Fontes de información para o Caderno de Estudo Vida e Actividades
© 2024 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
3-9 DE MARZO
TESOUROS DA BIBLIA PROVERBIOS 3
Demostra que confías en Xehová
Proverbios 3:5, 6 | “Non te apoies na propia intuición”
“Confía no Señor con todo o teu ser”. Demostramos que confiamos en Deus cando facemos as cousas á súa maneira. Temos que confiar completamente en Deus, con todo o noso ser ou corazón. Na Biblia, polo xeral, úsase a palabra corazón para referirse á persoa que somos por dentro. Isto inclúe as nosas emocións, motivos, pensamentos e actitudes. Por iso, confiar en Deus con todo o noso corazón é máis que un sentimento, é unha decisión que tomamos porque estamos completamente convencidos de que o noso Creador sabe que é o mellor para nós (Romanos 12:1).
“Non te apoies na propia intuición”. Necesitamos confiar en Deus porque non podemos depender da nosa intuición, ou entendemento, que é imperfecto. Se tomamos decisións pola nosa conta ou baseándonos só nos nosos sentimentos, poida que ó final nos traian moitos problemas aínda que ó principio parezan boas decisións (Proverbios 14:12; Xeremías 17:9). Ademais, Deus é moito máis sabio ca nós (Isaías 55:8, 9). Se nos deixamos guiar por el, iranos ben na vida (Salmo 1:1-3; Proverbios 2:6-9; 16:20).
Proverbios 3:5, 6 | “Non te apoies na propia intuición”
“Teno en conta en tódolos teus camiños”. Deberiamos ter en conta o que Deus opina sobre cada aspecto importante da nosa vida e tamén cando tomemos calquera decisión importante. Isto podemos conseguilo se lle pedimos en oración que nos guíe e se seguimos os consellos que nos dá na Biblia (Salmo 25:4; 2 Timoteo 3:16, 17).
“El achanzará os teus vieiros”. Deus achanza, ou fai rectos, os nosos vieiros axudándonos a vivir segundo as súas xustas normas (Proverbios 11:5). Facendo iso, aforrámonos moitos problemas e somos moito máis felices (Salmo 19:8, 9 [19:7, 8, TNM]; Isaías 48:17, 18).
be páx. 76 par. 5
Non deixes de progresar
Despois de pasar por moitas circunstancias na vida, quizais algunha persoa tenda a pensar: “Xa pasei por isto antes. Sei o que teño que facer”. Pero, é prudente esta actitude? Proverbios 3:7 advirte: “Non te teñas por sabio”. Está claro que a experiencia debería axudarnos a ver mellor os diferentes factores cando nos enfrontamos a algún problema. Pero se progresamos en sentido espiritual, as experiencias polas que pasamos tamén deberían gravarnos na mente e no corazón que a bendición de Xehová é imprescindible para que nos vaia ben na vida. Polo tanto, o noso progreso non se ve pola confianza que temos en nós mesmos á hora de enfrontarnos ás dificultades, senón polo dispostos que esteamos a buscar a guía de Xehová na nosa vida. Demóstrase pola convicción que temos de que nada sucede sen o permiso do noso Pai celestial, e pola relación de confianza e cariño que mantemos con el.
Xoias espirituais
w06 15/9 páx. 17 par. 7
Ideas interesantes do libro de Proverbios
3:3. Debemos valorar moito cualidades como o amor leal e a fidelidade e sentirnos orgullosos de manifestalas, coma se levásemos un colar de gran valor. Tamén é necesario que as gravemos no noso corazón, converténdoas nunha parte fundamental da nosa personalidade.
10-16 DE MARZO
TESOUROS DA BIBLIA PROVERBIOS 4
Protexe o teu corazón
w19.01 páx. 15 par. 4
Como podes protexer o teu corazón?
4 En Proverbios 4:23 úsase o termo “corazón” para referirse ó interior, ou á intimidade, dunha persoa (le Salmo 51:8, [51:6, TNM]). Noutras palabras, o “corazón” representa os nosos pensamentos, sentimentos, motivos e desexos. Non é o que parecemos ser por fóra, senón o que somos de verdade por dentro, no noso interior.
w19.01 páx. 17 pars. 10, 11
Como podes protexer o teu corazón?
