Segunda Carta ós Corintios
11 Gustaríame que aturásedes que sexa un pouco insensato. Aínda que o certo é que xa me estades aturando! 2 Porque me preocupo por vós da mesma maneira que se preocupa Deus, porque fun eu persoalmente quen vos prometeu en matrimonio a un só marido, o Cristo, e quero presentarvos diante del como unha virxe pura*. 3 Pero teño medo de que igual que a serpe seduciu a Eva coa súa astucia, as vosas mentes tamén se corrompan dalgunha maneira e se aparten da sinceridade e da pureza* que o Cristo merece. 4 Dígovos isto porque se vai alguén e vos predica sobre un Xesús diferente do que vos predicamos nós ou se recibides un espírito diferente do que recibistes ou unhas boas noticias diferentes das que aceptastes, vós tolerádelo de boa gana. 5 Creo que xa demostrei que non hai nada no que eu sexa inferior a eses “superapóstolos” que tedes. 6 Pero aínda que non teña tanta habilidade para falar, si que teño coñecemento. De feito, xa volo demostramos de tódalas maneiras posibles e en todo.
7 Acaso cometín un pecado ó humillarme para engrandecervos a vós, anunciándovos as boas noticias de Deus de boa gana e de maneira gratuíta? 8 Para servirvos a vós, quiteilles* a outras congregacións o que era seu ó aceptar a súa axuda material. 9 Aínda así, durante o tempo que estiven con vós, cando non tiven o necesario non me convertín nunha carga para ninguén, porque os irmáns que chegaron de Macedonia cubriron tódalas miñas necesidades xenerosamente. Fixen todo o posible para non ser unha carga para vós, e vouno seguir facendo. 10 Tan certo como que son seguidor de Cristo*, non deixarei de presumir disto nas rexións de Acaia. 11 Por que o fixen? É porque non vos quero? Ben sabe Deus que vos quero.
12 Pero seguirei facendo o que fago, para que os que queren ter unha base* para demostrar que son iguais a nós e presumir das cousas que fixeron non teñan ningunha escusa. 13 Porque eses homes son apóstolos falsos, traballadores que enganan a outros e se disfrazan de apóstolos de Cristo. 14 E non me sorprende, porque o propio Satanás disfrázase de anxo de luz. 15 Por iso non é nada raro que os seus servos* tamén se disfracen de servos da xustiza. Pero van ter o final que merecen polas súas accións.
16 Vólvovos a dicir: que ninguén pense que son un insensato. Pero aínda que o pensedes, aceptádeme como insensato, para que eu tamén poida presumir un pouco. 17 Agora non vos falo seguindo o exemplo do Señor, senón como o faría un insensato, que confía en si mesmo e presume. 18 Xa que moitos presumen de cousas humanas*, eu tamén o vou facer. 19 Como vós sodes tan “sensatos”, tolerades de boa gana ós insensatos. 20 De feito, tolerades a calquera que vos converte en escravos, a calquera que devora os vosos bens, a calquera que vos quita o que tedes, a calquera que se pon por enriba de vós e a calquera que vos pega na cara.
21 Para nós é unha vergonza dicir isto, porque para algúns de vós podería parecer que somos demasiado débiles para usar ben a nosa autoridade.
Pero se algúns se atreven a presumir, entón eu tamén o fago, aínda que alguén me vexa como un insensato. 22 Son hebreos eles? Eu tamén. Son israelitas? Eu tamén. Son descendentes de Abrahán? Eu tamén. 23 Son servos* de Cristo? Vou responder coma un tolo: eu tamén o son, e moito máis ca eles. Traballei máis, estiven máis veces en prisión, déronme tantos golpes que xa perdín a conta e estiven a punto de morrer moitas veces. 24 Houbo cinco veces nas que os xudeus me deron 40 golpes menos un, 25 pegáronme con varas tres veces, intentaron matarme a pedradas unha vez, naufraguei tres veces e pasei unha noite e un día en mar aberto. 26 Viaxei moito, estiven en perigo por culpa de ríos, en perigo por culpa de ladróns, en perigo por parte do meu propio pobo e por parte doutras nacións, en perigo na cidade, no deserto e no mar, e en perigo entre falsos irmáns. 27 Traballei sen descanso e con moito esforzo, pasei moitas noites sen durmir, pasei fame e sede, quedei moitas veces sen comer, pasei frío e quedei sen roupa*.
28 Ademais desas cousas de fóra, tamén está a presión que sinto* cada día: a preocupación por tódalas congregacións. 29 Se alguén está débil, non fai iso que me sinta débil eu tamén? E se a alguén se lle fai tropezar, non fai iso que me ferva o sangue?
30 Se teño que presumir, presumirei das cousas que demostran que son débil. 31 O Deus e Pai do Señor Xesús, aquel que debe ser louvado para sempre, sabe que non estou mentindo. 32 En Damasco, o gobernador que estaba baixo o rei Aretas estivo vixiando a cidade para arrestarme, 33 pero baixáronme nun cesto por unha ventá da muralla e así conseguín escapar del.