ARTIGO DE ESTUDO 26
CANCIÓN sjj 123 Sexamos fieis e submisos á orde teocrática
Sexamos humildes e aceptemos que hai cousas que non sabemos
“Non está ó noso alcance entender o Todopoderoso” (XOB 37:23, TNM).
OBXECTIVO
Comprender que aínda que non saibamos todo o que pasará, podemos superar os problemas se nos centramos no que si sabemos e confiamos en Xehová.
1. Con que habilidades nos creou Xehová, e por que?
XEHOVÁ creounos coa habilidade de pensar, de aprender cousas novas e de entender como aplicalas na nosa vida. Por que nos fixo así? Quere que atopemos o “coñecemento de Deus” e que o sirvamos usando a nosa capacidade de razoar (Prov. 2:1-5; Rom. 12:1).
2. a) Que é necesario que entendamos de nós mesmos? (Xob 37:23, 24, TNM) (Ver tamén a imaxe) b) Que beneficios ten aceptar con humildade que non temos que sabelo todo?
2 Aínda que temos a capacidade de aprender, hai moitas cousas que non sabemos (le Xob 37:23, 24, TNM). Pensemos no exemplo de Xob. Xehová fíxolle unha serie de preguntas que lle axudaron a entender que había moitas cousas que non sabía. Isto fixo que se dese conta de que necesitaba ser humilde e cambiar a súa maneira de pensar (Xob 42:3-6). Tamén é bo para nós recoñecer que non o sabemos todo. Ser humildes motivaranos a confiar en que Xehová nos dará a información que realmente necesitamos para tomar boas decisións (Prov. 2:6).
Recoñecer que hai cousas que non sabemos pode axudarnos, igual que a Xob (ver o parágrafo 2).
3. Que veremos neste artigo?
3 Neste artigo veremos algunhas cousas que non sabemos e as situacións difíciles que isto pode provocar. Tamén aprenderemos por que é bo que non saibamos certas cousas. Todo isto fortalecerá a nosa confianza en que Xehová, quen “é perfecto en coñecemento”, sempre nos di o que realmente necesitamos saber (Xob 37:16, TNM).
NON SABEMOS CANDO VAI CHEGAR O FIN DESTE SISTEMA
4. Segundo Mateo 24:36, que dato non coñecemos?
4 Le Mateo 24:36. Nós non sabemos cando vai chegar o fin deste sistema. Nin sequera Xesús soubo “o día e a hora” mentres estivo na Terra.a Máis tarde díxolles ós seus apóstolos que Xehová, quen controla o tempo, “ten a autoridade” para decidir cando pasarán certas cousas (Feit. 1:6, 7). Xehová xa decidiu cando será o fin deste sistema, pero a nós non nos pertence saber exactamente cando pasará.
5. Como nos pode afectar non saber cando virá o fin?
5 Tendo en conta o que dixo Xesús, non sabemos canto imos ter que esperar ata que chegue o fin. Así que é posible que nos impacientemos ou nos desanimemos, sobre todo se levamos moito tempo esperando polo día de Xehová. Quizais tamén se nos faga difícil que a nosa familia ou outros se burlen de nós porque aínda non chegou o fin (2 Ped. 3:3, 4). Pode ser que sintamos que se soubésemos o día exacto no que vai vir, faríasenos máis fácil ser pacientes e aguantar as burlas.
6. Por que é bo que non saibamos cando virá o fin?
6 En realidade, ó non dicirnos cando vai ser o fin, Xehová dános a oportunidade de demostrarlle que o servimos porque o queremos e confiamos nel. Non servimos a Xehová cunha data límite en mente, coma se a nosa fe fose caducar. En vez de pensar demasiado en cando será o “día de Deus”, é mellor que nos centremos en pensar nas cousas boas que virán despois. Isto axudaranos a acercarnos máis a Xehová, a confiar máis nel e a facer todo o que poidamos por alegralo (2 Ped. 3:11, 12).
7. Que é o que si sabemos?
7 É moi importante que nos centremos no que si sabemos: que os últimos días empezaron en 1914. Na Biblia, Xehová deunos profecías que demostran que nese ano empezarían os últimos días e, a maiores, deunos moitos detalles de como sería o mundo a partir de entón. Ó ver o seu cumprimento estamos seguros de que “está cerca o grande día do Señor” (Sof. 1:14). Tamén sabemos que nos encargou falarlles das “boas noticias do Reino” a tantas persoas coma nos sexa posible (Mat. 24:14). Esta mensaxe estase predicando nuns 240 países e en máis de 1000 idiomas. Non necesitamos saber “o día e a hora” para predicar con entusiasmo.
