Fontes de información para o Caderno de Estudo Vida e Actividades
2-8 DE MAIO
TESOUROS DA BIBLIA | 1 SAMUEL 27-29
“A estratexia de David”
it-1 páx. 79
Áquix
Cando David fuxía de Xaúl, refuxiouse dúas veces no territorio do rei Áquix. A primeira vez, cando sospeitaron que era un inimigo, fíxose o tolo, e Áquix deixouno ir sen facerlle dano por consideralo inofensivo (1Sa 21:11-16 [10-15, TNM]; Sl 34:1 [34, encab., TNM]; Sl 56:1 [56, encab., TNM]). A segunda vez, David foi con 600 guerreiros e as súas familias, e Áquix permitiulles vivir en Siquelag. Durante o ano e catro meses que estiveron alí, Áquix pensaba que David e os seus homes atacaban os pobos de Xudá, pero en realidade saqueaban os guexuritas, os guircitas e os amalecitas (1Sa 27:1-12). O engano de David tivo tanto éxito que Áquix ata converteu a David e os seus homes na súa garda persoal cando os filisteos preparaban un ataque contra o rei Xaúl. Pero debido á insistencia dos outros “príncipes filisteos”, no último momento David e os seus homes foron enviados de volta a Siquelag (1Sa 28:2; 29:1-11). Parece ser que cando David chegou a ser rei e guerreou contra Gat, non matou a Áquix, pois o rexistro indica que aínda vivía durante o reinado de Salomón (1Re 2:39-41; ver GAT).
w21.03 páx. 4 par. 8
Mozos, como podedes gañar a confianza doutros?
8 Vexamos outra situación difícil á que se enfrontou David. Despois de ser unxido para ser rei, tivo que esperar moitos anos para empezar a gobernar (1Sa 16:13; 2Sa 2:3, 4) Que o axudou a esperar con paciencia? En vez de quedarse de brazos cruzados polo desánimo, concentrouse no que si podía facer. Por exemplo, mentres vivía como fuxitivo en territorio filisteo, aproveitou a oportunidade para loitar contra os inimigos de Israel. Así protexeu os límites do territorio de Xudá (1Sa 27:1-12).
it-2 páx. 368 par. 6
Mentira
O feito de que na Biblia se condene claramente a mentira maliciosa non significa que unha persoa estea obrigada a contarlle información a quen non teña o dereito a sabela. Xesucristo aconsellou: “Non deáde-lo sagrado ós cans nin lle botéde-las vosas perlas ós porcos; non sexa que as esmaguen cos pés, e, virándose contra vós, vos esnaquicen” (Mt 7:6). Por iso, nalgunhas ocasións Xesús non deu toda a información nin respondeu directamente a certas preguntas, xa que isto podería causarlle problemas innecesarios (Mt 15:1-6; 21:23-27; Xn 7:3-10). Por esta mesma razón, Abraham, Isaac, Rahab e Eliseo informaron erroneamente ou ocultaron parte dos feitos a quen non era adorador de Xehová (Xén 12:10-19; cap. 20; 26:1-10; Xos 2:1-6; Snt 2:25; 2Re 6:11-23).
Xoias espirituais
Poden axudarnos os mortos?
Reflexionemos na seguinte idea. Segundo ensina a Biblia, cando as persoas morren “retornan á terra” e “esvaecen os seus proxectos” (Sl 146:4). Ademais, tanto Xaúl coma Samuel sabían que Deus non aproba as prácticas espiritistas. De feito, tempo antes, o propio rei tomara medidas para erradicalas do país (Lev 19:31).
Polo tanto, aínda no caso de que o espírito do fiel Samuel seguise vivo, pensas que desobedecería a Deus colaborando cunha médium para comunicarse con Xaúl? Ademais, se Xehová non quixese responder as súplicas de Xaúl, acaso podería unha simple médium obrigar a Deus a falar co rei a través de Samuel? Dende logo que non. Está claro que ese “Samuel” non era o profeta de Deus que morrera. En realidade, tratábase dun demo que se fixo pasar por Samuel.
