Fontes de información para o Caderno de Estudo Vida e Actividades
5-11 DE SETEMBRO
TESOUROS DA BIBLIA | 1 REIS 9-10
“Honra a Xehová pola súa sabedoría”
w99 1/7 páx. 30 par. 6
Unha visita ben recompensada
Despois de encontrarse con Salomón, a raíña empezou a probalo “con adiviñas” (1 Reis 10:1). Isto non quere dicir que o estivese entretendo cun simple xogo. É interesante que en Salmo 49:5 (49:4, TNM) se utiliza a mesma palabra hebrea que en 1 de Reis se traduce como “adiviñas”. No salmo, esta palabra utilízase para referirse a preguntas importantes relacionadas co pecado, a morte e a redención. Polo tanto, o máis probable é que a raíña de Saba falase con Salomón sobre temas profundos que puxesen a proba a súa sabedoría. De feito, a Biblia di sobre ela: “Propúxolle todo aquilo que traía pensado”. E Salomón “respondeulle a todo [...], non houbo pregunta ningunha que non tivese do rei a súa resposta” (1 Reis 10:2, 3).
w99 1/11 páx. 20 par. 6
Cando a sabedoría abunda
Admirada por todo o que escoitou e viu, a raíña respondeu humildemente: “Ditosos os teus cortesáns, que están sempre contigo, aprendendo da túa sabedoría” (1 Reis 10:4-8). Ela non dixo que os servos de Salomón fosen felices por vivir entre riquezas, aínda que era así, senón porque podían escoitar constantemente a sabedoría que Salomón recibira de Deus. A raíña de Saba é un bo exemplo para os servos de Xehová da actualidade que se benefician da sabedoría do Creador e do seu fillo Xesucristo.
w99 1/7 páxs. 30-31
Unha visita ben recompensada
Á raíña de Saba impresionoulle tanto a sabedoría de Salomón e a prosperidade do seu reino que “quedou admirada” (1 Reis 10:4, 5). Algúns entendidos pensan que esta frase significa que a raíña “quedou sen alento”. Un experto cre que incluso se desmaiou! Sexa como fose, sorprendeulle moito o que viu e escoitou. Dixo que os servos de Salomón eran moi felices porque podían oír a sabedoría do rei e honrou a Xehová por escollelo para reinar. Despois, fíxolle regalos moi valiosos a Salomón. Só en ouro, deulle o que hoxe serían uns 36.000.000 €. El tamén lle deu “canto a ela se lle antollou” (1 Reis 10:6-13).
Xoias espirituais
w08 1/11 páx. 22 pars. 4-6
Sabíalo?
Canto ouro tiña o rei Salomón?
Segundo as referencias bíblicas, Hiram, o rei de Tiro, envioulle a Salomón 4 toneladas de ouro, a raíña de Saba regaloulle unha cantidade parecida e a flota comercial do propio Salomón tróuxolle 14 toneladas de ouro de Ufir. O relato explica que “o peso do ouro que cada ano chegaba onda Salomón” era de 22 toneladas (1 Reis 9:14, 28; 10:10, 14). Son esaxeradas estas cifras? Podemos comparalas coa cantidade de ouro que tiñan outros reis de tempos antigos.
Unha inscrición moi antiga que os expertos consideran fiable, indica que o faraón Tutmosis III de Exipto (segundo milenio a. n. e.) doou 12 toneladas de ouro ó templo de Amon-Rá en Karnak. No século VIII a. n. e., o rei asirio Teglatpeléser III recibiu de Tiro 4 toneladas de ouro como tributo, e Sargón II entregoulle esa mesma cantidade como ofrenda ós deuses de Babilonia. Por outro lado, dise que Filipo II de Macedonia (359-336 a. n. e.) extraía cada ano unhas 25 toneladas de ouro das minas do monte Panxeo na rexión de Tracia.
Tamén se di que seu fillo Alexandre Magno (336-323 a. n. e.), xuntou un botín dunhas 1000 toneladas de ouro cando ocupou a cidade persa de Xuxán e máis de 6000 toneladas durante a súa conquista de toda Persia. Tendo en conta estas cifras, está claro que a Biblia non esaxera ó falar da cantidade de ouro que tiña o rei Salomón.