10 Se queremos protexer o corazón, debemos ser capaces de identificar os perigos e reaccionar con rapidez. O termo “gardar”, ou protexer, que aparece en Proverbios 4:23 recórdanos os sentinelas dos tempos do rei Salomón. Estes homes facían garda sobre as murallas da cidade e, cando vían que se acercaba un perigo, daban a voz de alarma. Esta imaxe mental axúdanos a entender o que debemos facer para impedir que Satanás nos corrompa a mente.
11 Na antigüidade, os sentinelas colaboraban cos porteiros da cidade (2Sa 18:24-26). Xuntos protexíana asegurándose de que as portas estivesen pechadas cando se acercaba un inimigo (Neh 7:1-3). A nosa conciencia educada pola Biblia pode actuar como un sentinela. Como? Dando a voz de alarma cando Satanás intente atacar o noso corazón, é dicir, cando intente influír nos nosos pensamentos, sentimentos, motivos ou desexos. Cada vez que a nosa conciencia nos dea unha advertencia, escoitémola e, por así dicilo, pechemos as portas.
w19.01 páx. 18 par. 14
Como podes protexer o teu corazón?
14 Para protexer o corazón, non só debemos pechalo para impedirlles o paso ás malas influencias, senón tamén abrilo para que entren as influencias positivas. Pensemos de novo na ilustración da cidade amurallada. O porteiro pechaba as portas da cidade para deter unha invasión inimiga, pero noutras ocasións abríaas para permitir a entrada de comida e outras provisións. Se as portas nunca estivesen abertas, os habitantes da cidade morrerían de fame. Do mesmo xeito, necesitamos abrir o noso corazón regularmente para que entre a influencia da forma de pensar de Deus.
Protexe o teu corazón!
Por que debemos gardar, ou protexer, o noso corazón figurado? Deus fixo que o rei Salomón escribise: “Por riba de todo garda o corazón pois del burbullan os mananciais da vida” (Proverbios 4:23). A calidade de vida que teñamos no presente e a nosa esperanza para o futuro dependen da condición do noso corazón figurado. Por que? Porque Deus ve o que temos no corazón (1 Samuel 16:7). O tipo de persoa que somos interiormente, a “personalidade escondida dentro, no corazón”, é o que determina a opinión que ten Deus de nós (1 Pedro 3:4).
Xoias espirituais
w21.08 páx. 8 par. 4
Estás disposto a esperar a que Xehová actúe?
4 Proverbios 4:18 dinos que “o vieiro dos xustos é coma a luz do abrente e vai medrando ata o pleno día”. Estas palabras móstrannos con claridade que Xehová lle ensina ó seu pobo o seu propósito de maneira progresiva. Agora ben, este versículo tamén se pode aplicar de maneira máis ampla ó progreso espiritual dun cristián. Este é un proceso que toma tempo, non se pode acelerar. Se estudamos con coidado e poñemos en práctica os consellos que recibimos mediante a Palabra de Deus e a súa organización, pouco a pouco adoptaremos a personalidade de Cristo e coñeceremos mellor a Deus. Xesús explicou este punto cun exemplo. Analicémolo.
17-23 DE MARZO
TESOUROS DA BIBLIA PROVERBIOS 5
Mantente ben lonxe da inmoralidade sexual
w00 15/7 páx. 29 par. 1
Podemos ser castos nun mundo inmoral
Neste proverbio represéntase ás persoas obstinadas cunha “muller allea”, ou estraña, unha prostituta. As palabras coas que seduce a súa vítima son tan doces coma o mel e tan suaves coma o aceite de oliva. E non empezan así a maioría das insinuacións inmorais? Vexamos, por exemplo, o caso dunha atractiva secretaria de 27 anos de idade chamada Amy. Ela conta: “Hai un compañeiro de traballo que me presta moita atención e me eloxia sempre que ten a oportunidade. Agrádame que outras persoas se fixen en min, pero doume conta perfectamente de que o seu interese é estritamente sexual. Non me vou deixar enganar polas súas insinuacións”. Os piropos de alguén que nos intenta seducir normalmente resúltannos atraentes, a menos que recoñezamos as súas verdadeiras intencións. Para iso é necesario que utilicemos a nosa capacidade de pensar.
w00 15/7 páx. 29 par. 2
Podemos ser castos nun mundo inmoral
As consecuencias da inmoralidade son tan amargas como o sabor do áloe, e tan agudas como unha espada de dous fíos: dolorosas e mortíferas. Os amargos resultados desa conduta normalmente son unha conciencia atormentada, un embarazo non desexado ou unha enfermidade de transmisión sexual. E pensemos tamén na tremenda dor emocional que sente o cónxuxe da persoa infiel. Unha infidelidade pode ocasionar feridas tan profundas que duren toda a vida. En efecto, a infidelidade fai dano.
