Segunda Carta ós Corintios
10 Eu, Paulo, suplícovos pola apracibilidade e a bondade do Cristo, eu que parezo pouca cousa en persoa cando estou con vós, pero moi valente cando non o estou. 2 Suplícovos que cando vaia onda vós non teña que ser valente e tomar medidas drásticas (como creo que vou ter que facer) contra algúns que pensan que nos guiamos por un punto de vista humano. 3 Porque aínda que vivimos como humanos*, non loitamos como fan os humanos*. 4 Porque as armas da nosa guerra non son humanas, senón que Deus fai que teñan poder para derribar cousas profundamente arraigadas*. 5 Porque estamos derribando razoamentos e toda barreira que se levanta contra o coñecemento de Deus. Estamos facendo prisioneiro todo pensamento para que obedeza ó Cristo. 6 E estamos preparados para castigar calquera desobediencia en canto demostredes que sodes totalmente obedientes.
7 Vós xulgades as cousas polo que parecen ser. Se alguén está convencido de que lle pertence a Cristo, que reflexione outra vez nisto: igual que el lle pertence a Cristo, nós tamén. 8 Porque aínda que eu presumise un pouquiño máis da conta da autoridade que nos deu o Señor para fortalecervos, e non para derribarvos, non tería que avergonzarme. 9 Pero non quero que pareza que intento metervos medo coas miñas cartas. 10 Algúns din: “As súas cartas teñen peso e forza, pero a súa presenza é débil e a súa forma de falar non vale para nada”. 11 Quen diga iso, que teña en conta que o que dicimos* por carta cando non estamos con vós é o mesmo que faremos* cando cheguemos. 12 Porque non nos atrevemos a poñernos ó mesmo nivel que algúns que se recomendan a si mesmos, nin a compararnos con eles. Cando eles se analizan seguindo o seu propio criterio e se comparan con eles mesmos, demostran que non teñen entendemento.
13 Pero nós non imos presumir de cousas que están fóra dos límites que se nos asignaron, senón de cousas que están dentro dos límites do territorio que Deus marcou para nós e que tamén vos inclúe a vós. 14 O certo é que non estamos indo máis alá dos nosos límites, como se o noso territorio non vos incluíse a vós. De feito, fomos os primeiros en chegar onda vós coas boas noticias sobre o Cristo. 15 Non, non estamos presumindo de cousas que están fóra dos límites que se nos asignaron, é dicir, do traballo doutros. En vez diso esperamos que, a medida que vaia medrando a vosa fe, o que fixemos tamén medre dentro do noso territorio. Así poderemos facer aínda máis. 16 Poderemos anunciar as boas noticias nas rexións que están máis alá da vosa. Así, non presumiremos do que xa se fixo no territorio doutro. 17 “Pero o que presume, que presuma de Xehová*”. 18 Porque a persoa que ten a aprobación de Xehová* non é a que se recomenda a si mesma, senón a que el recomenda.