BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • Que pasa cando morremos?
    Que nos ensina a Biblia?
    • CAPÍTULO 6

      Que pasa cando morremos?

      1-3. a) Que preguntas se fai moita xente sobre a morte? b) Que respostas dan moitas relixións a estas preguntas?

      A BIBLIA prométenos que chegará o día en que “a morte xa non existirá máis” (Apocalipse 21:4). No capítulo 5 aprendemos que o rescate fará posible que teñamos vida eterna. Pero polo de agora a xente segue morrendo (Eclesiastés 9:5). Así que poida que nos preguntemos: “Que pasa cando morremos?”.

      2 É importante coñecer a resposta a esta pregunta, especialmente cando morre alguén a quen queremos. Neses momentos poida que nos preguntemos: “Onde estará? Estará sufrindo? Poderá vernos ou axudarnos? Volveremos velo algún día?”.

      3 As relixións dan diferentes respostas a estas preguntas. Algunhas ensinan que os bos van ó ceo, e os malos arden no inferno. Outras din que, cando un morre, convértese nun espírito e reúnese cos seus familiares que xa morreran. E outras ensinan que cando alguén morre é xulgado e reencárnase, ou volve á vida noutro corpo, que pode ser humano ou animal.

      4. Que idea básica ensinan as relixións sobre a morte?

      4 Aínda que as relixións parecen ensinar cousas moi diferentes sobre a morte, en realidade están a ensinar a mesma idea básica: que cando unha persoa morre, parte dela segue vivindo. É certo iso?

      ONDE IMOS CANDO MORREMOS?

      5, 6. Que pasa cando morremos?

      5 Xehová sabe o que pasa cando morremos. El dinos que cando unha persoa morre, a súa vida remata. A morte é o contrario da vida. Iso significa que cando alguén morre, non hai unha parte del que siga vivindo nalgún sitio.a Os mortos nin pensan nin ven nin escoitan.

      6 A Biblia di en Salmo 146:4 que cando alguén morre “esvaecen os seus proxectos”. E o rei Salomón escribiu que “os mortos non saben xa máis nada”. Isto quere dicir que non poden nin amar nin odiar. De feito, “non hai actividade, nin cálculo, nin coñecer, nin Sabedoría no Xeol” (le Eclesiastés 9:5, 6, 10). O Xeol non é un lugar literal. É o lugar simbólico onde descansan os mortos.

      QUE DIXO XESÚS SOBRE A MORTE?

      Un matrimonio sentado nun xardín mirando unha flor

      Xehová creou os humanos para vivir para sempre na Terra

      7. Que dixo Xesús sobre a morte?

      7 Cando o seu bo amigo Lázaro morreu, Xesús díxolles ós seus discípulos: “Lázaro, o noso amigo, dorme”. Pero Xesús non estaba a falar dun sono literal. Explicoulles: “Lázaro morreu” (Xoán 11:11-14). Deste xeito, Xesús comparou a morte a estar durmido. Non dixo que Lázaro estivese no ceo ou cos seus familiares que xa morreran. Tampouco dixo que estivese sufrindo nun inferno nin que se reencarnase noutra persoa ou nun animal. Máis ben, era coma se Lázaro estivese profundamente durmido. Antes de Xesús resucitar a filla de Xairo, tamén dixo dela: “Está a durmir” (Lucas 8:52, 53). Noutras partes da Biblia tamén se fai esta comparación. Por exemplo, cando mataron a Estevo a Biblia di que “adormeceu” (Feitos 7:60).

      8. Por que sabemos que Deus non creou os humanos para que morresen?

      8 Creou Deus a Adam e Eva coa intención de que co tempo morresen? Non. Xehová creounos para que vivisen eternamente e tivesen saúde perfecta. Ademais, fixo os humanos co desexo de vivir para sempre (Eclesiastés 3:11). Ningún pai quere que os seus fillos se fagan vellos e morran. Xehová tampouco quere iso para nós. Entón, por que morremos?

      POR QUE MORREMOS?