w00 15/7 páx. 29 par. 5
Podemos ser castos nun mundo inmoral
Temos que afastarnos todo o posible da influencia das persoas inmorais. Por que deberiamos expoñernos ó seu modo de vivir escoitando ou vendo música e entretemento degradante ou expoñernos á pornografía? (Proverbios 6:27; 1 Corintios 15:33; Efesios 5:3-5) E que insensato sería chamar a atención destas persoas coqueteando ou tendo unha vestimenta e aspecto pouco modesto! (1 Timoteo 4:8; 1 Pedro 3:3, 4)
Xoias espirituais
w00 15/7 páx. 29 par. 7
Podemos ser castos nun mundo inmoral
Desta maneira, Salomón destaca o prezo tan alto que se paga por caer na inmoralidade. O adulterio e a perda da dignidade, ou autoestima, van da man. Verdade que é moi humillante non ser máis que o medio para satisfacer a nosa propia paixón inmoral ou a doutra persoa? Non pensas que revela falta de amor propio ter intimidade sexual con alguén que non é o teu cónxuxe?
24-30 DE MARZO
TESOUROS DA BIBLIA PROVERBIOS 6
Que aprendemos da formiga?
it-1 páx. 1175 par. 5–páx. 1176 par. 1
Formiga
Sabedoría instintiva. Como é natural, a sabedoría das formigas non procede da capacidade de pensar que é produto da intelixencia, senón que é froito do instinto que o Creador lles deu. A Biblia di que a formiga “almacena o seu gran no estío [ou verán], achega o seu xantar durante a colleita” (Pr 6:8). Unha das especies máis comúns que se encontran en Palestina é a formiga recolledora (Messor semirufus), que almacena gran en abundancia durante a primavera e o verán, e despois utilízao nas demais estacións, como en inverno, cando se fai difícil conseguir alimento. Esta formiga atópase normalmente cerca das airas, onde hai moitas sementes e gran. Se a chuvia humedece as sementes almacenadas, a formiga recolledora sácaas ó sol para que sequen. Tamén curta coas súas mandíbulas o embrión da semente para que esta non xermine mentres está almacenada. As colonias de formigas recolledoras distínguense polos camiños que estas trazan, así como polas cascas das sementes que deixan fóra da entrada.
Características exemplares. Unha breve investigación sobre a formiga dálle máis peso á advertencia da Biblia: “Vai cabo da formiga, preguiceiro, considera o seu xeito, e faite sabio” (Pr 6:6). Non só destaca por ser previsora de maneira instintiva, senón tamén pola súa constancia e determinación. A miúdo leva ou arrastra con gran persistencia obxectos que pesan o dobre ou o triplo ca ela, e fai todo o posible por rematar a súa tarefa sen volver nunca atrás aínda que caia ou esvare por unha pendente empinada. É asombrosamente cooperadora, mantén o formigueiro moi limpo e mostra preocupación polas súas compañeiras, ás veces axudando ás que se magoaron ou esgotaron ó regresar ó formigueiro.
w00 15/9 páx. 26 pars. 3, 4
Protexamos a nosa reputación
Igual que a formiga, nós tamén deberiamos ser persoas traballadoras. Traballar duro e buscar maneiras de mellorar a calidade do noso traballo benefícianos, xa sexa que nos supervisen ou non. Si, debemos facer sempre as cousas o mellor que poidamos, tanto na escola como no noso emprego ou cando participamos en actividades espirituais. Tal e como a formiga se beneficia do esforzo que demostra nas labores que realiza, Deus quere que nós tamén desfrutemos “á conta” do noso duro traballo (Eclesiastés 3:13, 22; 5:18). As recompensas polo noso traballo duro serán desfrutar dunha conciencia limpa e de satisfacción persoal (Eclesiastés 5:12).
Salomón valeuse de dúas preguntas retóricas para despertar os folgazáns, ou nugalláns, da súa falta de entusiasmo: “E ti, nugallán, ¿canto tempo vas durmir? ¿Cando te vas erguer do sono?”. Imitando a forma de falar destas persoas, o rei engade: “Un pouquiño a durmir, un pouquiño a durmiñar, un pouquiño a deitarse cos brazos cruzados e a pobreza chega coma un vagabundo e a necesidade coma un mendigo” (Proverbios 6:9-11). Mentres o folgazán está deitado, a pobreza apodérase del coa rapidez dun bandido, e a escaseza atácao como o faría un home armado. Os campos dos lacazáns axiña se enchen de mala herba e ortigas (Proverbios 24:30, 31). Os negocios deste tipo de persoas non tardan en sufrir perdas. Por canto tempo poderá tolerar un xefe a un empregado vago? Poderá ter éxito na escola un estudante folgazán?
Xoias espirituais
w00 15/9 páx. 27 par. 4
Protexamos a nosa reputación
As sete categorías principais que menciona o proverbio abarcan practicamente todo tipo de pecados. Os “ollos altivos” e unha “mente que cisma en [ou se obsesiona con] planos malintencionados” son pecados que se cometen co pensamento. A “lingua mentireira” e levantar “falso testemuño” refírense a tipos de pecados que se cometen coas palabras. As “mans que esparexen sangue inocente” e as “pernas que corren cara á maldade” teñen que ver con formas malvadas de actuar. E Xehová detesta especialmente a quen lle gusta provocar divisións entre persoas que, doutro modo, estarían unidas e en paz. O feito de que o número destas cousas aumente de seis a sete indica que a lista non está completa, xa que os seres humanos continúan inventando formas novas de facer o mal.
31 DE MARZO–6 DE ABRIL
TESOUROS DA BIBLIA PROVERBIOS 7
Evita as tentacións
w00 15/11 páx. 29 par. 5
“Garda os meus mandamentos e continúa vivindo”
A ventá pola que mira Salomón ten unha celosía, un marco composto dun enreixado de madeira que posiblemente teña tallas moi elaboradas. A medida que a luz do crepúsculo vai desaparecendo, a escuridade da noite cae sobre as rúas. O rei observa un rapaz moi vulnerable que non ten siso, é dicir, que non ten xuízo. Seguramente é consciente da clase de barrio no que se meteu e a que se está expoñendo. Aínda así, acércase á “revolta”, ou esquina, que vai camiño da casa daquela muller. Quen é esta muller? Cales son as súas intencións?
w00 15/11 páx. 30 pars. 4-6
“Garda os meus mandamentos e continúa vivindo”
As palabras desta muller son moi sedutoras. Cunha expresión descarada, fala con confianza. Todo canto di está coidadosamente calculado para seducir o rapaz. Ó afirmar que ofrecera sacrificios de comuñón aquel mesmo día e que pagara os seus votos, insinúa que é unha persoa recta e que non lle falta espiritualidade. Os sacrificios de comuñón que se ofrecían no templo en Xerusalén consistían en carne, fariña, aceite e viño (Levítico 19:5, 6; 22:21; Números 15:8-10). Así dá a entender que hai moito que comer e beber na súa casa, posto que a persoa que facía tales ofrendas podía tomar parte do sacrificio de comuñón para a súa familia e para si. Está claro o que quere indicar: que o home o vai pasar ben alí. A muller di que saíu da casa expresamente a buscalo. Un biblista comenta: “Hai que ser moi inxenuo para crer un conto coma ese. É certo que buscaba a alguén, pero de verdade saíu a buscalo a el en particular? Iso só o crería un parvo, quizais un coma este”.
Despois de atraer o rapaz coa súa forma de vestir, coas súas palabras sedutoras, co seu abrazo e co sabor dos seus labios, a muller recorre ó sentido do olfacto. Ela di: “Cubrín o meu leito de tapetes, con cobertores de cor, de liño de Exipto; perfumei a alcoba con mirra, áloe e cinamono” (Proverbios 7:16, 17). Decorara a súa cama con liño de Exipto de vivas cores e perfumárase con selectos perfumes de mirra, áloes e canela.
