Carta ós Gálatas
1 De parte de Paulo, un apóstolo que non foi escollido por homes nin por medio de ningún home, senón por medio de Xesucristo e de Deus, o Pai, que o resucitou* de entre os mortos, 2 e de parte de tódolos irmáns que están comigo, para as congregacións de Galacia:
3 Que teñades bondade inmerecida e paz de parte de Deus, o noso Pai, e do Señor Xesucristo. 4 El entregouse polos nosos pecados para rescatarnos deste sistema malvado*, de acordo coa vontade do noso Deus e Pai. 5 Que Deus reciba a gloria para sempre. Amén.
6 Sorpréndeme que vos esteades apartando* tan rápido daquel que vos chamou por medio da bondade inmerecida de Cristo e que esteades seguindo outro tipo de boas noticias. 7 Non é que haxa outras boas noticias, senón que hai algúns que vos están causando problemas e que queren distorsionar as boas noticias acerca do Cristo. 8 Pero se alguén, incluso se fose un de nós ou un anxo do ceo, vos anuncia algunha cousa diferente das boas noticias que nós vos anunciamos, que sexa maldito. 9 Repítovos o que vos dixemos antes: calquera que vos anuncie algunha cousa diferente das boas noticias que aceptastes, que sexa maldito.
10 E logo, estou intentando conseguir a aprobación dos homes ou a de Deus? Estou intentando agradar ós homes? Se seguise querendo agradar ós homes, non sería escravo de Cristo. 11 Irmáns, quero que saibades que as boas noticias que vos anunciei non veñen de humanos, 12 porque non as recibín de ningún home nin mas ensinaron, senón que as recibín por medio dunha revelación de Xesucristo.
13 Claro, vós escoitastes falar do que eu facía cando practicaba o xudaísmo, que perseguía intensamente* a congregación de Deus e que intentaba destruíla. 14 Ademais, estaba progresando no xudaísmo máis que moitos outros da miña nación que eran da mesma idade ca min, porque tiña moita máis devoción polas tradicións dos meus pais. 15 Pero a Deus, que fixo que nacese* e que me chamou por medio da súa bondade inmerecida, pareceulle ben 16 usarme a min para anunciarlles as boas noticias á xente doutras nacións e que así eles puidesen coñecer o seu Fillo. Cando el me escolleu para facer iso, non lle pedín consello a ningunha persoa* inmediatamente. 17 Tampouco subín a Xerusalén a ver os que eran apóstolos antes ca min, senón que fun a Arabia e despois volvín a Damasco.
18 Tres anos despois, subín a Xerusalén para visitar a Cefas* e quedei con el 15 días. 19 Pero non vin a ningún dos outros apóstolos, só a Santiago, o irmán do Señor. 20 Asegúrovos diante de Deus que isto que vos escribo non é mentira.
21 Despois fun ás rexións de Siria e de Cilicia. 22 Pero os seguidores de Cristo das congregacións de Xudea non me coñecían persoalmente. 23 Só escoitaban dicir: “O home que antes nos perseguía e intentaba destruír a nosa fe agora está anunciando as boas noticias”. 24 Así que empezaron a darlle gloria a Deus polo que me pasara a min.