Primeira Carta ós Corintios
7 En resposta ás cousas sobre as que me escribistes, é mellor que o home quede solteiro e non teña relacións sexuais*. 2 Pero como a inmoralidade sexual* é tan común, que cada home teña a súa propia muller e que cada muller teña o seu propio marido. 3 Que o marido satisfaga as necesidades sexuais da súa muller, e que a muller faga o mesmo co seu marido. 4 A muller non ten autoridade sobre o seu propio corpo, senón que a ten o seu marido. Igualmente, o marido non ten autoridade sobre o seu propio corpo, senón que a ten a súa muller. 5 Non vos privedes de ter relacións sexuais un co outro. Pero se o facedes, que sexa porque os dous estades de acordo e durante un tempo determinado, para que poidades dedicar tempo a orar e despois volvades a estar xuntos. Así, Satanás non poderá tentarvos pola vosa falta de autocontrol. 6 Dígovos isto* para que saibades o que está permitido, pero non é un mandato. 7 Aínda así, gustaríame que todos fosen solteiros coma min. Pero cada un recibe de Deus o seu propio don: uns dunha maneira e outros doutra.
8 Ós que non están casados e ás viúvas dígolles que é mellor para eles que se manteñan coma min. 9 Pero se non teñen autocontrol, que casen, porque é mellor casar que estar ardendo de paixón.
10 Ós que están casados mándolles (non eu, senón o Señor) que a muller non se separe do seu home. 11 Pero se ela se separa, que non volva a casar ou que se reconcilie co seu home. E o home non debe deixar a súa muller.
12 Pero ós demais dígolles (eu, non o Señor) que se a muller dun irmán non é crente pero está de acordo en seguir con el, que el non a deixe. 13 E se o home dunha muller non é crente pero está de acordo en seguir con ela, que ela non o deixe. 14 Porque o matrimonio cun marido que non é crente considérase santo grazas á súa muller crente. E o matrimonio cunha muller que non é crente considérase santo grazas ó seu home crente. Se non fose así, os vosos fillos serían impuros, pero agora son santos. 15 Pero se o que non é crente decide marchar*, que marche. Nese caso, o que é crente non está obrigado a vivir con el. Deus estavos dando paz. 16 Porque ti, muller, como sabes que non vas salvar o teu home? E ti, home, como sabes que non vas salvar a túa muller?
17 Aínda así, que cada un siga na situación na que estaba cando Xehová* Deus o chamou. Esta é a orde que dou en tódalas congregacións. 18 Hai algún home que xa estivese circuncidado cando foi chamado? Que non se faga incircunciso. Hai algún home que non estivese circuncidado cando foi chamado? Que non se circuncide. 19 Non importa se alguén está circuncidado ou non. O que importa é obedecer os mandamentos de Deus. 20 Que cada un siga como estaba cando foi chamado. 21 Eras escravo cando fuches chamado? Non te preocupes por iso. Pero se podes conseguir a liberdade, aproveita a oportunidade. 22 Porque calquera que era escravo cando o Señor o chamou, agora é un servo libre* do Señor. Da mesma maneira, calquera que era libre cando o Señor o chamou, agora é escravo de Cristo. 23 Pagouse un prezo por vós*, así que deixade de facervos escravos dos homes. 24 Irmáns, que cada un siga como estaba cando Deus o chamou.
25 No que ten que ver coas persoas que nunca estiveron casadas*, non teño ningún mandato de parte do Señor, pero douvos a miña opinión, a de alguén a quen o Señor lle mostrou misericordia para que sexa fiel. 26 Nestes tempos difíciles, penso que é mellor que o home siga como está. 27 Estás casado? Non intentes quedar libre. Non estás casado? Non busques unha muller coa que casar. 28 Aínda así, se casas con alguén non cometes pecado ningún. E se unha persoa que non está casada* decide casar, non comete pecado ningún. Pero os que o fagan van ter problemas na vida*. Eu estou intentando aforrarvos eses problemas.
29 Ademais, irmáns, dígovos que queda pouco tempo. A partir de agora, os que teñen muller, que vivan coma se non a tivesen. 30 Os que choran, que vivan coma os que non choran. Os que se alegran, coma os que non se alegran. Os que compran cousas, coma os que non as teñen. 31 E os que usan as cousas que ofrece este mundo, que non o fagan plenamente. Porque a escena deste mundo está cambiando. 32 En realidade, non quero que teñades preocupacións. O home que non está casado preocúpase polas cousas do Señor, por como conseguir a aprobación do Señor. 33 Pero o que está casado preocúpase polas cousas do mundo e por como conseguir a aprobación da súa muller, 34 e está dividido. Ademais, tanto a muller que non está casada como a que nunca o estivo* preocúpanse polas cousas do Señor, para que tanto o seu corpo como a súa mente* poidan ser santos. Pero a muller que está casada preocúpase polas cousas do mundo e por como conseguir a aprobación do seu home. 35 Dígovos isto polo voso ben. Non volo digo para limitarvos, senón para motivarvos a facer o que é correcto e a servir constantemente o Señor sen distraccións.
36 Pero se alguén é maduro física e mentalmente*, e pensa que ó quedar solteiro* non sería capaz de controlar os seus desexos sexuais*, entón que faga o que queira, non peca. Deixade que case. 37 Pero se alguén está decidido de corazón e non ten a necesidade de casar, senón que ten control* sobre os seus propios desexos e tomou a decisión no seu corazón de manterse solteiro*, fará ben. 38 Así que quen casa* fai ben, pero quen non casa fará mellor.
39 A muller debe seguir casada co seu home mentres el estea vivo, pero se o seu home morre*, está libre para casar con quen queira, sempre que el sexa un seguidor do Señor*. 40 Aínda así, eu opino que se queda como está será máis feliz. E estou convencido de que eu tamén teño o espírito de Deus.