12-18 DE SETEMBRO
TESOUROS DA BIBLIA | 1 REIS 11-12
“Escolle sabiamente con quen vas casar”
w18.07 páx. 18 par. 7
“Estás de parte de Xehová?”
7 Podemos aprender moito do caso do rei Salomón. Cando era novo, buscou a guía de Xehová, quen lle deu gran sabedoría e lle encargou construír un impresionante templo en Xerusalén. Pero Salomón arruinou a súa amizade con Xehová (1Re 3:12; 11:1, 2). A Lei de Deus prohibía especificamente que os reis hebreos casasen con moitas mulleres, para que o seu corazón non se desviase (Dt 17:17). Pero Salomón desobedeceu e co tempo casou con 700 mulleres e tivo 300 concubinas (1Re 11:3). Moitas delas non eran israelitas e adoraban deuses falsos. Así que Salomón tamén desobedeceu a lei que dicía que os israelitas non debían casar con mulleres estranxeiras (Dt 7:3, 4).
w19.01 páx. 15 par. 6
Como protexer o corazón?
6 Satanás é un rebelde egoísta que desobedece as normas de Xehová e quere conseguir que nós pensemos e actuemos coma el. Como non pode obrigarnos, trata de logralo doutras formas. Por exemplo, rodéanos de persoas ás que xa conseguiu corromper (1Xn 5:19). Quere que decidamos pasar tempo con elas, aínda que saibamos que as “malas compañías estragan bos costumes”, é dicir, corrompen a nosa maneira de pensar e actuar (1Co 15:33). Este método funcionoulle co rei Salomón, quen casou con moitas mulleres que non adoraban a Xehová. Elas tiveron tanta influencia nel que, ó final, “torcéronlle o sentido” e fixeron que se apartase de Xehová (1Re 11:3).
w18.07 páx. 18 par. 9
“Estás de parte de Xehová?”
9 Pero Xehová nunca pasa por alto o pecado. A Biblia di: “Anoxouse o Señor con Salomón, porque afastara o seu corazón do Señor, Deus de Israel, que se lle aparecera dúas veces e que sobre o particular lle prescribira non seguir deuses alleos. Salomón non cumpriu o que lle mandara o Señor”. Como consecuencia, Xehová quitoulle a súa aprobación e deixou de apoialo. O reino de Israel dividiuse en dous, así que os herdeiros de Salomón non reinaron sobre toda a nación e ademais sufriron moitas calamidades (1Re 11:9-13).
Xoias espirituais
w18.06 páx. 14 pars. 1-4
Puido ter a aprobación de Deus
Co obxectivo de acabar coa revolta, Roboam reuniu o seu exército. Pero Xehová interveu e deu a seguinte orde mediante o profeta Semaías: “Non vaiades face-la guerra ós vosos irmáns os israelitas. Que cada un volva para a súa casa, pois isto que pasa é cousa miña” (1Re 12:21-24).
Non ían facer nada? Imaxina canto tivo que molestarlle iso a Roboam. Que pensaría a xente dun rei que ameazou con castigar o pobo moi duramente pero agora permitía semellante rebelión? (Compara con 2 Crónicas 13:7). Aínda así, o rei e o seu exército “obedeceron a palabra do Señor e, de acordo con ela, foi cada un para a súa casa”.
Que lección aprendemos? Que aínda que outros se burlen de nós, o mellor é obedecer a Xehová. Se o facemos, recibiremos a súa aprobación e bendición (Dt 28:2).
Así foi no caso de Roboam. El foi obediente e non loitou contra a nova nación. En vez diso, reforzou algunhas cidades e construíu outras nos territorios nos que aínda reinaba: Xudá e Benxamín (2Cr 11:5-12). E máis importante aínda, durante un tempo obedeceu as leis de Xehová. O reino de dez tribos de Israel, gobernado por Ieroboam, caeu na idolatría. Pero moitos dos seus habitantes puxéronse de parte de Roboam viaxando a Xerusalén para apoiar a adoración pura (2Cr 11:16, 17). A obediencia de Roboam fortaleceu o seu reinado.
(1 Corintios 7:36, TNM) Pero, se alguén pensa que se está comportando impropiamente ó permanecer solteiro e se xa pasou a flor da xuventude, isto é o que debe facer: que faga o que queira, non peca. Que casen.
19-25 DE SETEMBRO
TESOUROS DA BIBLIA | 1 REIS 13-14
“Por que contentarnos co que temos e ser modestos?”
w08 15/8 páx. 8 par. 4
Manteñámonos leais cun corazón unificado
4 Despois Ieroboam díxolle ó home de Deus: “Ven comigo á miña casa comer algo. Quero tamén facerche un regalo” (1Re 13:7). Que debería facer o profeta? Tiña dúas opcións: aceptar a invitación porque parecía que o rei estaba arrepentido ou rechazar a invitación do rei ó que acababa de darlle unha mensaxe de condena (Sl 119:113). Ieroboam ten os medios para ofrecerlle regalos moi luxosos ós seus amigos. Se o profeta de Deus tivese no seu corazón o desexo de obter cousas materiais, seguramente a oferta do rei lle resultase moi tentadora. Pero o profeta contoulle ó rei a orde que recibira de Xehová. Díxolle: “Pois o Señor mandoume que non comese nin bebese aquí cousa ningunha, nin volvese polo camiño por onde vin”. Así que lle respondeu ó rei de forma contundente: “Non iría contigo nin que me deses a metade da túa casa. Neste lugar non quero comer nin beber nada”. Despois diso marchou de Betel por outro camiño (1Re 13:8-10). Que nos ensina sobre a lealdade a decisión que tomou o profeta? (Rm 15:4).
w08 15/8 páx. 11 par. 15
Manteñámonos leais cun corazón unificado
15 Que máis podemos aprender do erro que cometeu o profeta de Xudá? Proverbios 3:5 di: “Confía no Señor con todo o teu ser e non te apoies na propia intuición”. En vez de confiar en Xehová, como fixera ata ese momento, o profeta apoiouse no seu propio criterio. Como consecuencia, perdeu a vida e o bo nome que tiña ante Deus. Este relato destaca o importante que é servir a Deus con modestia e lealdade.
w08 15/8 páx. 9 par. 10
Manteñámonos leais cun corazón unificado
10 O profeta de Xudá tiña que darse conta de que o ancián o estaba enganando. Debería preguntarse: “Se Xehová quixese darme novas instrucións, porque enviaría un anxo a falar con outra persoa? Por que non veu falar comigo?”. Ademais, podía pedirlle a Xehová que lle aclarase a situación. Pero a Biblia non di que o fixese. O que si di é que se foi co ancián “e comeu e bebeu na súa casa”. A Xehová non lle gustou que o fixese. Cando o profeta finalmente comezou a viaxe de volta a Xudá encontrouse cun león que o matou. Que maneira tan tráxica de rematar a súa carreira como profeta! (1Re 13:19-25).
Xoias espirituais
Xehová busca o bo de cada persoa
O máis importante de 1 Reis 14:13 é o que nos ensina sobre a marabillosa personalidade de Xehová e sobre o que el busca en nós. Este versículo di que se atopou algo bo en Abías. Ó parecer Xehová examinou a fondo o seu corazón ata encontrar unha boa calidade. Segundo un experto, en comparación coa súa familia, Abías foi “unha perla entre un montón de pedras”. Xehová valorou o bo que había nel e mostroulle compaixón e misericordia, aínda que pertencía a unha familia infiel.
26 DE SETEMBRO–2 DE OUTUBRO
TESOUROS DA BIBLIA | 1 REIS 15-16
“Asá actuou con valor. E ti?”
w12 15/8 páx. 8 par. 4
“As vosas obras terán a súa recompensa”
Tan só 20 anos despois de que Xudá e Israel se dividisen en dous reinos, Xudá xa estaba totalmente corrompida coa adoración falsa. Cando Asá chegou a ser rei no ano 977 a .n. e., ata a familia real e os seus servos se contaminaran coa adoración ós deuses cananeos da fertilidade. Pero o relato inspirado mostra que o rei Asá “fixo o que o Señor, o seu Deus, aproba e estima. Suprimiu os altares estranxeiros e as ermidas dos outeiros, destrozou as estelas e cortou os cipos” (2Cr 14:1, 2 [14:2, 3, TNM]). Ademais botou de Xudá os prostitutos de templo que mantiñan relacións sexuais con outros homes como parte dos seus ritos pagáns. Pero non se limitou a eliminar a adoración falsa. Tamén animou o pobo “a servi-lo Señor, Deus de seus pais e a observa-la lei e os preceptos” (1Re 15:12, 13; 2Cr 14:3 [14:4, TNM]).
w17.03 páx. 19 par. 7
Sirve a Xehová cun corazón completo!
