CAPÍTULO 15
Como podes saber cal é a relixión verdadeira?
1. Quen é o único que nos pode dicir como debemos adorar a Deus?
MOITAS relixións din que ensinan a verdade sobre Deus. Pero iso non é posible, porque cada unha ensina cousas distintas sobre quen é Deus e como deberiamos adoralo. Entón, como podemos saber cal é a relixión verdadeira? Xehová é o único que nos pode dicir como debemos adoralo.
2. Que debes facer para saber como adorar a Deus?
2 Para saber como adoralo, Xehová deunos a Biblia. Por iso debes estudala. Xehová preocúpase por ti e axudarache a sacar proveito das súas ensinanzas (Isaías 48:17).
3. Que quere Deus que fagamos?
3 Hai quen di que Deus acepta tódalas relixións, pero iso non é o que Xesús ensinou. El dixo: “Non todo o que me di: ‘¡Señor! ¡Señor!’ entrará no Reino dos Ceos, senón o que fai a vontade do meu Pai”. Así que precisamos aprender cal é a vontade de Deus, e logo poñela en práctica. Falando dos que non obedecen a Deus, Xesús engadiu: “¡Endexamais non vos coñecín: arredádevos de min os que praticáde-lo mal!” (Mateo 7:21-23). Por iso é moi importante adorar a Xehová da maneira que el quere.
4. Que dixo Xesús sobre facer a vontade de Deus?
4 Xesús dixo que non sempre sería fácil facer a vontade de Deus. Comparou a vida do cristián cun camiño apertado polo que poucas persoas quererían ir. El dixo: “Entrade pola porta estreita. Porque ancha é a porta e espacioso o camiño que leva á perdición, e son moitos os que entran por el. Pero ¡que estreita é a porta e que apretado o camiño que levan á vida, e que poucos dan con eles!” (Mateo 7:13, 14). Os que fan a vontade de Deus son como aqueles que van polo camiño apertado que leva á vida eterna. En cambio, os que non fan a vontade de Deus son como aqueles que van polo camiño espazoso que leva á morte. Como Deus non quere que ninguén morra, dános a todos a oportunidade de aprender acerca del (2 Pedro 3:9).
COMO IDENTIFICAR A RELIXIÓN VERDADEIRA
5. Como podes identificar cal é a relixión verdadeira?
5 Xesús explicou como poderiamos identificar a relixión verdadeira. El dixo: “Polos seus froitos coñecerédelos”. E engadiu: “Toda árbore de boa caste produce froitos xeitosos” (Mateo 7:16, 17). Polo tanto, podemos recoñecer os que adoran a Deus do xeito que a el lle agrada polos seus froitos, é dicir, polo que cren e polo que fan. Isto non significa que sexan perfectos, pero sempre se esforzan por facer o que está ben. Vexamos agora como podemos identificalos.
6, 7. a) Por que se basean na Biblia as ensinanzas da relixión verdadeira? b) Que nos ensina o exemplo de Xesús?
6 Basean as súas ensinanzas na Biblia. A Biblia di: “Toda a Escritura está inspirada por Deus e é útil para ensinar, para corrixir, para enmendar, para educar na xustiza. Dese xeito, o home de Deus tórnase perfecto e competente para toda obra boa” (2 Timoteo 3:16, 17). E o apóstolo Paulo escribiulles ós cristiáns: “Ó recibirdes de nós a palabra de Deus, acolléstela non coma palabra de homes senón coma o que verdadeiramente é: coma palabra de Deus” (1 Tesalonicenses 2:13). Así que a relixión verdadeira basea as súas ensinanzas só na Palabra de Deus, a Biblia. Non se basea en ideas de homes nin en tradicións.
7 Todo o que ensinou Xesús baseábase na Palabra de Deus (le Xoán 17:17). El citou moitas veces das Escrituras (Mateo 4:4, 7, 10). Os verdadeiros servos de Deus seguimos o exemplo de Xesús e baseamos todo o que ensinamos na Biblia.
8. Que ensinou Xesús sobre adorar a Xehová?
8 Adoran só a Xehová. A Biblia di: “¡Eu, Iavé, este é o meu Nome! A miña gloria a outro non lla dou; nin a miña louvanza ós ídolos” (Isaías 42:8). Xesús quería que as persoas soubesen quen é o Deus verdadeiro, e por iso lles ensinou cal é o Seu nome (le Xoán 17:26). Ademais, dixo: “Só ó Señor, o teu Deus, adorarás, e só a El darás culto” (Mateo 4:10). Así que os servos de Deus seguimos o exemplo de Xesús. Adoramos só a Xehová, usamos o seu nome e ensinámosllelo a outros. Tamén falamos do que Deus fará por nós.
9, 10. Como amosamos amor polos demais?
9 Amosan verdadeiro amor polos demais. Xesús ensinoulles ós seus discípulos a amárense uns ós outros (le Xoán 13:35). Sen importar onde vivamos, a nosa cultura, ou se somos ricos ou pobres, o noso amor polos demais fai que esteamos unidos, coma irmáns e irmás (Colosenses 3:14). Por iso non imos á guerra nin matamos a ninguén. A Biblia di: “Nisto é onde se ven os que son fillos de Deus e os que son fillos do demo. Quen non fai o que é xusto, isto é, quen non quere ben a seu irmán, non vén de Deus”. E engade: “Que nós nos amemos uns ós outros. Non coma Caín, que, vindo da caste do demo, degolou a seu irmán” (1 Xoán 3:10-12; 4:20, 21).
10 Usamos as nosas enerxías, o noso tempo e os nosos bens para axudarnos e animarnos uns ós outros (Hebreos 10:24, 25). Facemos “ben a todos” (Gálatas 6:10).
11. Por que obedecemos a Xesús?
11 Obedecen a Xesús porque é o único xeito de achegarse a Deus. A Biblia explica: “En ningún outro hai salvación, porque non hai ningún outro nome baixo do ceo, dado ós homes, no que nos poidamos salvar” (Feitos 4:12). No capítulo 5, aprendemos que Xehová enviou a Xesús para dar a súa vida como rescate polos humanos obedientes (Mateo 20:28). Xehová escolleu a Xesús como Rei para gobernar sobre a Terra. Por iso a Biblia di que, se queremos vivir para sempre, precisamos obedecer a Xesús (le Xoán 3:36).
12. Por que non debemos participar en política?
12 Non participan en política. Xesús nunca se meteu en política. Cando o estaban a xulgar, díxolle ó gobernador romano Pilato: “O meu reino non é deste mundo” (le Xoán 18:36). Igual ca Xesús, nós tamén somos leais ó Reino celestial de Deus. Por iso, sen importar onde vivamos, non participamos en asuntos políticos. Inda así, obedecemos as leis do país onde vivimos. A Biblia di: “Sométase toda persoa ás autoridades constituídas”, é dicir, ós gobernos (Romanos 13:1). Con todo, se unha lei está en contra das leis de Deus, seguimos o exemplo dos apóstolos, que dixeron: “Cómpre obedecer a Deus antes cós homes” (Feitos 5:29; Marcos 12:17).
13. Que predicamos sobre o Reino de Deus?
13 Cren que o Reino de Deus é a única solución ós problemas do mundo. Xesús dixo que se proclamaría a “Boa Nova do Reino” por toda a Terra (le Mateo 24:14). Ningún goberno humano pode facer o que o Reino de Deus fará por nós (Salmo 146:3). Xesús ensinounos a orar polo Reino de Deus cando dixo: “Veña o teu Reino, fágase a túa vontade así na terra coma no ceo” (Mateo 6:10). A Biblia explica que o Reino de Deus vai destruír tódolos gobernos humanos e “subsistirá para sempre” (Daniel 2:44).
14. Cal pensas ti que é a relixión verdadeira?
14 Logo de analizar estes puntos, pensa nisto: “Quen basea as súas ensinanzas na Biblia? Quen ensina o nome de Deus? Quen amosa verdadeiro amor polos demais? Quen cre que Deus enviou a Xesús para salvarnos? Quen non se mete en política? Quen predica que o Reino de Deus é o único que pode solucionar os nosos problemas?”. Só as testemuñas de Xehová (Isaías 43:10-12).
E TI QUE FARÁS?
15. Que precisamos facer se queremos que Deus acepte a nosa adoración?
15 Non abonda con crer que Deus existe. Por exemplo, os demos cren que existe, pero non o obedecen (Santiago 2:19). Se queremos que Deus acepte a nosa adoración, precisamos facer o que nos manda, non só crer nel.
16. Por que debemos saír da relixión falsa?
16 Para que Deus acepte a nosa adoración, tamén temos que saír da relixión falsa. O profeta Isaías escribiu: “Non toquedes cousa impura. Saíde do medio dela, mantédevos limpos” (Isaías 52:11; 2 Corintios 6:17). Xehová ve a relixión falsa como algo sucio. Por iso debemos afastarnos de todo o que estea relacionado con ela.
17, 18. a) Que é Babilonia a Grande? b) Por que é urxente que te apartes das relixións falsas?
17 Como sabemos se unha relixión é falsa? Sabémolo se di que adoremos a Deus dun xeito distinto ó que a Biblia ensina. A Biblia chámalles a tódalas relixións falsas “a gran Babilonia”, ou Babilonia a Grande (Apocalipse 17:5). De onde vén ese nome? Dunha antiga cidade chamada Babilonia. Alí xurdiron moitas ensinanzas falsas que logo se espallaron por toda a Terra. Por exemplo, as persoas que vivían alí adoraban grupos de tres deuses. Hoxe en día, moitas relixións ensinan que Deus é unha trindade. Pero a Biblia deixa moi claro que Xehová é o único Deus verdadeiro e que Xesús é o seu Fillo (Xoán 17:3). A xente que vivía en Babilonia tamén cría que, despois de morrer, unha parte das persoas seguía vivindo e mesmo podía sufrir nun inferno. Pero iso non é verdade (ver as notas 14, 17 e 18).
18 Deus predixo que tódalas relixións falsas van ser destruídas dentro de pouco (Apocalipse 18:8). Entendes por que é tan urxente apartar das relixións falsas? Xehová quere que o fagas antes de que sexa demasiado tarde (Apocalipse 18:4).
Se serves a Xehová co seu pobo, serás parte dunha familia mundial
19. Como coidará Xehová de ti se decides adoralo?
19 Cando alguén decide adorar a Xehová e deixar a relixión falsa, poida que a súa familia e amigos non o entendan ou lle fagan a vida difícil. Quizais ata se poñan na súa contra, o avergoncen ou deixen de xuntarse con el. Se este é o teu caso, lembra que Xehová non te vai abandonar, el coidará de ti. Serás parte dunha familia mundial de millóns de persoas que se queren moito e terás a esperanza de vivir para sempre no novo mundo (Marcos 10:28-30). Co tempo, poida que algúns deses familiares ou amigos decidan estudar a Biblia.
20. Por que é importante que adores a Deus como el quere?
20 Moi pronto Deus acabará con toda a maldade e o seu Reino gobernará sobre a Terra (2 Pedro 3:9, 13). Serán tempos moi emocionantes. Todos adorarán a Xehová do xeito que el quere. Por iso é moi importante que fagas agora os cambios necesarios para agradarlle a Deus.