BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • mwbr23 setembro páxs. 1-10
  • Fontes de información para o “Caderno de Estudo Vida e Actividades”

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Fontes de información para o “Caderno de Estudo Vida e Actividades”
  • Fontes de información para o Caderno de Estudo Vida e Actividades (2023)
  • Subtítulos
  • 4-10 DE SETEMBRO
  • 11-17 DE SETEMBRO
  • 18-24 DE SETEMBRO
  • 25 DE SETEMBRO–1 DE OUTUBRO
  • 2-8 DE OUTUBRO
  • 9-15 DE OUTUBRO
  • 16-22 DE OUTUBRO
  • 23-29 DE OUTUBRO
  • 30 DE OUTUBRO–5 DE NOVEMBRO
Fontes de información para o Caderno de Estudo Vida e Actividades (2023)
mwbr23 setembro páxs. 1-10

Fontes de información para o Caderno de Estudo Vida e Actividades

© 2023 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania

4-10 DE SETEMBRO

TESOUROS DA BIBLIA | ESTER 1-2

“Esfórzate por ser humilde coma Ester”

w17.01 páx. 25 par. 11

Podemos ser modestos cando se nos pon a proba

11 A nosa modestia pode poñerse a proba cando recibimos moitos eloxios. Pensemos na excelente reacción de Ester cando a súa vida cambiou de repente. Ela era moi guapa e durante un ano recibiu tratamentos moi caros e de gran calidade. Estaba rodeada de moitas mulleres novas de todo o Imperio Persa que competían pola atención do rei. Aínda así, ela mantívose tranquila e respectuosa. Non se fixo presumida nin deixou de ser modesta, incluso cando o rei a escolleu como raíña (Ester 2:9, 12, 15, 17).

ia páx. 130 par. 15

Defendeu o pobo de Deus

15 Cando chegou o momento de que Ester se presentase ante o rei, ela puido escoller calquera cousa que quixese para estar máis guapa. Pero como era moi modesta, só se puxo o que Hegué lle recomendou (Ester 2:15). É probable que se dese conta de que non chegaría coa súa beleza para ganar o corazón do rei, senón que necesitaría ser humilde e modesta para destacar na corte. Tiña razón?

w17.01 páx. 25 par. 12

Podemos ser modestos cando se nos pon a proba

12 A modestia axúdanos a manter sempre unha vestimenta, un arranxo persoal e un comportamento decentes e respectables. Tamén nos axuda a darnos conta de que, para ganar o corazón da xente, non fai falta chamar a atención sobre nós mesmos, senón mostrar un “espírito agarimoso e sereo” (le 1 Pedro 3:3, 4; Xer 9:22, 23 [23, 24, TNM]). Chegará o momento no que as nosas accións mostren os sentimentos egoístas do noso corazón. Por exemplo, poderiamos dar a entender que temos privilexios especiais, acceso a información confidencial ou unha amizade estreita con irmáns con moitas responsabilidades. Ou quizais expliquemos as cousas de tal xeito que nos levemos todo o mérito por algunha idea ou logro na que tamén participaron outras persoas. De novo, podemos aprender moito da modestia de Xesús. Gran parte do que dixo era unha alusión ou unha cita das Escrituras Hebreas. Facíao así para que a xente entendese que o que ensinaba non era froito da súa intelixencia ou sabedoría, senón que viña de Xehová (Xn 8:28).

11-17 DE SETEMBRO

TESOUROS DA BIBLIA | ESTER 3-5

“Axuda ós demais a dar o mellor de si mesmos”

it-2 páx. 313 par. 7

Mardoqueo

Négase a inclinarse ante Hamán. Despois, Axuero nomeou primeiro ministro a Hamán o agaguita, e ordenou que tódolos que estaban diante da porta do rei se inclinasen ante el en recoñecemento do importante posto que acababa de recibir. Mardoqueo negouse firmemente a facelo porque afirmaba ser xudeu (Est 3:1-4). Esta reacción demostraba que tiña unha relación con Xehová como xudeu dedicado. El comprendeu que axeonllarse ante Hamán significaba moito máis que inclinarse ante unha persoa importante para recoñecer a súa posición superior como gobernante, como fixeran os israelitas no pasado (2Sa 14:4; 18:28; 1Re 1:16). Neste caso Mardoqueo tiña unha boa razón para non axeonllarse. Hamán posiblemente era amalequita, e Xehová dixera que estaba en guerra con Amalec “de xeración en xeración” (Éx 17:16). Era unha cuestión de integridade a Deus, e non unha cuestión política por parte de Mardoqueo.