A muller continúa: “Ven, embriaguémonos de agarimos ata o amencer, gocémonos cos nosos amoríos”. A invitación implica moito máis que unha agradable cea para dous. Promételle que desfrutará de relacións sexuais con ela. Para o rapaz, a proposición soa como unha aventura moi excitante. Para terminar de convencelo, ela engade: “O meu home non está na casa, vai de viaxe para tempo; levou consigo a bolsa do diñeiro e non voltará ata a lúa chea” (Proverbios 7:18-20). Asegúralle que estarían moi seguros, xa que o seu marido está nunha viaxe de negocios e non regresará pronto. Con canta habilidade o engana! “Sedúceo ela deste xeito coas súas moitas razóns e arrástrao cos seus labios falaces” (Proverbios 7:21). Faría falta un home do calibre de Xosé para resistir unha invitación tan sedutora (Xénese 39:9, 12). Terá este rapaz a fortaleza moral que se require?
w00 15/11 páx. 31 par. 2
“Garda os meus mandamentos e continúa vivindo”
A invitación resúltalle irresistible ó rapaz, quen non fai caso ó sentido común e vai detrás da muller “coma vai o boi ó matadeiro”. Tal como o home que está atado con grillóns non pode escapar do castigo, así é conducido el ó pecado. Non ve o perigo da súa maneira de actuar ata que “a frecha lle atravesa o fígado”, é dicir, ata que recibe unha ferida que lle provoca a morte. Esta pode ser física, posto que se expuxo a contraer unha enfermidade mortífera de transmisión sexual. Pero tamén pode ser unha morte espiritual, “aí lle vai a vida”. Todo o seu ser e a súa vida se viron seriamente afectados, e pecou gravemente contra Deus. Deste xeito, apresúrase a caer nas garras da morte igual que un paxaro cae nunha trampa!
Xoias espirituais
w00 15/11 páx. 29 par. 1
“Garda os meus mandamentos e continúa vivindo”
“Átaos [os meus mandamentos] ós teus dedos, escríbeos na táboa do teu corazón” (Proverbios 7:3). Igual que os dedos están ben á vista dos nosos ollos e son imprescindibles para realizar todo o que nos propoñemos, tamén debemos ter sempre presente en todo o que fagamos os recordatorios e as leccións que aprendemos das Escrituras e do coñecemento bíblico que fomos adquirindo co tempo. Debemos gravar eses mandamentos na táboa do noso corazón, é dicir, que formen parte da nosa forma de ser.
7-13 DE ABRIL
TESOUROS DA BIBLIA PROVERBIOS 8
Escoita a sabedoría de Xesús
cf páx. 130 par. 7
“Eu amo o Pai”
7 No versículo 22, a sabedoría afirma: “O Señor produciume ó enceta-la [empeza-la] súa tarefa, antes das súas actividades”. Estas palabras teñen que referirse a algo máis que simplemente á sabedoría. Por que o dicimos? Porque Xehová sempre existiu e sempre foi sabio, así que a sabedoría nunca foi producida, non tivo principio (Salmo 90:2). En cambio, o Fillo de Deus si foi producido ou creado por Xehová. De feito, el é “o primeiro nacido”, é dicir, a primeira creación de Deus (Colosenses 1:15). O Fillo chegou a existir antes que os ceos e a Terra, como se describe en Proverbios. E na súa función como a Palabra, ou portavoz de Deus, manifestou de forma perfecta a sabedoría de Xehová (Xoán 1:1).
cf páxs. 131 pars. 8, 9
“Eu amo o Pai”
8 En que estivo ocupado o Fillo no largo período de tempo que existiu antes de vir á Terra? No versículo 30 dise que estaba ó lado de Deus como “un mestre de obras”. Que significa isto? Colosenses 1:16, TNM, di: “Porque por medio del todo o demais foi creado nos ceos e na terra [...]. Todo o demais foi creado mediante el e para el”. Así que Xehová, o Creador, usou a seu Fillo, o mestre de obras, para crear tódalas demais cousas: dende as criaturas espirituais do reino celestial ata o enorme universo físico. Iso inclúe a Terra e a súa marabillosa variedade de vida vexetal e animal, así como a obra mestra da creación terrestre: o ser humano. En certo sentido, poderiamos comparar a colaboración entre Pai e Fillo coa dun arquitecto e o construtor, porque é este último o que fai realidade os proxectos do arquitecto. Cando nos asombramos por algo da creación, estámoslle dando o mérito ó Grande Arquitecto (Salmo 19:2 [19:1, TNM]). Pero tamén recordamos o largo período de tempo de colaboración entre o Creador e o seu “mestre de obras”.
