Carta ós Gálatas
6 Irmáns, incluso se un home dá un paso en falso sen darse conta, vós, os que tedes as cualidades espirituais necesarias, intentade corrixilo* demostrando un espírito apracible. Pero que cada un estea pendente de si mesmo, para que non sexa tentado tamén. 2 Seguide levándovos as cargas uns ós outros e así cumpriredes a lei do Cristo. 3 Porque se alguén pensa que é algo cando en realidade non é nada, estase enganando a si mesmo. 4 Que cada un analice as súas propias accións e así terá motivos para alegrarse polo que el mesmo fai, sen compararse con outros. 5 Porque cada un levará a súa propia carga de responsabilidade.
6 Ademais, que a persoa á que se lle estea ensinando* a palabra comparta todo tipo de cousas boas con quen lle ensina*.
7 Non vos enganedes: ninguén pode burlarse de Deus. Porque o que a persoa semente é o que recollerá. 8 O que sementa pensando na súa carne recollerá da súa carne a destrución*, pero o que sementa pensando no espírito recollerá do espírito a vida eterna. 9 Así que non deixemos de facer o que está ben porque, se non nos cansamos*, recolleremos cando chegue o momento apropiado. 10 Por iso, mentres teñamos a oportunidade*, fagamos o ben a todos, pero sobre todo ós nosos irmáns na fe.
11 Fixádevos con que letras tan grandes vos escribo coa miña propia man.
12 Os que intentan obrigarvos a que vos circuncidedes fano porque queren causar unha boa impresión a outros*, só para non ser perseguidos debido ó madeiro de tortura* do Cristo. 13 Porque nin sequera os que se circuncidan cumpren a Lei, pero queren que vós vos circuncidedes para presumir do que se lle fixo ó voso corpo. 14 Pero eu espero non presumir nunca de nada, só do madeiro de tortura do noso Señor Xesucristo. Por medio da súa morte, o mundo morreu* para min e eu morrín para o mundo. 15 Porque o importante non é estar circuncidado ou non, senón ser unha nova creación. 16 Que a paz e a misericordia estean sobre tódolos que viven* de acordo con esta norma de conduta, si, sobre o Israel de Deus.
17 De agora en diante, que ninguén me cause problemas, porque levo no meu corpo as marcas que me identifican como un escravo de Xesús.
18 Irmáns, que a bondade inmerecida do noso Señor Xesucristo estea co bo espírito* que demostrades. Amén.