it-2 páx. 313 par. 9

Mardoqueo

Foi usado para liberar a Israel. Ante o decreto de aniquilar a tódolos xudeus do imperio, Mardoqueo demostrou que estaba convencido de que Ester fora nomeada raíña xusto nese momento para liberar os xudeus. Axudou a Ester a comprender a gran responsabilidade que tiña e díxolle que lle suplicase ó rei o seu favor e axuda. Ester estivo disposta a seguir adiante aínda que iso significase arriscar a súa vida (Est 4:7–5:2).

ia páx. 133 par. 22, 23

Defendeu o pobo de Deus

22 Cando Ester escoitou a mensaxe, rompéuselle o corazón. Esta era a maior proba de fe á que tería que enfrontarse en toda a súa vida. Na resposta que lle deu a Mardoqueo admitiu que tiña medo porque, tal e como lle recordou, a lei persa ordenaba que todo aquel que se presentase diante do rei sen que antes o chamase tería que ser executado. Só podería sobrevivir se o rei estendía sobre el o seu cetro de ouro para perdoalo. Podería esperar Ester que o rei tivese clemencia con ela, sobre todo despois do que lle pasou a Vaxtí cando se negou a obedecer a orde de presentarse diante do rei? Ademais, Ester contoulle a Mardoqueo que xa pasaran 30 días desde a última vez que o rei a chamara, polo que era posible que o rei xa comezase a perder o interese nela (Est 4:9-11).

23 Mardoqueo respondeu con firmeza porque quería fortalecer a fe de Ester. Aseguroulle que Xehová salvaría os xudeus a través dela ou por calquera outro medio. Ademais, podería esperar salvarse cando a persecución se fixese máis intensa? Desta maneira, Mardoqueo demostrou que confiaba plenamente en Xehová, un Deus que sempre cumpre as súas promesas e que nunca permitiría que o seu pobo fose aniquilado (Xos 23:14). Por último, preguntoulle a Ester: “¿Quen sabe se para un momento coma este chegaches a ser raíña?” (Est 4:12-14). Canta fe e confianza en Deus demostrou Mardoqueo! Podería dicirse o mesmo de nós? (Pr 3:5, 6, TNM)

Xoias espirituais

kr páx. 160 par. 14

A loita pola liberdade para adorar a Xehová

14 Igual que fixeron Ester e Mardoqueo no pasado, hoxe o pobo de Xehová loita pola liberdade para adoralo, tal e como el mandou (Est 4:13-16). Podes axudar nesta loita? Si. Ora con regularidade polos teus irmáns que están sufrindo debido a inxustizas legais. Esas oracións poden darlles unha poderosa axuda cando pasen por dificultades e persecución (le Santiago 5:16). Responde Xehová estas oracións? As nosas vitorias nos tribunais demostran que si (Heb 13:18, 19).

18-24 DE SETEMBRO

TESOUROS DA BIBLIA | ESTER 6-8

“Imitemos o seu exemplo ó falar”

ia páx. 140 pars. 15, 16

Actuou con sabedoría, valor e altruísmo

15 Debido a que Ester foi paciente e esperou un día máis para presentar a súa solicitude diante do rei, Hamán tivo tempo para preparar a súa propia caída. Tamén é probable que Xehová fose o causante do insomnio do rei (Pr 21:1). É por iso que a Biblia nos anima a esperar pacientemente (le Miqueas 7:7, TNM). Cando deixamos as cousas nas mans de Xehová, descubrimos que as súas solucións ós nosos problemas son moito mellores que calquera outra cousa que puidésemos facer por nós mesmos.