9 Cando dous seres humanos imperfectos traballan xuntos de forma moi estreita, ás veces teñen problemas para levarse ben. Pero ese non é o caso de Xehová e seu Fillo. O Fillo traballou co seu Pai durante miles de millóns de anos, e asegurou: “Sempre me sentía feliz diante del” (Proverbios 8:30, TNM). Como vemos, dáballe moita alegría estar xunta seu Pai, e Xehová sentía o mesmo por el. Cada día, o Fillo parecíase cada vez máis a seu Pai e aprendeu a imitar as súas cualidades. Por iso, non nos estraña que desenvolvesen unha relación tan estreita. Con razón podemos dicir que teñen o vínculo de amor máis antigo e forte de todo o universo!
Valoremos o papel de Xesús, o David e Salomón Maior
14 Só houbo un home máis sabio que Salomón: Xesucristo. El mesmo dixo que era “máis ca Salomón” (Mt 12:42). Xesús pronunciou “palabras de vida eterna” (Xn 6:68). Por exemplo, no Sermón do Monte ampliou algúns principios que aparecen no libro de Proverbios. Salomón falou de varias cousas que lles producen felicidade ós servos de Xehová (Pr 3:13; 8:32, 33; 14:21; 16:20). E Xesús enfatizou que o que produce verdadeira felicidade son os asuntos espirituais, todo o que estea relacionado coa adoración a Xehová e co cumprimento das súas promesas. El dixo: “Felices os que recoñecen que necesitan a guía de Deus, porque deles é o Reino dos ceos” (Mt 5:3). Os que poñen en práctica os principios que se encontran nas ensinanzas de Xesús acércanse a Xehová, “a fonte da vida” (Sl 36:9; Pr 22:11; Mt 5:8). Cristo representa “a sabedoría de Deus” (1Co 1:24, 30). E, como Rei Mesiánico, ten “espírito de sabedoría” (Is 11:2).
14-20 DE ABRIL
TESOUROS DA BIBLIA PROVERBIOS 9
Sé unha persoa sabia, non un burlón
w22.02 páx. 9 par. 4
“Escoita as palabras dos sabios”
4 Sendo realistas, pode resultarnos especialmente difícil aceptar un consello directo, e que incluso nos sintamos ofendidos. Por que? Porque aínda que non temos ningún problema en admitir que somos imperfectos, se alguén sinala un erro ou algún defecto noso, podería facérsenos moi difícil aceptalo (le Eclesiastés 7:9). Talvez poñamos escusas, cuestionemos os motivos da persoa que nos deu o consello ou nos sintamos ofendidos por como nos falou. Pode que incluso pensemos: “Que dereito ten para darme un consello? El tamén ten defectos!”. E aínda peor, se non nos gusta o seu consello, poderiamos ignoralo e buscar alguén que nos diga o que queremos oír.
w22.02 páx. 12 pars. 12-14
“Escoita as palabras dos sabios”
12 Que pode axudarnos a aceptar un consello? Ser humildes. Esta cualidade axúdanos a recordar que somos imperfectos, e o insensatos que podemos chegar a ser ás veces. Como vimos, Xob tiña un punto de vista equivocado, pero máis adiante corrixiu a súa forma de pensar e Xehová bendíxoo. Por que? Porque demostrou que era humilde cando estivo disposto a aceptar os consellos de Elihú, a pesar de que era moito máis novo ca el (Xob 32:6, 7). A humildade tamén nos axuda a aceptar os consellos aínda que sintamos que non os necesitamos ou se nolos dá alguén máis novo. Un ancián do Canadá di: “Nós non nos vemos como nos ven os demais, así que, como imos progresar se non nos dan consellos?”. Todos necesitamos seguir cultivando o froito do espírito e continuar mellorando como mestres (le Salmo 141:5).
13 Vexamos os consellos como unha mostra de amor de Xehová. El quere o mellor para nós (Pr 4:20-22). Cando nos dá un consello a través da súa Palabra, unha publicación baseada na Biblia ou a través dun irmán maduro, demostra canto nos ama. Porque, como di Hebreos 12:9, 10, faino polo noso ben.
14 Concentrémonos no que nos din, e non en como nolo din. Ás veces, podemos sentir que quen nos deu o consello, non o fixo da mellor maneira. Claro, quen o dá ten que esforzarse para que sexa o máis fácil de aceptar posible (Gál 6:1). Pero se somos nós os que recibimos o consello, o mellor que podemos facer é centrarnos na mensaxe, aínda que pensemos que non nolo deron da mellor maneira. Poderiamos preguntarnos: “Aínda que non me guste como me deron o consello, ten razón? Podería pasar por alto os seus defectos e centrarme no que me dixo?”. Sería sabio da nosa parte beneficiarnos de calquera consello que nos dean (Pr 15: 31).
w01 15/5 páx. 30 pars. 1, 2
Se somos sabios viviremos moito
A resposta dunha persoa sabia á corrección é moi diferente á dun burlón. Salomón afirmou: “Corrixe a un sabio, e hate amar. Dálle instrucción ó sabio: tornarase máis sabio” (Proverbios 9:8b, 9a). Unha persoa sabia sabe que “no momento ningunha disciplina resulta agradable, senón que doe. Pero despois produce nos que foron adestrados por ela o froito pacífico da xustiza” (Hebreos 12:11, TNM). Aínda que o consello poida parecer doloroso, non deberiamos levarlle a contraria nin poñernos á defensiva porque aceptalo faranos máis sabios.
O sabio rei continúa dicindo: “Informa ó xusto, e acrecerá a súa doutrina” (Proverbios 9:9b). Ninguén é tan sabio ou tan vello como para non necesitar aprender algo. Canto nos alegra ver que incluso os maiores aceptan a verdade e se dedican a Xehová! Esforcémonos nós tamén por manter o desexo de aprender e por ter a mente activa.
w01 15/5 páx. 30 par. 5
Se somos sabios viviremos moito
Cada un de nós ten a responsabilidade de esforzarse para chegar a ser sabio. Iso afirmou Salomón, cando dixo: “Se te fas sabio, será para o teu proveito, se te fas burlón, serás ti só a sufrilo” (Proverbios 9:12). O sabio o é para o seu propio beneficio, e o burlón é o único culpable do seu sufrimento. Así é, recollemos o que sementamos. Por iso, esteamos atentos “á Sabedoría” (Proverbios 2:2).
21-27 DE ABRIL
TESOUROS DA BIBLIA PROVERBIOS 10
Como podemos ter unha vida feliz de verdade?
w01 15/7 páx. 25 pars. 1-3
As bendicións son para o xusto
O xusto tamén se beneficia doutra maneira. “Man indolente acarrexa pobreza, brazo dilixente enriquece. Quen recolle no verán é asisado, quen dorme durante a colleita é unha desgracia” (Proverbios 10:4, 5).
As palabras que lles dirixe o rei ós que traballan na colleita son moi significativas. O tempo da colleita non é para durmir, senón que é unha época para ser dilixente e traballar moitas horas. É un momento de urxencia.
Xesús estaba pensando nunha colleita, non de cereais, senón de persoas, cando lles dixo ós seus discípulos: “Queda moita colleita por apañar, pero hai poucos traballadores. Así que rogádelle ó Dono da colleita [Xehová Deus] que mande traballadores” (Mateo 9:35-38). No ano 2000, máis de 14 millóns de persoas asistiron á Conmemoración da morte de Xesús, máis do dobre de testemuñas de Xehová. Quen pode negar que os campos “están brancos, listos para a colleita”? (Xoán 4:35) Os verdadeiros servos pídenlle ó seu Dono máis traballadores, mentres actúan en concordancia coas súas oracións ó esforzarse moito por facer discípulos (Mateo 28:19, 20). E Xehová bendixo con xenerosidade os seus esforzos! Durante o ano de servizo do 2000, bautizáronse máis de 280.000 novos irmáns que tamén se esforzan por ser mestres da Palabra de Deus. Sigamos sentindo moita alegría mentres facemos discípulos no tempo da colleita.
w01 15/9 páx. 24 pars. 3, 4
Andemos no camiño da rectitude
Salomón destaca a importancia da xustiza ó dicir: “A fortuna do rico é o seu castelo almeado, o terror dos pobres é a súa miseria. A paga do xusto é a vida, a ganancia do malvado é o erro” (Proverbios 10:15, 16).
As riquezas poden protexernos dalgúns imprevistos da vida, tal como unha cidade fortificada dá certa seguridade ós seus habitantes. Por outro lado, a pobreza pode facer que as situacións inesperadas sexan máis difíciles de soportar (Eclesiastés 7:12). Agora ben, é posible que o sabio rei tamén dese a entender que existía un perigo tanto para os ricos como para os pobres. O rico quizais se sinta motivado a depositar toda a súa confianza nas riquezas, imaxinándose que as súas valiosas posesións son “como unha alta muralla” (Proverbios 18:11). E o pobre talvez pense, equivocadamente, que a súa pobreza o condena a un futuro sen esperanza. Desta maneira, ningún dos dous se fai un bo nome ante Deus.
it-1 páx. 309
Bendición
Xehová bendice os seres humanos. “A bendición de Xehová é o que enriquece, e el non trae ningunha dor con ela” (Pr 10:22, TNM). Xehová bendice as persoas que teñen a súa aprobación dándolles protección, prosperidade, guía, facendo que as cousas lles vaian ben e cubrindo as súas necesidades. A súa bendición produce resultados moi beneficiosos para estas persoas.