NON SABEMOS COMO NOS AXUDARÁ XEHOVÁ
8. A que se refire a Biblia cando fala da “actividade do Deus verdadeiro”? (Eclesiastés 11:5, TNM).
8 Nós non sempre coñecemos “a actividade do Deus verdadeiro” (le Eclesiastés 11:5, TNM). Esta expresión refírese ó que Xehová fai ou permite que suceda para cumprir coa súa vontade. Non podemos saber con seguridade por que Xehová deixa que algo suceda ou que fará para axudarnos (Sal. 37:5). A Biblia di que, do mesmo xeito que non sabemos como pode medrar un bebé dentro da súa nai —algo que nin os científicos comprenden por completo— tampouco somos capaces de entender por completo como fai Xehová as cousas.
9. Como nos pode afectar non saber como actuará Xehová?
9 Non saber que vai facer exactamente Xehová para axudarnos pode facernos dubidar cando teñamos que tomar decisións. Quizais non teñamos claro se sacrificar certas cousas para poder predicar máis ou mudarnos onde haxa máis necesidade de publicadores. Tamén pode ser que nos preguntemos se aínda temos a aprobación de Deus no caso de que non consigamos alcanzar as nosas metas, se non vemos grandes resultados na nosa predicación ou se temos dificultades nalgún proxecto da organización no que participamos.
10. Que cualidades importantes nos axuda a cultivar non saber que fará Xehová?
10 Non saber exactamente o que vai facer Xehová, axúdanos a cultivar cualidades como a humildade e a modestia. Desta maneira dámonos conta de que Xehová sempre sabe que é o mellor (Is. 55:8, 9). Tamén aprendemos a confiar en Xehová por completo se queremos que nos vaia ben e, se temos bos resultados na predicación ou nun proxecto da organización, dámoslle a el a honra que merece (Sal. 127:1; 1 Cor. 3:7). E se as cousas non saen como esperabamos, recordemos que Xehová segue tendo todo baixo control (Is. 26:12). Facemos todo o que podemos, e confiamos en que Xehová fará o resto. Estamos seguros de que nos dará a guía que necesitamos, incluso se non o fai de maneira milagrosa como ás veces o fixo no pasado (Feit. 16:6-10).
11. Que cousas importantes sabemos?
11 Algo que si sabemos é que Xehová sempre é amoroso, xusto e sabio. Tamén sabemos que valora moitísimo o que facemos por el e polos nosos irmáns, e que recompensa sempre ós que lle son leais (Heb. 11:6).
NON SABEMOS QUE PASARÁ MAÑÁ
12. Segundo Santiago 4:13, 14, que non sabemos?
12 Le Santiago 4:13, 14. Unha verdade fundamental é que non podemos saber que será de nós mañá. Neste sistema todos podemos pasar por “algún mal momento e algún suceso imprevisto” (Ecl. 9:11, TNM). Por iso, non podemos saber se os nosos plans sairán ben ou se tan sequera estaremos vivos para ver como se cumpren.
13. Como nos pode facer sentir non saber todo o que vai pasar no futuro?
13 A miúdo os problemas veñen cando menos os esperamos. As traxedias poden cambiar a nosa vida de repente e facernos estar tristes e frustrados. E cando non se cumpren as nosas expectativas, é posible que nos sintamos decepcionados e desanimados (Prov. 13:12). Todo isto pode facer que nos preocupemos demasiado polo que poida pasar e, como resultado, seranos difícil seguir adiante e deixaremos de ser felices.
14. De que depende a nosa felicidade verdadeira? (Ver tamén as imaxes).
14 Cando pasemos por dificultades podemos demostrar que, sen importar o que suceda, servimos ó noso Pai celestial por amor e non por egoísmo. Os relatos bíblicos demostran que non debemos esperar que Xehová nos protexa de tódolos problemas e que a nosa vida non está predestinada por el. Deus sabe que a nosa felicidade non depende de saber o que nos espera no futuro, senón de seguir buscando a súa guía e de obedecelo (Xer. 10:23). Se nos deixamos guiar por el cando tomamos decisións é coma se estivésemos dicindo: “Se Deus quere e chegamos alá, imos facer isto ou aquilo” (Sant. 4:15).
Buscar a guía de Xehová e obedecelo é a nosa mellor protección (ver os parágrafos 14, 15).b
15. Que sabemos sobre o futuro?
15 Aínda que non sabemos o que pasará cada día, si sabemos que Xehová prometeunos vida eterna, xa sexa no ceo ou na Terra. Tamén sabemos que non pode mentir e que nada pode evitar que cumpra tódalas súas promesas (Tito 1:2). El é o único que “manifesta desde o principio o que ha vir; desde antigo, as cousas que aínda non se fixeron”. O que predixo sobre tempos bíblicos xa se cumpriu, e o que predixo sobre o futuro tamén se cumprirá (Is. 46:10). Estamos seguros de que nada pode impedir que nos queira (Rom. 8:35-39). Ademais, daranos a sabedoría, o apoio e as forzas necesarias para soportar calquera dificultade. Non temos dúbidas de que nos axudará e nos bendicirá (Xer. 17:7, 8).
NON PODEMOS COMPRENDER POR COMPLETO O BEN QUE NOS COÑECE XEHOVÁ
16. Que sabe Xehová sobre nós, e como te fai sentir isto? (Salmo 139:1-6).
16 Le Salmo 139:1-6. O noso Creador sabe como somos e que foi o que nos fixo ser así física, emocional e mentalmente. El sempre se preocupa por nós, escoita o que dicimos, entende que queremos dicir, ve o que facemos e sabe por que o facemos. O rei David dixo que Xehová sempre está disposto a axudarnos, e non hai nada que lle impida facelo. Como te fai sentir saber que o Señor Soberano do Universo, o Creador Todopoderoso do ceo e da Terra, se preocupa tanto por ti? David dixo: “Admirable por demais me resulta este saber, tan alto que non o alcanzo” (Sal. 139:6).
17. Por que nos pode custar crer que Deus nos entende de verdade?
17 Quizais nos custe ver a Xehová coma un Pai cariñoso que se interesa por nós por cousas que pasaron na nosa familia, pola nosa cultura ou polo que criamos antes. Tamén é posible que sintamos que os erros que cometemos no pasado foron tan graves que Xehová nunca quererá coñecernos e que está moi lonxe de nós. Ata David en ocasións se sentiu de maneira parecida (Sal. 38:19, 22 [38:18, 21, TNM]). Por outro lado, pode ser que unha persoa que se está esforzando moito por cambiar o seu estilo de vida para alegrar a Deus pense: “Se Deus realmente me entende, por que quere que cambie en vez de aceptarme tal e como son?”.
18. Por que é bo que aceptemos que Xehová nos coñece mellor que nós mesmos? (Ver tamén as imaxes).
18 Podemos aprender a aceptar o feito de que Xehová nos coñece mellor que nós mesmos e que pode ver as cousas boas que temos aínda que nós non as vexamos. El ve os erros que cometemos, pero comprende por que nos sentimos e actuamos así e quérenos (Rom. 7:15). Cando entendamos que Xehová sempre ve a persoa que podemos chegar a ser, teremos as forzas que necesitamos para servilo fielmente e con alegría.
Xehová axúdanos a fortalecer a nosa esperanza na marabillosa vida que nos promete para poder enfrontarnos ós problemas inesperados deste sistema (ver os parágrafos 18, 19).c
19. Que sabemos con seguridade sobre Xehová?
19 Sabemos que Xehová é amor, diso non hai ningunha dúbida (1 Xoán 4:8). As súas xustas normas demostran que nos ama e que quere que teñamos a mellor vida posible. Tamén desexa que vivamos para sempre e por iso nos deu o rescate. Este regalo asegúranos que poderemos servir a Xehová como el quere a pesar dos erros que cometemos (Rom. 7:24, 25). A maiores, sabemos que “Deus é meirande có noso corazón e coñece todo” (1 Xoán 3:19, 20). Xehová coñéceo todo sobre nós e confía en que poderemos facer a súa vontade.
20. Que nos axudará a non preocuparnos demasiado polo que non sabemos?
20 Xehová cóntanos todo o que realmente necesitamos saber. Se somos humildes e aceptamos isto, evitaremos preocuparnos demasiado por cousas que non podemos controlar e centrarémonos no que de verdade importa. Así demostramos que confiamos plenamente en Xehová, “que é perfecto en coñecemento” (Xob 36:4, TNM). Aínda que hai cousas que agora non entendemos, esperamos pasar toda a eternidade aprendendo sobre o noso gran Deus (Ecl. 3:11).
CANCIÓN sjj 104 O espírito santo é un regalo de Deus
a Xesús será quen dirixirá a guerra contra o mundo malvado de Satanás, así que é razoable concluír que agora si que sabe cando empezará Armaxedón e cando completará a súa vitoria (Apoc. 6:2; 19:11-16).
b DESCRICIÓN DA IMAXE: Un pai e o seu fillo preparando unha mochila para que a familia estea lista ante unha emerxencia.
c DESCRICIÓN DA IMAXE: Un irmán que está pasando por problemas pensando na marabillosa vida que lle espera no novo mundo.