7 Todos debemos examinar o noso corazón para ver se Xehová é o máis importante para nós. Pregúntate: “Estou decidido a agradarlle a Xehová, protexer o seu pobo de toda mala influencia e defender a adoración pura?”. Pensa en todo o valor que necesitou Asá para enfrontarse a Macah, que era a “raíña-nai” do país. Aínda que non coñezas a ninguén coma ela, quizais haxa situacións nas que poidas imitar a devoción de Asá. Por exemplo, imaxina que alguén da túa familia ou un bo amigo peca, non se arrepinte e é expulsado. Actuarás con decisión e deixarás de relacionarte con esa persoa? Que che dirá o teu corazón?
it-1 páx. 222
Asá
A pesar da insensatez e a falta de discernimento espiritual que demostrou Asá nalgunhas ocasións, as súas boas calidades e o feito de non apostatar sen dúbida pesaron máis que os seus erros. Foi considerado un dos reis fieis da liñaxe de Xudá (2Cr 15:17). Os 41 anos do seu reinado coincidiron de forma total ou parcial cos reinados de oito reis de Israel: Ieroboam, Nadab, Baxá, Elah, Zimrí, Omrí, Tibní (que gobernou sobre unha parte de Israel en oposición a Omrí), e Acab (1Re 15:9, 25, 33; 16:8, 15, 16, 21, 23, 29). Ó morrer Asá, o seu fillo Ioxafat chegou a ser rei (1Re 15:24).
Xoias espirituais
w98 15/9 páxs. 21-22
É Deus real para ti?
Por exemplo, le a profecía sobre o castigo pola reconstrución de Iericó e despois analiza o seu cumprimento. Xosué 6:26 di: “Daquela, botou Xosué este xuramento: -‘Sexa maldito diante do Señor quenquera que se poña a edificar esta vila de Iericó: comezará a edificala sobre o seu primoxénito, e sobre o fillo máis novo colocará as súas portas’”. Sabemos que esta profecía se cumpriu uns 500 anos máis tarde porque en 1 Reis 16:34 lemos que nos días de Acab “Hiel de Betel reconstruíu Iericó. Botoulle os cimentos co pago da vida de Abiram, seu primoxénito, e púxolle as portas co pago da vida do máis novo, Seguib, conforme a palabra do Señor por Xosué, fillo de Nun”. Só un Deus real puido inspirar esas profecías e facer que se cumprisen.
3-9 DE OUTUBRO
TESOUROS DA BIBLIA | 1 REIS 17-18
“Por canto tempo iredes coxeando cara a un lado e cara ó outro?”
w17.03 páx. 14 par. 6
Demostra fe e toma boas decisións
6 Cando os israelitas xa vivían na Terra Prometida, tiveron que tomar unha decisión fácil pero moi importante: adorar a Xehová ou servir outros deuses (le Xosué 24:15). Aínda que puidera parecer moi fácil, tratábase dunha decisión de vida ou morte. Na época dos xuíces elixiron mal moitas veces porque deixaron a Xehová e adoraron deuses falsos (Xuí 2:3, 11-23). Pasado un tempo, o pobo de Deus tivo que volver a escoller. O profeta Elías explicoulles que só tiñan dúas opcións: servir a Xehová ou a Baal. Elías enfadouse pola súa indecisión (1Re 18:21). Poderiamos pensar que era fácil tomar a decisión correcta porque servir a Xehová sempre é o máis sensato e beneficioso. Ningunha persoa razoable desexaría servir a Baal. A pesar de todo, os israelitas estaban “coxeando cara a un lado e cara ó outro”. Elías recomendoulles insistentemente que escollesen a adoración a Xehová, que era moi superior a tódalas demais.
