BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • mwbr25 maio páxs. 1-8
  • Fontes de información para o “Caderno de Estudo Vida e Actividades”

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Fontes de información para o “Caderno de Estudo Vida e Actividades”
  • Fontes de información para o Caderno de Estudo Vida e Actividades (2025)
  • Subtítulos
  • 5-11 DE MAIO
  • 12-18 DE MAIO
  • 19-25 DE MAIO
  • 26 DE MAIO–1 DE XUÑO
  • 2-8 DE XUÑO
  • 9-15 DE XUÑO
  • 16-22 DE XUÑO
  • 23-29 DE XUÑO
  • 30 DE XUÑO–6 DE XULLO
Fontes de información para o Caderno de Estudo Vida e Actividades (2025)
mwbr25 maio páxs. 1-8

Fontes de información para o Caderno de Estudo Vida e Actividades

© 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania

5-11 DE MAIO

TESOUROS DA BIBLIA PROVERBIOS 12

Traballar duro vale a pena

w16.06 páx. 30 par. 6

Unha calidade cristiá máis valiosa que os diamantes

En ocasións, pode que a algúns servos de Xehová se lles faga difícil gañar o suficiente para cubrir as súas necesidades. Aínda así, en vez de buscar unha saída fácil pero pouco honrada, esfórzanse por traballar duro e ser dilixentes. Desta maneira demostran que valoran as marabillosas calidades de Deus, como a honradez, máis que as cousas materiais (Pr 12:24; Ef 4:28).

w15 1/2 páx. 5 pars. 4-6

Como desfrutar do traballo duro

É especialmente importante que nos paremos a pensar na última pregunta, porque desfrutaremos máis do noso traballo se vemos como o que facemos beneficia outras persoas. Xesucristo dixo: “Hai máis felicidade en dar que en recibir” (Fei 20:35). Ademais dos que sacan proveito de forma directa do labor que realizamos, como os nosos clientes ou os nosos xefes, hai máis persoas que tamén saen beneficiadas: os membros da nosa familia e as persoas necesitadas.

A nosa familia. Cando un pai ou unha nai se esforzan por atender as necesidades da súa familia, están axudando como mínimo de dúas maneiras. Para empezar, porque se aseguran de que teñen o básico: comida, roupa e teito. Así cumpren coa responsabilidade que Deus lles deu de coidar “dos seus” (1Ti 5:8). E, en segundo lugar, estanlles ensinando co exemplo a importancia de ser bos traballadores. Shane, mencionado antes, comenta: “Meu pai é un modelo de alguén que ten unha ética de traballo exemplar. É un home honesto que traballou duramente toda a súa vida, a maior parte do tempo como carpinteiro. Grazas ó seu exemplo, aprendín o valor de traballar coas mans, construíndo cousas útiles para outras persoas”.

Os necesitados. O apóstolo Paulo aconselloulles ós cristiáns que se esforzasen “en traballar honradamente coas súas mans, para poder compartir co necesitado” (Ef 4:28). Cando traballamos duro para cubrir as nosas necesidades e as da nosa familia, tamén podemos aproveitar para axudar ós máis desfavorecidos (Pr 3:27). Así que, se traballamos duro, desfrutaremos da maior felicidade que hai, a felicidade que sentimos ó dar.

Xoias espirituais

ijwyp artigo 95 pars. 10,11

Es unha persoa resiliente?

● Dálle ó problema a importancia que merece. Aprende a distinguir entre asuntos máis graves e menos graves. A Biblia di: “A carraxe do parvo axiña se mostra, mais o astuto disimula [ou pasa por alto] unha inxuria” (Pr 12:16). Non podes deixar que todo che afecte.

“Os meus compañeiros de clase facían un drama de calquera cousa. Despois alimentaban esa preocupación cos comentarios dos seus amigos nas redes sociais. Ó final, acababan aínda peor e xa non eran capaces de ver as cousas con perspectiva” (Joanne).

