Fontes de información para o Caderno de Estudo Vida e Actividades
© 2022 Christian Congregation of Jehovah’s Witnesses
2-8 DE XANEIRO
TESOUROS DA BIBLIA | 2 REIS 22-23
“Por que ser humildes?”
w00 15/9 páxs. 29-30
Ioxías foi humilde e tivo a aprobación de Xehová
Dende primeira hora da mañá, os traballadores reparan con dilixencia o templo. Ioxías agradécelle a Xehová que os obreiros estean desfacendo o dano que algúns dos seus antepasados lle fixeran á Súa casa. Mentres a obra avanza, Xafán vai onda o rei para darlle un informe. Pero, que leva na man? É un rolo! Di que o sumo sacerdote Hilquías “encontrou o libro da Lei do Señor escrito por Moisés” (2 Crónicas 34:12-18). Que valioso descubrimento! Trátase do libro orixinal da Lei.
Ioxías está ansioso por oír todo o que di o libro. A medida que Xafán le, o rei intenta ver como cada mandato lle aplica a el e ó pobo. O que máis lle impresiona é que o libro lle dá moita importancia a adoración verdadeira e predí as calamidades e o exilio que sufriría o pobo se practicaba a adoración falsa. Ó darse conta de que non se obedeceran tódolos mandatos de Deus, Ioxías racha a súa roupa e dálles a seguinte orde a Hilquías, a Xafán e ós demais: “Ide consulta-lo Señor [...] por causa do libro encontrado. O Señor estará enfurecido connosco porque nosos pais non obedeceron a palabra do Señor cumprindo o prescrito neste libro” (2 Reis 22:11-13; 2 Crónicas 34:19-21).
w00 15/9 páx. 30 par. 2
Ioxías foi humilde e tivo a aprobación de Xehová
Os mensaxeiros de Ioxías van onda a profetisa Huldah, en Xerusalén, e volven cun informe. Ela transmítelles a palabra de Xehová que di que a nación apóstata sufrirá as calamidades mencionadas no libro que acaban de encontrar. Pero como Ioxías se humillou ante Xehová, el non terá que ver esa calamidade. Será enterrado en paz cos seus antepasados (2 Reis 22:14-20; 2 Crónicas 34:22-28).
Xoias espirituais
w01 15/4 páx. 26 pars. 3, 4
A nosa infancia non nos condena ó fracaso
A pesar da infancia tan difícil que tivo, Ioxías fixo as cousas como a Xehová lle gustan. O seu reinado foi tan bo que a Biblia di: “Antes de Ioxías non houbera rei ningún, nin veu outro despois, que se convertese ó Señor coma el, de todo corazón, con toda a alma e con tódalas forzas, en todo conforme coa Lei de Moisés” (2 Reis 23:19-25).
O caso de Ioxías é moi animador para os que tiveron unha infancia difícil. Que lección nos ensina o seu exemplo? Que axudou a Ioxías a elixir e seguir o camiño correcto?
9-15 DE XANEIRO
TESOUROS DA BIBLIA | 2 REIS 24-25
“Recorda a urxencia do tempo no que vivimos”
w01 15/2 páx. 12 par. 2
O día de xuízo de Xehová está cerca!
2 Sen dúbida, a obra profética de Sofonías axudou ó rei Ioxías, pese a que era moi novo, a ver a necesidade de eliminar a adoración falsa de Xudá. Pero as medidas que tomou o rei para acabar coa relixión falsa non puxeron fin a tódalas maldades do pobo nin expiaron os pecados do seu avó, o rei Menaxés, “polo sangue inocente que verquera, ata encher del Xerusalén” (2 Reis 24:3, 4; 2 Crónicas 34:3). Así que, o día de xuízo de Xehová chegaría sen falta.
w07 15/3 páx. 11 par. 10
Ideas interesantes do libro de Xeremías
É o ano 607 a. n. e., o undécimo ano do reinado de Sedecías, e Xerusalén leva dezaoito meses cercada por Nabucodonosor, rei de Babilonia. O sétimo día do quinto mes do ano décimo noveno do reinado de Nabucodonosor, Nebuzardán, xefe da garda, chega a Xerusalén (2 Reis 25:8, TNM). Quizais dende o seu campamento, situado fóra das murallas da cidade, recoñece as posicións inimigas e planea unha estratexia. Tres días despois, o décimo día do mes, entra en Xerusalén e queima a cidade (Xeremías 52:12, 13).
