A Apocalipse
10 E vin que outro anxo forte baixaba do ceo, envolto nunha nube co arco iris sobre a súa cabeza; o aspecto da súa cara era coma o sol e as pernas coma columnas lumeantes. 2 Tiña na man un libriño aberto e puxo o pé dereito no mar e o esquerdo na terra. 3 Berrou con toda a forza, coma o brado do león; e, en berrando, falaron os sete tronos coas súas propias voces. 4 Despois de falaren os sete tronos estaba eu para escribir, pero oín que unha voz desde o ceo me dicía: “Garda en segredo o que falaron os sete tronos e non o escribas”. 5 E o anxo, que eu vira afincado no mar e na terra, ergueu a súa man dereita cara ó ceo 6 e xurou por aquel que vive polos séculos dos séculos, que creou o ceo e canto hai nel, a terra e canto hai nela, o mar e canto hai nel: “¡xa non haberá máis demora!; 7 pero nos días en que apareza a voz do sétimo anxo, cando estea para toca-la trompeta, hase de cumpri-lo Misterio de Deus, tal como El llelo anunciara, coma boa nova, ós seus servos, os profetas”.
8 E a voz que oíra desde o ceo volveu falar comigo para me dicir: “Vai e colle o libriño aberto, que ten na man o anxo que está afincado no mar e na terra”. 9 Fun onda o anxo dicirlle que me dese o pequeno libro e el respondeume: “Cólleo e engúleo todo: hache amargar no ventre pero na boca hache ser doce coma o mel”. 10 Eu collín o libriño da man do anxo e engulipeino de vez e fíxoseme na boca doce coma o mel, pero de que o comín enchéuseme de amargor o ventre. 11 E dixéronme: “Cómpre que volvas profetizar para moitos pobos, xentes, linguas e reis”.