12-18 DE MAIO

TESOUROS DA BIBLIA PROVERBIOS 13

Non te deixes enganar pola “candea dos malvados”

it-2 páx. 186 par. 9–páx. 187 par. 1

Lámpada

Outros usos figurados. Unha lámpada pode simbolizar aquilo do que depende alguén para iluminar o seu camiño na vida. Tendo en conta este significado, o proverbio compara as persoas xustas coas malvadas ó dicir: “A luz dos xustos rebrilla, a candea dos malvados esmorece” (Pr 13:9). A luz dos xustos faise cada vez máis brillante. Pero, no caso dos malvados, por máis que dea a impresión de que a súa lámpada resplandece ou por moi ben que pareza que lles van as cousas, Deus fará que terminen camiñando en escuridade, onde acabarán tropezando. Este é o resultado que lle espera a aquel que maldiga a seu pai e a súa nai (Pr 20:20).

O feito de que a lámpada de alguén esmoreza, ou se apague, tamén significa que esa persoa non ten ningún futuro. Outro proverbio di: “Pois o impío non ten futuro e a candea dos perversos esmorece” (Pr 24:20).

w12 15/7 páx. 12 par. 3

Sirvamos o Deus da liberdade

3 Se Satanás conseguiu que dous humanos perfectos e un número indeterminado de anxos rexeitasen a soberanía de Deus, tamén podería enganarnos a nós. A súa estratexia segue sendo a mesma: intenta convencernos de que as normas de Deus son demasiado estritas e que nos impiden desfrutar da vida (1Xn 5:3). Se nos expoñemos demasiado a este tipo de ideas, poderían empezar a afectarnos. Unha irmá de 24 anos que cometeu inmoralidade sexual admitiu: “As malas compañías influíron moito en min, sobre todo porque tiña medo de dicir que non opinaba igual que os meus compañeiros”. Ti tamén pasaches por este tipo de presión cando ías á escola?

w04 15/7 páx. 31 par. 6

“O astuto todo o fai con siso”

A persoa prudente e íntegra que ten en conta o coñecemento verdadeiro terá bendicións. O rei Salomón asegura: “O xusto xanta a boca chea, a andorga [ou estómago] dos perversos fica baleira” (Pr 13:25). Xehová sabe o que é bo para os seres humanos en todo aspecto da nosa vida: na familia, nas relacións cos demais, na predicación e á hora de recibir disciplina. E, se somos sabios e aplicamos os consellos que atopamos na súa Palabra, sen dúbida desfrutaremos da mellor vida que hai.

Xoias espirituais

it-1 páx. 122 par. 2

Amor

O amor pode estar mal dirixido. Por estas razóns, está claro que o amor verdadeiro e ben dirixido só se consegue ó buscar e seguir a guía de Deus e o coñecemento que atopamos na súa Palabra. Por exemplo, un pai pode querer o seu fillo, pero quizais permita que ese amor se vaia distorsionando debido ó sentimentalismo. Talvez lle dea ó neno todo o que pide, sen negarlle nada, e mesmo é posible que non exerza a súa autoridade como pai disciplinándoo ou castigándoo cando sexa necesario (Pr 22:15). Pode que ese suposto “amor” en realidade sexa orgullo de familia. Pero iso é egoísmo. A Biblia di que unha persoa desa clase non actúa con amor, senón con odio, porque non está seguindo o proceder que salvará a vida do seu fillo (Pr 13:24; 23:13, 14).

19-25 DE MAIO

A NOSA VIDA CRISTIÁ

Nota de estudo para Mateo 24:8, nwtsty

“Esteamos preparados durante a parte final dos últimos días”

grandes sufrimentos: A palabra grega para este termo refírese literalmente á intensa dor que sofre unha nai durante o parto. Aínda que aquí se refire á angustia, á dor e ó sufrimento en xeral, tamén pode dar a entender que, antes da gran tribulación da que fala Mateo 24:21, os problemas e o sufrimento preditos aumentarían en frecuencia, intensidade e duración, tal como pasa coas dores de parto.