(2 Reis 25:8, TNM) O día sete do quinto mes —no ano 19 do rei Nabucodonosor, o rei de Babilonia—, chegou a Xerusalén Nebuzardán, o xefe da garda, o servo do rei de Babilonia.
Xoias espirituais
w05 1/8 páx. 12 par. 1
Ideas interesantes do libro de 2 Reis
24:3, 4. Debido á culpa de sangue que tiña Menaxés, Xehová “non quixo perdoar” a Xudá. Deus respecta o sangue dos inocentes. Podemos confiar en que Xehová vingará o sangue inocente destruíndo os culpables (Salmo 37:9-11; 145:20).
16-22 DE XANEIRO
TESOUROS DA BIBLIA | 1 CRÓNICAS 1-3
“A Biblia non é un libro de ficción”
w09 1/9 páx. 14 par. 1
Existiron Adam e Eva na vida real?
Por exemplo, nos capítulos 1-9 do Primeiro Libro das Crónicas e no capítulo 3 do Evanxeo de Lucas, encontramos listas xenealóxicas do pobo xudeu. Estes detallados rexistros abarcan 48 e 75 xeracións, respectivamente. Por un lado, o libro das Crónicas presenta a liñaxe dos reis e sacerdotes da nación de Israel. E, por outro lado, Lucas céntrase na xenealoxía de Xesucristo. As dúas listas mencionan a Adam xunto a personaxes históricos coma Salomón, David, Xacob, Isaac, Abraham e Noé. Tendo en conta que tódolos que aparecen nestas listas existiron na vida real, é lóxico pensar que Adam tamén foi unha persoa real.
w08 1/6 páx. 3 par. 4
Noé e o Diluvio foron unha realidade, non un mito.
É posible comprobar que Noé foi unha persoa real consultando dúas listas xenealóxicas que aparecen nas Escrituras (1 Crónicas 1:4; Lucas 3:36). Esdras e Lucas, que foron os que elaboraron estes rexistros, investigaron a conciencia. De feito, Lucas incluso deixou escrita a liña de descendencia dende Noé ata Xesús.
w09 1/9 páx. 14
Existiron Adam e Eva na vida real?
Unha doutrina bíblica que significa moito para os crentes é a do rescate. Segundo esta ensinanza, Xesucristo ofreceu a súa vida humana perfecta como rescate para salvarnos dos nosos pecados (Mateo 20:28; Xoán 3:16). Como xa sabemos, un rescate é o pago que se fai para recuperar unha cousa ou liberar unha persoa. Por iso, a Biblia di que Xesús é un rescate correspondente (1 Timoteo 2:6, TNM). Correspondente a que? A Biblia explica: “Igual que todos morren por Adam, así tamén por Cristo todos revivirán” (1 Corintios 15:22). A vida perfecta que Xesús entregou para redimir a humanidade obediente equivale, ou corresponde, á vida perfecta que Adam perdeu cando pecou no xardín de Edén (Romanos 5:12). Está claro que o sacrificio de Cristo non tería ningún sentido se Adam non existise.