      9. Por que non era difícil de cumprir o mandato que Xehová lles dera a Adam e Eva?

      9 No xardín de Edén, Xehová díxolle a Adam: “Podes comer do froito das árbores todas do xardín pero da árbore do coñecemento do ben e do mal non comerás, pois en canto comas dela de certo morrerás” (Xénese 2:9, 16, 17). Xehová tiña o dereito de dicirlles a Adam e Eva o que estaba ben e o que estaba mal. Este mandato era moi claro e, ademais, non era difícil de cumprir. Se obedecían a Xehová, demostrarían que respectaban a Súa autoridade. Tamén lle demostrarían o agradecidos que estaban por todo o que lles dera.

      10, 11. a) Como conseguiu Satán que Adam e Eva desobedecesen a Deus? b) Por que non hai escusa para o que fixeron Adam e Eva?

      10 Tristemente, Adam e Eva escolleron desobedecer a Xehová. Satanás díxolle a Eva: “¿Conque Deus vos prohibiu comer do froito das árbores do xardín?”. Eva respondeulle: “Podemos comer do froito das árbores todas do xardín. Soamente da árbore de alá no fondo nos mandou Deus: Non comades dela nin a toquedes, non sexa que morrades” (Xénese 3:1-3).

      11 Entón, Satán díxolle: “De ningunha maneira morreredes. É que Deus sabe ben que o día en que comades dela, se vos abrirán os ollos e seredes coma Deus, sabedores do ben e do mal” (Xénese 3:4-6). Satán quería que Eva pensase que podía decidir por si mesma o que estaba ben e o que estaba mal. Ademais, mentiulle sobre o que pasaría se desobedecía. Díxolle que non morrería. Logo, Eva comeu do froito e deulle tamén ó seu home. Adam e Eva sabían que Xehová lles dixera que non comesen do froito. Inda que o mandato era claro e razoable, decidiron desobedecelo. Dese xeito, demostraron que non respectaban o seu agarimoso Pai celestial. Non hai escusa para o que fixeron!

      12. Por que foi unha gran decepción que Adam e Eva desobedecesen a Xehová?

      12 Que triste que os nosos primeiros pais mostrasen tan pouco respecto polo seu Creador! Imaxina que tes un fillo e unha filla. Logo de esforzarte moito por crialos, deciden rebelarse contra ti. De feito, fan todo o contrario do que lles ensinaches e botan a súa vida a perder. Como te sentirías? Doeríache moitísimo, non si?

      Adam no momento de ser creado

      Adam veu do po e volveu ó po

      13. A que se refería Xehová ó dicir: “Ó po tes que volver”?

      13 Cando Adam e Eva desobedeceron, perderon a oportunidade de vivir para sempre. Xehová díxolle a Adam: “Ti es po e ó po tes que volver” (le Xénese 3:19). Sería coma se nunca fose creado (Xénese 2:7). Despois de pecar, Adam morreu e deixou de existir.

      14. Por que morremos?

      14 De teren obedecido a Deus, Adam e Eva seguirían vivos. Pero non foi así. Desobedeceron, pecaron e co tempo morreron. O pecado é coma unha terrible enfermidade que herdamos dos nosos primeiros pais. Todos nacemos pecadores e por iso morremos (Romanos 5:12). Pero iso non era o que Deus quería. El non nos creou para morrer. De feito, a Biblia di que a morte é un “inimigo” (1 Corintios 15:26).

      A VERDADE SOBRE A MORTE LIBÉRANOS

      15. Por que nos libera saber a verdade sobre a morte?

      15 Moitas relixións ensinan que os mortos seguen vivos nalgún lugar e que podemos axudalos. Por exemplo, din que podemos facelo dándolles cartos ós líderes relixiosos para que fagan unha misa por eles. Pero iso é mentira. A Biblia ensina que os mortos non sofren nin están tristes. Tamén di que non podemos falar con eles nin eles con nós. Non poden axudarnos nin nós a eles. Tampouco poden facernos dano, por iso non temos que terlles medo. Saber a verdade sobre a morte libéranos de todos estes enganos.

      16. Que mentira sobre a morte ensinan moitas relixións?

      16 Satanás usa as relixións falsas para enganarnos e facernos crer que os mortos seguen vivos. Por exemplo, algunhas relixións ensinan que unha parte de nós segue vivindo en algures cando morremos. Ensina iso a túa relixión? Ou ensina o que di a Biblia? Satán usa mentiras coma estas para afastar a xente de Xehová.