26 DE MAIO–1 DE XUÑO

TESOUROS DA BIBLIA PROVERBIOS 15

Axuda ós demais a ser felices

w10 15/11 páx. 31 par. 16

Decididos a andar en integridade

16 Xob era hospitalario (Xob 31:31, 32). Aínda que nós non sexamos ricos coma el, tamén podemos seguir “practicando a hospitalidade” (Rm 12:13). Se invitamos a alguén a comer á nosa casa, non temos por que preparar algo moi complicado. Recordemos que “mais vale cunca de grelos con cariño ca xato cebado con xenreira” (Pr 15:17). Cando comemos cos nosos queridos irmáns, ata o prato máis sinxelo se converte nun momento moi agradable que, sen dúbida, nos fortalecerá en sentido espiritual.

w18.04 páxs. 23-24 pars. 16-18

Agora máis que nunca, animémonos uns ós outros

16 Sería un erro pola nosa parte crer que non podemos animar a outros porque non somos persoas con facilidade para expresar as nosas ideas e sentimentos. Non se necesita moito da nosa parte para ser unha fonte de ánimo para os demais. Ás veces chega cun sorriso cariñoso cando saudamos a alguén. Se a outra persoa non nos devolve o sorriso, quizais sexa porque lle pase algo. Ó mellor só con escoitala xa lle podemos dar o consolo que necesitaba (Snt 1:19).

17 Henri, un irmán xove, desanimouse moito cando deixaron a verdade varios dos seus familiares próximos, entre eles o seu pai, que fora un ancián respectado. Pero recibiu moito ánimo dun superintendente de circuíto, que o levou a tomar un café e o motivou a falar dos seus sentimentos. Henri deuse conta de que a única forma de axudar á súa familia a volver á verdade era continuando o seu servizo a Xehová fielmente. Tamén encontrou moito consolo ó ler o Salmo 46, Sofonías 3:17 e Marcos 10:29, 30.

18 Os exemplos de Marthe e Henri demostran que todos podemos axudar a quen necesite ánimo. O rei Salomón escribiu: “Que boa é unha palabra ó seu tempo!”. E engadiu: “Uns ollos brillantes alegran o corazón, unha boa noticia fortalece os ósos” (Pr 15:23, 30). Ademais, lerlle a alguén artigos de A Atalaia ou da nosa páxina web pode darlle as forzas que necesita. Como menciona o apóstolo Paulo, cantar unha canción do Reino xuntos tamén é unha fonte de ánimo. El escribiu: “Ensinádevos e alentádevos uns a outros o mellor que saibades. Co corazón cheo de agradecemento cantádelle a Deus salmos, himnos e cántigas inspiradas” (Col 3:16; Fei 16:25).

Xoias espirituais

ijwbq artigo 39 par. 3

Poden os cristiáns recibir atención médica?

2. Debería pedir a opinión doutros médicos? Contar con “moitos conselleiros” podería ser de moita axuda, sobre todo cando se trata dunha enfermidade grave (Pr 15:22).

2-8 DE XUÑO

TESOUROS DA BIBLIA PROVERBIOS 16

Tres preguntas que nos axudarán a tomar boas decisións

w14 15/1 páx. 19 pars. 11,12

Toma boas decisións na túa xuventude

11 O que nos fai máis felices é servir a Xehová (Pr 16:20). Parece ser que Baruc, o secretario de Xeremías, esqueceu iso. Chegou un momento no que xa non desfrutaba de servir a Xehová. Por iso, Deus díxolle: “¿Seica ti buscas grandes cousas para ti? —Non as busques. Porque eu vou trae-la desgracia sobre tódalas criaturas [...], pero a ti, coma despoxo, fareiche o don da túa propia vida, en tódolos lugares a onde vaias” (Xer 45:3, 5). Que che parece? Que faría feliz a Baruc? Buscar cousas grandes ou sobrevivir á destrución de Xerusalén sendo un servo fiel de Deus? (Snt 1:12).

12 Ramiro, un irmán que encontrou a felicidade servindo os demais, di: “Veño dunha familia pobre que vive nunha vila da cordilleira dos Andes. Así que, era unha grande oportunidade que meu irmán se ofrecese a pagar os meus estudos universitarios. Pero había pouco que me bautizara como testemuña de Xehová e un pioneiro invitárame a predicar con el nunha vila pequena. Alí aprendín a cortar o pelo e abrín unha barbería para poder manterme. Cando ofreciamos cursos da Biblia, moitas persoas respondían con aprecio. Máis adiante, empecei a servir nunha congregación de lingua indíxena que acababa de formarse. Xa levo dez anos no tempo completo. Ningunha profesión me daría a mesma felicidade que sinto ó ensinarlles ás persoas as boas noticias na súa lingua materna”.

w13 15/9 páx. 17 pars. 1-3

Xa nos transformamos?