ia páx. 88 par. 15
Fiel defensor da adoración pura
15 Cando oíron a Elías, os sacerdotes de Baal puxéronse aínda máis histéricos: “Chamábano a berros e facíanse cortaduras con coitelos e lancetas, ata corrérlle-lo sangue, segundo o seu costume”. Pero non valeu de nada porque “non se oía voz ningunha, nin había resposta nin quen lles fixese caso” (1Re 18:28, 29). É dicir, Baal en realidade non existía. Non era máis ca unha invención de Satanás para apartar a xente de Xehová. A lección é ben clariña: non hai mellor amo ca Xehová. Todo o que siga outro deus quedará decepcionado e avergonzado (le Salmo 25:3; 115:4-8).
ia páx. 90 par. 18
Fiel defensor da adoración pura
18 Cando Elías empezou a orar, é posible que moitos se preguntasen se Xehová sería un deus tan falso e decepcionante coma Baal. Pero, ó acabar a oración, non quedou ningunha dúbida, xa que o relato di: “Caeu un lume do Señor, que consumiu o sacrificio, a leña, as pedras e o po, e secou mesmo a auga da gavia” (1Re 18:38). Que resposta tan impresionante! Como reaccionou o pobo?
Xoias espirituais
w08 1/4 páx. 19, recadro
Mantívose vixiante e esperou con confianza
Canto estivo sen chover no tempo de Elías?
Elías, o profeta de Xehová, díxolle ó rei Acab que, despois de tanto tempo sen chover, a seca acabaría pronto. Isto sucedeu “ó cabo de tres anos” contando dende o día que Elías anunciara que deixaría de chover (1 Reis 18:1). Xehová fixo que chovese pouco despois de que Elías o dixera. Por iso, quizais algúns pensen que a seca rematou durante o terceiro ano e que, polo tanto, durou menos de tres anos. Pero Xesús e Santiago afirmaron que estivera sen chover “tres anos e seis meses” ou “tres anos e medio” (Lucas 4:25; Santiago 5:17). É unha contradición?
Para nada! Hai que ter en conta que a temporada seca no antigo Israel duraba moito, ata seis meses. Seguro que cando Elías lle dixo a Acab que non ía chover xa levaban coa temporada seca máis tempo do normal. En realidade comezara case medio ano antes. Así que, cando Elías dixo que volvería chover, tres anos despois do seu primeiro anuncio, o certo é que xa levaba case tres anos e medio sen chover. Cando todo o pobo se reuniu para ver a gran proba no monte Carmelo, xa pasaran os “tres anos e seis meses”.
Pensa en cando Elías lle dixo ó rei Acab que ía deixar de chover. A xente cría que Baal era “o xinete das nubes”, o deus que traería a chuvia ó final da temporada seca. Como esta xa estaba durando máis do normal, é probable que a xente se preguntase: “Onde está Baal? Cando traerá a chuvia?”. O anuncio de Elías de que non caería nin orballo nin chuvia ata que el dixese o contrario debeu ser un gran golpe para eses adoradores de Baal (1 Reis 17:1).
10-16 DE OUTUBRO
TESOUROS DA BIBLIA | 1 REIS 19-20
“Busca consolo en Xehová”
w19.06 páx. 15 par. 5
Confiemos en Xehová cando esteamos angustiados
5 Le 1 Reis 19:1-4. Cando a raíña Iezabel ameazou con matalo, Elías sentiu medo e fuxiu a Beerxeba. Estaba tan desanimado que “pediu a morte”. Por que se sentiu así? Porque era un home imperfecto “coma calquera de nós” (Snt 5:17). Quizais o angustiaron a tensión e a fatiga física. Parece que pensaba que todo o que fixera a favor da adoración pura non servira para nada, que Israel non mellorara e que el era o único que aínda servía a Xehová (1Re 18:3, 4, 13; 19:10, 14). Poida que nos sorprenda a reacción deste fiel profeta pero Xehová comprendíao.
ia páx. 103 par. 13
Deus foi o seu refuxio e consolo
13 Como pensas que se sentiu Xehová ó ver o seu querido profeta pedindo a morte debaixo daquela xesta no deserto? Non temos necesidade de adiviñalo. O relato explica que, despois de que Elías se durmise, Xehová lle enviou un anxo que o tocou con coidado para despertalo e lle dixo: “Érguete e come”. Así fixo Elías, pois o anxo con bondade lle servira un pouco de pan e auga. O relato segue dicindo que o profeta entón comeu, bebeu e despois volveu durmir. Nin sequera se menciona que lle dese as grazas ó anxo. Estaría tan triste que non era capaz de falar? En calquera caso, o anxo despertouno por segunda vez, quizais ó amencer, para dicirlle de novo: “Érguete e come”. E engadiu estas comprensivas palabras: “Que che queda moito camiño” (1Re 19:5-7).
ia páx. 106 par. 21
Deus foi o seu refuxio e consolo
21 Como deixa claro o relato, Xehová non estaba en ningunha das espectaculares forzas da natureza. Elías sabe que Xehová non é un deus mitolóxico da natureza coma Baal, a quen os seus adoradores chaman “o xinete das nubes”, o deus que trae as chuvias. Xehová é a verdadeira Fonte de tódalas incribles forzas da natureza e ademais é infinitamente superior a tódalas súas creacións. De feito, nin sequera os ceos físicos o poden conter! (1Re 8:27). Pero como lle axuda todo isto ó profeta? Recorda que estaba paralizado polo medo. Agora, sabendo que o Deus Todopoderoso está da súa parte, xa non hai razón para terlles medo a Acab e a Iezabel (le Salmo 118:6).
ia páx. 106 par. 22
Deus foi o seu refuxio e consolo
22 Despois do lume, todo queda en silencio. Entón Elías oe unha voz tranquilizadora que o anima a expresar os seus sentimentos de novo. Así que lle conta as súas preocupacións por segunda vez. Aínda que probablemente o profeta xa se sinta con mellor ánimo, o que esa voz lle di despois consólao moito máis, pois Xehová asegúralle que o valora moito. Como o fai? Revélalle o que fará no futuro contra a adoración a Baal en Israel. Está claro que o labor de Elías valera de moito porque nada podería impedir que o propósito de Deus se cumprise. Ademais, Xehová aínda conta con el pois asígnalle un novo traballo e dálle instrucións específicas para que poida cumprilo (1Re 19:12-17).
Xoias espirituais
w97 1/11 páx. 31 par. 1
Un exemplo de abnegación e lealdade
Na actualidade, moitos servos de Deus tamén demostran un espírito de sacrificio. Algúns deixaron as súas “leiras”, é dicir, o seu medio de vida, para predicar as boas noticias en territorios que están lonxe ou para servir en Betel. Outros viaxaron a países estranxeiros para traballar en proxectos de construción. Aínda que moitos aceptaron o que poderían considerarse tarefas humildes, ningún servo de Xehová realiza un traballo insignificante. Xehová aprecia a tódolos que o serven de boa gana e bendicirá o seu espírito de sacrificio (Marcos 10:29, 30).
17-23 DE OUTUBRO
TESOUROS DA BIBLIA | 1 REIS 21-22
“Usemos a autoridade como o fai Xehová”
it-2 páx. 51
Xehová dos exércitos
Cando Xosué viu un anxo cerca de Iericó e lle preguntou se estaba do lado de Israel ou do inimigo, el respondeu: “Non: eu son o príncipe do exército do Señor” (Xos 5:13-15). O profeta Miqueas, referíndose claramente ós fillos celestiais de Xehová, díxolles ós reis Acab e Ioxafat: “Vin o Señor sentado no seu trono, e todo o exército do ceo onda el, á súa dereita e á súa esquerda” (1Re 22:19-21). O uso do plural na expresión “o Señor dos Exércitos” é apropiado porque as forzas anxelicais non só se representan divididas en querubíns, serafíns e anxos (Is 6:2, 3; Xén 3:24; Ap 5:11). Tamén se representan en grupos organizados. Por iso Xesús puido dicir que á súa chamada acudirían “máis de doce lexións de anxos” (Mt 26:53). Cando Ezequías lle pediu axuda a Xehová, chamouno “Señor dos Exércitos, Deus de Israel, que tes trono de querubíns”. Con estas palabras estábase referindo á arca do pacto e ás figuras dos querubíns que estaban enriba dela e que simbolizaban o trono celestial de Xehová (Is 37:16; compara con 1Sa 4:4; 2Sa 6:2). Cando a cidade na que vivía Eliseo estaba a punto de ser conquistada, o servo do profeta tivo unha visión que o tranquilizou moito. Viu que o terreo montañoso que rodeaba a cidade estaba “cuberto de cabalos e de carros de lume”, que eran parte do exército de Xehová (2Re 6:15-17).
“A cabeza de todo home é Cristo”
9 Humildade. Non hai ninguén máis sabio ca Xehová. Pero aínda así escoita a opinión dos seus servos (Xén 18:23, 24, 32). Permitiu que os que estaban baixo a súa autoridade lle desen suxestións (1Re 22:19-22). Aínda que el é perfecto, non espera que nós o sexamos agora. Máis ben, a pesar da nosa imperfección, axúdanos para que nos vaia ben (Sl 113:6, 7). De feito, a Biblia describe a Xehová como un axudante (Sl 27:9; Heb. 13:6). David sabía que todo o que conseguira fora grazas á humildade e á axuda de Xehová (2Sa 22:36, TNM).
it-2 páxs. 368-369
Mentira
Xehová permite que “unha forza enganadora” actúe nas persoas que prefiren a mentira “para que crean na falsidade” e non nas boas noticias sobre Xesús (2Te 2:9-12). Un exemplo disto sucedeu fai séculos co rei israelita Acab. Uns profetas mentíronlle a Acab dicíndolle que vencería na batalla contra Ramot de Galaad. Pero Miqueas, o profeta de Xehová, predixera unha desgraza. Tal e como se lle revelou na visión a Miqueas, Xehová permitiu que unha criatura celestial actuase coma un “espírito de mentira” na boca dos profetas de Acab. Isto significa que esa criatura celestial influíu neles para que lle mentisen a Acab dicíndolle o que desexaba escoitar. Aínda que Xehová o advertira, Acab preferiu que o enganasen, e iso custoulle a vida (1Re 22:1-38; 2Cr 18).
Xoias espirituais
w21.10 páx. 3 pars. 4-6
Que é o verdadeiro arrepentimento?
4 Co tempo, a paciencia de Xehová acabouse. Enviou a Elías para anunciarlles a Acab e a Iezabel cal era a súa condena: toda a súa familia sería exterminada. As palabras do profeta fixeron sentir moi mal a Acab e, de maneira inesperada, este home arrogante humillouse (1Re 21:19-29).
5 Aínda que nese momento Acab reaccionou con humildade, o que fixo despois demostrou que non estaba arrepentido de verdade. Non intentou acabar coa adoración a Baal en Israel nin animou o pobo a adorar a Xehová. Ademais, fixo outras cousas que mostraron que non estaba arrepentido.
6 Máis tarde, cando lle pediu ó bo rei Ioxafat de Xudá que loitase xunta el contra os sirios, Ioxafat díxolle que primeiro consultasen un profeta de Xehová. Ó principio Acab rechazou a idea dicindo: “Queda aínda un home, polo que se pode consulta-lo Señor: Miqueas, fillo de Imlah; pero eu aborrézoo, porque nunca me anuncia cousa boa, senón sempre desgracias”. Aínda así, falaron co profeta Miqueas e este anuncioulle a Acab que sufriría unha desgraza. En vez de arrepentirse e pedirlle a Xehová que o perdoase, o malvado rei Acab mandou meter a Miqueas en prisión (1Re 22:7-9, 23, 27). Aínda que o rei encerrou o profeta de Xehová, non puido impedir que a profecía se cumprise. Cando foi á batalla, matárono (1Re 22:34-38).
24-30 DE OUTUBRO
TESOUROS DA BIBLIA | 2 REIS 1-2
“Un bo exemplo de como capacitar a outros”
Como capacitar a outros
15 Hai algo máis que aprendemos do relato de Eliseo: os irmáns que están recibindo capacitación deben respectar os anciáns de experiencia. Elías e Eliseo foron a Iericó a visitar uns profetas e despois foron a pé ó río Xordán. Alí “Elías colleu o seu manto e dobrouno, e bateu nas augas con el. As augas dividíronse”. Despois os dous cruzaron o río e seguiron o camiño “mentres ían andando e falando”. Está claro que Eliseo non pensaba que xa o sabía todo. Seguiu escoitando e tomando moi en serio cada palabra de Elías ata que este “subiu cara ó ceo nun remuíño”. Cando volveu ó río Xordán, Eliseo golpeou as augas co mesmo manto de Elías e dixo: “¿Onde está o Señor, Deus de Elías, onde?”. Como resultado, as augas dividíronse outra vez (2Re 2:8-14).
Como capacitar a outros
16 É interesante que o primeiro milagre de Eliseo foi exactamente igual que o último de Elías. Aínda que agora era el o que ocupaba o lugar de Elías, non pensou en empezar a cambiar as cousas. Decidiu continuar o seu traballo de profeta igual que o estaba facendo Elías. Demostrou respecto polo seu mestre e, grazas a iso, ganouse a confianza dos seus compañeiros profetas (2Re 2:15). Finalmente, durante os 60 anos que foi profeta, Eliseo chegou a facer moitos milagres. De feito, fixo moitos máis ca Elías. Cal é a lección para os irmáns que reciben capacitación na actualidade?
Xoias espirituais
w05 1/8 páx. 9 par. 1
Ideas interesantes de 2 Reis
2:11. A onde foi Elías cando “subiu cara ó ceo nun remuíño”? Non foi a ningunha parte distante do universo físico nin tampouco ó lugar espiritual no que habitan Deus e os anxos (Deuteronomio 4:19; Salmo 11:4; Mateo 6:9; 18:10). En realidade, Elías ascendeu ós ceos atmosféricos (Salmo 78:26; Mateo 6:26). Parece ser que o carro de lume o transportou pola atmosfera a outro lugar da Terra onde viviu algún tempo. De feito, anos despois Elías escribiulle unha carta a Ioram, o rei de Xudá (2 Crónicas 21:1, 12-15).
31 DE OUTUBRO–6 DE NOVEMBRO
TESOUROS DA BIBLIA | 2 REIS 3-4
“Colle o teu neno”
w17.12 páx. 4 par. 7
“Ben sei que resucitará”
7 O profeta Eliseo, sucesor de Elías, fixo a segunda resurrección que aparece na Biblia. Na cidade de Xunam vivía unha importante israelita co seu home, que era maior, e non tiñan fillos. Como ela foi moi hospitalaria con Eliseo, Deus recompensouna cun fillo. Anos despois, o neno morreu e ela estaba moi triste. Co permiso do seu home, foi ver o profeta, que estaba no monte Carmelo, a uns 30 km. Eliseo enviou diante o seu servidor Guehazí para que resucitase o neno, pero non foi capaz. Entón chegaron a nai do neno e Eliseo (2Re 4:8-31).
w17.12 páx. 5 par. 8
“Ben sei que resucitará”
8 O profeta entrou na casa e orou ó lado do corpo do neno. Entón Xehová devolveulle a vida. Cando o viu, súa nai sentiu unha enorme alegría! (Le 2 Reis 4:32-37). Quizais recordou a oración de Ana, que tamén fora estéril. Cando levou o seu fillo Samuel ó tabernáculo, dixo: “O Señor dá a morte e a vida, afunde no abismo e saca de alí” (1Sa 2:6). O que pasou co fillo da muller xunamita demostra que Xehová pode resucitar os mortos.
Xoias espirituais
it-2 páx. 728 par. 3
Profeta
“Fillos dos profetas”. Como explica a obra Gesenius’ Hebrew Grammar (Oxford, 1952, páx. 418), o termo hebreo ben (fillo de) ou benéh (fillos de) pode indicar “pertenza a un gremio ou sociedade (ou a unha tribo ou clase definida)”. (Compara con Neh 3:8, TNM onde “un dos fabricantes de ungüentos” é literalmente “un fillo dos fabricantes de ungüentos”). Polo tanto, a expresión “os fillos dos profetas” poida que se refira a unha escola de instrución para os que foran chamados para esta vocación ou simplemente un grupo de profetas que se axudaban entre eles. Menciónase que había destes grupos en Betel, Iericó e Guilgal (2Re 2:3, 5; 4:38; compara con 1Sa 10:5, 10). Samuel presidía un grupo en Ramah (1Sa 19:19, 20), e ó parecer Eliseo tiña unha posición similar nos seus días (2Re 4:38; 6:1-3; compara con 1Re 18:13). O rexistro menciona que edificaban o seu propio lugar onde vivir e utilizaban ferramentas prestadas, o que parece indicar que vivían modestamente. Aínda que a miúdo compartían aloxamento e comida, é posible que tamén recibisen asignacións individuais para saír en misións proféticas (1Re 20:35-42; 2Re 4:1, 2, 39; 6:1-7; 9:1, 2).