Segunda Carta ós Corintios
12 Teño que presumir. Vouvos falar de visións sobrenaturais e revelacións do Señor, aínda que non se gana nada con isto. 2 Coñezo un home que é discípulo de Cristo e que hai 14 anos (non sei se no corpo ou fóra del, iso sábeo Deus), de repente, foi levado ó terceiro ceo*. 3 Si, coñezo ese home que (non sei se no corpo ou separado del, iso sábeo Deus) 4 foi levado ó paraíso e escoitou palabras que non se poden dicir e que non está permitido que ningún home repita. 5 Vou presumir dese home, pero no que ten que ver comigo só presumirei das miñas debilidades. 6 Aínda así, se quixese presumir non sería un insensato, porque estaría dicindo a verdade. Pero evito presumir para que ninguén pense que fixen máis do que me ve facer ou do que me escoita dicir 7 só porque recibín estas revelacións tan extraordinarias.
Para evitar que me encha de orgullo, recibín unha espiña na carne, un anxo de Satanás que segue pegándome na cara* para que non me encha de orgullo. 8 Supliqueille tres veces ó Señor* que me quitase esta espiña. 9 Pero el díxome: “A bondade inmerecida que che mostrei xa é suficiente para ti, porque o meu poder demóstrase por completo* contigo cando es débil”. Así que presumirei de moi boa gana das miñas debilidades, para que o poder do Cristo siga estando sobre min coma unha tenda. 10 Por iso me alegro de ter debilidades, de recibir insultos, de pasar necesidade e de sufrir persecucións e dificultades por Cristo. Porque cando son débil, entón son poderoso.
11 Volvinme un insensato porque vós me obrigastes. Debería estar recomendado por vós, porque aínda que eu non son ninguén, xa demostrei que non son inferior en nada a eses “superapóstolos” vosos. 12 De feito, eu mostreivos con moito aguante as probas que me identifican como apóstolo. E tamén fixen milagres*, cousas impresionantes e obras poderosas. 13 Entón, en que sentido fostes menos privilexiados que o resto das congregacións? É porque eu non fun unha carga para vós? Pois perdoádeme por esta inxustiza!
14 Mirade! Esta é a terceira vez que estou preparado para ir a visitarvos, pero non serei unha carga para vós. Porque non quero quedar co que tedes, senón que quero vervos, pois suponse que non son os fillos os que aforran para os pais, senón os pais para os fillos. 15 Eu, pola miña parte, gastarei todo o que teño de boa gana e desgastareime completamente por vós. Se eu vos quero tanto, acaso merezo que vós me queirades menos? 16 En todo caso, non fun unha carga para vós. Pero aínda así, vós dicides que fun “astuto” e que vos enganei “con trampas”. 17 E logo aproveiteime de vós por medio dalgún dos irmáns que vos mandei? 18 Supliqueille a Tito que vos fose visitar e con el mandei o outro irmán. Aproveitouse Tito de vós dalgunha maneira? Demostramos o mesmo espírito, verdade? Seguimos os mesmos pasos, non?
19 Seica levades todo este tempo pensando que nos estabamos defendendo diante de vós? Estamos falando diante de Deus como seguidores de Cristo. Pero aínda así, queridos irmáns, todo o que facemos é para fortalecervos. 20 Porque teño medo de que cando eu chegue non vos encontre como a min me gustaría e eu non sexa como a vós vos gustaría, senón que encontre pelexas, celos, arrebatos de ira, discusións, calumnias, murmuracións, orgullo e disturbios. 21 Cando volva onda vós, podería sentirme avergonzado diante de Deus, e poida que teña que lamentarme por moitos dos que pecaron pero non se arrepentiron da impureza*, da inmoralidade sexual* e da conduta descarada* que practicaron.