Segunda Carta ós Corintios
6 Como colaboradores de Deus, nós tamén vos suplicamos que non aceptedes a bondade inmerecida de Deus e despois perdades de vista o obxectivo desa bondade. 2 Porque el di: “Escoiteite nun tempo favorable e axudeiche nun día de salvación”. Mirade! Agora é o tempo especialmente favorable! Mirade! Agora é o día de salvación!
3 Non estamos facendo nada que faga tropezar* a outros, para que ninguén poida encontrar defectos no noso ministerio. 4 En vez diso, recomendámonos a nós mesmos como servos* de Deus en todo o que facemos. Aguantamos moitas probas, sufrimentos, momentos de necesidade e dificultades. 5 Pegáronnos, metéronnos en prisións, enfrontámonos a disturbios, traballamos duro, pasamos noites sen durmir e, ás veces, quedamos sen comer. 6 Vivimos unha vida limpa*, vivimos de acordo co coñecemento acerca de Deus, somos pacientes, somos bondadosos, deixamos que o espírito santo guíe a nosa vida e o noso amor non é hipócrita. 7 Dicimos a verdade, confiamos no poder de Deus, temos as armas da xustiza na man dereita* e na esquerda*. 8 Dannos gloria e deshónrannos, critícannos e lóuvannos. Vennos coma impostores aínda que dicimos a verdade, 9 vennos coma persoas descoñecidas aínda que se nos coñece, vennos coma se estivésemos morrendo aínda que estamos vivos, vennos coma persoas que foron castigadas aínda que non fomos executados. 10 Pensan que estamos tristes aínda que sempre estamos alegres, pensan que somos pobres aínda que facemos ricos a moitos, pensan que non temos nada aínda que o temos todo.
11 Corintios, falámosvos con franqueza* e abrímosvos o noso corazón por completo. 12 Nós non lle puxemos límites ó cariño que vos temos, pero vós si que lle puxestes límites ó profundo cariño que nos tedes. 13 Así que facede vós o mesmo con nós e abride os vosos corazóns por completo* (fálovos coma se fósedes os meus fillos).
14 Non vos poñades* baixo un xugo desigual cos que non son crentes. Porque, que relación teñen a xustiza e a maldade*? Ou que ten en común a luz coa escuridade? 15 Ademais, como poden estar de acordo Cristo e Belial*? Ou que ten en común* alguén que é crente* con alguén que non o é? 16 E que acordo hai entre o templo de Deus e os ídolos? Porque nós somos o templo dun Deus vivo. Tal como Deus dixo: “Eu vivirei entre eles e andarei entre eles, e eu serei o seu Deus e eles serán o meu pobo”. 17 Xehová* di “Por iso, saíde de entre eles e separádevos, e deixade de tocar a cousa impura”, “e eu acollereivos”. 18 “‘E eu serei un pai para vós, e vós seredes fillos e fillas para min’, di Xehová*, o Todopoderoso”.