Apocalipse
15 Vin no ceo outro sinal, grande e marabilloso: sete anxos con sete pragas. Estas son as últimas pragas porque, cando acaben, a furia de Deus tamén chegará ó seu fin.
2 Tamén vin algo que parecía un mar de vidro mesturado con lume. Os que venceran á besta salvaxe, á súa imaxe e ó número do seu nome estaban de pé ó lado do mar de vidro, e tiñan arpas de Deus nas mans. 3 Estaban cantando a canción de Moisés, o escravo de Deus, e a canción do Cordeiro. Dicían:
“As túas obras son grandes e marabillosas, Xehová* Deus, o Todopoderoso. Os teus camiños son xustos e verdadeiros, Rei da eternidade. 4 Xehová*, quen non te vai temer? Quen non glorificará o teu nome? Porque só ti es leal. Tódalas nacións virán onda ti e adorarante, porque os teus xustos decretos foron revelados”.
5 Despois disto vin que se abriu no ceo o santuario da tenda do Testemuño, 6 e os sete anxos coas sete pragas saíron do santuario. Ían vestidos de liño limpo e brillante, e levaban faixas de ouro axustadas á altura do peito. 7 Un dos catro seres viventes deulles ós sete anxos sete cuncas de ouro que estaban cheas da furia de Deus, quen vive para sempre. 8 E o santuario encheuse de fume debido á gloria de Deus e ó seu poder. E ninguén podía entrar no santuario ata que acabasen as sete pragas dos sete anxos.