Carta ós Efesios
2 Ademais, Deus deuvos vida, aínda que estabades mortos por culpa das ofensas e dos pecados 2 que cometestes cando seguiades o sistema* deste mundo, cando seguiades o gobernante que ten autoridade sobre o aire. O aire é o espírito que agora controla as persoas que son desobedientes*. 3 De feito, houbo un tempo no que todos nos comportabamos coma eles seguindo os desexos da nosa carne, facendo a vontade da carne e dos nosos pensamentos, e mereciamos a ira de Deus* desde o noso nacemento, igual que os demais. 4 Pero Deus, que é moi misericordioso*, amounos cun amor tan grande 5 que nos deu vida e nos uniu ó Cristo, incluso cando estabamos mortos por culpa das nosas ofensas (vós fostes salvados por bondade inmerecida). 6 De feito, deunos vida* xunto con el* e sentounos xunto con el* nos lugares celestiais como discípulos de Cristo Xesús 7 para que, nos sistemas* que veñen, el demostre a súa ilimitada bondade inmerecida sendo xeneroso* con nós como discípulos de Cristo Xesús.
8 Por esta bondade inmerecida fostes salvados mediante a fe. Pero non é polos vosos propios méritos, senón que é un regalo de Deus. 9 Non, non é grazas ás vosas boas obras, para que ninguén teña motivos para presumir. 10 Somos obra das mans de Deus* e, como somos discípulos de Cristo Xesús, fomos creados para facer as boas obras que Deus decidiu con antelación que fixésemos.
11 Así que recordade que noutro tempo vós, que sodes xente das nacións por nacemento*, erades chamados “incircuncisión” polos que se chaman “circuncisión”. Esta circuncisión faise no corpo* por mans humanas. 12 Naquel tempo non coñeciades a Cristo, estabades separados da nación de Israel e, como erades estranxeiros, non estabades incluídos nos pactos da promesa. Viviades no mundo sen ter esperanza e sen coñecer a Deus. 13 Pero agora, como sodes discípulos de Cristo Xesús, vós, que nun tempo estabades lonxe de Deus, chegastes a estar cerca grazas ó sangue do Cristo. 14 Porque el é a nosa paz, o que fixo que os dous grupos fosen un só e o que derribou o muro que había no medio e que separaba os dous grupos. 15 Por medio de ofrecer o seu corpo*, anulou o que facía que estes grupos fosen inimigos: a Lei, que está formada por mandamentos e decretos. Fixo isto para facer un pobo* novo dos dous grupos que son discípulos del e establecer a paz, 16 e para reconciliar completamente con Deus os dous pobos nun só corpo mediante o madeiro de tortura*. Porque por medio de si mesmo eliminou iso que os facía inimigos. 17 El veu e anunciouvos as boas noticias de paz a vós, os que estabades lonxe de Deus, e tamén ós que estaban cerca del. 18 Porque mediante el, os dous pobos podemos acceder con liberdade ó Pai por medio do mesmo espírito santo.
19 Así que xa non sodes estraños nin estranxeiros, senón que sodes cidadáns xunto cos santos* e sodes membros da familia de Deus. 20 Ademais, fostes edificados sobre o fundamento dos apóstolos e dos profetas, e Cristo Xesús é a pedra angular* de fundamento. 21 O edificio enteiro, que está unido a el e ten tódalas partes harmoniosamente unidas, vai medrando ata converterse nun templo santo para Xehová*. 22 Vós, que estades unidos a Cristo, tamén estades sendo edificados xuntos para convertervos nun lugar no que Deus viva por medio do seu espírito.