Carta ós Efesios
4 Así que eu, que son prisioneiro por ser discípulo do Señor, suplícovos que vos portedes dunha maneira digna da chamada que recibistes: 2 sede completamente humildes, apracibles e pacientes, soportádevos uns ós outros con amor 3 e facede todo o posible por manter a unidade que produce o espírito mediante o vínculo da paz. 4 Hai un só corpo e un só espírito, igual que hai unha soa esperanza para a que fostes chamados. 5 Hai un só Señor, unha soa fe e un só bautismo. 6 Hai un só Deus e Pai de todos, que está sobre todos e actúa por medio de todos e en todos.
7 Pero cada un de nós recibiu bondade inmerecida de acordo coa medida na que o Cristo repartiu este regalo. 8 Por iso as Escrituras din: “Cando el subiu ó alto, levou prisioneiros e deu homes como regalos”. 9 Pero, que significa “el subiu”? Significa que antes baixou ás rexións de abaixo, é dicir, á terra. 10 O que baixou tamén é o mesmo que subiu moi por enriba de tódolos ceos para que tódalas cousas cheguen a estar completas por medio del*.
11 E deu algúns como apóstolos, algúns como profetas, algúns como evanxelizadores*, algúns como pastores e mestres. 12 Deunos para corrixir* os santos*, para a obra que ten que ver co voso ministerio e para fortalecer* o corpo do Cristo 13 ata que todos esteamos unidos na fe e no coñecemento exacto do Fillo de Deus, ata que teñamos a madurez dun home adulto e cheguemos a ser completamente maduros coma* Cristo. 14 Así que deixemos de ser coma nenos. Non nos deixemos sacudir polas ondas e non nos deixemos levar de aquí para alá polo vento de calquera ensinanza de homes que enganan con trampas e astucia. 15 Todo o contrario, mentres vivimos* a verdade, que o amor nos motive a medrar en tódalas cousas de acordo co Cristo, que é a cabeza. 16 Por medio del, tódalas partes do corpo están unidas harmoniosamente e cooperan grazas ás articulacións, que lle dan ó corpo o que necesita. Cando cada parte cumpre ben coa súa función, isto contribúe a que o corpo medre, fortalecéndose* sobre o amor.
17 Por iso vos digo e vos suplico* no nome do Señor que non sigades vivindo* coma a xente das nacións, que vive coa súa mente centrada en cousas inútiles*. 18 Eles están en escuridade mental e separados da vida que lle pertence a Deus porque deciden ser ignorantes e teñen o corazón duro*. 19 Ademais, como xa non lles importa o que está ben e o que está mal, entregáronse á conduta descarada* e practican todo tipo de impureza* con avidez*.
20 Pero vós non aprendestes que o Cristo fose así, 21 se é que en realidade o escoitastes e fostes ensinados por medio del de acordo coa verdade que el ensinou. 22 Vós aprendestes que debedes quitarvos a vella personalidade, que coincide co comportamento que tiñades antes e que se vai corrompendo debido ós seus malos desexos, que vos enganan. 23 Debedes seguir renovando a vosa forma de pensar* 24 e debedes poñervos a nova personalidade, que foi creada de acordo coa vontade de Deus e de acordo cos requisitos da xustiza e da lealdade verdadeiras.
25 Así que, agora que vos desfixestes do engano, dicídevos a verdade uns ós outros, porque todos somos membros que estamos unidos uns ós outros. 26 Cando vos enfadedes, non pequedes. Non deixedes que se poña o sol mentres aínda estades enfadados. 27 Non lle deades ningunha oportunidade ó Demo*. 28 Quen rouba, que xa non roube máis. En vez diso, que traballe duro facendo un bo traballo coas súas propias mans, para que teña algo que darlle a quen o necesite. 29 Que non saian da vosa boca palabras sucias*. En vez diso, que todo o que digades sirva para fortalecer a outros segundo sexa necesario e para que se beneficien os que escoitan. 30 Ademais, non esteades poñendo triste o espírito santo de Deus. Grazas a este espírito recibistes o selo para ser liberados por rescate cando chegue o día da liberación.
31 Desfacédevos de todo tipo de rencor amargo, furia, ira, gritos e palabras ofensivas, e tamén de toda maldade. 32 Máis ben, sede bondadosos uns cos outros, tratádevos con cariño e con compaixón, e perdoádevos con xenerosidade igual que Deus vos perdoou xenerosamente por medio de Cristo.