LECCIÓN 52
Por que son importantes a nosa roupa e o noso aspecto
Cada un ten os seus gustos sobre como vestir. Se seguimos uns poucos principios bíblicos, poderemos vestirnos como a nós nos gusta e ó mesmo tempo agradarlle a Xehová. Nesta lección imos analizar algúns deses principios.
1. Que principios bíblicos poden axudarnos a tomar decisións sobre o noso aspecto e a nosa forma de vestir?
Debemos escoller “roupa apropiada, [...] con modestia e bo xuízo” e manter un aspecto limpo que demostre a nosa “devoción a Deus” (1 Timoteo 2:9, 10, TNM). Analiza estes catro principios: 1) A nosa roupa debe ser “apropiada”. Como viches nas reunións de congregación, as testemuñas de Xehová temos diferentes gustos, pero a nosa roupa e o noso peiteado demostran respecto polo Deus que adoramos. 2) Vestir “con modestia” significa que a nosa imaxe non é provocativa nin tampouco debería atraer demasiado a atención cara a nós mesmos. 3) Demostramos “bo xuízo” cando non estamos pendentes de ir sempre á última moda. 4) O noso aspecto sempre debería deixar ver a nosa “devoción a Deus” para demostrarlles ós demais que adoramos a Xehová, o Deus verdadeiro (1 Corintios 10:31).
2. Que efecto pode ter o noso aspecto nos irmáns?
Aínda que temos liberdade para escoller a roupa que imos levar, deberiamos pensar no efecto que podería ter a nosa imaxe nos demais. Facemos todo o posible por non ofender a ninguén porque a Biblia di que “cada un de nós compraza ó seu próximo para o ben, con miras á edificación” (le Romanos 15:1, 2).
3. Como pode o noso aspecto atraer a outros á adoración verdadeira?
Aínda que intentamos vestir de maneira apropiada en todo momento, dámoslle especial importancia á nosa roupa cando imos ás reunións de congregación e a predicar. Non queremos que nada lle quite valor á importante mensaxe que lles levamos ás persoas. Máis ben, queremos que o noso aspecto faga que outros queiran acercarse á verdade e lle dea “honor á doutrina de Deus” (Tito 2:10).
AFONDA MÁIS
Analiza como podes asegurarte de que a túa roupa e o teu aspecto sexan apropiados para un cristián.
A nosa imaxe pode demostrar se respectamos ou non as persoas que teñen autoridade. Aínda que Xehová pode ver o que temos no corazón, o noso aspecto tamén debería demostrar que o respectamos
4. Unha boa aparencia demostra respecto por Xehová
Cal é a razón máis importante para coidar a nosa imaxe? Lede Apocalipse 4:11 e logo comentade estas preguntas:
Como debería influír na nosa forma de vestir o feito de que representamos a Xehová?
Pensas que é razoable que nos preocupemos polo noso aspecto cando imos ás reunións e a predicar? Por que pensas así?
5. Como tomar boas decisións sobre a roupa e o aspecto
Sen importar se a nosa roupa é cara ou barata, sempre debería estar limpa e ser apropiada para cada situación. Lede 1 Corintios 10:24 e 1 Timoteo 2:9, 10. Logo comentade por que deberiamos evitar roupa que sexa...
descoidada ou demasiado informal.
axustada, que deixe ver demasiado ou que sexa provocativa dalgunha outra maneira.
Aínda que os cristiáns xa non estamos baixo a Lei de Moisés, nela podemos ver o que pensa Xehová. Lede Deuteronomio 22:5 e logo comentade esta pregunta:
Por que debemos evitar o aspecto e a roupa que fan que os homes parezan mulleres ou que as mulleres parezan homes?
Lede 1 Corintios 10:32, 33 e 1 Xoán 2:15, 16 e logo comentade estas preguntas:
Por que debería importarnos se o noso aspecto ofende ou non a alguén na zona onde vivimos ou na congregación?
Que estilos son comúns no lugar onde vives?
Pensas que algún deses estilos podería non ser apropiado para un cristián? Por que pensas así?
Aínda que non todos teñamos o mesmo aspecto nin a mesma forma de vestir, podemos agradarlle a Xehová
HAI QUEN DI: “Teño dereito a poñer o que me dea a gana”.
Estás de acordo? Por que pensas así?
RESUMO
Cando tomamos boas decisións sobre o noso aspecto, demostramos que respectamos a Xehová e os demais.
Repaso
Por que a nosa roupa e o noso aspecto son importantes para Xehová?
Que principios bíblicos poden axudarnos a tomar decisións sobre o noso aspecto?
Que efecto pode ter a nosa imaxe no que pensan os demais sobre a adoración verdadeira?
INVESTIGA
Mira o que podería estar dicindo de ti a túa roupa.
Descubre por que deberías pensalo ben antes de facerte unha tatuaxe.
Analiza outros principios da Biblia que poden axudarche a tomar boas decisións.
“Dálle gloria a Deus a túa forma de vestir?” (La Atalaya, setembro 2016)
Mira como unha muller acabou tendo un punto de vista equilibrado sobre a aparencia.
“A súa maneira de vestir era un tropezo para min” (¡Despertad!, 22 decembro 2003)