TODOS estamos moi influenciados pola nosa crianza e polo ambiente que nos rodea. Vestimos, comemos e comportámonos de certa maneira. Por que? En parte, pola influencia das persoas que nos rodean e tamén polas nosas circunstancias na vida.

2 Pero hai cousas que son moito máis importantes que o que escollemos para comer ou para vestir. Por exemplo, ensínasenos a ver algunhas cousas como boas e a rechazar outras. Moitas destas decisións son persoais e poden cambiar dunha persoa a outra, incluso poden facer que a conciencia nos moleste. A Biblia recoñece que a miúdo as persoas, aínda que non teñen lei, “practican naturalmente o que manda a Lei” (Rm 2:14). Pero, significa isto que mentres non haxa unha norma clara de Deus, podemos seguir o que nos ensinaron de pequenos e os costumes do lugar onde vivimos?

3 Temos polo menos dúas razóns polas que sabemos que isto non é así para os cristiáns. En primeiro lugar, a Biblia recórdanos: “Coidaba alguén que o seu camiño era recto, e ó remate levaba á morte” (Pr 16:25). Como somos imperfectos, os seres humanos non temos a capacidade de saber que é o mellor para nós ó tomar decisións (Pr 28:26; Xer 10:23). En segundo lugar, a Biblia ensina que Satanás, “o deus deste mundo”, é quen controla as modas e os valores deste sistema (2Co 4:4; 1Xn 5:19). Así que, se queremos que Xehová nos bendiga, necesitamos facer caso da advertencia de Romanos 12:2 (leo).

Xoias espirituais

w21.09 páx. 2 par. 1, 2

Valoremos os nosos irmáns maiores

NUN parque estatal en Arkansas (Os Estados Unidos) pódense atopar diamantes a simple vista no chan. Como están sen pulir, pode que moitas persoas non se dean conta de que son un tesouro e os pasen por alto.

2 Dun xeito parecido, os nosos irmáns maiores son coma eses diamantes: valiosos tesouros. A Palabra de Deus compara o seu cabelo branco a unha coroa (Le Proverbios 16:31; 20:29). Pero é moi fácil que non vexamos o seu valor. En cambio, os mozos que recoñecen o valor dos irmáns maiores poden conseguir algo de máis valor que un tesouro en sentido literal. Neste artigo imos responder tres preguntas: Por que pensa Xehová que os irmáns maiores son un valioso tesouro? Que lugar teñen os irmáns maiores na congregación? Como se benefician os mozos cando chegan a coñecer os irmáns maiores?

9-15 DE XUÑO

TESOUROS DA BIBLIA PROVERBIOS 17

Desfruta de paz no teu matrimonio

g 9/14 páx. 11 par. 2

Como superar o rencor

Faite un autoexame sincero. Na Biblia dise que hai algunhas persoas con tendencia a alporizarse ou propensas á ira (Pr 29:22). Sénteste identificado? Pregúntate: “Teño tendencia a gardar rencor? Oféndome con facilidade? Teño o costume de esaxerar as cousas?”. A Biblia di que quen saca un tema unha e outra vez separa os bos amigos (Pr 17:9; Ecl 7:9). Isto tamén pode suceder dentro do matrimonio. Así que, se es propenso ou propensa a gardar rencor, pregúntate: “Podería ser máis paciente coa miña parella?” (Principio bíblico: 1 Pedro 4:8).

w08 1/5 páx. 11 pars. 1, 2

Como solucionar problemas no matrimonio

1. Apartade un tempo para falar do tema. “Todo ten a súa hora, [...] un tempo para calar e un tempo para falar” (Ecl 3:1, 7). Como vimos na discusión citada anteriormente, algúns desacordos poden provocar sentimentos moi fortes. Cando che pase isto, demostra que tes autocontrol e interrompe a discusión. Detente antes de que as emocións se desborden, e proponlle á túa parella falar do asunto máis adiante. Podes evitar causarlle moito sufrimento á vosa relación se segues este consello bíblico: “Empezar unha pelexa é como abrir unha comporta; antes de que estoupe a discusión, marcha de alí” (Pr 17:14, TNM).