Xoias espirituais
w06 15/5 páx. 30 par. 18
Os beneficios de ser íntegros
18 “A bendición de Xehová” é o que lle dá prosperidade espiritual ó seu pobo. Ademais, asegúranos que “non trae ningunha dor con ela” (Proverbios 10:22, TNM). Entón, por que os servos de Deus teñen que pasar por probas e dificultades que lles causan tanto sufrimento? Isto pasa principalmente por tres razóns: 1) A inclinación que temos ó pecado (Xénese 6:5; 8:21; Santiago 1:14, 15), 2) Satanás e os seus demos (Efesios 6:11, 12), e 3) o mundo malvado (Xoán 15:19). Aínda que Xehová permite que nos pasen cousas malas, el non é quen as causa. De feito, “todo bo regalo e toda dádiva perfecta vén de arriba, do Pai dos luceiros” (Santiago 1:17). As bendicións de Xehová non nos producen ningunha dor.
28 DE ABRIL–4 DE MAIO
TESOUROS DA BIBLIA PROVERBIOS 11
Non o digas!
w02 15/5 páx. 26 par. 4
A integridade guía os rectos
Tanto a integridade dos rectos como a maldade dos inxustos aféctanlles ás demais persoas. O rei de Israel dixo: “O hipócrita coa boca afunde ó veciño, mais polo seu saber sálvanse os xustos” (Proverbios 11:9). Quen pode negar que a calumnia, o chisme, a fala obscena e falar por falar son cousas que lles fan dano ós demais? En cambio, a conversación dos que son xustos é pura, está ben pensada e é considerada. O seu coñecemento, ou saber, sálvaos porque a súa integridade lles dá os razoamentos necesarios para demostrar que os seus acusadores menten.
w02 15/5 páx. 27 pars. 2, 3
A integridade guía os rectos
Os cidadáns rectos promoven a paz e o benestar, e o seu exemplo anima a outros membros da comunidade a ser iguais. Desta forma a poboación gana recoñecemento e prosperidade. Pero os que calumnian e din cousas ferintes e incorrectas provocan malestar, infelicidade, divisións e problemas, principalmente se son persoas que teñen influencia. Unha poboación así sofre desorde, corrupción, a súa moralidade empeora e pode que incluso empeore a súa economía.
O principio que encontramos en Proverbios 11:11 aplícase da mesma maneira ó pobo de Xehová cando se reúne en congregacións, comparables a poboacións. Unha congregación na que inflúen persoas espirituais, rectas e guiadas pola integridade, é unha comunidade feliz, activa e servizal que honra a Deus. Así que, Xehová bendice a congregación e esta prospera espiritualmente. Pero se algúns están descontentos e insatisfeitos, encontran erros e critican como se fan as cousas, serían comparables a unha “raíz velenosa” que pode extenderse e envelenar a tódolos demais (Hebreos 12:15). Moitas veces, esas persoas queren ter máis autoridade e importancia. Por exemplo, espallan rumores de que hai inxustiza ou discriminación racial na congregación ou de parte dos anciáns. A súa forma de falar pode dividir a congregación. Por iso, non deberiamos escoitar estes rumores. Todo o contrario, esforcémonos por ser persoas espirituais que contribúen a que haxa paz e unidade na congregación.
w02 15/5 páx. 27 par. 5
A integridade guía os rectos
Canto dano pode facer o que carece de bo xuízo ou “non ten siso”! Esta persoa pode falar da vida dos demais ata o punto de difamalos. Os anciáns teñen que actuar con rapidez para acabar con esta influencia negativa. En contraste con alguén que “non ten siso”, a persoa prudente sabe cando gardar silencio. En vez de revelar algo confidencial, manteno en segredo. Como sabe que unha lingua descoidada pode facer moito mal, ten discernimento e iso convérteo nun “home de fiar”. Así que é leal ós seus irmáns e non di nada confidencial que poida poñelos en perigo. Irmáns íntegros coma este son moi valiosos na congregación!