9-15 DE MAIO
TESOUROS DA BIBLIA | 1 SAMUEL 30-31
“Deixa que Xehová che dea forzas”
w06 1/8 páx. 28 par. 12
Temamos a Xehová e seremos felices
12 Como vimos, o temor de Xehová impediu que David pecase. Pero fixo algo máis: fortaleceuno para actuar con sabedoría e decisión en momentos difíciles. Cando fuxía de Xaúl, David e os seus homes refuxiáronse un ano e catro meses en Siquelag, no territorio filisteo (1Sa 27:5-7). En certa ocasión na que os homes non estaban, unha banda de amalecitas saqueou e queimou a cidade, e levou as mulleres, os nenos e o gando. Ó volver e ver o que pasara, David e os seus homes puxéronse a chorar. Pero, a dor dos homes pronto se converteu en amargura, e incluso falaron de apedrar a David. Aínda que estaba aflixido, non caeu na desesperación (Pr 24:10). Impulsado polo seu temor de Deus, “David atopou conforto no Señor”. Co apoio de Deus, el e os seus homes alcanzaron os amalecitas e recuperaron todo o que era seu (1Sa 30:1-20).
w12 15/4 páx. 30 par. 14
Xehová gárdanos para a salvación
14 David pasou por moitas circunstancias difíciles na vida (1Sa 30:3-6). As palabras que escribiu por inspiración mostran que Xehová era moi consciente dos seus sentimentos (Le Sl 34:19 [34:18, TNM]; 56:9 [56:8, TNM]). E por suposto tamén está ó tanto dos nosos. Cando nos invade a tristeza e estamos aflixidos, el acércase ó noso lado. Isto reconfórtanos como lle sucedeu a David, que dixo nunha das súas cancións: “Teño gozo e ledicia na túa misericordia, pois ti ólla-la miña aflicción, e coñécelas miñas angustias” (Sl 31:8, [31:7, TNM]). Pero Xehová non só coñece os nosos problemas, senón que nos sostén dándonos consolo e ánimo. E un dos medios que utiliza para isto son as reunións cristiás.
Xoias espirituais
w05 15/3 páx. 24 par. 8
Ideas interesantes do libro de 1 Samuel
30:23, 24. Esta decisión, baseada en Números 31:27, mostra que Xehová valora os que teñen a función de dar apoio na congregación. Por iso, calquera cousa que esteamos facendo, fagámolo “con toda a alma, como para o Señor e non para os homes” (Col 3:23).
16-22 DE MAIO
TESOUROS DA BIBLIA | 2 SAMUEL 1-3
“O que aprendemos dunha antiga canción”
w00 15/6 páx. 13 par. 9
Honremos os que teñen autoridade sobre nós
9 Sentiuse David aflixido por este maltrato? David clamou a Xehová: “Homes violentos buscan a miña vida” (Sl 54:5 [54:3, TNM]). Despois, derramou o seu corazón ante el: “Líbrame, Deus, dos meus inimigos [...]. Traman contra min os poderosos; sen que haxa en min, Señor, pecado nin delito, sen maldade en min, axítanse, baldoan. Esperta, ven e ve” (Sl 59:2-5 [59:1-4, TNM]). Sentícheste algunha vez así? Algunha vez unha persoa con autoridade te tratou mal sen que fixeras nada malo? David nunca deixou de respectar a Xaúl. Cando Xaúl morreu, en vez de alegrarse, compuxo a seguinte canción fúnebre: “Xaúl e Ionatán, queridos e garimosos [...]. Máis lixeiros cás aguias, máis fortes cós leóns. Fillas de Israel, chorade por Xaúl” (2Sa 1:23, 24). Que bo exemplo de verdadeiro respecto ó unxido de Xehová a pesar do maltrato do que foi vítima!
w12 15/4 páx. 10 par. 8
A traizón: terrible marca dos nosos tempos
8 A Biblia tamén contén moitos exemplos de lealdade. Examinemos dous deles para ver o que podemos aprender. Comecemos por un home que demostrou a súa lealdade a David: Ionatán. Como era o fillo maior do rei Xaúl, tiña tódalas posibilidades de herdar o trono de Israel. Pero Xehová elixiu a David para ser rei. En vez de poñerse celoso, Ionatán respectou a decisión de Deus. Non o veu coma un rival, senón que “Ionatán encariñouse con David” e xuroulle lealdade. Ata lle regalou algunha das súas prendas de vestir, a súa espada, o seu arco e o seu cinto, o que implicaba recoñecer a súa dignidade real (1Sa 18:1-4). Ademais fixo todo o que puido “para fortalecerlle a confianza en Deus”, arriscando incluso a súa propia vida ó defendelo de Xaúl, o seu pai. E lealmente animou o seu amigo con estas palabras: “Ti serás rei de Israel e eu serei o teu segundo” (1Sa 20:30-34; 23:16, 17). Por iso, non sorprende que cando Ionatán morreu David expresase a súa dor e o cariño que lle tiña nunha conmovedora canción (2Sa 1:17, 26).
Xoias espirituais
it-1 páx. 1122 par. 2
Irmán, irmá
Estes termos tamén se aplican ós que están unidos nunha causa común e teñen metas e propósitos similares. Por exemplo, o rei Hiram de Tiro chamou o rei Salomón meu irmán. É posible que o fixese non só por ter o mesmo rango e posición, senón tamén por ter intereses mutuos en subministrar madeira e outros materiais para a construción do templo (1Re 9:13; 5:15-26 [5:1-12, TNM]). “Vede que doce e delicioso o habitaren os irmáns en unión”, escribiu David, indicando que a paz e a unidade non depende unicamente dos lazos de sangue (Sl 133:1). Por iso, o que levou a David a chamar irmán a Ionatán non foi o parentesco, senón o afecto e o interese mutuos (2Sa 1:26). Tamén se chama irmáns a compañeiros que teñen unha natureza e disposición similares, aínda que sexan malas (Pr 18:9).
23-29 DE MAIO
TESOUROS DA BIBLIA | 2 SAMUEL 4-6
“Manteñamos a nosa resolución de non desagradarlle a Xehová”
w05 15/5 páx. 17 par. 7
Ideas interesantes do libro de 2 Samuel
6:1-7. Aínda que as intencións de David eran boas, a súa idea de levar a Arca nun carro ía en contra do mandato de Deus e non tivo éxito (Éx 25:13, 14; Núm 4:15, 19; 7:7-9). Cando Uzá lle botou a man a Arca tamén quedou demostrado que as boas intencións non cambian os requisitos de Xehová.
w05 1/2 páx. 27 par. 20
Xehová sempre fai o que é xusto
20 Recordemos que Uzá non descoñecía os mandamentos de Deus. A Arca estaba relacionada coa presenza de Xehová. A Lei estipulaba que só podían tocala persoas autorizadas, e advertía explicitamente que quen a tocase sen estar autorizado sería castigado coa morte (Núm 4:18-20; 7:89). Polo tanto, o traslado deste cofre sagrado non era unha tarefa que se puidese tomar á lixeira. Aínda que Uzá non era sacerdote, parece ser que si era levita, polo que debía coñecer a Lei. Ademais, uns anos atrás a Arca levárase á casa de seu pai para gardala nun lugar seguro (1Sa 6:20–7:1). Permanecera alí uns 70 anos ata que David decidiu trasladala. De modo que Uzá seguramente coñecía as leis relacionadas coa Arca dende que era ben pequeno.
w05 1/2 páx. 27 par. 21
Xehová sempre fai o que é xusto
21 Como xa se mencionou, Xehová pode ler os corazóns. Como na súa Palabra se considera un acto irreverente o que fixo Uzá, é posible que Xehová vise algunha motivación egoísta que non se menciona especificamente no relato. Acaso sería un home insolente, propenso a tomarse demasiadas liberdades? (Pr 11:2). Pode ser que se crese moi importante ó levar diante de todos a Arca que a súa familia gardara? (Pr 8:13). Seica tiña tan pouca fe que pensou que Xehová non sería capaz de suxeitar o cofre que simbolizaba a súa presenza? En todo caso, podemos estar convencidos de que Xehová fixo o que era xusto. Probablemente viu algo no corazón de Uzá que o levou a castigalo no momento (Pr 21:2).
Xoias espirituais
w96 1/4 páx. 29 par. 1
Bota sempre a túa carga sobre Xehová
Parte da responsabilidade do que ocorrera recaía en David, pois el era o rei. A súa reacción naqueles momentos proba que, incluso os que teñen unha boa relación con Xehová, ás veces reaccionan mal ante situacións difíciles. Primeiro enfadouse e, despois, deulle medo (2Sa 6:8, 9). A súa relación de confianza con Xehová púxose a proba. Polo visto, naquela ocasión David non botou a súa carga sobre Xehová, non obedeceu os seus mandatos. Puidera ser este o noso caso ás veces? Culpamos a Xehová de problemas que nos veñen por pasar por alto as súas instrucións? (Pr 19:3).
30 DE MAIO–5 DE XUÑO
TESOUROS DA BIBLIA | 2 SAMUEL 7-8
“Xehová fixo un pacto con David”
A promesa dun reino estable
A Xehová chégalle ó corazón o desexo sincero de David. Así que, tendo en conta a devoción do seu servo e de acordo co seu propósito, fai un pacto con el: Xehová fará que alguén da liñaxe real de David reine para sempre. Natán comunícalle a David esta promesa de Deus: “A túa familia e o teu reino permanecerán na miña presencia para sempre, o teu trono manterase firme eternamente” (2Sa 7:16). Quen é o herdeiro deste pacto que gobernará para sempre? (Sl 89:21, 30, 35-37 [89: 20, 29, 34-36, TNM]).
A promesa dun reino estable
Xesús de Nazaret foi un descendente de David. De feito, o anxo que anunciou o seu nacemento dixo: “O Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; reinará por sempre na casa de Xacob, e o seu reinado non terá fin” (Lc 1:32, 33). Está claro que o pacto con David se cumpre en Xesucristo. Non conseguiu o seu cargo neste goberno por votación popular, senón por unha promesa solemne de Deus que lle dá o dereito de gobernar para sempre. Non hai que esquecer que as promesas de Deus sempre se cumpren (Is 55:10, 11).
w14 15/10 páx. 10 par. 14
Ten fe absoluta no Reino
14 Analicemos o que implicaba a promesa de Xehová cando fixo o pacto con David (Le 2 Samuel 7:12, 16). Mediante ese pacto Xehová aseguroulle a aquel rei do antigo Israel que o Mesías sería un descendente seu (Lc 1:30-33). Así sinalou con máis precisión por medio de quen viría a descendencia. Estableceu que un herdeiro de David tería o dereito legal ó trono do Reino Mesiánico (Ez 21:30-32 [21:25-27, TNM]). Por medio de Xesús, o reinado de David “está firme por sempre”. De feito, a súa descendencia “será eterna, o seu reino durará coma o sol” (Sl 89: 35-38 [89:34-37, TNM]). O reinado do Mesías nunca se volverá corrupto e os seus logros durarán para sempre.
(Hebreos 1:8, TNM) Pero do Fillo di: “Deus é o teu trono para sempre xamais, e o cetro do teu Reino é o cetro de rectitude.
Xoias espirituais
it-2 páx. 1168 par. 1
Últimos días
A profecía de Balaam. Antes de que os israelitas entraran na Terra Prometida, o profeta Balaam díxolle a Balac, o rei de Moab: “¡Ven, e informareite do que ese pobo ha facer nos días vindeiros! [...] Saíu unha estrela de Xacob, e surxiu un caxato de Israel; crebou as ladeiras de Moab e abateu tódolos fillos de Xet” (Núm 24:14-17). No primeiro cumprimento desta profecía, a “estrela” foi o rei David, que someteu os moabitas (2Sa 8:2). É obvio, polo tanto, que nesta profecía os “días vindeiros” comezaron cando David se converteu en rei. Como David foi un modelo profético de Xesús como Rei mesiánico, a profecía de Balaam tamén aplica ó tempo en que Xesús someta os seus inimigos (Is 9:6 [9:7, TNM]; Sl 2:8, 9).
6-12 DE XUÑO
TESOUROS DA BIBLIA | 2 SAMUEL 9-10
“David demostrou amor leal”
w06 15/6 páx. 14 par. 6
É posible atopar a felicidade
David escribiu: “Feliz quen coida do coitado: No día da calamidade librarao o Señor. O Señor gardarao, conservaralle a vida, farao feliz” (Sl 41:2,3 [41:1,2, TNM]). O amor e a consideración que David lle mostrou a Mefibóxet, o fillo tolleito do seu querido amigo Ionatán, é un exemplo de como debemos tratar os que se encontran nunha situación desfavorable (2Sa 9:1-13).
w05 15/5 páx. 17 par. 11
Ideas interesantes do libro de 2 Samuel
9:1, 6, 7. David cumpriu a súa promesa. Nós tamén debemos esforzarnos por ser persoas de palabra.
w02 15/2 páx. 14 par.10
Soportaron as espiñas na carne
10 Despois dalgúns anos, o rei David, polo gran amor que lle tivera a Ionatán, mostroulle amor leal ó seu fillo. Entregoulle toda a propiedade de Xaúl e designou a Sibá, servidor do antigo rei, para que coidase as súas terras. Ademais, díxolle a Mefibóxet: “Ti comerás sempre á miña mesa” (2Sa 9:6-10). É moi probable que o amor leal de David confortase a aquel home e contribuíse a facer menos dolorosa a súa discapacidade. Esta é unha magnifica lección para nós, pois tamén temos que ser bondadosos cos que loitan cunha espiña na carne.
Xoias espirituais
it-1 páx. 284
Barba
No pasado moitos pobos de Oriente, entre eles os israelitas, consideraban a barba como unha proba da dignidade dun home. A lei que Deus lle dera a Israel prohibía afeitar a extremidade da barba. Tamén prohibía afeitar as patillas, é dicir, o pelo que hai entre a orella e o ollo (Lev 19:27; 21:5). A prohibición seguramente se debía a que entre algúns pobos pagáns esta práctica tiña connotacións relixiosas.
13-19 DE XUÑO
TESOUROS DA BIBLIA | 2 SAMUEL 11-12
“Non deixes que os malos desexos te controlen”
w21.06 páx. 17 par. 10
Podes escapar das trampas de Satanás
10 Vexamos o caso do rei David. Xehová déralle moitísimas cousas, coma riquezas, prestixio e a vitoria sobre os seus inimigos. David estaba moi agradecido e dixo que todo o que Deus lle dera era máis do que podía contar (Sl 40:6 [40:5, TNM]). Pero en certo momento volveuse cobizoso e esqueceuse do que Xehová lle dera. Quería máis. Aínda que tiña varias mulleres, empezou a desexar a muller doutro home, algo que Xehová condenaba. A muller chamábase Batxeba e o seu esposo era un hitita chamado Urías. David foi egoísta, cometeu adulterio con Batxeba e deixouna embarazada. Por se iso non fose suficiente, tramou un plan para que matasen a Urías (2Sa 11:2-15). En que estaba pensando? Pareceríalle que Xehová non o estaba vendo? Despois de tanto tempo sendo fiel a Xehová, acabou cedendo ó egoísmo e á cobiza, e pagouno moi caro. Afortunadamente co tempo David confesou o seu pecado e arrepentiuse. Que agradecido estaba de que Xehová o perdoara! (2Sa 12:7-13).
w19.09 páx. 17 par. 15
Esteamos dispostos a someternos a Xehová
15 Xehová nomeou a David non só cabeza da súa familia, senón tamén de toda a nación de Israel. Como era o rei, tiña moito poder. Pero en ocasións usouno mal e cometeu erros graves (2Sa 11:14, 15). Aínda así, demostrou que se sometía a Xehová aceptando a súa corrección. Abriulle o seu corazón en oración e esforzouse ó máximo por seguir a súa guía (Sl 51:3-6 [51:1-4, TNM]). Ademais, tivo a humildade suficiente como para aceptar bos consellos tanto de homes coma de mulleres (1Sa 19:11, 12; 25:32, 33). Aprendeu dos seus erros e centrou a súa vida en servir a Xehová.
w18.06 páx. 17 par. 7
Usemos as leis e os principios de Deus para educar a conciencia
7 Non é necesario que suframos as consecuencias de desobedecer a Deus para aprender leccións valiosas. Podemos aprendelas lendo na Biblia sobre os erros que cometeron outras persoas e meditando neles. Proverbios 1:5 di: “O sabio escoita e acrece o seu saber”. Cada vez que lemos a Biblia recibimos a mellor ensinanza que existe, xa que ven de Deus. Por exemplo, pensemos en canto sufriu David ó desobedecer a Deus e cometer adulterio con Batxeba (2Sa 12:7-14). Mentres lemos este relato, podemos reflexionar en preguntas coma estas: Como puido David evitar todo ese sufrimento? Se eu estivese nunha situación parecida, que faría? Escaparía, coma fixo Xosé, ou caería na tentación coma David? (Xén 39:11-15). Se pensamos nas consecuencias do pecado, reforzaremos o odio que sentimos polo malo.
Xoias espirituais
it-1 páx. 639 par. 3
David
Pero Xehová vira os seus feitos e puxo ó descuberto o mal comportamento de David. Se Xehová permitise que fosen xulgados segundo a Lei mosaica, os dous serían executados, e polo tanto o neno, que aínda non nacera, morrería xunto con Batxeba (Dt 5:18; 22:22). Pero Xehová encargouse persoalmente deste caso e, por causa do pacto do Reino, mostroulle misericordia a David (2Sa 7:11-16). Tamén tivo en conta que David demostrara ser misericordioso (1Sa 24:5-8 [24:4-7, TNM]; comparar con Snt 2:13). Ademais, tanto David coma Batxeba manifestaran o seu arrepentimento ante Deus (Sl 51:3-6 [51:1-4, TNM]). Pero non escaparon do castigo. Xehová dixo, mediante o profeta Natán: “Vou facer xurdir contra ti a desgracia dentro da túa propia casa” (2Sa 12:1-12).
20-26 DE XUÑO
TESOUROS DA BIBLIA | 2 SAMUEL 13-14
“O egoísmo de Amnón provocou unha traxedia”
it-1 páx. 34
Abxalom
Asasinato de Amnón. A irmá de Abxalom, Tamar, era unha muller moi guapa. Amnón, o medio irmán maior de Abxalom, encaprichouse con ela. Finxindo estar enfermo, conseguiu que enviasen a Tamar ó seu cuarto para que cociñase para el, e entón violouna. O desexo que sentía Amnón por Tamar converteuse en odio e desprezo. Amnón fixo que a botasen á rúa, onde Abxalom a atopou. Tamar rachara a túnica con mangas que a distinguía como unha das fillas solteiras do rei e botara cinza sobre a cabeza. Abxalom enseguida se deu conta do que pasara e sospeitou de Amnón, o que mostra que antes deste suceso xa era consciente do desexo apaixonado do seu medio irmán. Pero díxolle a Tamar que non presentase ningunha acusación e levouna á súa casa para que vivise alí (2Sa 13:1-20).
w17.09 páx. 5 par. 11
Cultivemos autodominio
11 A Biblia contén malos exemplos de persoas que non controlaron os seus desexos sexuais e mostra as consecuencias do seu comportamento. Se alguén pasa por unha situación parecida á de Kim, debería reflexionar no caso do mozo imprudente do que se fala no capítulo 7 de Proverbios. Tamén pode pensar no que fixo Amnón e nas terribles consecuencias dos seus actos (2Sa 13:1, 2, 10-15, 28-32). Os pais poden usar estes relatos bíblicos na adoración en familia para axudar ós seus fillos a cultivar autodominio e tomar boas decisións sobre as relacións románticas.
it-1 páx. 34 par. 5
Abxalom
Pasaran dous anos. Chegou o tempo de rapar as ovellas. Como era un momento de festa, Abxalom organizou un banquete en Baal Hasor, a uns 22 Km de Xerusalén, e invitou ó rei David e a tódolos seus fillos. Cando David lle dixo que non iría, Abxalom insistiulle en que mandase no seu lugar o seu primoxénito, Amnón (Pr 10:18). Durante o banquete, cando Amnón empezaba a “aledarse co viño”, Abxalom ordenoulles ós seus servos que o matasen. Os outros fillos de David volveron a Xerusalén e Abxalom marchou ó exilio a Guexur (2Sa 13:23-38). A “espada” que profetizara Natán acababa de entrar na “casa” de David, onde continuaría polo resto da súa vida (2Sa 12:10).
Xoias espirituais
g04 22/12 páxs. 8-9
A beleza máis importante
Analicemos o caso dun dos seus fillos: Abxalom. A pesar de ser moi guapo, foi unha persoa indesexable. A Biblia di sobre el: “En todo Israel non había un home tan fermoso coma Abxalom nin tan gabado por todos. Desde os pés á cabeza non tiña un só defecto” (2Sa 14:25). Pero a súa ambición levouno a rebelarse contra o seu propio pai e quitarlle o trono. Ata chegou a violar a unha das concubinas de seu pai. Como resultado provocou a ira de Deus e tivo unha morte dolorosa (2Sa 15:10-14; 16:13-22; 17:14; 18:9, 15).
Sénteste atraído por alguén coma Abxalom? Seguro que non. En conxunto, era unha persoa desagradable. O seu extraordinario aspecto físico non compensaba a súa arrogancia e deslealdade. Tampouco puido evitar a súa perdición. Por outro lado, a Biblia fala de moitas persoas sabias e cunha personalidade atraente das que non se menciona nada acerca da súa aparencia física. Parece obvio que o máis importante era a súa beleza interior.
27 DE XUÑO–3 DE XULLO
TESOUROS DA BIBLIA | 2 SAMUEL 15-17
“Abxalom rebelouse por culpa do orgullo”
it-2 páx. 693
Pioneiro
En Oriente era costume que diante do carro real fosen corredores para anunciar e preparar a chegada do rei. Tamén lle axudaban no que necesitase (1Sa 8:11). Por iso Abxalom e Adonías fixeron que 50 corredores fosen diante dos seus carros persoais. Deste xeito imitaban a dignidade real e engadían prestixio e aparente aprobación ás súas respectivas rebelións (2Sa 15:1; 1Re 1:5; ver CORREDORES).
w12 15/7 páx. 13 par. 5
Sirvamos ó Deus da liberdade
5 A Biblia contén moitos exemplos de persoas que foron malas influencias. Un deles foi Abxalom, fillo do rei David. Polo visto era un home moi atractivo. Pero igual ca Satanás, permitiu que a ambición o cegase e chegou ó punto de desexar intensamente algo que non lle pertencía: o trono de seu pai. Con moita astucia, tratou de roubarlle a posición finxindo estar moi interesado nos israelitas e insinuándolles que a corte real non se preocupaba por eles. Abxalom utilizou a mesma trampa que empregou o Demo no xardín de Edén: presentarse como o bo da historia e calumniar cruelmente o seu propio pai (2Sa 15:1-5).
it-1 páx. 1113
Hebrón
Algúns anos máis tarde, Abxalom, o fillo de David, volveu a Hebrón e comezou o seu inútil intento de roubarlle o trono a seu pai (2Sa 15:7-10). É probable que Abxalom escollese esta cidade como punto de partida da súa campaña para apoderarse do trono debido á súa importancia histórica como antiga capital de Xudá. Ademais era a súa cidade natal. Máis tarde, Roboam, neto de David, restaurou Hebrón (2Cr 11:5-10). Os babilonios desolaron Xudá. Cando os xudeus exiliados regresaron, algúns deles establecéronse en Hebrón (Quiriat-Arbá) (Neh 11:25).
Xoias espirituais
Temos toda a información?
11 Por outro lado, cada un de nós pode ser vítima dunha inxustiza por culpa dunha media verdade ou dunha información incompleta que circule sobre nós. Vexamos o que sucedeu co rei David e Mefibóxet. David foi xeneroso con el e devolveulle as terras do seu avó Xaúl (2Sa 9:6, 7). Pero algún tempo despois recibiu un informe negativo sobre Mefibóxet. Sen comprobar a información, decidiu quitarlle todas as súas propiedades (2Sa 16:1-4). Cando por fin falou con el, deuse conta de que cometera un erro e devolveulle parte das súas terras (2Sa 19:25-30 [19:24-29, TNM]). David non cometería esa inxustiza se dedicase o tempo necesario para obter os detalles, en vez de apresurarse a tomar unha decisión.