Foi valente e falou

16 Ester non quere seguir poñendo a proba a paciencia do rei, así que decide contarlle todo no segundo banquete. Pero, como podería facelo? O propio rei dálle a solución cando volve preguntarlle se ten algunha petición (Est 7:2). Por fin chegara o “tempo para falar”.

ia páx. 140 par. 17

Actuou con sabedoría, valor e altruísmo

17 Podemos imaxinar a oración que Ester lle fixo en silencio a Xehová antes de responderlle ó rei o seguinte: “Meu rei, se achei gracia ós teus ollos, e se ó rei lle prace, concédaseme a miña vida: esta é a miña petición; e a vida do meu pobo: este é o meu anceio” (Est 7:3). Fixémonos en que lle asegura ó rei que respectará a súa decisión. Que diferente foi a actitude de Ester en comparación ca anterior raíña Vaxtí, que humillara o seu marido a propósito! (Est 1:10-12) Ademais, Ester non critica o rei pola imprudencia de confiar en Hamán, senón que lle suplica que a protexa porque a súa vida corre perigo.

ia páx. 141 pars. 18, 19

Actuou con sabedoría, valor e altruísmo

18 Está claro que a petición de Ester conmoveu e sorprendeu o rei. Quen se atrevería a poñer en perigo a vida da raíña? Ester continúa dicindo: “Fomos vendidos eu e o meu pobo, para sermos borrados, aniquilados e exterminados. Se soamente fósemos vendidos como escravos ou servas, eu quizais calaría, porque esta desgracia non prexudicaría tanto ó rei” (Est 7:4). Ester dixo con sinceridade cal era o problema, pero tamén engadiu que non lle tería dito nada se ela e mailo seu pobo só fosen vendidos coma escravos. Pero tiña que falar co rei porque este exterminio tamén o prexudicaría a el.

19 Ester soubo tratar un asunto delicado con sabedoría e tacto, usando un razoamento convincente. Se algunha vez tes que tratar un asunto serio cun ser querido ou cunha persoa con autoridade, a combinación de paciencia, respecto e sinceridade pode serche moi útil (Pr 16:21, 23).

Xoias espirituais

w06 1/3 páx. 11 par. 1

Ideas interesantes do libro de Ester

7:4. Como “prexudicaría tanto ó rei” a aniquilación dos xudeus? Cando Ester mencionou con tacto que existía a posibilidade de vender os xudeus como escravos, mostroulle ó rei que a destrución dos xudeus ía prexudicalo. As 10.000 pezas de prata que Hamán lle prometera era moito menos do que podería ganar o rei para o seu tesouro se Hamán vendese os xudeus como escravos. Ademais, levar a cabo este plan tamén significaría perder a raíña.

25 DE SETEMBRO–1 DE OUTUBRO

TESOUROS DA BIBLIA | ESTER 9-10

“Usou a súa autoridade para axudar ó pobo”

it-2 páx. 314 par. 3

Mardoqueo

Mardoqueo substituíu a Hamán como primeiro ministro e recibiu o anel de selar do rei para selar os documentos do Estado. Despois de que o rei lle dera a Ester a casa de Hamán, ela puxo a Mardoqueo ó seu cargo. Entón, Mardoqueo usou a autorización que recibiu do rei para emitir un decreto que lle dera ós xudeus o dereito a defenderse, todo o contrario do anterior decreto. Aquilo supuxo para os xudeus un sinal de liberación e alegría. Moitos do Imperio Persa aliáronse cos xudeus e cando chegou o 13 de adar, o día no que as leis entraban en vigor, os xudeus estaban preparados. As autoridades puxéronse de parte deles debido ó importante posto de Mardoqueo. En Xuxán, a loita prolongouse un día máis. Por todo o Imperio Persa deuse morte a máis de 75.000 inimigos dos xudeus, entre os que estaban os dez fillos de Hamán (Est 8:1–9:18). Coa aprobación de Ester, Mardoqueo mandou celebrar tódolos anos a festa dos días 14 e 15 de adar, os “días do Purim”, para alegrarse, comer e facerse regalos uns ós outros e tamén ós pobres. Os xudeus aceptaron esa festa e impuxéronlla ós seus descendentes e a tódolos que se unían a eles. Como segundo gobernante do imperio, Mardoqueo tivo o respecto do pobo dedicado a Deus, dos xudeus, e continuou traballando polo ben deles (Est 9:19-22, 27-32; 10:2, 3).

it-2 páx. 765 par. 1

Purim

Propósito. Aínda que algúns comentaristas afirman que a festa de Purim que celebran os xudeus na actualidade ten unha natureza pagá e moitas veces ten excesos, non era así cando se instituíu. Tanto Mardoqueo coma Ester eran servos do Deus verdadeiro, e a festa fíxose para honralo. Debido á integridade de Mardoqueo e a que só adoraba a Xehová, a liberación dos xudeus pode atribuírselle a Deus. É posible que Hamán fose de Amalec, unha nación que Xehová maldixera e condenara á destrución. Mardoqueo obedeceu o mandamento de Deus e negouse a inclinarse ante Hamán (Est 3:2, 5; Éx 17:14-16). Ademais, as palabras de Mardoqueo a Ester (Est 4:14) mostran que esperaba que unha forza superior salvase os xudeus. Da mesma forma, o xaxún que Ester fixo antes de presentarse ante o rei para pedirlle que asistise a un banquete, demostra que buscaba a axuda de Xehová (Est 4:16).

cl páxs. 101-102 pars. 12, 13

Imitemos a Deus ó usar o poder

12 Xehová proporcionou os superintendentes ou anciáns para dirixir a congregación cristiá (Hebreos 13:17). Estes irmáns ben preparados deben usar a autoridade que Xehová lles deu para coidar da congregación e axudar ás ovelliñas a estar cerca de Xehová. Pero, dálles iso o dereito de controlar os irmáns coma se fosen os xefes da congregación? Por suposto que non! Os anciáns teñen que ser humildes e saber o que Xehová espera deles (1 Pedro 5:2, 3). A Biblia dilles ós anciáns que deben pastorear a congregación “que Deus comprou co sangue do seu propio Fillo” (Feitos 20:28). Sen dúbida esta é unha razón moi importante para tratar con moito cariño a tódalas ovelliñas da congregación.

13 Vexamos un exemplo. Imaxina que un bo amigo che pide que coides algo que valora moito e que lle valeu moitos cartos. Terías moito coidado con el, non si? Da mesma forma, Deus pídelles ós anciáns que coiden de algo moi importante para el: os irmáns da congregación (Xoán 21:16, 17). Xehová quéreos tanto que pagou por eles o prezo máis alto que podería pagar: o precioso sangue do seu fillo unixénito, Xesucristo. Os anciáns recordan isto con humildade e por iso tratan as ovellas de Xehová con moito cariño.

Xoias espirituais

w06 1/3 páx. 11 par. 4

Ideas interesantes do libro de Ester

9:10, 15, 16. Aínda que o decreto autorizaba que os xudeus se quedasen cos bens daqueles homes, por que non o fixeron? Negáronse a facelo porque o seu propósito era protexerse, non facerse ricos.

2-8 DE OUTUBRO

TESOUROS DA BIBLIA | XOB 1-3

“Segue demostrando canto amas a Xehová”

w18.02 páx. 6 pars. 16, 17

Imitemos a fe e a obediencia de Noé, Daniel e Xob

16 Os problemas ós que se enfrontou Xob. Xob pasou por grandes cambios na súa vida. Antes da súa proba, “era o máis rico dos orientais” (Xob 1:3). Tiña moitos bens materiais, era unha persoa moi coñecida e os demais respectábano (Xob 29:7-16). Aínda así, non pensaba que fose superior ós demais ou que non necesitase a Deus. De feito, Xehová chamouno “meu servo” e dixo que era “íntegro e xusto, temeroso de Deus e arredado do mal” (Xob 1:8).

17 Pero, nun instante, a súa vida cambiou por completo. Perdeuno todo, e sentiuse tan deprimido que quería morrer. Claro, sabemos que o culpable foi Satanás, quen o acusou falsamente de adorar a Xehová por puro interese (le Xob 1:9, 10). Xehová tomou moi en serio esa malvada acusación. Deulle a Xob a oportunidade de demostrar que era leal e que o servía cun amor puro e sincero.

w19.02 páx. 5 par. 10

Mantén a túa integridade

10 Que relación temos cada un de nós co que dixo Satanás sobre Xob? Satanás afirma que non queremos de verdade a Xehová, que deixaremos de servilo con tal de salvar a nosa vida e que en realidade non somos íntegros (Xob 2:4, 5; Ap 12:10). Como che fai sentir isto? Doe, verdade? Pero pensemos en que Xehová confía tanto en nós que deixa que Satanás nos probe. Así dános a oportunidade de demostrar que realmente somos íntegros e que el é un mentireiro (Heb 13:6). Que privilexio contar coa confianza do Rei do universo! Ves por que é tan importante ser íntegros? Desta maneira demostramos que as acusacións de Satanás non son máis que mentiras e defendemos o nome e a forma de gobernar do noso Pai Xehová. Entón, como podemos fortalecer o noso desexo de ser íntegros?