      17. Por que é un insulto para Xehová a idea de que algunhas persoas ardan no inferno?

      17 O que ensinan moitas relixións é ofensivo. Por exemplo, algunhas din que os malos arderán no inferno para sempre. Esta mentira é un insulto para Xehová. El nunca faría algo así! (le 1 Xoán 4:8). Que pensarías de alguén que lle queima a man ó seu fillo para castigalo? Pensarías que é moi cruel, non si? Seguro que non quererías ser o seu amigo. Pois iso é xusto o que Satán quere que penses de Xehová.

      18. Por que non temos que terlles medo ós mortos?

      18 Algunhas relixións din que cando alguén morre, convértese nun espírito que pode chegar a ser un amigo poderoso ou un inimigo terrible. Por iso ensinan que temos que respectalos ou mesmo terlles medo. Moitos cren esta mentira e por iso adoran os mortos en vez de a Xehová. Pero lembra que os mortos non poden sentir nada, así que non temos que terlles medo. Xehová é o Deus verdadeiro e o noso Creador. El é o único que merece que o adoremos (Apocalipse 4:11).

      19. Como nos axuda coñecer a verdade sobre a morte?

      19 Sabermos a verdade sobre a morte libéranos das mentiras que ensinan moitas relixións. Tamén nos axuda a entender as marabillosas promesas que Xehová nos fai para o futuro.

      20. Que aprenderemos no seguinte capítulo?

      20 Hai moito tempo, un servo de Deus chamado Xob preguntou: “Se morre o home, ¿volverá a vivir?” (Xob 14:14). A resposta que nos dá Deus na Biblia é moi emocionante. Verémola no seguinte capítulo.

      a Algunhas persoas pensan que temos unha alma ou espírito que segue vivindo despois da morte. Pero a Biblia non ensina iso (ver as notas 17 e 18).

      ENSINANZAS DA BIBLIA

      1. CANDO UNHA PERSOA MORRE DEIXA DE EXISTIR

      “Os mortos non saben xa máis nada” (Eclesiastés 9:5)

      Que pasa cando morremos?

      • Salmo 146:3, 4; Eclesiastés 9:6, 10

        Cando estamos mortos, non podemos ver nin oír nin pensar.

      • Xoán 11:11-14

        Xesús comparou a morte a estar durmidos.

      2. XEHOVÁ NON QUERÍA QUE OS HUMANOS MORRÉSEMOS

      “Pero da árbore do coñecemento do ben e do mal non comerás, pois en canto comas dela de certo morrerás” (Xénese 2:17)

      Por que morremos?

      • Xénese 3:1-6

        Satanás mentiu sobre o que lle pasaría a Eva se desobedecía o mandato de Deus. Ó desobedeceren a Xehová, Adam e Eva pecaron e co tempo morreron.

      • Xénese 3:19

        Cando morreu, Adam deixou de existir.

      • Romanos 5:12

        O pecado é coma unha terrible enfermidade que herdamos dos nosos primeiros pais. Todos nacemos pecadores, e por iso morremos.

      • 1 Corintios 15:26

        A Biblia di que a morte é un inimigo.

      3. A VERDADE SOBRE A MORTE LIBÉRANOS

      “Revivirán os teus mortos, o meu cadáver resucitará, espertarán e brincarán de alegría os habitantes do po” (Isaías 26:19)

      En que sentido nos libera saber a verdade sobre a morte?

      • 1 Xoán 4:8

        A ensinanza do inferno é un insulto para Xehová. El nunca permitiría que as persoas sufrisen dese xeito.

      • Apocalipse 4:11

        Moita xente tenlles medo ós mortos e por iso os adoran a eles en vez de a Deus. Debemos adorar só a Xehová porque el é o único Deus verdadeiro.

  • Os mortos volverán vivir
    Que nos ensina a Biblia?
    • CAPÍTULO 7

      Os mortos volverán vivir

      1-3. a) De que somos prisioneiros? b) Como nos vai liberar Xehová?

      IMAXINA que te condenaron a pasar o resto da túa vida no cárcere por algo que non fixeches. Ves o teu futuro moi negro porque non hai nada que poidas facer. Pero, xusto cando xa perdiches toda esperanza, descobres que alguén ten o poder para liberarte e promete que te vai axudar! Como te sentirías?

      2 Todos somos prisioneiros da morte e non hai nada que poidamos facer para escapar dela. Pero Xehová ten o poder para liberarnos e prométenos que o vai facer. A Biblia di: “A morte será o derradeiro inimigo destruído” (1 Corintios 15:26).

      3 Imaxina o alivio que sentirás cando xa non teñas que preocuparte pola morte! Pero Xehová non só vai acabar con ela. Ademais, vailles devolver a vida ás persoas que xa morreron. Iso é o que a Biblia chama resurrección. Deus prometeu: “Revivirán os teus mortos” (Isaías 26:19). Pensa no que iso vai significar para ti.

      CANDO MORRE UN SER QUERIDO

      4. a) Onde podemos atopar acougo cando morre un dos nosos? b) Quen eran algúns dos mellores amigos de Xesús?

      4 Cando un familiar ou un bo amigo morre, a pena e a dor poden ser insoportables. Sentímonos impotentes porque non hai nada que poidamos facer para traelo de volta. Pero a Biblia dános acougo (le 2 Corintios 1:3, 4). Imos ver un exemplo que demostra que Xehová e Xesús están desexando devolverlles a vida ós nosos. Cando Xesús estivo na Terra, adoitaba visitar a Lázaro e as súas irmás, Marta e María. Os tres eran bos amigos de Xesús. A Biblia di: “Xesús queríalles moito a Marta, á irmá dela, e mais a Lázaro” (Xoán 11:3-5). Pero un día Lázaro morreu.

      5, 6. a) Que fixo Xesús cando viu a dor dos amigos e da familia de Lázaro? b) Por que nos consola saber o que sentiu Xesús sobre a morte?

      5 Xesús foi consolar a Marta e a María. Cando Marta escoitou que Xesús estaba chegando á cidade, saíulle ó encontro. Aínda que estaba contenta de velo, díxolle: “Se ti estiveses aquí, meu irmán non morrería”. Marta pensaba que Xesús chegara demasiado tarde. Despois diso, Xesús viu a María chorando. Doeulle tanto ver o tristes que estaban que se lle apertou o corazón e botouse a chorar (Xoán 11:21, 33, 35). Xesús sentiu a profunda dor que produce perder alguén moi querido na morte.

      6 A dor que sentiu Xesús nese momento consólanos moito. Ensínanos que el e mailo seu Pai, Xehová, odian a morte (Xoán 14:9). Xehová ten o poder para acabar coa morte para sempre. E vaino facer dentro de moi pouco.

      “¡LÁZARO, VEN PARA FÓRA!”

      7, 8. a) Por que non quería Marta que quitasen a pedra da tumba de Lázaro? b) Que milagre fixo Xesús?

      7 Cando Xesús chegou á tumba de Lázaro, a entrada estaba pechada cunha pedra grande. Así que Xesús dixo: “Arredade a pedra”. Pero Marta non quería que a quitasen porque Lázaro xa levaba morto catro días (Xoán 11:39). Claro, Marta non sabía o que Xesús estaba a piques de facer por Lázaro.

      Os amigos e familiares de Lázaro alégranse moito cando Xesús o resucita

      Imaxina a alegría da familia e dos amigos de Lázaro cando resucitou (Xoán 11:38-44)

      8 Despois de que quitasen a pedra, Xesús berrou: “¡Lázaro, ven para fóra!”. Entón, Marta e María viron algo abraiante: Lázaro saíu da tumba cos “pés e as mans atados con vendas” (Xoán 11:43, 44). Xesús resucitara a Lázaro! Volvía estar cos seus familiares e amigos. Todos podían tocalo, abrazalo e falar con el. Que milagre tan impresionante!

      “RAPAZA, ÉRGUETE”

      9, 10. a) Quen lle deu a Xesús o poder para resucitar os mortos? b) Por que son de moito valor para nós as resurreccións das que fala a Biblia?

      9 Resucitou Xesús os mortos co seu propio poder? Non. Antes de resucitar a Lázaro, Xesús oroulle a seu Pai. Así que foi Xehová quen lle deu o poder para resucitalo (le Xoán 11:41, 42). Pero Lázaro non foi a única persoa que resucitou.a Por exemplo, a Biblia tamén fala dunha nena de 12 anos que estaba moi enferma. O seu pai chamábase Xairo e non tiña máis fillos. Xairo estaba desesperado e suplicoulle a Xesús que curase a súa filla. Mentres falaba con el, chegaron uns homes e dixéronlle: “A túa filla acaba de morrer. ¿Para que andar xa molestando ó Mestre?”. Pero Xesús díxolle: “Non teñas medo: ti ten fe, e a rapaza hase salvar”. Entón foron xuntos á casa de Xairo. Cando estaban chegando, Xesús viu que a xente estaba chorando e díxolles: “Non choredes: non morreu, está a durmir”. É probable que os pais da pequena non entendesen o que Xesús quería dicir. Despois, Xesús pediulles a todos que saísen da casa e levou os pais á habitación onde estaba a nena. Colleuna con coidado da man e díxolle: “Rapaza, érguete”. Imaxina a alegría dos pais ó veren que a súa filla se levantaba e comezaba a camiñar. Xesús resucitara a súa filliña! (Marcos 5:22-24, 35-42; Lucas 8:49-56) Cada vez que Xairo e maila súa muller mirasen para a súa nena, lembrarían o que Xehová fixera por eles mediante Xesús.

      10 É certo que as persoas ás que Xesús resucitou, co tempo, volveron morrer. Pero os relatos das resurreccións son de moito valor para nós porque nos dan unha esperanza real: Xehová quere resucitar os mortos, e vaino facer.

      QUE APRENDEMOS DAS RESURRECCIÓNS

      Pedro acaba de resucitar a Tabita e algunhas persoas entran onda eles

      O apóstolo Pedro resucitou unha cristiá chamada Tabita (Feitos 9:36-42)

      Unha viúva abraza o seu fillo despois de que Elías o resucita

      Elías resucitou o fillo dunha viúva (1 Reis 17:17-24)

      11. Segundo Eclesiastés 9:5, que lle pasou a Lázaro cando morreu?

      11 A Biblia di que “os mortos non saben xa máis nada” (Eclesiastés 9:5). Iso foi o que lle pasou a Lázaro. Mentres estaba na tumba, non sabía o que pasaba ó seu arredor. Como dixo Xesús, era coma se Lázaro estivese durmindo (Xoán 11:11).

      12. Por que sabemos que a resurrección de Lázaro foi real?

      12 Moitas persoas viron que Xesús resucitara a Lázaro. Mesmo os inimigos de Xesús sabían que fixera ese milagre. Lázaro estaba vivo, así que ninguén podía negalo (Xoán 11:47). Moitas persoas foron ver a Lázaro e comezaron a crer que Deus enviara a Xesús. Pero iso non lles gustou nada ós inimigos de Xesús e por iso planearon matalo a el e mais a Lázaro (Xoán 11:53; 12:9-11).

      13. Por que podemos estar seguros de que Xehová resucitará os mortos?

      13 Sabemos que Xehová ten o poder de devolverlles a vida ás persoas porque é o Creador de tódalas cousas. Ademais, Xesús dixo que “tódolos que están nos sepulcros” resucitarán (Xoán 5:28). Isto quere dicir que Xehová vai resucitar tódalas persoas que están na súa memoria. Para iso ten que recordar tódolos detalles de cada unha delas. Será capaz de facelo? Pensa nisto. No Universo hai miles de millóns de estrelas, e a Biblia di que Deus coñece o nome de todas (le Salmo 147:4, 5). Se Xehová pode lembrar o nome de cada estrela, seguro que lle será moi fácil recordar tódolos detalles das persoas que vai resucitar.

      14, 15. Que nos ensinan as palabras de Xob sobre a resurrección?

      14 Xob, un servo fiel do pasado, cría na resurrección. El preguntou: “Se morre o home, ¿volverá a vivir?”. Entón díxolle a Xehová: “Chamaríasme entón e eu respondería; terías saudade da obra das túas mans”. Estas palabras de Xob ensínannos que Xehová está desexando resucitar os mortos (Xob 14:13-15).

      15 Como te sentes cando pensas na resurrección? Seguro que te anima saber que Xehová quere resucitar os mortos. Pero poida que te preguntes: “E que pasa cos meus amigos e familiares? Resucitarán eles tamén?”. Imos ver o que di a Biblia sobre que persoas resucitarán e onde vivirán.

      ESCOITARÁN A SÚA VOZ E SAIRÁN

      16. Como será a vida dos que resuciten na Terra?

      16 No pasado, as persoas resucitaron na Terra. E foi aquí onde se reuniron cos seus familiares e amigos. No futuro, as persoas tamén resucitarán na Terra, pero será moito mellor. Por que? Primeiro, porque quen resucite terá a oportunidade de vivir para sempre. E segundo, porque o mundo será moi diferente. Xa non haberá nin guerras nin delitos nin enfermidades.

      17. Quen resucitará?

      17 Quen resucitará? Xesús dixo que tódolos que están nos sepulcros escoitarán a súa voz e sairán (Xoán 5:28, 29). E a Biblia tamén di: “O mar entregou os mortos que nel había; e a Morte e o Hades entregaron os mortos que neles había” (Apocalipse 20:13). A palabra Hades refírese ó lugar simbólico onde descansan a maioría dos mortos. Isto quere dicir que resucitarán miles de millóns de persoas. O apóstolo Paulo dixo que “haberá resurrección de xustos e inxustos” (le Feitos 24:15). Que significa isto?

      Unhas persoas que resucitan no Paraíso reúnense cos seus seres queridos

      No Paraíso, os mortos resucitarán e reuniranse cos seus amigos e familiares

      18. Quen son os “xustos”?

      18 Quen son os “xustos”? Entre eles están os servos fieis de Xehová que viviron antes de que Xesús viñese á Terra, como por exemplo: Noé, Abraham, Sara, Moisés, Rut e Ester. No capítulo 11 de Hebreos fálase dalgúns destes homes e mulleres. Todos eles resucitarán na Terra. Pero, que pasará cos servos fieis de Deus que morren no noso tempo? Eles tamén forman parte dos “xustos” e tamén van resucitar.

      19. a) Quen son os “inxustos”? b) Que oportunidade lles dará Xehová?

      19 Quen son os “inxustos”? Entre eles están os miles de millóns de persoas que non tiveron a oportunidade de coñecer a Xehová. Inda que morreron, Xehová non se esqueceu deles. Vainos resucitar e daralles a oportunidade de coñecelo e de seren os seus servos.

      20. Quen non vai resucitar?

      20 Entón, resucitarán tódolos mortos? Non. Xesús dixo que algunhas persoas non resucitarían (Lucas 12:5). Quen non vai resucitar? As persoas malas que non quixeron cambiar. Pero quen decidirá se unha persoas resucita ou non? Xehová. El é o Xuíz Supremo, pero tamén lle deu a Xesús a autoridade para que sexa “xuíz de vivos e de mortos” (Feitos 10:42; ver a nota 19).

      A RESURRECCIÓN NO CEO

      21, 22. a) Que clase de corpo reciben os que van vivir no ceo? b) Quen foi a primeira persoa que resucitou para vivir no ceo?

      21 A Biblia tamén di que algunhas persoas vivirán no ceo. Pero os que resucitan alí, non o fan cun corpo humano, senón cun corpo espiritual.

      22 Xesús foi a primeira persoa que resucitou para vivir no ceo (Xoán 3:13). Xehová resucitouno tres días despois de que o matasen, pero non o resucitou cun corpo humano (Salmo 16:10; Feitos 13:34, 35). O apóstolo Pedro explicou que Xesús “sufriu a morte na carne, pero recibiu vida no espírito” (1 Pedro 3:18). Xesús resucitou como un poderoso espírito (1 Corintios 15:3-6). Pero a Biblia di que Xesús non sería o único.

      23, 24. Quen forma a “grea pequena” da que falou Xesús, e cantos son?

      23 Pouco antes de morrer, Xesús díxolles ós seus discípulos que lles ía “arranxar un lugar” (Xoán 14:2). Isto significa que algúns cristiáns resucitarían para estaren con el no ceo. Xesús explicou que estas persoas formarían unha “grea pequena”, é dicir, que serían poucas (Lucas 12:32). O apóstolo Xoán tivo unha visión de Xesús no ceo e puido ver cal sería a cantidade exacta. Viu a Xesús “de pé no monte de Sión e con el cento corenta e catro mil” (Apocalipse 14:1).

      24 Cando resucitarían os 144.000 cristiáns? A Biblia di que sería despois de que Cristo empezase a gobernar no ceo (1 Corintios 15:23). Na actualidade Xesús xa está gobernando, e a maioría dos 144.000 xa resucitou e están alí con el. Hoxe aínda quedan na Terra algúns destes cristiáns que vivirán no ceo. Cando morran, resucitarán de inmediato. Pero, a maioría das persoas resucitará no futuro aquí na Terra para vivir para sempre no Paraíso.

      25. Que aprenderemos no próximo capítulo?

      25 Dentro de pouco, Xehová liberaranos a todos da morte, e a morte deixará de existir para sempre (le Isaías 25:8). Pero, que farán os 144.000 no ceo? A Biblia explica que gobernarán con Xesús. No próximo capítulo aprenderemos máis cousas sobre este goberno.

      a Outros relatos da Biblia falan da resurrección de novos e maiores, homes e mulleres, israelitas e persoas doutras nacións. Podes ler estes relatos en: 1 Reis 17:17-24; 2 Reis 4:32-37; 13:20, 21; Mateo 28:5-7; Lucas 7:11-17; 8:40-56; Feitos 9:36-42; 20:7-12.

      ENSINANZAS DA BIBLIA

      1. XEHOVÁ ACABARÁ COA MORTE

      “A morte será o derradeiro inimigo destruído” (1 Corintios 15:26)

      Como nos dá acougo a Biblia cando alguén morre?

      • 2 Corintios 1:3, 4

        Cando morre un familiar ou un amigo, quizais nos sintamos desconsolados. A Biblia dános verdadeiro acougo.

      • Isaías 25:8; 26:19

        Xehová ten o poder de acabar coa morte para sempre. Ademais, devolveralles a vida ós que morreron.

      2. PODEMOS TER FE NA RESURRECCIÓN

      “Rapaza, érguete” (Marcos 5:41)

      Por que podemos ter fe na resurrección?

      • Xoán 11:1-44

        Xesús resucitou a Lázaro.

      • Marcos 5:22-24, 35-42

        Xesús resucitou unha nena.

      • Xoán 11:41, 42

        Xesús puido resucitar os mortos grazas ó poder de Xehová.

      • Xoán 12:9-11

        Moitas persoas viron as resurreccións que fixo Xesús. Mesmo os seus inimigos sabían que el podía resucitar os mortos.

      3. XEHOVÁ RESUCITARÁ MILLÓNS DE PERSOAS

      “Chamaríasme entón e eu respondería; terías saudade da obra das túas mans” (Xob 14:13-15)

      Quen vai resucitar?

      • Xoán 5:28, 29

        Tódolos que estean na memoria de Xehová volverán á vida.

      • Feitos 24:15

        Resucitarán xustos e inxustos.

      • Salmo 147:4, 5

        Xehová pode lembrar o nome de tódalas estrelas. Polo tanto, tamén pode recordar con facilidade tódolos detalles das persoas que vai resucitar.

      4. ALGUNHAS PERSOAS RESUCITARÁN PARA VIVIR NO CEO

      Xesús dixo que lles ía “arranxar un lugar” (Xoán 14:2)

      Quen resucitará para vivir no ceo?

      • 1 Pedro 3:18

        Xesús foi a primeira persoa que resucitou para vivir no ceo.

      • Lucas 12:32

        Xesús dixo que só un pequeno grupo de discípulos seus resucitaría para vivir no ceo.

      • Apocalipse 14:1

        Xehová escolleu 144.000 persoas para que vivan no ceo.

Publicacións en galego (1993-2025)
Pechar sesión
Iniciar sesión
  • Galego
  • Compartir
  • Axustes
  • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
  • Termos de uso
  • Política de privacidade
  • Axustes de privacidade
  • JW.ORG
  • Iniciar sesión
Compartir