Primeira Carta ós Tesalonicenses
3 Por iso, cando xa non puidemos aguantar máis, pensamos que era mellor quedar sós en Atenas 2 e mandámosvos a Timoteo, o noso irmán e servo* de Deus que predica as boas noticias sobre o Cristo. Mandámolo para que vos fortalecese* e vos consolase polo ben da vosa fe, 3 para que ninguén se debilite* por culpa destas dificultades. Xa sabedes que non podemos evitar sufrir por estas cousas*. 4 De feito, cando estabamos con vós dixémosvos a miúdo que iamos ter dificultades, e iso foi o que pasou, como xa sabedes. 5 Así que cando xa non puiden aguantar máis, mandei a Timoteo para saber se seguiades sendo fieis, porque tiña medo de que o Tentador* conseguise tentarvos dalgunha maneira e que o noso labor fose en balde.
6 Pero Timoteo acaba de chegar de visitarvos e trae boas noticias sobre a vosa fidelidade e o voso amor. Tamén di que sempre vos acordades de nós con cariño e que tedes moitas ganas de vernos, igual que nós a vós. 7 Por iso, irmáns, aínda que tivemos sufrimentos* e dificultades, consolounos moito saber de vós e da fidelidade que demostrastes. 8 Porque saber que vos mantedes firmes como seguidores do Señor énchenos de ánimo*. 9 Como lle imos poder demostrar a Deus o agradecidos que estamos por vós e pola alegría tan grande que nos facedes sentir diante do noso Deus? 10 Día e noite suplicamos con tódalas nosas forzas que poidamos vervos en persoa* e darvos o que necesitades para fortalecer a vosa fe*.
11 Que o noso Deus e Pai e o noso Señor Xesús nos abran o camiño para que poidamos ir a visitarvos. 12 E que o Señor faga que o amor que sentides uns polos outros e por todos aumente e encha os vosos corazóns, igual que tamén aumenta o amor que nós sentimos por vós. 13 Así el fará que esteades firmes*, sen culpa e santos diante do noso Deus e Pai durante a presenza* do noso Señor Xesús con tódolos seus santos*.