Xoias espirituais
it-1 páx. 1005 pars. 1, 2
Xenealoxía
Nomes de mulleres. Nalgunhas ocasións, os nomes das mulleres incluíronse nos rexistros xenealóxicos por certas razóns históricas. En Xénese 11:29, 30 menciónase a Sarai (Sara) debido a que a descendencia prometida tería que vir por medio dela, e non por medio doutra muller de Abraham. Quizais se mencione a Milcah no mesmo relato porque era a avoa de Rebeca, a muller de Isaac. Así quedaba claro que a liñaxe de Rebeca viña dos parentes de Abraham, xa que Isaac non debía casar cunha muller estranxeira (Xén 22:20-23; 24:2-4). En Xénese 25:1 menciónase o nome da muller que Abraham tivo despois, Queturah. Isto mostra que Abraham casou de novo despois da morte de Sara. Tamén demostra que aínda podía ter fillos máis de 40 anos despois de que Xehová lle rexenerase a capacidade reprodutiva de maneira milagrosa (Rm 4:19; Xén 24:67; 25:20). Ademais, desta maneira queda clara a relación que tiñan Madián e outras tribos árabes con Israel.
Tamén se menciona a Lea, a Raquel e as concubinas de Xacob xunto cos fillos que deron a luz (Xén 35:21-26). Isto axúdanos a entender a relación que máis tarde tivo Deus con eses fillos. Por razóns parecidas encontramos os nomes doutras mulleres nos rexistros xenealóxicos. Podíase incluír o seu nome cando unha herdanza se transmitía por medio dela (Núm 26:33). Por suposto, Tamar, Rahab e Rut son casos excepcionais. Na vida de cada unha delas hai algo que destaca sobre como chegaron a ser antepasadas do Mesías, Xesucristo (Xén 38; Rut 1:3-5; 4:13-15; Mt 1:1-5). Outros lugares nos que se menciona a mulleres nas listas xenealóxicas son: 1 Crónicas 2:35, 48, 49; 3:1-3, 5.
23-29 DE XANEIRO
TESOUROS DA BIBLIA | 1 CRÓNICAS 4-6
“Que revelan as miñas oracións sobre min?”
O que escoita as oracións
Iabés, un home que oraba constantemente, comezou a súa súplica pedíndolle a Deus que o bendicise. Despois, solicitoulle tres cousas que deixan ver a fe tan grande que tiña.
En primeiro lugar, Iabés suplicoulle a Deus: “Estende o meu territorio” (1 Crónicas 4:10). Como era un home honorable, non desexaba conseguir o que era dos demais. Así que é probable que a súa petición tivese que ver máis coas persoas que cos terreos. Parece ser que o que estaba pedindo era que o seu territorio se estendese pacificamente para poder acoller a máis adoradores do Deus verdadeiro.
En segundo lugar, Iabés pediu que a “man” de Deus estivese con el. Esta man representa o poder de Xehová en acción. Con el axuda ós seus servos (1 Crónicas 29:12). Para recibir o que desexaba, este home acudiu a Xehová, de quen se di que a Súa man nunca se queda curta para os que teñen fe nel (Isaías 59:1).
Por último, Iabés orou: “Gárdame de todo mal, de xeito que eu non padeza”. A expresión “de xeito que eu non padeza” fainos ver que Iabés non estaba pedíndolle a Deus que o librase dos problemas. Máis ben, o que pedía era que non o invadise a tristeza e que a maldade non puidese con el.
A oración de Iabés demostra o seu interese pola adoración verdadeira e a súa fe naquel que escoita as oracións. Pero, respondeulle Xehová? No final deste breve relato lemos: “E Deus deulle o que lle pedía”.
Xoias espirituais
w05 1/10 páx. 9 par. 7
Ideas interesantes do libro de 1 Crónicas
5:10, 18-22. Nos días do rei Xaúl, as tribos que vivían ó leste do Xordán derrotaron os agarenos aínda que estes eran máis do dobre. Aqueles homes valentes conseguiron a vitoria porque confiaron en Xehová e lle pediron axuda. De igual maneira, debemos confiar totalmente en Xehová para vencer os poderosos inimigos cos que loitamos na nosa guerra espiritual (Efesios 6:10-17).
