Segunda Carta ós Corintios
13 Esta é a terceira vez que me preparo para ir a visitarvos. “Todo ten que confirmarse* co testemuño* de dúas ou tres persoas”. 2 Aínda que non estea con vós agora, é coma se estivese aí por segunda vez. Por iso lles aviso con antelación ós que pecaron e a tódolos demais de que, se consigo volver, non se van librar da disciplina. 3 Así teredes a proba que andades buscando de que Cristo (que non é débil con vós, senón que actúa con poder) de verdade está falando por medio de min. 4 De feito, el foi executado nun madeiro cando era débil, pero agora está vivo grazas ó poder de Deus. É certo que nós tamén somos débiles como o era el, pero viviremos con el grazas ó poder de Deus que actúa en vós.
5 Seguídevos analizando a vós mesmos para saber se estades firmes na fe. Seguide comprobando o que sodes. Ou non vos dades conta de que Xesucristo está unido a vós? A non ser que non esteades aprobados. 6 De verdade espero que vos deades conta de que nós temos a aprobación de Deus.
7 Pedímoslle a Deus que non fagades nada malo. Non llo pedimos para que pareza que nós estamos aprobados, senón para que vós fagades o que está ben, aínda que pareza que nós non estamos aprobados. 8 Porque non podemos facer nada en contra da verdade, senón só a favor da verdade. 9 Alegrámonos moito cando nós somos débiles e vós sodes poderosos. E oramos para que fagades os cambios necesarios*. 10 Por iso vos escribo isto mentres non estou aí con vós. Así, cando estea aí, non terei que ser duro ó usar a autoridade que o Señor me deu, e poderei usala para fortalecer e non para destruír.
11 Por último, irmáns, seguide alegrándovos, facendo os cambios necesarios*, aceptando o consolo, tendo a mesma forma de pensar e vivindo en paz. Así, o Deus de amor e de paz estará con vós. 12 Saudádevos uns ós outros con cariño*. 13 Mándanvos saúdos tódolos santos*.
14 Que a bondade inmerecida do Señor Xesucristo, o amor de Deus e o espírito santo do que todos vos beneficiades estean con todos vós.