Xoias espirituais

w21.04 páx. 11 par. 9

Que aprendemos das últimas palabras de Xesús?

9 Que dixo Xesús? Pouco antes de morrer, Xesús berrou: “Meu Deus, meu Deus, ¿por que me abandonaches?” (Mt 27:46). A Biblia non explica por que dixo isto Xesús, pero pensemos no que nos ensina. Por un lado, Xesús cumpriu a profecía do Salmo 22:2 (22:1, TNM), e por outro, as súas palabras deixan claro que Xehová non puxo “un cerco protector” arredor do seu fillo (Xob 1:10, TNM). Xesús entendeu que seu pai o deixou nas mans dos seus inimigos para que el puidese demostrar a súa fe ata a morte, coma ningún outro ser humano fixera nunca. Ademais, estas palabras confirman que non cometera ningún delito polo que merecese morrer.

9-15 DE OUTUBRO

TESOUROS DA BIBLIA | XOB 4-5

“Coidadiño coa información falsa”

w05 15/9 páx. 26 par. 2

Resistamos os malos pensamentos

Elifaz recordou unha experiencia sobrenatural que tivo e contou: “Un espírito pasou diante de min; arrepiáronseme na pel os pelos. Estaba alí —eu non o coñecía— unha figura diante dos meus ollos; fíxose a calma; entón oín a voz” (Xob 4:15, 16). Que clase de espírito influíu na forma de pensar de Elifaz? O ton crítico que usou nas súas seguintes palabras deixan claro que non era un dos anxos de Xehová (Xob 4:17, 18). Senón, por que reprendería Xehová a Elifaz e ós seus dous compañeiros por dicir mentiras? (Xob 42:7) Elifaz estaba baixo a influencia dos demos e os seus comentarios confirmárono.

w10 15/2 páx. 19 pars. 5, 6

Resistamos a propaganda de Satanás

Satanás utilizou a Elifaz, un dos tres supostos amigos que foron visitar a Xob, para dicir que os seres humanos somos tan débiles que non podemos resistir as probas. Elifaz dixo que “moran en casoupas de lama”. Tamén dixo: “Teñen no po os seus fundamentos, que se poden esmagar coma a traza! Entre a mañá e a noite esmáganos, morren para sempre sen se decataren” (Xob 4:19, 20).

É certo que na Biblia tamén se nos compara a “vasos de barro” (2Co 4:7). Somos débiles por culpa do pecado e a imperfección que herdamos de Adam (Rm 5:12). Por iso, se estivésemos sós, non poderiamos soportar os ataques de Satanás. Pero temos que recordar que os cristiáns contamos coa axuda de Xehová e, a pesar dos nosos defectos, somos moi valiosos para el (Is 43:4). Ademais, se llo pedimos, dános o seu espírito santo (Lc 11:13). Grazas a iso, temos “esa forza tan extraordinaria” que nos permite aguantar os ataques de Satanás (2Co 4:7; Flp 4:13). Así que, se nos poñemos en contra de Satanás e estamos “firmes na fe”, Deus faranos firmes e fortes (1Pe 5:8-10). Non temos por que ter medo a Satanás!

Xoias espirituais

w03 15/5 páx. 22 pars. 5, 6

Sigamos correndo para ganar a carreira da vida

A nosa organización mundial axúdanos a manternos firmes. É un regalo poder ser parte desta amorosa irmandade (1 Pedro 2:17). Nós podemos axudarlles ós nosos irmáns a que estean firmes.

Pensemos no exemplo de Xob. Incluso o seu mal amigo Elifaz dixo: “Erguiches coas túas palabras ós caídos, e sostíña-los xeonllos que amolecían” (Xob 4:4). Somos coma el? Cada un de nós ten a responsabilidade de axudarlles ós demais a seguir servindo a Xehová. Cando esteamos con eles, poñamos en práctica as seguintes palabras: “Fortalecede as mans adormecidas, e ponde firmes os xeonllos que tremen” (Isaías 35:3). Por que non nos poñemos como meta fortalecer e animar a un irmán ou dous en cada reunión? (Hebreos 10:24, 25) Podemos usar palabras animadoras, felicitalos e darlles as grazas por esforzarse tanto por servir a Xehová. Así axudarémoslles a seguir correndo na carreira da vida.

16-22 DE OUTUBRO

TESOUROS DA BIBLIA | XOB 6-7

“Cando sentes que a vida é insoportable”

w06 15/3 páx. 14 par. 10

Ideas interesantes do libro de Xob

7:1; 14:14 (TNM). Que significa “servizo obrigatorio”? A angustia de Xob era tan grande que para el a vida era coma un problema tras outro (Xob 10:17, TNM). Cando un ser humano morre, está obrigado a permanecer no Xeol ata que resucita. Por iso Xob comparouno a un servizo obrigatorio.

w20.12 páx. 16 par. 1

Xehová salva os que están afundidos no desánimo

É normal que ás veces nos sintamos desanimados ó pensar que temos unha vida curta e chea de problemas (Xob 14:1). Moitos servos de Xehová no pasado sentíronse igual. Incluso algúns quixeron morrer (1Re 19:2-4; Xob 3:1-3, 11; 7:15, 16). Pero Xehová sempre os animou e fortaleceu. Ademais, fixo que as súas historias quedasen escritas na Biblia para darnos consolo e ensinarnos (Rm 15:4).

g 1/12 páxs. 16-18

Cando sentes que non queres vivir

Aínda que a túa situación pareza que non se pode solucionar, recorda que non estas só e que todos temos problemas. A Biblia di que “toda a creación vén xemendo ata hoxe” e senten moita dor (Romanos 8:22). Se agora pensas que ese problema non se solucionará nunca, recorda que normalmente as cousas melloran co tempo. Mentres tanto, que podes facer?

Cóntalle a un amigo maduro e de confianza como te sentes. A Biblia di: “O verdadeiro amigo ama en todo momento e é un irmán en tempos de angustia” (Proverbios 17:17, TNM). O xusto Xob abriulle o seu corazón a outros durante unha proba de moito sufrimento. Cando lle daba “noxo a vida”, dixo: “Vou dar ó vento o meu laio, hei falar con corazón amargo” (Xob 10:1). Falar con outros pode calmar as túas emocións e axudarche a ver os problemas desde unha perspectiva diferente.

Ábrelle o teu corazón a Xehová en oración. Algúns pensan que a oración é un engano psicolóxico, pero a Biblia di algo moi diferente. Falando de Xehová, Salmos 65:3 (65:2, TNM) di: “A ti que escóita-la oración”, e 1 Pedro 5:7 asegura que “El coida de vós”. A Biblia destaca a importancia da confianza en Deus. Por exemplo:

“Confía en Xehová con todo o teu corazón e non te apoies no teu propio entendemento. Tómao en conta en tódolos teus camiños, e el fará rectas as túas sendas” (Proverbios 3:5, 6, TNM).

“El cumpre a vontade dos que o temen, escoita o seu pranto e socórreos” (Salmos 145:19).

“Cando acudimos a el, estamos certos de que nos escoita, se o que lle pedimos está conforme coa súa vontade” (1 Xoán 5:14).

“Apártase o Señor dos perversos, pero escoita a pregaria dos xustos” (Proverbios 15:29).

Se lle contas a Xehová os teus problemas, el axudarache. Por iso, a Biblia anímanos a confiar sempre nel e a que desafoguemos “diante del o corazón” (Salmos 62:9 [62:8, TNM]).

Xoias espirituais

w20.04 páx. 17 par. 10

Mostra interese e sé compasivo

10 Podes imitar a Xehová intentando comprender ós demais. Coñece mellor ós teus irmáns. Fala con eles antes e despois das reunións, sae a predicar con eles e, se podes, invítaos a comer. Ó facelo, poida que descubras que unha irmá que parecía antipática en realidade é tímida, que un irmán que pensabas que era materialista é moi xeneroso, ou que unha familia que normalmente chega tarde ás reunións está soportando oposición (Xob 6:29, TNM). Iso non significa que haxa que “meterse en asuntos alleos” (1Ti 5:13, TNM). Pero é bo que saibas algo dos teus irmáns e das situacións que influíron na súa forma de ser.

23-29 DE OUTUBRO

TESOUROS DA BIBLIA | XOB 8-10

“O amor leal de Xehová protéxenos das mentiras de Satanás”

w15 1/7 páx. 12 par. 3

Podemos agradarlle a Deus?

Xob sufriu moitos problemas persoais que lle pareceron tan inxustos que chegou a pensar que a Xehová lle daba igual se lle obedecía ou non, algo totalmente incorrecto (Xob 9:20-22). Ademais, Xob estaba tan seguro de que era un home xusto que quen o escoitaba tiña a impresión de que se cría máis xusto que o propio Xehová (Xob 32:1, 2; 35:1, 2).

w21.11 páx. 6 par. 14

Que significa para nós o amor leal de Xehová?

14 O amor leal de Xehová protéxenos espiritualmente. David díxolle a Xehová en oración: “Ti es para min un lugar onde esconderme; protexerasme da angustia. Rodearasme con alegres gritos de liberación. [...] Ó que confía en Xehová rodéao o seu amor leal” (Sl 32:7, 10, TNM). Igual que as murallas que rodeaban unha cidade no pasado protexían á xente, o amor leal de Xehová é coma unha muralla que nos rodea e nos protexe en sentido espiritual. Ademais, este amor acércanos a el (Xer 31:3).

Xoias espirituais

w10 15/10 páxs. 6-7 pars. 19, 20

“Quen chegou a coñecer a mente de Xehová?”

19 Que aprendemos sobre a mente de Xehová? Que para entender a súa forma de pensar, temos que acudir á Biblia. Nunca deberiamos poñerlle a Xehová as mesmas limitacións que temos os seres humanos, nin xulgalo segundo as nosas normas e opinións. Xob dixo: “Pois non é el [Deus] un home coma min para dicirlle: Imos xuntos a xuízo” (Xob 9:32). Igual ca Xob, cando empezamos a entender a mente de Xehová non podemos evitar dicir: “Isto non é máis cá ladeira do seu poder. Só é un pequeno murmurio o que del oímos. ¿Quen entenderá o trebón do seu poder?” (Xob 26:14).

20 Cando lemos a Biblia, que deberiamos facer se encontramos un texto que non comprendemos, sobre todo se fala sobre a forma de pensar de Xehová? Temos que investigar sobre o tema. Pero, se aínda así temos dúbidas, podemos velo coma unha proba da nosa fe. Temos que recordar que na Biblia hai textos que nos dan a oportunidade de demostrar que confiamos en Xehová. Sexamos humildes e recoñezamos que non podemos entender todo o que el fai (Ecl 11:5). Así estaremos de acordo co que dixo o apóstolo Paulo: “¡Que fondos son a riqueza, a sabedoría e o coñecemento de Deus! ¡Que inescrutables son os seus xuízos e inexplorables os seus camiños! Pois ¿quen coñeceu a mente do Señor? Ou ¿quen foi o seu conselleiro? ¿Quen lle emprestou algo, para que El llo teña que devolver? Del saíron, por El e para El existen tódalas cousas. A El a gloria polos séculos. Amén” (Rm 11:33-36).

30 DE OUTUBRO–5 DE NOVEMBRO

TESOUROS DA BIBLIA | XOB 11-12

“Tres maneiras de obter sabedoría e beneficiarte dela”

w09 15/4 páx. 6 par. 17

Xob elevou o nome de Xehová

17 Que lle axudou a Xob a ser fiel? Sen dúbida foi que cultivou unha amizade moi estreita con Xehová antes de que chegaran os problemas. Aínda que non temos probas de que Xob soubese que Satanás desafiara a Xehová, el estaba decidido a ser íntegro. Dixo: “¡Deica expirar non cederei na miña integridade!” (Xob 27:5). Como chegou a ter esta relación tan especial con Deus? Sen dúbida, el valoraba o que escoitara sobre o trato que Xehová lles dera ós seus parentes, como por exemplo a Abraham, Isaac e Xacob. Ademais, puido aprender moito da personalidade de Xehová ó observar a creación (le Xob 12:7-9, 13, 16).