Pero, tamén hai “un tempo para falar”. Os problemas, como as malas herbas, crecen cando se descoidan. Así que non ignores o asunto, esperando que desapareza. Cando interrompas unha discusión, demostra que respectas a túa parella prometéndolle que volveredes falar sobre o tema noutro momento proximamente. Actuar así axudaravos ós dous a aplicar o principio que se encontra detrás deste consello da Biblia: “Que o solpor non vos colla no voso incomodo” (Ef 4:26). Claro, agora tes que cumprir coa túa palabra.

Xoias espirituais

it-2 páx. 545 par. 4

Ollo

As expresións dos ollos demostran de forma evidente os sentimentos dunha persoa. Poden expresar compaixón ou falta dela (Dt 19:13). Tamén se poden chiscar os ollos ou mover as pálpebras para expresar desprezo ou confabulación (Sl 35:19; Pr 6:13; 16:30). De quen non quere ver ou facer algo por outra persoa dise que pecha os ollos, ou que aparta a mirada (Mt 13:15; Pr 28:27). A Biblia menciona que “os ollos do badoco andan ós biosbardos”, é dicir, sen rumbo definido, cos seus pensamentos en calquera parte menos onde deberían estar (Pr 17:24). Nos ollos incluso se pode ver a saúde, a enerxía ou a felicidade dunha persoa (1Sa 14:27-29; Dt 34:7; Xob 17:7; Sl 6:8 [6:7,TNM]; 88:10 [88:9, TNM]). Nunha oración a Xehová, o rei Ioxafat díxolle: “Non sabemos que facer se non é cravármo-los ollos en Ti” (2Cr 20:12).

16-22 DE XUÑO

TESOUROS DA BIBLIA PROVERBIOS 18

Anima os que están loitando con problemas de saúde

mrt artigo 19 recadro

Que facer ante un problema de saúde inesperado

Escóitao con atención. Unha das mellores formas de axudar a un amigo é escoitándoo cando necesite falar. Non sintas que tes que responder a todo o que diga. Ás veces as persoas só necesitan que as escoiten. Trata de facelo con mente aberta e non o xulgues. Non deas por sentado que sabes como se sente, sobre todo cando ten unha enfermidade das que os síntomas non se perciben a simple vista (Pr 11:2).

Fala de forma positiva. Quizais non saibas que dicir. Pero aínda que só digas unhas palabras para que vexa que es consciente da situación pola que está pasando, seguro que é máis reconfortante para o teu amigo que se non lle dis nada. Se non se che ocorre nada nese momento, intenta dicir algo sinxelo pero dende o corazón, como: “Non sei que dicir, pero quero que saibas que me importas moito”. Evita expresións como: “Podería ser peor...” ou “Polo menos non tes esta ou aquela enfermidade...”.

Podes demostrarlle canto che importa aprendendo sobre a enfermidade do teu amigo. Seguro que valora moito o esforzo que fas para entender polo que está pasando. Investigar sobre o tema tamén che permitirá facer comentarios máis acertados (Pr 18:13). Pero, ten coidado, e non empeces a darlle consellos se o teu amigo non chos pediu.

Ofrece axuda práctica. En lugar de dar por sentado que sabes como axudarlle, pregúntalle como o podes facer. De todas formas, recorda que quizais o teu amigo non admita que necesite axuda, probablemente porque non quere ser unha carga para ninguén. Se este é o caso, trata de suxerirlle que podes botarlle unha man con algunha cousa práctica, como facerlle as compras, a limpeza ou calquera outra tarefa (Gál 6:2).

Non te rendas. Como o teu amigo está pasando por unha enfermidade, é posible que ás veces che cancele algún plan ou non teña ganas de falar contigo. Ten paciencia, sé comprensivo e síguelle dando o apoio que necesite (Pr 18:24).