30 DE XANEIRO–5 DE FEBREIRO
TESOUROS DA BIBLIA | 1 CRÓNICAS 7-9
“Xehová axudarache a cumprir coas túas responsabilidades”
w05 1/10 páx. 9 par. 8
Ideas interesantes do libro de 1 Crónicas
9:26, 27. Os porteiros levitas ocupaban un posto de moita responsabilidade pois tiñan ó seu cargo as chaves dos recintos sagrados do templo. Demostraron ser responsables nas súas funcións ó abrir as portas tódolos días. A nós encargóusenos axudar ás persoas do noso territorio para que cheguen a adorar a Xehová. Deberiamos facelo coa mesma dilixencia que demostraron os porteiros levitas.
Imita a Pinhás ó afrontar situacións difíciles
En tempos antigos, Pinhás tivo a seria responsabilidade de coidar do pobo de Israel, a congregación de Deus. Grazas ó valor, á perspicacia e á fe, puido afrontar con éxito as dificultades relacionadas co seu labor. A súa dilixencia fixo que conseguise a aprobación de Deus. Mil anos despois, Esdras escribiu baixo inspiración: “Pinhás, fillo de Elazar, foi antes o seu xefe. E Iavé estivo con el” (1Cr 9:20). Desexamos que isto tamén se poida dicir de tódolos superintendentes da actualidade e dos demais cristiáns que serven a Deus fielmente.
Xoias espirituais
w10 15/12 páx. 21 par. 6
Cantemos a Xehová!
6 Mediante os seus profetas, Xehová deu instrucións de que os seus servos o adorasen con cancións. De feito, os levitas que eran cantores estaban exentos de certos deberes. Así tiñan tempo suficiente para compoñer e, probablemente, para ensaiar (1Cr 9:33).
6-12 DE FEBREIRO
TESOUROS DA BIBLIA | 1 CRÓNICAS 10-12
“Como podo aumentar o meu desexo de facer o que Xehová quere?”
w12 15/11 páx. 6 pars. 12, 13
“Apréndeme a face-la túa vontade”
12 A comprensión que tiña David dos principios que había detrás da Lei e o seu desexo de guiarse por eles son un bo exemplo para nós. Analicemos o que sucedeu cando David expresou que tiña moitas ganas de “beber auga do depósito que está ás portas de Belén”. Tres dos seus homes entraron pola forza na cidade, que estaba ocupada polos filisteos, e volveron coa auga. Pero “David negouse a bebela e derramouna en libación ante Iavé”. Por que? El mesmo explicou: “‘¡Líbreme Deus de facer tal cousa! Sería como bebe-lo sangue destes homes que con risco da súa vida foron alá’ (porque era certamente con risco das súas vidas como a trouxeran)” (1Cr 11:15-19).
13 Como coñecía a Lei, David sabía que non se debía comer ou beber sangue, senón que había que derramalo ante Xehová. Tamén entendía o porqué, xa que a Lei indicaba que “a vida do corpo está no sangue”. Pero, por que se negou a beber se aquilo era auga, non sangue? Porque entendía o principio no que se baseaba esa lei: que Xehová considera sagrado o sangue. En vista de que os tres homes arriscaran a súa vida, David chegou á conclusión de que beber esa auga sería unha falta de respecto ó sangue dos homes. Polo tanto, para el era impensable bebela. Máis ben, razoou que debía tirala no chan (Lev 17:11; Dt 12:23, 24).
w18.06 páx. 17 pars. 5, 6
Usemos as leis e os principios divinos para educar a conciencia
5 Para beneficiarnos das leis divinas non é suficiente con lelas ou coñecelas. Temos que chegar a respectalas e amalas. A Palabra de Deus di: “Rexeitade o mal, amade o ben” (Amós 5:15). Como podemos lograr isto? A clave é aprender a ver as cousas igual que as ve Xehová. Imaxina que levas unha temporada durmindo mal. O teu médico mándache seguir unha dieta, facer exercicio e cambiar algúns hábitos. Se vises que a túa vida mellora cando fas todo o que che manda, verdade que sentirías moito aprecio por ese médico e os seus consellos?
6 Da mesma maneira, o noso Creador deunos leis que nos protexen das consecuencias do pecado e melloran a nosa vida. Por exemplo, pensemos en canto nos beneficia obedecer o que di a Biblia sobre a mentira, o engano, o roubo, a inmoralidade sexual, a violencia e o ocultismo (le Proverbios 6:16-19; Ap 21:8). Cando vemos en nós mesmos os moitos beneficios de obedecer a Xehová, o amor e o aprecio que sentimos por el e as súas normas medran de maneira natural.
Xoias espirituais
it-1 páx. 551 pars. 5, 6
Corazón
Servir cun corazón completo. O corazón literal ten que estar completo para funcionar con normalidade. Pero no caso do corazón figurado, é posible que estea dividido. David pediulle a Xehová: “Recolle o meu corazón no temor do teu nome”, é dicir, pediulle que unificase o seu corazón. Isto é unha proba de que pode estar dividido en asuntos relacionados cos desexos ou os medos (Sl 86:11). Ademais, o corazón dunha persoa pode ser indeciso, o que fará que adore a Deus con pouco entusiasmo (Sl 119:113, TNM, nota; Ap 3:16). Tamén é posible ter un corazón enganoso ou dobre (literalmente con corazón e corazón), e intentar servir dous amos ou dicir unha cousa e pensar outra (1Cr 12:33, TNM; Sl 12:2, TNM, nota). Xesús denunciou con firmeza esta conduta hipócrita (Mt 15:7, 8).
Non debemos ser indecisos ou ter un corazón dobre ó adorar a Xehová, senón que temos que servilo cun corazón completo (1Re 8:61). Isto require moito esforzo pois o corazón é desesperado e tende á maldade (Xer 17:9, 10, TNM; Xén 8:21). Para manter o noso corazón completo seranos de axuda a oración sincera (Sl 119:145; Lam 3:41), o estudo regular da Palabra de Deus (Esd 7:10; Pr 15:28), participar con entusiasmo na predicación (compara con Xer 20:9) e pasar tempo con outras persoas que teñan un corazón completo para con Xehová (compara con 2Re 10:15, 16).
13-19 DE FEBREIRO
TESOUROS DA BIBLIA | 1 CRÓNICAS 13-16
“Sigue a guía de Xehová e irache ben”
Pregúntaste “onde está o Señor”?
12 Unha vez que a arca do pacto volveu a Israel e despois de estar moitos anos en Quiriat-Iearim, o rei David quixo trasladala a Xerusalén. Consultou cos xefes do pobo e dixo que o faría se lles parecía ben e se Xehová o aprobaba. Pero non investigou ben para coñecer cal era a vontade de Deus sobre este asunto. Se o fixese, non colocaría a Arca sobre un carro senón que serían os levitas quehatitas os que a transportarían sobre os seus ombros, tal como Deus o mandara. Aínda que David acostumaba buscar a guía de Xehová, nesta ocasión non o fixo como debía. O resultado foi desastroso. El mesmo recoñeceu máis tarde: “Iavé, noso Deus, castigounos, porque non o fomos buscar como é debido” (1 Crónicas 13:1-3; 15:11-13; Números 4:4-6, 15; 7:1-9).
Pregúntaste “onde está o Señor”?
13 Cando os levitas por fin transportaron a Arca dende a casa de Obededom ata Xerusalén, cantouse unha canción composta por David que incluía este recordatorio sincero: “¡Acudide a Iavé e á súa forza, buscade sempre o seu rostro! ¡Lembrádevos das marabillas que fixo, dos seus prodixios, dos xuízos da súa boca!” (1 Crónicas 16:11, 12).
Xoias espirituais
w14 15/1 páx. 10 par. 14
Adoremos a Xehová, o Rei da eternidade
14 David levou a arca do pacto a Xerusalén. Durante esta alegre ocasión, os levitas cantaron unha canción a Xehová que incluía estas palabras: “Declarade entre as nacións: ‘Xehová chegou a ser Rei!’” (1Cr 16:31, TNM). Que interesante! Se Xehová é o Rei da eternidade, como pode ser que en certos momentos chegue a ser Rei? Xehová chega a ser Rei cando, nun momento determinado ou para encargarse dalgunha situación, usa a súa autoridade directamente ou asigna a alguén para que o represente. Este aspecto da súa soberanía ten unha gran transcendencia. Antes de que David morrese, Xehová prometeulle que o seu reinado continuaría indefinidamente. Díxolle: “Establecerei despois de ti un teu descendente, nado das túas entrañas, e farei firme o seu reino” (2Sa 7:12, 13). E así foi, xa que máis de 1000 anos despois apareceu ese “descendente” de David. De quen se trataba e cando se convertería en Rei?
(1 Crónicas 16:31, TNM) Que se alegren os ceos, que se alegre a terra; declarade entre as nacións: ‘Xehová chegou a ser Rei!’.
20-26 DE FEBREIRO
TESOUROS DA BIBLIA | 1 CRÓNICAS 17-19
“Mantén a alegría a pesar das desilusións”
w06 15/7 páx. 19 par. 1
Vexamos as cousas boas da organización de Xehová
David é un dos personaxes máis destacados das Escrituras Hebreas. Este pastor, músico, profeta e rei israelita confiaba totalmente en Xehová. Ademais, o gran cariño que sentía por El fixo que quixese construír unha casa para adoralo. Esa casa, ou templo, sería o centro da adoración verdadeira en Israel. Sabendo que o templo e todo o relacionado con el producirían alegría e moitos beneficios para o pobo de Deus, David cantoulle a Xehová: “Feliz o que ti elixes e acolles para morar nos teus adros. Fartarémonos cos bens da túa casa e coas ofrendas sagradas do teu templo” (Salmo 65:5 [65:4, TNM]).
w21.08 páx. 22 par. 11
Alegrémonos polo que podemos facer por Xehová
11 Podemos sentir máis alegría se nos esforzamos ó máximo en calquera tarefa que recibamos no noso servizo a Xehová. Dediquémonos por completo á predicación e participemos todo o que poidamos nas actividades da congregación (Fei 18:5; Heb 10:24, 25). Preparémonos ben para animar os demais cos nosos comentarios nas reunións. Tomemos en serio calquera intervención estudantil que se nos encargue na reunión de entre semana. Se nos piden axuda para facer algún traballo na congregación, sexamos puntuais e fiables. Non pensemos que certos labores teñen pouca importancia e que non merecen que lles dediquemos o noso tempo. Esforcémonos por mellorar as nosas habilidades (Pr 22:29). Canto máis ocupados esteamos nas nosas actividades e responsabilidades espirituais, máis rápido progresaremos e máis alegría sentiremos (Gál 6:4). Ademais, seranos máis fácil alegrarnos cando outros reciban unha responsabilidade que a nós nos gustaría ter (Rm 12:15; Gál 5:26, TNM).
Xoias espirituais
w20.02 páx. 12, recadro
Amamos o noso querido Pai Xehová
Fíxase Xehová en min?
“Dos miles de millóns de persoas que viven na Terra, por que se ía fixar Xehová en min?”. Se algunha vez te preguntaches isto, non es o único. O rei David escribiu: “¿Que é, Señor, o home, para que ti te ocupes del, o fillo do home, para que ti lle fagas caso?” (Sl 144:3). David estaba seguro de que Xehová o coñecía moi ben (1Cr 17:16-18). E hoxe, mediante a súa Palabra e a súa organización, Xehová confírmanos que se fixa no amor que lle mostramos. Fíxate nalgunhas ideas baseadas na Biblia que che poden axudar a estar convencido disto:
• Xehová fixouse en ti incluso antes de que naceses (Sl 139:16, TNM).
• Xehová sabe o que tes no corazón e o que estás pensando (1Cr 28:9).
• Xehová escoita persoalmente cada oración que lle fas (Sl 65:3 [65:2, TNM]).
• As túas accións inflúen en como se sente Xehová (Pr 27:11).
• Foi Xehová mesmo quen te acercou a el (Xn 6:44).
• Xehová coñécete tan ben que se morres vaite resucitar. Darache unha mente e un corpo novos pero os recordos e a personalidade serán os mesmos (Xn 11:21-26, 39-44; Fei 24:15).
27 DE FEBREIRO–5 DE MARZO
TESOUROS DA BIBLIA | 1 CRÓNICAS 20-22
“Axuda ós novos a que lles vaia ben”
w17.01 páx. 29 par. 8
Encárgalle estas cousas a homes fieis
8 Le 1 Crónicas 22:5. David podía pensar que Salomón non estaba capacitado para dirixir unha obra tan importante. O certo é que Salomón era novo e inexperto e o templo tiña que ser coñecido “pola grandeza, pola magnificencia e pola beleza”. Pero David sabía que Deus capacitaría a Salomón para levar a cabo o proxecto que se lle encargara. Así que se concentrou en como podía axudar e preparou unha gran cantidade de materiais.
w17.01 páx. 29 par. 7
Encárgalle estas cousas a homes fieis
7 David non deixou de apoiar o proxecto. Non lle deu voltas á idea de que o mérito pola construción non fose para el. De feito, ese edificio coñeceuse como o templo de Salomón, non de David. Pero aínda que é posible que David se sentise frustrado por non poder cumprir o seu desexo, el ofreceu todo o seu apoio para o proxecto. Organizou con entusiasmo grupos de traballo e xuntou ferro, cobre, prata, ouro e madeira de cedro. Ademais animou a Salomón dicíndolle: “Agora, pois, meu fillo, que o Señor sexa contigo, para que prosperes e edifíque-lo templo de Iavé, teu Deus, como el de ti declarou” (1Cr 22:11, 14-16).
w18.03 páx. 11 pars. 14, 15
Pais, estades axudando ós vosos fillos a progresar para chegar ó bautismo?
14 Os anciáns da congregación poden apoiar o traballo dos pais falando de maneira positiva sobre as metas espirituais. Unha irmá recorda que, cando tiña seis anos, o irmán Russell dedicou quince minutos a falar con ela sobre os seus obxectivos espirituais, algo que a impactou moito. Esta irmá foi pioneira durante máis de setenta anos. Isto dános unha idea do bo efecto que poden ter na vida dunha persoa o ánimo e os comentarios positivos (Pr 25:11). Outra cousa que poden facer os anciáns é pedirlles ós pais e ós seus fillos que participen nas tarefas do Salón do Reino, dándolles ós nenos tarefas apropiadas para a súa idade e capacidade.
15 Como poden axudar outros irmáns? Demostrando interese persoal polos rapaces da congregación dun xeito apropiado. Isto podería incluír estar atentos ós detalles que indiquen que están progresando. Por exemplo, algún mozo deu un comentario ben preparado coas súas palabras? Tivo unha intervención na reunión de entre semana? Enfrontouse a algunha proba? Aproveitou unha oportunidade para predicar na escola? Entón, non deixemos pasar a ocasión para felicitalo de corazón. Poñámonos como meta falar cos rapaces da congregación antes ou despois das reunións. Este tipo de iniciativas axudan a que se sintan parte da congregación (Sl 35:18).
Xoias espirituais
w05 1/10 páx. 11 par. 6
Ideas interesantes do libro de 1 Crónicas
21:13-15. Xehová mandoulle ó anxo que detivese a praga porque se compadeceu do sufrimento do seu pobo. Está claro que Deus “é grande en misericordia”.