w21.06 páxs. 10-11 pars. 10-12

Con Xehová nunca estamos sós

10 Faite amigo de irmáns fieis. Busca amigos na congregación dos que poidas aprender, aínda que non teñan a mesma idade ca ti ou teñan un pasado diferente ó teu. A Biblia recórdanos que “anda entre os vellos o saber” (Xob 12:12). Pero os maiores tamén poden aprender moito dos rapaces fieis. David era moito máis novo ca Ionatán, pero fixéronse moi bos amigos (1Sa 18:1). Axudáronse entre si a servir a Xehová cando pasaron por problemas (1Sa 23:16-18). Irina, unha irmá que é a única Testemuña de Xehová da súa familia, di: “Os nosos irmáns espirituais poden chegar a ser verdadeiros pais e irmáns. Xehová pode facer que sexan a familia que necesitamos”.

11 Facer novos amigos pode ser difícil, sobre todo se es tímido. Ratna, unha irmá tímida que aprendeu a verdade a pesar da oposición, admite: “Tiven que aceptar que necesitaba o apoio e a axuda da miña familia espiritual”. É posible que se nos faga difícil contarlle a outra persoa como nos sentimos, pero facelo é a base dunha boa amizade. Os teus amigos queren animarte e apoiarte, pero necesitan que lles digas como poden facelo.

12 Unha das mellores formas de facer amigos é saíndo a predicar cos teus irmáns. Carol, da que falamos antes, di: “Conseguín facer moi bos amigos ó pasar tempo con eles na predicación e noutras actividades teocráticas. Ó longo destes anos, Xehová usou esas amizades para apoiarme”. Está claro que vale a pena esforzarse por facerte amigo de irmáns fieis. Xehová úsaos para axudarnos cando pasamos por momentos difíciles, por exemplo, cando nos sentimos sós (Pr 17:17).

it-2 páx. 883 par. 5

Sabedoría

Sabedoría divina. A sabedoría absoluta só a ten Xehová. El é “o único sabio” (Rm 16:27; Ap 7:12). O coñecemento é a comprensión dos feitos, e como Xehová é o Creador e existe “desde sempre e por sempre” (Sl 90:1, 2), el é o único que sabe absolutamente todo sobre o universo, como a súa composición, o seu contido e a súa historia ata agora. Tódolos ciclos, leis e normas físicas nas que os homes se basean cando fan a súas investigacións e os seus inventos veñen de Deus e, sen iso, non terían unha base sólida sobre a que traballar e non poderían facer nada (Xob 38:34-38; Sl 104:24; Pr 3:19; Xer 10:12, 13). As súas normas morais son aínda máis necesarias para a estabilidade, o bo xuízo e o éxito da humanidade (Dt 32:4-6). El enténdeo todo (Is 40:13, 14). Durante algún tempo pode permitir que sucedan, ou incluso prosperen, certas cousas que van en contra da súa vontade. Pero o futuro depende del e, ó final, fará a súa vontade e cumprirase con éxito (Is 55:8-11; 46:9-11).

Xoias espirituais

w08 1/8 páx. 11 par. 5

A comunicación cos adolescentes

▪ “Entendo o que de verdade quere dicir?” Xob 12:11 di: “¿Non é o oído o que distingue as palabras? ¿Non é o padal o que saborea a comida?”. Agora máis ca nunca tes que entender as palabras do teu fillo. Os adolescentes normalmente utilizan palabras como “sempre” ou “nunca”. Por exemplo, o teu fillo quizais diga: “Sempre me tratas coma a un neno!” ou “Nunca me escoitas!”. En vez de fixarte nas palabras “sempre” e “nunca”, intenta pensar que o teu fillo non está falando de maneira literal. Por exemplo, “Sempre me tratas coma a un neno” pode que signifique “Sinto que non confías en min”, e “Nunca me escoitas” pode significar “Gustaríame que entendeses como me sinto de verdade”. Intenta pensar no que de verdade quere dicir o teu fillo.

    Publicacións en galego (1993-2025)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir