Segunda Carta ós Corintios
5 Porque sabemos que a nosa casa* terreal (esta tenda) vai ser derribada* e que imos recibir de Deus un edificio eterno nos ceos, unha casa que non está feita por mans humanas. 2 Porque nesta casa lamentámonos, e queremos de todo corazón poñernos a casa que é para nós e que vén do ceo*, 3 para que cando nola poñamos non esteamos espidos. 4 De feito, os que estamos nesta tenda lamentámonos e estamos angustiados, pero non porque queiramos quitarnos esta tenda, senón porque queremos poñernos a outra, para que a vida substitúa* iso que é mortal. 5 Deus é quen nos preparou precisamente para isto, e deunos o seu espírito como garantía do que vai vir*.
6 Así que estamos moi seguros disto e sabemos que mentres vivamos* neste corpo estaremos lonxe do Señor, 7 porque andamos por fe e non por vista. 8 Pero non temos dúbidas, e preferimos estar lonxe deste corpo e vivir co Señor. 9 Por iso, tanto se vivimos con el como se estamos lonxe del, o noso obxectivo é ter a súa aprobación. 10 Porque todos temos que presentarnos* diante do tribunal do Cristo, para que cada un reciba o que merece polas cousas que fixo mentres viviu no seu corpo, sexan boas ou malas.
11 É certo que, como sabemos o que é o temor do Señor, seguimos convencendo ós homes, pero Deus coñécenos ben, e eu espero que as vosas conciencias tamén nos coñezan ben. 12 Non nos estamos recomendando outra vez diante de vós, senón que vos estamos dando unha razón para que presumades de nós, e que así poidades responder ós que presumen das aparencias e non do que hai no corazón. 13 Porque se estabamos tolos, foi para Deus, e se estamos ben da cabeza, é para vós. 14 O amor de Cristo obríganos, porque chegamos á conclusión de que un home morreu por todos, porque en realidade xa morreran* todos. 15 E el morreu por todos, para que os que viven xa non vivan para eles mesmos senón para o que morreu por eles e foi resucitado*.
16 Así que, a partir de agora, non vemos a ninguén desde un punto de vista humano*. E incluso se algúns vimos a Cristo desde un punto de vista humano*, está claro que xa non o vemos así. 17 Por iso, se alguén está unido a Cristo, é unha creación nova. As cousas vellas xa pasaron. Mirade! Agora chegaron a existir cousas novas. 18 Pero tódalas cousas veñen de Deus, que nos reconciliou con el por medio de Cristo e deunos o ministerio da reconciliación. 19 É dicir, Deus estaba reconciliando o mundo consigo mesmo por medio de Cristo, sen ter en conta as ofensas das persoas, e confiounos a nós a mensaxe da reconciliación.
20 Así que somos embaixadores que substituímos a Cristo, coma se Deus lle estivese suplicando á xente por medio de nós. Polo tanto, como substitutos de Cristo, rogámosvos: “Reconciliádevos con Deus”. 21 Deus fixo que aquel que non cometeu pecado fose unha ofrenda polo pecado* a favor de nós, para que por medio del chegásemos a ser xustos ós ollos de Deus.