deixan corrixir por esta disciplina poden recuperarse espiritualmente (Heb. 12:11). Pero, e se quen é expulsado é un familiar ou un amigo íntimo? Entón entra en xogo a nosa lealdade, pero non a nosa lealdade a esa persoa, senón a Deus. Xehová obsérvanos e sabe se estamos obedecendo o seu mandato de non ter contacto con ningún expulsado (le 1 Corintios 5:11-13).
Xoias espirituais
w05 15/3 páx. 27 par. 6
Sansón triunfa grazas á forza de Xehová
Sansón tiña moi claro o seu obxectivo: loitar contra os filisteos. Cando quedou na casa dunha prostituta en Gaza, fíxoo para pelexar contra os inimigos de Deus. Necesitaba un lugar onde pasar a noite nunha cidade inimiga, e a casa dunha prostituta era un bo sitio para iso. Sansón non tiña ningunha intención inmoral. Á medianoite saíu da casa, colleu as follas da porta da cidade e os dous postes laterais e levouno todo ó cumio dunha montaña próxima a Hebrón, que estaba a uns 60 quilómetros. Puido facer isto porque contaba coa aprobación de Deus e grazas ás forzas que El lle deu (Xuí. 16:1-3).
10-16 DE XANEIRO
TESOUROS DA BIBLIA | XUÍCES 17-19
“Desobedecer a Deus trae problemas”
it-2 páx. 398
Micah
1. Home de Efraím. Micah desobedeceu o oitavo dos Dez Mandamentos (Éx. 20:15) e rouboulle á súa nai 1100 pezas de prata. Cando confesou o que fixera e llas devolveu, ela dixo: “Este diñeiro que me pertence, quédalle ofrecido ó Señor en favor de meu fillo, para facer un ídolo e unha imaxe fundida”. Entón ela levoulle 200 pezas de prata a un prateiro, quen fixo “unha imaxe esculpida e unha imaxe fundida” que despois estiveron na casa de Micah. El tamén tiña “un santuario” e fixo un efod e uns terafim. Ademais, autorizou a que un dos seus fillos fixese de sacerdote ó seu favor. Aínda que Micah tiña a intención de honrar a Xehová, o que fixo foi un erro grave, pois desobedeceu o mandamento que prohibía a idolatría (Éx. 20:4-6) e pasou por alto o tabernáculo e o sacerdocio de Xehová (Xuí. 17:1-6; Dt. 12:1-14). Tempo despois, Micah levou á súa casa a Ionatán, descendente de Guerxom, o fillo de Moisés. Contratou este mozo levita como o seu sacerdote (Xuí. 18:4, 30). Micah sentíase moi ben polo que fixera e dixo: “Agora sei que me ha de ampara-lo Señor” (Xuí. 17:7-13). Pero estaba moi equivocado. Ionatán non era da liñaxe de Aharón, polo que nin sequera cumpría os requisitos para ser sacerdote. Así que aquilo só fixo maior o erro de Micah (Núm. 3:10).
it-2 páx. 399 par. 1
Micah
Pouco despois, Micah perseguiu os danitas acompañado dun grupo de homes. Cando chegou onda eles, os danitas preguntáronlle que pasaba e Micah respondeulles: “Colléste-los deuses que eu fixera e mailo sacerdote e largástesvos. ¿E que vai ser de min en adiante?”. Os fillos de Dan advertíronlle de que se continuaba perseguíndoos e berrándolles, loitarían contra el. Como Micah viu que os danitas eran moito máis fortes có seu grupo, volveu para a súa casa (Xuí. 18:22-26). Máis tarde, os danitas destruíron e queimaron Laix e construíron alí a cidade de Dan. Ionatán e os seus fillos foron sacerdotes dos danitas, que “tiveron para eles o ídolo que fixera Micah durante todo o tempo que estivo a casa de Deus en Xiloh” (Xuí. 18:27-31).
Xoias espirituais
w15 15/12 páx. 10 par. 6
Unha tradución que chega ó corazón
6 Hoxe en día contamos incluso con máis probas de que o nome de Deus debe estar na Biblia. Na revisión en inglés da Traducción del Nuevo Mundo aparece 7216 veces, é dicir, seis máis que na edición de 1984. Por que? Porque nos Rolos do Mar Morto, que son uns mil anos máis antigos que o texto hebreo masorético, este nome aparece en cinco versículos máis: 1 Samuel 2:25; 6:3; 10:26; 23:14, 16. Por outro lado, un estudo máis profundo dos manuscritos antigos levou a que se incluíse tamén en Xuíces 19:18.
17-23 DE XANEIRO
TESOUROS DA BIBLIA | XUÍCES 20-21
“Sigamos buscando a guía de Xehová”
Enfrontaraste ás situacións difíciles como fixo Pinhás?
En certa ocasión, os homes de Guibah, cidade da tribo de Benxamín, violaron e asasinaron a muller dun levita. Como vinganza, as demais tribos loitaron contra Benxamín (Xuí. 20:1-11). Aínda que oraron antes de ir á batalla, sufriron dúas derrotas e grandes perdas (Xuí. 20:14-25). Chegarían á conclusión de que as súas oracións eran inútiles, ou de que Xehová non desexaba que os benxaminitas pagasen por todo o mal que fixeran?
Enfrontaraste ás situacións difíciles como fixo Pinhás?
Que podemos aprender deste relato? Ás veces hai problemas na congregación que persisten a pesar dos esforzos e das oracións dos anciáns. Se isto sucede, os anciáns fan ben en recordar as palabras de Xesús: “Pedide [ou orade] e recibiredes, buscade e atoparedes, petade [e] abrirásevos” (Lc. 11:9). Quizais lles pareza que a resposta de Xehová tarda moito, pero poden estar seguros de que chegará no momento máis oportuno.
Xoias espirituais
w14 1/5 páx. 11 pars. 4-6
Sabíalo?
Como se usaban as fondas nas batallas da antigüidade?
David matou o xigante Goliat cunha fonda. Ó parecer, aprendeu a usar esta arma durante os anos que foi pastor (1 Sam. 17:40-50).
A fonda aparece na arte exipcia e asiria de tempos bíblicos. Consiste nun pedazo de coiro ou tela con dúas correas ou cordas amarradas ós extremos. O dono da fonda colocaba no coiro ou tela unha pedra lisa de entre cinco e oito centímetros de diámetro e uns 250 gramos de peso. Despois agarraba os extremos das correas cunha man, xiraba a fonda sobre a súa cabeza e soltaba unha das correas. A pedra saía disparada con moita velocidade e precisión.
En Oriente Medio desenterráronse moitas pedras de fonda utilizadas en batallas antigas. Un guerreiro experimentado podía lanzar pedras a velocidades de entre 160 e 240 quilómetros por hora. Non se sabe con exactitude se a fonda tiña o mesmo alcance que un arco, pero podía ser igual de mortal (Xuí. 20:16).
24-30 DE XANEIRO
TESOUROS DA BIBLIA | RUT 1-2
“Sigamos mostrando amor leal”
w16.02 páx. 14 par. 5
Sigamos o exemplo dos amigos de Xehová
5 Rut puido pensar que o mellor era volver a Moab. Alí estaban a súa nai e outros familiares que poderían darlle a axuda que precisaba como viúva. Ademais Moab era a súa terra, polo que xa coñecía a cultura, o idioma e a xente. Noemí non podía ofrecerlle ningunha desas vantaxes en Belén. De feito, Noemí insistiulle para que quedase en Moab, xa que non sabía se podería conseguirlles casa e home a ela e á súa cuñada, Orpah. Ó final, Orpah “voltou ó seu pobo e ó seu deus” (Rut 1:9-15). Faría Rut o mesmo? Non.
w16.02 páx. 14 par. 6
Sigamos o exemplo dos amigos de Xehová
6 É probable que Rut coñecese a Xehová grazas ó seu defunto marido ou por medio da súa sogra, Noemí. Rut sabía que Xehová non era coma os deuses de Moab. El merecía o seu amor e a súa adoración. Pero con sabelo non era suficiente, debía tomar unha decisión. Escollería a Xehová como o seu Deus? Ela díxolle a Noemí: “O teu pobo será o meu pobo, e o teu Deus será o meu Deus” (Rut 1:16). Vemos que Rut lle quería moito a Noemí, pero aínda lle quería moito máis a Xehová. Así que tomou a mellor decisión: servir a Xehová. De feito, Boaz, un home importante que tiña moitas terras, felicitou a Rut por refuxiarse baixo as ás de Xehová (le Rut 2:12). Esta imaxe pode facernos pensar nun pequeno paxariño que se refuxia baixo as poderosas ás do seu pai (Sal. 36:8 [36:7, TNM]; 91:1-4). Xehová chegou a ser esa clase de Pai para Rut. El recompensouna pola súa fe e ela nunca tivo motivos para arrepentirse da súa decisión.
Xoias espirituais
w05 1/3 páx. 27 par. 1
Ideas interesantes do libro de Rut
1:13, 21. Fora Xehová o causante da amargura e das calamidades polas que pasara Noemí? Non. De feito, Noemí non culpou a Deus de ningún mal. Non obstante, en vista de todo o malo que lle pasara, pensaba que Xehová estaba na súa contra. Sentíase amargada e sen ilusión ningunha. Ademais, naquela época, ter fillos considerábase unha bendición de Deus e ser estéril unha maldición. Como os seus dous fillos morreran e ela non tiña netos, puido pensar que Xehová a humillara.
31 DE XANEIRO–6 DE FEBREIRO
TESOUROS DA BIBLIA | RUT 3-4
“Gáñate unha boa reputación”
“Unha muller excelente”
Boaz falou con Rut, e sen dúbida que o seu ton calmo e amable a tranquilizou. El díxolle: “¡Bendita sexas do Señor, miña filla!: este teu novo acto de piedade foi aínda mellor có primeiro, pois non fuches detrás dos mozos (xa fosen pobres ou ricos)” (Rut 3:10). Co “primeiro” acto de piedade referíase ó amor leal que ela lle demostrara a Noemí ó acompañala ata Israel e coidar dela. Cando lle falou do “novo acto de piedade” referíase ó que estaba a pasar nese momento. Boaz sabía que unha moza coma Rut podería atopar un marido moito máis novo ca el, xa fose rico ou pobre. Pero en vez diso, ela quería facerlle ben, non só a Noemí, senón tamén ó defunto home de Noemí. Como podería facer iso? Perpetuando o nome do defunto na súa terra natal. Non é difícil entender por que Boaz se sentíu impresionado polo altruísmo de Rut.
“Unha muller excelente”
Boaz díxolle a Rut que era coñecida por ser “unha muller excelente”. Que ben se debeu sentir Rut ó escoitar iso! Sen dúbida, as súas ganas de coñecer a Xehová e servilo influíron moito en que chegase a ter tan boa reputación. Ademais, Rut fora moi amable e mostráralle moita bondade tanto a Noemí coma ó seu pobo. Fixérao ó estar disposta a adaptarse a unha cultura e a uns costumes que seguramente eran novos para ela. Se imitamos a fe de Rut, trataremos ben os demais e respectaremos moito os seus costumes e a súa cultura. Se o facemos, poida que nós tamén cheguemos a ter unha reputación excelente.
“Unha muller excelente”
Entón Boaz casou con Rut. O relato explica o que pasou despois: “Deulle a ela o Señor a preñez e pariu un fillo”. As mulleres de Belén bendiciron a Noemí e louvaron a Rut por ser para Noemí mellor ca sete fillos varóns. O relato continúa explicando que o fillo de Rut chegou a ser antepasado do gran rei David (Rut 4:11-22). E David, á súa vez, chegou a ser antepasado de Xesucristo (Mt. 1:1).
(Rut 3:11, TNM) E agora, miña filla, non teñas medo. Farei por ti todo o que dis, pois na cidade todos saben que es unha muller excelente.
Xoias espirituais
w05 1/3 páx. 29 par. 3
Ideas interesantes do libro de Rut
4:6. Como podería o rescatador “danar” a súa herdanza ó facer a recompra? Para empezar, se a persoa que caera na pobreza tivera que vender as terras que tiña como herdanza, o rescatador tiña que gastar cartos para volver comprar o terreo a un prezo que se calculaba en función dos anos que faltasen para o Xubileu (Lev. 25:25-27). Facer isto reduciría o valor do seu propio patrimonio. Ademais, no caso de que Rut tivese un fillo, sería el quen herdaría o campo, non os parentes próximos do rescatador.
7-13 DE FEBREIRO
TESOUROS DA BIBLIA | 1 SAMUEL 1-2
“Ábrelle a Xehová o teu corazón”
ia páx. 55 par. 12
Abriulle o seu corazón a Xehová
12 No que respecta á oración, Ana é un exemplo para tódolos servos de Deus. Xehová invítanos a falar con el abertamente, con sinceridade. El quere que lle contemos tódalas nosas preocupacións e que confiemos nel, tal coma faría un neno cun pai que lle quere (le Salmo 62:9 [62:8, TNM]; 1 Tesalonicenses 5:17). O apóstolo Pedro escribiu por inspiración estas animadoras palabras relacionadas coa oración: “Botade sobre Deus tódalas vosas ansias, que El coida de vós” (1 Pe. 5:7).
w07 15/3 páx. 16 par. 4
Como atopou Ana paz interior
Que aprendemos deste relato? Cando lle contamos a Xehová o que nos preocupa, podemos falarlle con total sinceridade e pedirlle cousas concretas. Se non podemos facer nada máis por solucionar o problema, o mellor é que o deixemos todo nas súas mans (Pr. 3:5, 6).
Xoias espirituais
w05 15/3 páx. 21 par. 5
Ideas interesantes do libro de 1 Samuel
2:10. Por que lle pediu Ana a Xehová que lle dese “vigor ó seu rei” cando non había ningún rei humano en Israel? A Lei Mosaica predixo que os israelitas terían un rei humano (Dt. 17:14-18). No seu leito de morte, Xacob dixo: “Non se afastará o cetro [un símbolo de autoridade real] de Xudá” (Xén. 49:10). Ademais, falando de Sara, a antepasada dos israelitas, Xehová dixo: “Nacerán dela reis de pobos” (Xén. 17:16). Así que Ana estaba orando respecto a un futuro rei.
14-20 DE FEBREIRO
TESOUROS DA BIBLIA | 1 SAMUEL 3-5
“Xehová é considerado cos demais”
Un Deus todopoderoso e, así a todo, considerado
3 Samuel comezou a servir a Xehová no tabernáculo cando aínda era neno (1 Sam. 3:1). Unha noite, xa despois de ir para a cama, pasou algo moi raro (le 1 Samuel 3:2-10). Unha voz comezou a chamar por el. Samuel pensou que era o sumo sacerdote Elí, que xa ía maior, quen o chamaba. Así que foi correndo onda el e díxolle: “Aquí veño, pois chamáchesme”. Pero Elí díxolle que el non o chamara. O mesmo pasou dúas veces máis. Ó final, Elí deuse conta de que era Deus quen estaba chamando por Samuel. Entón díxolle a Samuel como debía responder e el fíxolle caso. Por que Xehová non lle revelou a Samuel dende o primeiro momento que era El quen o chamaba? A Biblia non o di. Pero o que pasou parece indicar que, en gran parte, foi para mostrarlle consideración a Samuel. Por que dicimos iso?
Un Deus todopoderoso e, así a todo, considerado
4 (Le 1 Samuel 3:11-18.) A Lei de Xehová mandaba que os nenos respectasen os maiores. Isto era máis importante aínda cando se trataba dun xefe do pobo (Éx. 22:27 [22:28, TNM]; Lev. 19:32). Tendo en conta isto, podes imaxinar a Samuel indo onda Elí á mañá seguinte coma se nada, para contarlle a dura mensaxe de xuízo que Deus lle dera? Non, verdade? De feito, o relato explica que “Samuel tiña medo de contarlle a Elí a súa visión”. Pero Deus deixáralle claro a Elí que estivera chamando por Samuel, así que Elí lle pediu a Samuel que llo contase todo. Díxolle: “Non mo ocultes”. Entón Samuel fíxolle caso e “contoulle todo”.
Xoias espirituais
w05 15/3 páx. 21 par. 6
Ideas interesantes do libro de 1 Samuel
3:3. Durmía Samuel realmente no Santísimo? Non. Samuel era un levita da familia non sacerdotal dos quehatitas (1 Cró. 6:18-23 [6:33-38, TNM]). Polo tanto, non se lle permitía “ve-las cousas sagradas” (Núm. 4:17-20). A única parte do santuario á que Samuel tiña acceso era ó patio do tabernáculo, e probablemente era alí onde durmía. Parece ser que Elí tamén durmía nalgunha sección do patio. A expresión “onde estaba a arca de Deus” referíase ó recinto do tabernáculo.
21-27 DE FEBREIRO
TESOUROS DA BIBLIA | 1 SAMUEL 6-8
“Quen é o teu rei?”
it-2 páx. 813 par. 2
Reino de Deus
Os israelitas piden un rei humano. Case 400 anos despois do éxodo e máis de 800 despois de que Deus fixese o pacto con Abraham, os israelitas pediron un rei humano que os gobernase, coma o que tiñan as outras nacións. Con esta petición estaban rexeitando a gobernación de Xehová sobre eles (1 Sam. 8:4-8). Tendo en conta as promesas que se lles deran a Abraham e a Xacob, o pobo tiña razóns para esperar que Deus establecese un reino. Ademais, aínda había máis base para tal esperanza pola profecía que Xacob pronunciara con respecto a Xudá cando estaba a punto de morrer (Xén. 49:8-10), polas palabras que Xehová lle comunicara a Israel despois do éxodo (Éx. 19:3-6), polos termos do pacto da Lei (Dt. 17:14, 15), e incluso pola mensaxe que Deus lle fixera pronunciar ó profeta Balaam (Núm. 24:2-7, 17). Tamén Ana, a nai de Samuel, expresou esta esperanza en oración (1 Sam. 2:7-10). Aínda así, Xehová non revelara completamente o seu “segredo sagrado” relacionado co Reino. Non indicara cando chegaría o momento debido para establecelo, nin a estrutura e os compoñentes dese goberno nin se sería terreal ou celestial. Por iso foi un atrevemento que o pobo pedise un rei humano.
Seguiu adiante pese ós golpes da vida
Samuel contoulle o problema a Xehová, quen lle contestou: “Atende ó pobo en todo o que che piden. Non te rexeitan a ti, senón a min, para que non reine sobre deles”. Que tranquilizador debeu ser para Samuel entender que o pobo non o estaba a insultar a el, senón o Deus Todopoderoso. Mediante o profeta, Xehová advertiulles ós israelitas das consecuencias de ter un rei humano. Pero eles non fixeron caso e insistiron: “Non. ¡Nós queremos un rei!”. Cando Deus escolleu un rei e mandou a Samuel a unxilo, este obedeceu como sempre fixera (1 Sam. 8:7-19).
Queda demostrado que o goberno de Xehová é o mellor
9 A historia demostrou o acertada que foi a advertencia de Xehová. A monarquía ocasionou graves problemas en Israel, sobre todo cando os reis foron infieis. Con este exemplo en mente, non é de sorprender que ó longo dos séculos os gobernantes que non obedeceron a Xehová non tivesen bos resultados nin logros permanentes. Algúns políticos pídenlle a Deus que bendiga os seus esforzos por conseguir paz e seguridade, pero, como poden contar co seu apoio se non o obedecen? (Sal. 2:10-12).
Xoias espirituais
w02 1/4 páx. 12 par. 13
Por que bautizarse?
13 Antes de bautizarse como testemuña de Xehová, é necesaria a conversión da persoa. Trátase dun acto libre e voluntario, motivado por un desexo sincero de seguir a Cristo. Implica rexeitar o mal proceder anterior e tomar a decisión de facer o que está ben ós ollos de Deus. Nas Escrituras, os verbos hebreos e gregos relacionados coa conversión teñen o sentido de volver atrás, dar a volta. Esta acción implica deixar o mal camiño e acudir a Deus (1 Re. 8:33, 34). Para que haxa conversión, deben existir obras que demostren arrepentimento (Feit. 26:20). É preciso abandonar a relixión falsa, obedecer os mandatos de Deus e darlle devoción exclusiva (Dt. 30:2, 8-10; 1 Sam. 7:3). A conversión cambia a nosa forma de pensar, os nosos obxectivos e a nosa forma de ser (Ez. 18:31). Cando nos convertemos ou damos a volta, substituímos as calidades que Deus non aproba pola nova personalidade (Feit. 3:19; Ef. 4:20-24; Col. 3:5-14).
28 DE FEBREIRO–6 DE MARZO
TESOUROS DA BIBLIA | 1 SAMUEL 9-11
“Ó principio Xaúl era humilde e modesto”
Andemos co noso Deus con humildade e modestia
11 Pensemos no que lle pasou ó rei Xaúl. Demostrou ser modesto cando era mozo. Coñecía as súas limitacións e ata se lle fixo difícil aceptar máis responsabilidades (1 Sam. 9:21; 10:20-22). Pero pouco despois de ser nomeado rei, volveuse arrogante. Nunha ocasión, perdeu a paciencia mentres esperaba a que chegase o profeta Samuel. En vez de ser modesto e confiar en que Xehová axudaría ó seu pobo, ofreceu un sacrificio a pesar de non estar autorizado para facelo. Como resultado, Xehová quitoulle a súa aprobación e, máis tarde, o trono (1 Sam. 13:8-14). Facemos ben en aprender do exemplo de Xaúl e non actuar de xeito presuntuoso.
Manteñamos un espírito de sacrifico
8 O que lle ocorreu ó rei Xaúl sérvenos de advertencia. É un exemplo claro de que o egoísmo pode corroer o noso espírito de sacrificio. El comezou o seu reinado sendo modesto e humilde (1 Sam. 9:21). Negouse a castigar os israelitas que murmuraran contra o seu nomeamento, aínda que podía sentir que tiña o dereito de facelo porque Deus mesmo o escollera como rei (1 Sam. 10:27). Xaúl aceptou a dirección do espírito de Xehová ó dirixir o pobo na súa loita contra os amonitas. Despois recoñeceu humildemente que a vitoria fora grazas a Xehová (1 Sam. 11:6, 11-13).
w95 15/12 páx. 10 par. 1
Os amonitas: un pobo que respondeu á bondade con hostilidade
Unha vez máis, os amonitas responderon á bondade de Xehová con hostilidade. El non pasou por alto a súa cruel ameaza. O relato explica: “En oíndoo [as palabras de Nahax], entrou en Xaúl o espírito de Deus e alporizouse”. Baixo a dirección do espírito de Xehová, Xaúl reuniu un exército de 330.000 soldados que loitaron contra os amonitas. Estes foron derrotados e “espalláronse para tódolos lados, sen quedaren dous xuntos” (1 Sam. 11:6, 11).
Xoias espirituais
w05 15/3 páx. 22 par. 8
Ideas interesantes do libro de 1 Samuel
9:9. Que chama a atención das palabras “ó profeta de agora chamábaselle antes vidente”? Nos días de Samuel e durante o período dos reis de Israel, os profetas foron adquirindo máis relevancia. É probable que por iso a palabra vidente fose substituída polo termo profeta. A Samuel considéraselle o primeiro profeta (Feit. 3:24).