Xoias espirituais

it-2 páx. 1063

Sorte

Botar sortes é un costume antigo para decidir sobre diferentes cuestións. O método que se utilizaba era o de botar pedriñas pequenas ou anaquiños de madeira entre as dobreces dunha peza de vestir recollida no colo ou dentro dunha vasilla, e logo axitalos. O anaco ou pedra que cae ou se saca é o elixido. Igual que se facía coas promesas solemnes, botar sortes ía acompañado dunha oración. Esa oración expresábase en voz alta ou simplemente estaba implícita no acto, e así pedían e contaban coa intervención de Xehová. A palabra “sorte” (en hebreo goral) utilízase tanto de forma literal como figurada coa idea de “parte” ou “porción” (Xos 15:1; Sl 16:5; 125:3; Is 57:6; Xer 13:25).

Usos. Proverbios 16:33 di: “Reméxense as sortes no pano, mais a decisión vén toda do Señor”. O motivo apropiado para botar sortes en Israel era poñer fin a un debate ou controversia: “A sorte apaga as contendas, e decide entre os potentes” (Pr 18:18). Non obstante, non se usaba no relacionado co deporte, o entretemento ou os xogos de azar. Non había apostas, nin perdas, nin ganancias. Non tiñan o propósito de enriquecer o templo ou os sacerdotes nin recadar fondos para obras de caridade. Pero, como se predixera no Salmo 22:19 (22:18, TNM), os soldados romanos si que utilizaron este costume para lucrarse, pois botaron sortes sobre a roupa de Xesús (Mt 27:35).

23-29 DE XUÑO

TESOUROS DA BIBLIA PROVERBIOS 19

Sé un bo amigo para os teus irmáns e irmás

w21.11 páx. 9 pars. 6, 7

Sigamos mostrándonos amor leal uns a outros

6 Poderiamos dicir que alguén que traballou durante moitos anos para a mesma empresa é un empregado leal. Pero quizais en todos eses anos nunca coñeceu a ningún dos donos da compañía. É probable que non sempre estea de acordo coas políticas da empresa. Tampouco está aí por amor, senón porque necesita un traballo para gañarse a vida. E seguirá traballando na empresa ata que se xubile, a non ser que encontre un posto mellor noutro sitio.

7 A diferenza entre a lealdade do empregado que mencionamos no parágrafo 6 e o amor leal é a motivación da persoa. Por que demostraron amor leal os servos de Deus de tempos bíblicos? Non o fixeron por obrigación, senón porque o seu corazón os motivou a facelo. Vexamos o exemplo de David. O seu corazón impulsouno a mostrarlle amor leal ó seu querido amigo Ionatán, aínda que o pai del quería matar a David. E incluso anos despois da morte do seu amigo, David seguiu mostrándolle amor leal a Mefibóxet, o fillo de Ionatán (1Sa 20:9, 14, 15; 2Sa 4:4; 8:15; 9:1, 6, 7).

Xoias espirituais

it-1 páx. 545

Consello, Conselleiro

Xehová é sabio en sentido absoluto. É o único que non necesita a ninguén que o aconselle (Is 40:13; Rm 11:34). Na Biblia chámaselle ó seu Fillo “Marabilla de conselleiro” porque, como recibiu e seguiu os consellos do seu Pai e ten o seu espírito, é capaz de dar guía e dirección (Is 9:5 [9:6,TNM]; 11:2; Xn 5:19, 30). Isto ensínanos que para que o consello sexa beneficioso, debe tomar en conta a Xehová. Calquera consello que se opoña ó Altísimo non ten ningún valor, e nin sequera se pode chamar consello (Pr 19:21; 21:30).

30 DE XUÑO–6 DE XULLO

TESOUROS DA BIBLIA PROVERBIOS 20

Xoias espirituais

it-2 páx. 187 par. 5

Lámpada

Segundo Proverbios 20:27, “o espírito [ou alento] do home é candea do Señor, que enxerga [ou ve de lonxe] tódolos recunchos das entrañas”. O alento, é dicir, a forma de comportarse que manifesta unha persoa en público, sexa bo ou malo, revela ou ilumina como unha lámpada a súa personalidade ou aspecto máis íntimo do seu ser (compara con Fei 9:1).

    Publicacións en galego (1993-2025)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir