Carta ós Efesios
3 Por iso eu, Paulo, prisioneiro de Cristo Xesús polo voso ben, que sodes xente das nacións...* 2 Seguramente escoitastes que recibín a responsabilidade de administrar a bondade inmerecida de Deus para o voso beneficio 3 e que se me deu a coñecer o segredo sagrado por medio dunha revelación, como xa vos escribín brevemente. 4 Así que cando leades isto, darédesvos conta de ata que punto comprendo o segredo sagrado do Cristo. 5 Noutras xeracións, non se lle deu a coñecer este segredo sagrado á humanidade tal como se lles revelou agora ós seus santos apóstolos e profetas por medio do espírito. 6 O segredo é que xente das nacións, despois de aceptar as boas noticias e facerse discípulos de Cristo Xesús, serán herdeiros con nós e membros do mesmo corpo, e que a promesa de Deus se cumprirá neles igual que en nós. 7 Cheguei a ser un servo* deste segredo grazas á bondade inmerecida de Deus. El deume este regalo por medio do seu poder.
8 Eu, que son inferior ó menos importante de tódolos santos*, recibín esta bondade inmerecida para anunciarlles ás nacións as boas noticias das incontables bendicións* do Cristo 9 e para facerlles ver a todos como se administran os asuntos do segredo sagrado que estivo escondido durante moito tempo por Deus*, que foi quen creou tódalas cousas. 10 Isto pasou para que agora os gobernos e as autoridades* que están nos lugares celestiais coñezan os moitos aspectos da sabedoría de Deus a través da congregación. 11 Isto está de acordo co propósito eterno que el estableceu en relación co Cristo, o noso Señor Xesús. 12 Por medio del podemos falar libremente e acceder a Deus con liberdade e confianza, porque temos fe en Cristo. 13 Por iso vos pido que non vos desanimedes polas dificultades que sufro por vós, porque as miñas dificultades danvos gloria.
14 Por esa razón póñome de xeonllos diante do Pai. 15 Tódalas familias no ceo e na terra débenlle o seu nome* a el. 16 Órolle a Deus para pedirlle que, mediante a súa abundante gloria, el permita que a persoa que sodes por dentro se fortaleza co poder do seu espírito 17 e para que, mediante a vosa fe, o Cristo viva nos vosos corazóns con amor. Tamén lle oro para que esteades ben arraigados e establecidos no fundamento 18 e que así, xunto con tódolos santos, sexades totalmente capaces de comprender ben a anchura, a lonxitude, a altura e a profundidade da verdade, 19 e de coñecer o amor do Cristo que supera o coñecemento, para que consigades toda a plenitude que Deus dá*.
20 Deus, mediante o poder que está actuando en nós, pode facer infinitamente máis que todo o que pedimos ou imaxinamos. 21 Que el reciba a gloria mediante a congregación e mediante Cristo Xesús por tódalas xeracións para sempre. Amén.