BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • nwt páxs. 476-483
  • A5 O nome de Deus nas Escrituras Gregas Cristiás

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • A5 O nome de Deus nas Escrituras Gregas Cristiás
  • A Biblia. Tradución do Novo Mundo
A Biblia. Tradución do Novo Mundo
A5 O nome de Deus nas Escrituras Gregas Cristiás

A5

O nome de Deus nas Escrituras Gregas Cristiás

Os expertos recoñecen que o nome persoal de Deus, representado polo Tetragrámaton (יהוה), aparece case 7000 veces no texto orixinal das Escrituras Hebreas. Aínda así, moitos pensan que non aparecía no texto orixinal das Escrituras Gregas Cristiás. Por esta razón, a maioría das traducións actuais da Biblia non usan o nome de Xehová no que se coñece como o Novo Testamento. Incluso cando nas Escrituras Gregas Cristiás aparecen citas das Escrituras Hebreas que conteñen o Tetragrámaton, a maioría dos tradutores poñen Señor en lugar do nome persoal de Deus.

A Tradución do Novo Mundo non segue este costume. Nesta tradución úsase o nome de Xehová un total de 237 veces nas Escrituras Gregas Cristiás. Que tiveron en conta os tradutores para decidir iso? Dous factores importantes: 1) Os manuscritos gregos que temos na actualidade non son os orixinais. A maioría das miles de copias que existen hoxe en día escribíronse polo menos dous séculos despois dos orixinais. 2) Naquela época os copistas substituían o Tetragrámaton por Kyrios, a palabra grega para Señor, ou copiaban de manuscritos nos que xa se substituíra.

O Comité de Tradución da Biblia do Novo Mundo chegou á conclusión de que hai probas convincentes de que o Tetragrámaton aparecía nos manuscritos gregos orixinais. Estas son as probas nas que se basea esta decisión:

  • Nos días de Xesús e os seus apóstolos, os manuscritos das Escrituras Hebreas que se usaban contiñan o Tetragrámaton en tódolos lugares onde aparecía orixinalmente. No pasado, a maioría das persoas estaba de acordo con isto. Pero agora esta afirmación quedou totalmente confirmada polas copias das Escrituras Hebreas que se descubriron na zona de Qumrán, que son do primeiro século.

  • Nos días de Xesús e os seus apóstolos, as traducións ó grego das Escrituras Hebreas tamén contiñan o Tetragrámaton. Durante séculos, os expertos pensaban que o Tetragrámaton non aparecía nos manuscritos da Septuaxinta, unha tradución ó grego das Escrituras Hebreas. Pero a mediados do século XX, descubríronse uns fragmentos moi antigos da Septuaxinta que xa existían no tempo de Xesús. Estes fragmentos contiñan o nome persoal de Deus escrito con caracteres hebreos. Iso quere dicir que as copias das Escrituras en grego que existían no tempo de Xesús contiñan o nome divino. Aínda así, para o século IV n.e. algúns manuscritos importantes da Septuaxinta, coma o Códice Vaticano e o Códice Sinaítico, non contiñan o nome de Deus desde Xénese ata Malaquías (onde si que aparecía en manuscritos anteriores). Por iso, non nos sorprende que nos manuscritos desa época non apareza o nome de Deus no Novo Testamento, é dicir, na parte da Biblia que se escribiu en grego.

    Nunha oración, Xesús díxolle a seu Pai: “Deilles a coñecer o teu nome e seguireino dando a coñecer”.

  • As propias Escrituras Gregas Cristiás mostran que Xesús fixo referencia ó nome de Deus moitas veces e que o deu a coñecer a outros. Nunha oración, Xesús díxolle a seu Pai: “Deilles a coñecer o teu nome ós que me entregaches do mundo”. E tamén dixo: “Deilles a coñecer o teu nome e seguireino dando a coñecer” (Xoán 17:6, 11, 12, 26).

  • Como as Escrituras Gregas Cristiás son unha continuación inspirada por Deus das Escrituras Hebreas, non parece lóxico que o nome de Xehová desaparecese de repente do texto. Arredor da metade do primeiro século da nosa era o discípulo Santiago díxolles ós anciáns de Xerusalén: “Simeón contounos con todo detalle como foi a primeira vez que Deus se fixou nas nacións para sacar de entre elas un pobo para o seu nome” (Feitos 15:14). Non tería sentido que dixese iso se ninguén no primeiro século coñecía ou usaba o nome de Deus.

  • Nas Escrituras Gregas Cristiás aparece a forma abreviada do nome de Deus. En Apocalipse 19:1, 3, 4, 6, o nome de Deus forma parte da palabra aleluia, que provén dunha expresión hebrea que literalmente significa “Louvade a Xah”. Xah é unha forma abreviada do nome Xehová. Moitos nomes que aparecen nas Escrituras Gregas Cristiás derivan do nome de Deus. De feito, diferentes obras de consulta explican que o propio nome de Xesús significa “Xehová é salvación”.

  • Antigas obras xudías mostran que os cristiáns xudeus usaban o nome de Deus nos seus escritos. A Tosefta, unha colección escrita de leis orais que se completou arredor do ano 300 n.e., dáballes ós xudeus estas instrucións sobre o que debían facer cos escritos cristiáns que se queimaban en sábado: “[Os Evanxeos] e os libros dos apóstatas [probablemente xudeocristiáns] non deben salvarse do lume; déixase que se queimen no seu sitio, eles e o nome de Deus que conteñen”. Esa mesma obra menciona que o rabino Iosé o Galileo, que viviu a principios do século II n.e., explicou o que se debía facer cos escritos cristiáns calquera outro día da semana: “Recórtanse as mencións do nome divino que aparecen neles e gárdanse na guenizá [almacén de manuscritos fóra de uso], e o resto quéimase”.

  • Algúns expertos na Biblia recoñecen que é probable que o nome de Deus aparecese nalgunhas partes das Escrituras Gregas Cristiás que conteñen citas das Escrituras Hebreas. Un dicionario bíblico di: “Hai probas de que o Tetragrámaton (o nome divino, Yahweh) aparecía nos documentos orixinais do Novo Testamento nalgunhas ou en tódalas citas que hai do Antigo Testamento” (The Anchor Bible Dictionary, baixo o encabezamento “Tetragrámaton no Novo Testamento”). O experto George Howard di: “Como o Tetragrámaton aínda aparecía nas copias da Biblia en grego [a Septuaxinta] que utilizaban os primeiros cristiáns, é lóxico esperar que os escritores do Novo Testamento conservasen o Tetragrámaton no texto bíblico”.

  • Algúns tradutores moi coñecidos da Biblia usaron o nome de Deus nas Escrituras Gregas Cristiás. Algúns fixérono moito antes de que se publicase a Tradución do Novo Mundo. Estes tradutores e as súas obras inclúen: Die heilige Schrift des neuen Testaments, de Dominikus von Brentano (1791, en alemán); Bible de Chouraqui, de André Chouraqui (1985, en francés); The Emphatic Diaglott, de Benjamin Wilson (1864, en inglés); O Evangelho Segundo S. Mattheus, de Manuel Fernandes de Santanna (1909, en portugués). Ademais a tradución en español El Nuevo Testamento (1919) de Pablo Besson usa o nome Jehová en Lucas 2:15 e Xudas 14. Tamén o inclúe en máis de cen notas para indicar os lugares onde probablemente aparecía no texto orixinal. Por outro lado, algunhas traducións ó galego tamén inclúen o nome de Deus en diferentes notas nas Escrituras Gregas Cristiás. Este é o caso de A Palabra de Deus. Evanxelios (1965), de Xosé Morente e Manuel Espiña, que usa a forma Yavé, e de O Novo Testamento (1978) e A Biblia (1989) da Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos (SEPT) que usan as formas Iahvé e Iavé respectivamente.

    O nome de Deus, Xehová, nas Escrituras Gregas.

    O nome de Deus en Feitos 2:34 en The Emphatic Diaglott, de Benjamin Wilson (1864).

  • Existen traducións da Biblia en máis de 300 idiomas que conteñen o nome de Deus nas Escrituras Gregas Cristiás. Moitos idiomas de África, América, Asia, Europa e das illas do Pacífico usan con frecuencia o nome de Deus (ver a lista das páxinas 482 e 483). Os tradutores destas edicións decidiron usar o nome de Deus por razóns parecidas ás que se mencionaron antes. Algunhas destas traducións das Escrituras Gregas Cristiás publicáronse hai pouco. Este é o caso da Biblia en rotuman (1999), que usa Jihova 51 veces en 48 versículos, e da versión en toba-batak (1989), de Indonesia, que usa o nome Jahowa 110 veces.

    O nome de Deus nas Escrituras Gregas Cristiás nunha tradución a un idioma hawaiano.

    O nome de Deus en Marcos 12:29, 30 nunha tradución a un idioma hawaiano.

Está claro que hai razóns importantes para restaurar o nome divino, Xehová, nas Escrituras Gregas Cristiás. Isto foi xusto o que fixeron os tradutores da Tradución do Novo Mundo. Todos eles respectan profundamente o nome de Deus e teñen moito coidado para non eliminar calquera cousa que estivese no texto orixinal (Apocalipse 22:18, 19).

Fragmentos da Biblia en hebreo, grego e inglés.

Idiomas e dialectos que conteñen o nome de Deus no texto principal das Escrituras Gregas Cristiás

Idioma ou dialecto: Nome de Deus

  • Alemán: Jehovah; Jehova

  • Anatom: Ihova

  • Arauaco: Jehovah

  • Awabakal: Yehóa

  • Bangi: Yawe

  • Benga: Jěhova

  • Bolia: Yawe

  • Bubi: Yehovah

  • Bullom So: Jehovah

  • Chácobo: Jahué

  • Cherokee: Yihowa

  • Chin hakha: Zahova

  • Chippewa: Jehovah

  • Choctaw: Chihowa

  • Chuukés: Jiowa

  • Coreano: 여호와 (Yeohowa)

  • Croata: Jehova

  • Dakota: Jehowa

  • Dobu: Ieoba

  • Douala: Yehowa

  • Efate do norte: Yehova

  • Efik: Jehovah

  • Español: Jehová; Yahvé; YHWH; Yahweh

  • Ewe: Yehowa

  • Fang: Jehôva

  • Fidxiano: Jiova

  • Francés: Jéhovah; IHVH; yhwh

  • Ga: Iehowa

  • Galés: Iehofah

  • Gibario (dialecto do kerewo): Iehova

  • Grebo: Jehova

  • Hawaiano: Iehova

  • Hebreo: יהוה

  • Hindustano: Yihováh

  • Hiri motu: Iehova

  • Ho-chunk (winnebago): Jehowa

  • Ila: Yaave

  • Iliku (dialecto do lusengo): Yawe

  • Indonesio: YAHWEH

  • Inglés: Jehovah

  • Kala lagaw ya: Iehovan

  • Kalanga: Yehova; Yahwe

  • Kalenjin: Jehovah

  • Kerewo: Iehova

  • Kiluba: Yehova

  • Kipsigis: Jehoba

  • Kiribatiano: Iehova

  • Kisonge: Yehowa

  • Kosraeano: Jeova

  • Kuanua: Ieova

  • Laosiano: Iehová

  • Lele (illa de Manus): Jehova

  • Lewo: Yehova

  • Lingala: Yawe

  • Logo: Yehova

  • Lomongo: Yawe; Yova

  • Lonwolwol: Jehovah

  • Lugbara: Yehova

  • Luimbi: Yehova

  • Luna: Yeoba

  • Lunda: Yehova

  • Lúo: Yawe

  • Luvale: Yehova

  • Malagaxe: Jehovah; Iehôvah

  • Malo: Iova

  • Marquesano (illas Marquesas): Iehova

  • Marshallés: Jeova

  • Maskelynés: Iova

  • Mbundu: Yehova

  • Mentawai: Jehoba

  • Meriam: Iehoua

  • Miené: Yeôva

  • Misima-paneati: Iehova

  • Mizo: Jehovan; Jihova’n

  • Mohawk: Yehovah

  • Mortlockés: Jioua

  • Motu: Iehova

  • Mpongwe (dialecto do myene): Jehova

  • Muskogee: Cehofv

  • Naga angami: Jihova

  • Naga konyak: Jihova

  • Naga lotha: Jihova

  • Naga mao: Jihova

  • Naga ntenyi: Jihova

  • Naga sangtam: Jihova

  • Nandi: Jehova

  • Narrinyeri: Jehovah

  • Nauruano: Jehova

  • Navajo: Jîho’vah

  • Ndau: Jehova

  • Neerlandés: Jehovah

  • Nembe: Jehovah

  • Nengone (ou maré): Iehova

  • Ngando: Yawe

  • Ntomba: Yawe

  • Nukuoro: Jehova

  • Polaco: Jehowa

  • Portugués: Iáhve

  • Rarotongano: Jehova; Iehova

  • Rerep: Iova

  • Rotuman: Jihova

  • Sakao: Ihova; Iehova

  • Samoano: Ieova

  • Seneca: Ya’wĕn

  • Sengele: Yawe

  • Sesotho: Yehofa

  • Sie: Iehōva

  • Sranan tongo: Jehova

  • Sukuma: Yahuwa; Jakwe

  • Tahitiano: Iehova

  • Teke-ebo: Yawe

  • Temne: Yehṓfa; Yehofa

  • Tailandés: Iáhoua

  • Toaripi: Jehova; Iehova

  • Toba-batak: Jahowa

  • Tonga: Jehova

  • Tongano: Jihova; Sihova

  • Tshiluba: Yehowa

  • Tswana: Jehofa; Yehova; Yehofa

  • Uripiv: Iova

  • Wampanoag: Jehovah

  • Xhosa: Yehova

  • Zande: Yekova

  • Zulú: Jehova; YAHWE

(Esta non é unha lista completa. Ademais, algúns idiomas e dialectos usan unha forma do nome de Deus en notas ou comentarios.)

Máis de 300 idiomas

    Publicacións en galego (1993-2025)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir